Outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada regulamentación LMT BRT-701 apoios 82-1, 82-2 e 82-3, no concello de Malpica de Bergantiños (expediente IN407A 2024/197-1), por resolución deste departamento territorial, do 23 de xullo de 2025, a favor da entidade beneficiaria UFD Distribución Electricidad, S.A., con domicilio na avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña.
Este departamento territorial, de conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu regulamento, do 26 de abril de 1957, acorda sinalar o día 28 de novembro de 2025, para o levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se exporán xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Malpica de Bergantiños, deducida da que se someteu a información pública no Diario Oficial de Galicia do 24.9.2024, no Boletín Oficial da provincia do 5.9.2024 e no xornal La Voz de Galicia do 13.9.2024, acto ao que deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectados, ás que se lles practicará notificación individual sinalándoselles os horarios de toma de datos sobre o terreo e posterior levantamento efectivo das actas nas oficinas da casa do dito concello.
Así mesmo, cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre as fincas afectadas sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese efectuar, publicarase un anuncio desta convocatoria no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado.
A Coruña, 23 de setembro de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
