En virtude das facultades conferidas pola Resolución do 17 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba o texto refundido que recolle as delegacións de facultades na Dirección Xeral, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución, cuxas funcións se encontran descritas na Resolución do 1 de decembro de 2022 de modificación da súa estrutura organizativa (publicada no DOG núm. 235, do 13 de decembro de 2022).
Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección que se inclúen no anexo II.
Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.
Terceiro. Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da cidade de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
ANEXO I
Código: IN.IGAPE.00.004.4050100.
Denominación do posto: xerente.
Dependencia: Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica.
Localidade: Santiago de Compostela.
Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro). Persoal directivo: grupo II, nivel 2.
Tipo de persoal: alta dirección.
ANEXO II
Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto
de xerente do Instituto Galego de Promoción Económica
1. Obxecto da convocatoria.
A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de xerente do Instituto Galego de Promoción Económica.
2. Vínculo.
O vínculo da persoa seleccionada formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
O/a xerente estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, de acordo co establecido na devandita lei.
3. Funcións do/da xerente e retribución do posto.
Son funcións propias do/da xerente do Igape as establecidas na Resolución do 1 de decembro de 2022 (DOG núm. 235, do 13 de decembro).
En particular, a persoa titular da Xerencia exercerá baixo as instrucións da Dirección Xeral:
– A coordinación dos programas e actuacións das diferentes direccións de área e dos entes do sector público adscritos ao Instituto.
– A xestión dos asuntos relacionados co réxime interno e o réxime de persoal do Instituto.
– A coordinación da actividade administrativa, o apoio xurídico á persoa titular da Dirección do Instituto, e a emisión de informes e anteproxectos normativos.
– A elaboración do anteproxecto de orzamentos do Instituto, e a coordinación da xestión económica financeira da entidade.
A retribución do posto de xerente estará dentro dos límites establecidos pola normativa aplicable vixente.
4. Requisitos das persoas aspirantes.
As persoas aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:
Requisitos xerais:
1) Poderán participar no proceso selectivo as persoas que cumpran algunha das seguintes características:
– Ter nacionalidade española.
– Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.
– Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais asinados pola Unión Europea e ratificado por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.
– Calquera que sexa a súa nacionalidade, tamén poderán participar os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores da dita idade dependentes.
– Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.
2) Ter feitos os 16 anos de idade.
3) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.
4) No caso de persoal laboral, non ter sido despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial ou para exercer funcións similares ás que desempeñaban no que fose separado o inhabilitado.
No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.
Requisitos específicos:
1) Estar en posesión dunha titulación universitaria de licenciatura ou grao, diplomatura ou equivalente.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán estar en posesión da credencial que xustifique a súa homologación na data de remate do prazo de presentación de solicitudes. O requisito da homologación non será aplicable aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito comunitario (Directiva 89/48/CEE, Directiva 2005/36/CE e Real decreto 1837/2008).
2) Coñecemento da lingua galega, acreditado con copia cotexada do título de perfeccionamento en lingua galega ou Celga 4, ou dos estudos equivalentes homologados polo órgano competente en materia de política lingüística. As persoas aspirantes que non dispoñan de títulos oficiais que acrediten o coñecemento da lingua galega serán convocadas pola Comisión de Selección para a realización dunha proba escrita en galego.
3) Acreditar unha experiencia mínima de dez (10) anos no desempeño de postos directivos ou análogos na empresa privada ou nunha Administración pública.
4) Acreditar experiencia en liderado de equipos, dirección estratéxica e gobernanza. Xestión do cambio e orientación a resultados, coñecemento en metodoloxías áxiles cara ao impulso do desenvolvemento profesional dos recursos humanos; así como experiencia na elaboración de orzamentos e xestión económica.
5) Acreditar experiencia en coordinación e colaboración institucional con órganos da Administración para impulso da actividade empresarial e industrial a través do asesoramento e seguimento de proxectos, así como en atracción de investimentos.
