DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 23 de outubro de 2025 Páx. 55036

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 90/2025, do 6 de outubro, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego do Xogo.

O artigo 27.Vinte e sete do Estatuto de autonomía de Galicia dispón que a Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas, con exclusión das Apostas Mutuas Deportivo Benéficas. En virtude do Real decreto 228/1985, do 6 de febreiro, traspasáronse as funcións e os servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de casinos, xogos e apostas.

No exercicio desta competencia autonómica ditouse a Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia.

O artigo 4 do dito corpo legal indica que se creará o Observatorio Galego do Xogo como órgano colexiado encargado do estudo, da avaliación e do seguimento das políticas de xogo responsable e seguro. A súa natureza, os fins, a composición e a adscrición estableceranse regulamentariamente, e deberá respectarse, en todo caso, na súa composición o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes. Os seus estudos e traballos estatísticos deberán efectuarse sempre desagregando os datos por sexos.

A disposición derradeira cuarta da Lei 3/2023, do 4 de xullo, especifica que o desenvolvemento regulamentario polo que se estableza a creación, a natureza, os fins, a composición e a adscrición relativos ao Observatorio Galego do Xogo, deberá estar aprobado no prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei.

Para dar cumprimento ao dito mandato legal resulta necesaria a creación e a regulación da figura do Observatorio Galego do Xogo coas funcionalidades que lle outorga a normativa na realización de estudos, avaliación e seguimento das políticas de xogo responsable que lle permitan á autoridade reguladora do xogo decidir e adoptar os seus acordos con base en datos obxectivos e contrastables, adaptando as políticas públicas ao que a realidade social necesita e demanda.

Respecto da súa estrutura, este decreto consta de doce artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O contido deste decreto adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, de conformidade co previsto no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

En virtude dos principios de necesidade e eficacia, o interese xeral vén motivado pola necesidade de dar cumprimento ao mandato legal recollido na Lei 3/2023, do 4 de xullo. Así, o decreto cumpre co principio de proporcionalidade en tanto que contén a regulación imprescindible para atender as necesidades que se van cubrir. Coa finalidade de garantir o principio de seguridade xurídica, esta norma resulta coherente co resto do ordenamento xurídico nacional e da Unión Europea, xerando un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza, que facilita o seu coñecemento e comprensión. Así mesmo, na tramitación deste decreto observouse o principio de transparencia, e posibilitouse que as potenciais persoas destinatarias tivesen unha participación activa na elaboración da norma. Por último, en cumprimento do principio de eficiencia, o decreto evita cargas administrativas innecesarias e racionaliza a xestión dos recursos públicos.

Na elaboración desta disposición tivéronse en conta os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, entre os que cabe destacar a realización dunha consulta pública previa e o sometemento do proxecto aos trámites de audiencia e información pública, para garantir a participación cidadá, na que tomaron parte entidades pertencentes ao sector do xogo. Así mesmo, o texto someteuse ao informe económico-financeiro da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, informe de impacto por razón de xénero da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, informe de análise do impacto demográfico pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, informe da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio e da Asesoría Xurídica Xeral; asemade, someteuse a informe do Instituto Galego de Estatística, así como da Comisión de Xogo de Galicia.

Polo exposto, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de outubro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O decreto ten por obxecto crear o Observatorio Galego do Xogo e regular a súa composición, organización e funcionamento.

Artigo 2. Natureza xurídica e finalidade

1. O Observatorio Galego do Xogo é un órgano de natureza colexiada, que ten como finalidade o estudo, a avaliación e o seguimento das políticas de xogo responsable e seguro levadas a cabo pola Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de proporcionar á autoridade reguladora do xogo os datos obxectivos e contrastables adaptando as políticas públicas ao que a realidade social necesita e demanda.

2. O Observatorio Galego do Xogo adscríbese ao órgano autonómico de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de xogo, que lle prestará os medios técnicos, persoais e materiais que sexan necesarios para o seu funcionamento.

Artigo 3. Funcións

1. O Observatorio Galego do Xogo exercerá as seguintes funcións:

a) Realizar propostas e recomendacións non vinculantes acerca de normas e políticas públicas en materia de xogo.

b) Promover campañas de sensibilización e prevención en materia de xogo responsable e seguro, así como en materia de igualdade de xénero neste ámbito.

c) Coñecer, analizar e difundir información acerca da situación xeral do sector do xogo na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Propoñer a realización de investigacións e estudos específicos que resulten de interese en materia de xogo responsable e seguro.

e) Promover a produción de material documental de interese sobre as materias propias das súas funcións.

f) Realizar un seguimento e unha avaliación das políticas públicas en materia de xogo responsable e seguro, así como do cumprimento da normativa de xogo en materia de publicidade.

g) Emitir cantos informes lle sexan solicitados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou polas súas entidades instrumentais sobre as materias da súa competencia con carácter consultivo e non vinculante.

h) Fomentar o coñecemento e o intercambio de información con outras institucións a nivel nacional e internacional relacionadas co sector do xogo.

i) Fomentar calquera outra actuación que se considere necesaria en relación coas anteriores funcións, así como realizar aquelas que lle sexan encomendadas para o mellor cumprimento dos seus fins.

