DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 16 de outubro de 2025 Páx. 54267

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 2 de outubro de 2025 pola que se notifica o inicio do procedemento para reclamar os custos derivados de afundimento do barco Jangoikoa no porto de Camariñas.

De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e por razóns de interese público que o aconsellan, non obstante terse rexeitado a notificación posta á disposición de Belarmino Docampo Piñeiro, publícase este acordo da Dirección de Portos de Galicia do 16 de setembro de 2025, que inicia un procedemento para reclamar os custos derivados do operativo anticontaminación, refrotamento e traslado do barco Jangoikoa no porto de Camariñas.

Este anuncio publicarase no Boletín Oficial del Estado (BOE) e no Diario Oficial de Galicia (DOG), ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

Este acordo emíteo a Dirección de Portos de Galicia, en virtude das competencias conferidas polo artigo 15.3, letras a) e b) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, e de acordo co previsto nos artigos 100 e 102 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 146 da Lei de portos de Galicia.

O importe ao que ascenderon as actuacións do operativo anticontaminación, refrotamento e traslado do barco Jangoikoa afundido tras sufrir un incendio no porto de Camariñas, o 4 de setembro de 2024, foi de 43.113,34 euros, co IVE engadido.

A instrución do procedemento recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe de División Xurídica de Portos de Galicia, con domicilio para estes efectos na Praza de Europa, 5-A, 6º, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, e o seu réxime de recusación é o consignado no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Outórgase un prazo de 10 días hábiles contados desde a publicación deste anuncio, para formular alegacións e achegar ou propor todos os medios de proba que considere axeitados en defensa dos seus dereitos.

O expediente completo para o seu exame, das 9.00 ás 14.00 horas, atópase na sede dos Servizos Centrais de Portos de Galicia.

As alegacións serán dirixidas ao instrutor nomeado do procedemento no enderezo antes sinalado.

Se manifesta a súa conformidade coa reclamación poderá proceder a aboar a cantidade empregando o modelo de impreso, que se facilitará contactando cos Servizos Centrais de Portos de Galicia nos números de teléfono 981 54 53 29 e 981 54 52 05, e neste caso darase por finalizado o procedemento.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025

Juan Sanmartín Ferreiro
Director de Portos de Galicia