5. Solicitudes e documentación para presentar.
a) Solicitude asinada, dirixida á directora xeral do Igape, segundo o modelo que figura como anexo III.
b) Currículo (CV), no cal se fará constar a concorrencia dos requisitos exixidos e puntos valorados segundo as bases desta convocatoria.
c) Copia cotexada do título exixido para o posto, ou do documento que acredite, de modo fidedigno, a posesión do correspondente título académico.
d) Copia cotexada do DNI ou pasaporte. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española acreditarán que concorren as circunstancias previstas na base 4.1, requisitos xerais.
e) Copia cotexada do título de perfeccionamento en lingua galega, do Celga 4 ou dos estudos equivalentes homologados polo órgano competente en materia de política lingüística.
f) Copia cotexada da xustificación de cada un dos méritos para valorar especificados na base 8.1.1. Só se valorarán os méritos que teñan unha xustificación documental axeitada, sen prexuízo do disposto na epígrafe 1.3 da base 8 sinalada, no caso de ser preciso desenvolver a proba de galego.
g) Plan de actuación (recollido no punto 8.1.2 destas bases).
Todos os méritos que as persoas aspirantes presenten para a súa valoración se entenden referidos ao día de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Sen prexuízo do anterior, poderán considerarse admitidas as solicitudes dos ditos méritos alegados polas persoas participantes no proceso, achegadas dentro do prazo sinalado, sempre que sexan completadas coa súa oportuna certificación acreditativa antes da finalización da primeira fase do proceso.
A Comisión de Selección poderá requirir a exhibición dos orixinais dos documentos achegados coa solicitude, de existiren dúbidas sobre a súa veracidade.
6. Lugar e prazo das solicitudes.
As solicitudes dirixidas á directora xeral do Igape deberán presentarse no modelo normalizado que figura no anexo III da presente convocatoria e poderán presentarse:
• Na sede electrónica da Xunta de Galicia, empregando para iso o formulario PR004A de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado.
• En calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
O enderezo que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, e será responsabilidade exclusiva do/da aspirante tanto un erro na súa consignación como a comunicación ao Igape de calquera cambio nela.
As solicitudes recibidas unha vez rematado o prazo para a presentación de candidaturas consideraranse, para todos os efectos, como solicitudes fóra de prazo e o/a candidato/a quedará excluído/a do proceso selectivo.
7. Procedemento de selección.
A selección efectuaraa unha comisión de selección designada para o efecto. O proceso de selección consistirá no seguinte:
Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase no taboleiro de anuncios do Igape e na súa páxina web (http://www.igape.es) a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as ao proceso de selección, con indicación da causa de exclusión, que terán un prazo de dous (2) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión. Neste período de emenda soamente se pode rectificar a documentación achegada coa solicitude inicial, e nunca achegar nova documentación.
Transcorrido o prazo de alegacións á lista provisional, e logo da súa valoración, publicarase a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as ao proceso de selección. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución de aprobación da lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as.
8. Procedemento selectivo.
A selección da persoa candidata será efectuada polo procedemento de concurso de méritos, que consistirá na valoración dos méritos achegados e acreditados polos/as aspirantes, que se puntuarán de acordo co seguinte baremo, cuxa puntuación máxima é de 100 puntos.
1ª fase: baremación de méritos achegados e valoración dun plan de actuación da Xerencia do Igape:
A puntuación máxima é de 70 puntos, conforme a seguinte distribución:
1.1. Méritos, cunha puntuación máxima de 60 puntos.
A valoración dos méritos desenvolverase conforme a seguinte distribución.
1.1.1. Formación complementaria relacionada coas funcións para desenvolver no posto convocado, cunha puntuación máxima de 10 puntos.
Por formación específica valoraranse os cursos, másters ou posgraos, todos eles impartidos por centros oficiais de titularidade pública ou privada homologados, ou por entidades formativas da Administración pública: 0,03 puntos/hora. Non serán avaliables os que non acaden un mínimo de dez (10) horas.
1.1.2. Experiencia. Corresponde a esta parte a puntuación máxima de 50 puntos:
– Por experiencia laboral de cando menos cinco (5) anos na xestión de equipos humanos, dirección estratéxica e metodoloxías de asesoramento e acompañamento cara ao impulso do desenvolvemento profesional dos recursos humanos: 2,5 puntos por ano ata un máximo de 20 puntos.
– Por experiencia laboral de cando menos cinco (5) anos no ámbito do goberno corporativo, xestión do cambio, orientación a resultados e xestión económica: 2,5 puntos por ano ata un máximo de 20 puntos.
– Por experiencia laboral en desenvolvemento de funcións en institucións ou entidades que contribúan ao desenvolvemento económico e industrial de Galicia: 2,5 puntos por ano ata un máximo de 5 puntos.
– Por experiencia laboral no asesoramento e seguimento de proxectos empresariais e na elaboración de informes no eido da estratexia empresarial: 2,5 puntos por ano ata un máximo de 5 puntos.
A experiencia laboral deberá acreditarse do seguinte xeito:
• No caso de experiencia nas administracións públicas: certificación de servizos prestados en que se especifiquen as funcións realizadas.
• No caso de experiencia na empresa privada: certificación de vida laboral, e certificación da persoa empregadora en que se especifiquen as funcións realizadas.
• No caso de experiencia noutras institucións ou entidades que contribúan ao desenvolvemento económico e industrial de Galicia, certificación de vida laboral, e certificación da persoa responsable da institución en que se especifiquen as funcións realizadas.
1.2. Plan de actuación da Xerencia do Igape. Corresponde a esta parte a puntuación máxima de 10 puntos.
As persoas aspirantes deberán presentar un plan de actuación en que se recolla a estratexia que se desenvolverá na Xerencia do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a medio prazo. Este plan deberá conter as principais accións que se poñerán en marcha, indicando unha planificación estimada delas e o modelo de seguimento e avaliación que se aplicará.
O plan non poderá superar os 20 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Xunta Sans, tamaño 11.
O plan valorarase conforme os seguintes criterios:
• Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e prioridades do Igape.
• Viabilidade, entendida como unha axeitada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan presentado.
• Eficacia, entendida como grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.
• Eficiencia, entendida como relación existente entre os obxectivos e os recursos que se consideran para acadalos.
• Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser sostidos no tempo.
• Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos directos e indirectos, derivados da posta en marcha do plan proposto.
• Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.
A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as persoas interesadas disporán dun prazo de dous (2) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación no taboleiro de anuncios do Igape e na súa páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.
Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución en que se aprobe a lista coas puntuacións definitivas da 1ª fase. Dado o carácter eliminatorio desta primeira fase, para a súa superación as persoas solicitantes deberán acadar un mínimo de 50 puntos. Esta resolución farase pública no taboleiro de anuncios do Igape e na súa páxina web.
1.3. As persoas aspirantes que non dispoñan de títulos oficiais que acrediten o coñecemento da lingua galega serán convocadas pola Comisión de Selección para a realización dunha proba escrita en galego que será cualificada de apta ou non apta, habilitando a Comisión de Selección, para tal fin, a presenza do asesoramento preciso en materia lingüística, de conformidade co previsto no punto 14 destas bases. Para tal efecto, solicitarase a designación do dito asesoramento á Secretaría Xeral da Lingua, adscrita á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A data da realización da dita proba será publicada no taboleiro de anuncios e na web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con corenta e oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.
2ª fase: entrevista persoal para a defensa do plan de actuación da Xerencia do Igape:
As persoas candidatas que superen a 1ª fase do procedemento selectivo serán convocadas nun prazo máximo de tres (3) días hábiles desde a publicación da lista coas puntuacións definitivas para a defensa dos plans de actuación.
A puntuación máxima correspondente a esta fase é de 30 puntos. A data e o lugar establecidos para a defensa dos plans de actuación serán publicados no taboleiro de anuncios e na web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con corenta e oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.
Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos/as de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan, e responder todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.
9. Lista provisional coas puntuacións do proceso selectivo.
Rematada a quenda de entrevistas, a Comisión de Selección publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios do Igape a lista provisional coas puntuacións do proceso selectivo, e concederá un prazo de reclamacións de dous (2) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación.
A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada una das fases.
10. Lista definitiva coas puntuacións do proceso selectivo.
Transcorrido o prazo de reclamacións, a Comisión de Selección publicará a lista definitiva coas puntuacións do proceso selectivo.
11. Criterios de desempate.
En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel (1º baremación de méritos e valoración do plan de actuación, 2º defensa do plan de actuación); de persistir o empate (tendo en conta que non existe a infrarrepresentación da muller con respecto ao home a que fai referencia o artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia) resultará seleccionada a persoa que corresponda pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, pola do segundo, a partir da letra establecida na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 21 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 16, de 24 de xaneiro) pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.
12. Resolución da convocatoria.
A Comisión de Selección proporá o/a candidato/a seleccionado/a á directora xeral do Igape, quen resolverá o proceso de selección mediante resolución motivada, publicada na páxina web e no taboleiro de anuncios do Igape.
O/a candidato/a seleccionado/a deberá aceptar o posto no prazo de tres (3) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución da directora xeral na páxina web do Igape (www.igape.es).
O/a aspirante seleccionado/a deberá presentar nas dependencias do Igape desde a data de publicación da resolución da convocatoria, no prazo máximo de tres (3) días naturais, a seguinte documentación:
– Fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte. Os/as candidatos/as que non teñan a nacionalidade española acreditarán documentalmente que concorren as circunstancias previstas na base 5.1.
– Fotocopia compulsada do título presentado para o posto que foi seleccionado/a ou documento que acredite de modo fidedigno a posesión do correspondente título académico.
– Orixinal ou fotocopia compulsada das xustificacións dos méritos achegados para a súa comparación, de ser o caso.
De non se presentar solicitudes ou de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningún dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución de la persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
13. Datos de carácter persoal.
Os datos de carácter persoal serán tratados segundo o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. Os/as candidatos/as que participen neste proceso selectivo consenten expresamente a incorporación dos seus datos de carácter persoal nos ficheiros existentes no Igape e ao seu tratamento.
O/a titular dos datos de carácter persoal poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao seu tratamento nos termos da devandita lei orgánica.
14. Comisión de Selección.
A Comisión de Selección será designada pola directora xeral do Igape, para cualificar o proceso de selección garantido os principios de equidade e imparcialidade na procura do mellor perfil profesional; a designación da dita Comisión publicarase no Diario Oficial de Galicia, e terá a consideración de anexo das bases.
A Comisión de Selección estará constituída en virtude do principio de paridade entre mulleres e homes, nos termos establecidos no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, por un/unha presidente/a, tres vogais e un/unha secretario/a.
A Comisión de Selección axustará a súa actuación ao artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.
Os membros da Comisión estarán suxeitos ás causas de abstención previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Para a toma de decisións da Comisión, e demais cuestións da Comisión, observarase o disposto nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.
Os membros da Comisión de Selección deberán estar en posesión de titulación de igual ou superior nivel que a titulación requirida para o proceso de selección.
Para a válida constitución do órgano para os efectos de realización de sesións, deliberacións e toma de acordos requírese a presenza da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/da presidente/a e do/da secretario/a.
De non existir quorum, procederase a efectuar unha nova convocatoria no prazo máis breve posible, conforme o establecido nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección.
As decisións da Comisión de Selección adoptaranse por maioría simple dos membros presentes no momento da votación. No caso de empate, o presidente terá o voto de calidade.
Poderanse nomear asesores da Comisión de Selección, os cales se limitarán ao exercicio das súas respectivas especialidades, con voz pero sen voto.
Os/as interesados/as poderán promover recusación en calquera momento da tramitación do proceso de selección en virtude do disposto no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
15. Disposición derradeira.
A participación neste proceso selectivo por parte do/da candidato/a supón a aceptación íntegra das presentes bases.
ANEXO III
Modelo de solicitude
Datos persoais:
Primeiro apelido: ...................................... Segundo apelido: ...........................................
Nome: ........................................................... NIF: ...........................................................
Enderezo: .........................................................................................................................
Localidade: .................................................. Provincia: ....................................................
Código postal: ........ Teléfono: .................. Correo electrónico: .........................................
Data de nacemento: ...................................... Nacionalidade: .........................................
Nº de afiliación á Seguridade Social: ................................................................................
Titulación: .........................................................................................................................
Declaración responsable:
O/a abaixo asinante declara, baixo a súa responsabilidade, que non padece enfermidade ou defecto físico que lle impida desempeñar as funcións correspondentes ao posto de traballo da praza a que opta, e que non está separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin se atopa inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.
E, de conformidade co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, o/a interesado/a presta o seu consentimento expreso e inequívoco á incorporación dos seus datos aos ficheiros existentes no Igape e ao seu tratamento.
Documentación que achego:
� Copia do DNI.
� Copia da titulación.
� Currículo.
� Certificado de servizos prestados, en que consten as funcións desenvolvidas.
� Certificado de empresa/entidade.
� Plan de actuación da Xerencia do Igape.
� Copia do certificado de perfeccionamento da lingua galega ou Celga 4 ou documento equivalente.
Fago constar que a presente documentación consta de folios ... numerados correlativamente do 1 ao ...
Lugar e data:
Sinatura
Asdo.: ..........................................................
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