2. Os seus estudos e traballos estatísticos deberán efectuarse sempre desagregando os datos por sexos e unha copia deles será remitida ao órgano directivo autonómico competente en materia de promoción da igualdade.

3. O Observatorio Galego do Xogo poderá propor aos órganos que integran a organización estatística galega a realización de estatísticas sobre sector, que quedarán reguladas e protexidas pola normativa aplicable en materia de estatística, en particular, polo previsto nela sobre planificación, salvagarda do segredo estatístico e consideración das perspectivas de xénero e idade. O órgano directivo autonómico competente na materia de promoción da igualdade recibirá unha copia dos resultados.

Artigo 4. Composición

1. O Observatorio Galego do Xogo terá a seguinte composición: Presidencia e vogalías.

Tamén contará cunha secretaría.

2. Na súa composición deberá respectarse o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 5. Presidencia

1. A Presidencia do Observatorio Galego do Xogo corresponde á persoa titular do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da Presidencia será substituída pola persoa que esta designe entre as titulares das vogalías do Observatorio.

3. As funcións da persoa titular da Presidencia son:

a) Desempeñar a representación do Observatorio Galego do Xogo.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, se é o caso, as peticións do resto de persoas integrantes.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos.

g) Nomear e separar os/as vogais titulares e suplentes.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á presidencia dun órgano colexiado.

Artigo 6. Vogalías

1. O Observatorio Galego do Xogo estará composto polas seguintes vogalías:

a) A persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de xogo.

b) Unha persoa adscrita á consellería competente en materia de seguridade e coordinación.

c) Unha persoa adscrita á consellería competente en materia de sanidade.

d) Unha persoa adscrita á consellería competente en materia de xuventude.

e) Unha persoa adscrita á consellería competente en materia de educación.

f) Unha persoa adscrita á consellería competente en materia de deportes.

g) Unha persoa adscrita á consellería competente en materia de facenda.

h) Unha persoa en representación de cada unha das tres universidades galegas.

i) Unha persoa en representación das asociacións máis representativas de cada un dos sectores do xogo en Galicia: casinos, bingos, máquinas recreativas e apostas.

j) Unha persoa en representación das asociacións de loita contra adiccións en materia de xogo.

k) Unha persoa en representación das asociacións de nais e pais galegas.

2. Nomearase unha persoa suplente por cada unha das persoas titulares das vogalías no mesmo momento do seu nomeamento.

3. As vogalías titulares e suplentes en representación dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma deberán ser exercidas por persoas que ocupen postos con nivel mínimo de xefatura de servizo con relación coa materia correspondente, agás en casos excepcionais debidamente xustificados de acordo con criterios de idoneidade.

4. As persoas titulares e suplentes das vogalías serán nomeadas pola persoa titular da Presidencia do Observatorio por proposta da Secretaría Xeral da Presidencia no ámbito da Presidencia da Xunta de Galicia respecto das vogalías en representación dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, das diferentes consellerías para as demais vogalías en representación da Administración autonómica; das persoas reitoras das tres universidades galegas, respecto das súas persoas representantes, e da Confederación de Anpas de Galicia, respecto da persoa representante das asociacións de nais e pais. Respecto do resto de persoas representantes, a proposta será asinada polo órgano de dirección competente en materia de xogo atendendo á maior representatividade que teña a asociación, o número de sectores diferentes que abrangue a asociación e o seu maior ámbito territorial.

5. Corresponde ás vogalías:

a) Recibir cunha antelación mínima de cinco días hábiles a convocatoria que conteña a orde do día das reunións e a documentación correspondente, se é o caso.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto.

d) Formular suxestións e preguntas.

e) Obter a información necesaria para cumprir as funcións asignadas.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogal dun órgano colexiado.

6. Serán causas de separación do exercicio das súas funcións as seguintes:

a) A renuncia expresa.

b) A revogación da representación por parte do órgano propoñente.

c) A declaración de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

d) A falta inxustificada de asistencia a máis de tres sesións.

e) O incumprimento grave e reiterado das funcións que lle corresponden.

f) Calquera outra causa xustificada que impida o exercicio das funcións asignadas.

As circunstancias anteriormente sinaladas deberán comunicarse á Secretaría do Observatorio, que dará traslado á Presidencia, para que, unha vez examinadas, no exercicio da súa competencia adopte a decisión que corresponda.

Artigo 7. Secretaría

1. A Secretaría do Observatorio Galego do Xogo corresponde a unha persoa funcionaria que preste servizos no órgano de dirección competente en materia de xogo, con rango mínimo de xefatura de servizo, que será nomeada pola persoa titular da Presidencia. A dita persoa non terá a condición de persoa integrante do propio órgano.

2. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituída pola persoa funcionaria que preste servizos no mesmo órgano que expresamente designe a persoa titular da Presidencia.

3. Son funcións da persoa titular da Secretaría:

a) Asistir ás reunións con voz, pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do Observatorio por orde da súa Presidencia, así como as citacións ás súas persoas integrantes.

c) Recibir os actos de comunicación das persoas integrantes do Observatorio e, polo tanto, as notificacións, as peticións de datos, as rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Velar pola legalidade formal e material das actuacións do Observatorio, certificar as súas actuacións e garantir que os procedementos e as regras de constitución e adopción de acordos son respectados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á secretaría dun órgano colexiado.

Artigo 8. Funcionamento

1. O Observatorio Galego do Xogo funcionará en Pleno.

2. Para a válida constitución do órgano para efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou, se é o caso, daquelas persoas que as substitúan, e da metade polo menos das súas persoas integrantes.

Artigo 9. Pleno

1. O Pleno estará composto pola totalidade das persoas que integran o Observatorio Galego do Xogo, que terán dereito a voto.

2. O Pleno reunirase en sesión ordinaria, dúas veces cada ano. Ademais, poderá reunirse con carácter extraordinario cando sexa convocado pola persoa titular da Presidencia por causa dalgún motivo de especial transcendencia relacionado con asuntos da súa competencia ou por petición dun terzo das súas persoas integrantes.

3. Os acordos adoptaranse por maioría de votos das persoas integrantes do órgano presentes e decidirá, en caso de empate, o voto da persoa titular da Presidencia.

Artigo 10. Actas

1. A persoa titular da Secretaría levantará acta de cada sesión que realice o órgano colexiado, que especificará necesariamente as persoas asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebra, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. A acta da sesión poderá aprobarse na mesma reunión ou na inmediata seguinte. A persoa titular da Secretaría elaborará a acta co visto e prace da persoa titular da Presidencia e remitiraa a través de medios electrónicos ás persoas integrantes do órgano colexiado, que poderán manifestar, polos mesmos medios, a súa conformidade ou reparos ao texto, para os efectos da súa aprobación; en caso afirmativo, considerarase aprobada na mesma reunión.

3. Na acta figurará, a solicitude das respectivas persoas integrantes do órgano, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen e o sentido do seu voto favorable. Calquera persoa integrante do órgano ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue no propio acto, ou no prazo que sinale a Presidencia, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, e farase constar así na acta e unirase copia a esta.

Artigo 11. Difusión

1. O Observatorio Galego do Xogo difundirá os datos, as informacións, os traballos e as actuacións que elabore, a través da páxina web do órgano de dirección competente en materia de xogo.

2. Nesta difusión garantirase, en todo caso, o respecto á normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 12. Persoas asesoras externas

1. A persoa titular da Presidencia do Observatorio poderá invitar, por proposta do Pleno do Observatorio, persoas que, pola súa recoñecida cualificación e experiencia na materia de xogo, poidan asistila para a obtención de información e a toma de decisións.

2. Estas persoas terán voz pero non voto e poderán ser invitadas para sesións concretas do Observatorio.

3. A asistencia das persoas asesoras externas non dará lugar a ningún tipo de remuneración nin de axudas de custo.

Disposición adicional primeira. Non incremento do gasto

A constitución e posta en funcionamento do Observatorio Galego do Xogo non implica incremento do gasto público e non xerará aumento dos créditos orzamentarios da consellería competente en materia de xogo. Así mesmo, as persoas que compoñen este órgano non percibirán indemnización pola asistencia ás súas reunións.

Disposición adicional segunda. Prazo de constitución do Observatorio Galego do Xogo

A sesión constitutiva do Observatorio Galego do Xogo terá lugar no prazo máximo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional terceira. Modificación do Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública

Engádese unha nova letra l) no número 3 do artigo 2, que pasa a ter a seguinte redacción:

«3. Adscritos á Consellería existirán os órganos colexiados seguintes:

a) A Xunta Superior de Facenda, creada coa denominación de Tribunal Económico- Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia pola Lei 13/1991, do 9 de decembro, e regulada polo Decreto 34/1997, do 20 de febreiro, que modificou a súa denominación en virtude do exposto na disposición adicional primeira da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) O Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos, regulado no Decreto 127/2023, do 31 de agosto.

c) A Comisión de Nóminas, regulada polo Decreto 93/2016, do 21 de xullo.

d) A Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, creada pola Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e regulada no artigo 18 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no Decreto 156/1988, do 9 de xuño.

e) O Consello Asesor para a Integración da Discapacidade na Función Pública Galega, creado polo Decreto 143/2008, do 3 de xullo.

f) O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, que modifica a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

g) A Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación da Calidade dos Servizos Públicos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevista na Lei 1/2015, do 1 de abril, e creada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 9 de xullo de 2015.

h) A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia, creada polo Decreto 237/2007, do 5 de decembro.

i) A Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión, creada polo Decreto 11/2024, do 11 de xaneiro.

j) A Comisión do Xogo de Galicia, creada pola Lei 14/1985, do 23 de outubro.

k) A Oficina de Avaliación Financeira da Comunidade Autónoma de Galicia, creada polo Decreto 202/2024, do 4 de novembro.

l) O Observatorio Galego de Xogo, creado polo Decreto 90/2025, do 6 de outubro».

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de xogo para ditar as disposicións, en materias da súa competencia, que fosen necesarias para desenvolver este decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil vinte e cinco

O presidente
P.S. (Decreto 82/2025, do 3 de outubro)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública