DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 23 de outubro de 2025 Páx. 55049

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 16 de outubro de 2025 pola que se modifica a Orde do 14 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2025, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (Diario Oficial de Galicia número 18, do 28 de xaneiro) (código de procedemento PR486A).

Mediante a Orde do 14 de xaneiro de 2025 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2025, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001 e consonte co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2025, aprobado polo Consello da Xunta, na súa reunión do 17 de outubro de 2024, na que se acordou a remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

No artigo 18 da orde establécese como prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas o 31 de outubro de 2025. Tendo en conta o número de proxectos subvencionados e a complexidade do proceso de tramitación e de contratación na Administración local, considerando que as bases reguladoras non conteñen un precepto en contra e que non se causa un prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o dito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 10 de novembro de 2025 para facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen os dereitos de terceiros.

Con base en todo o anterior, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG núm. 101, do 27 de maio), e co disposto na Orde do 14 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou a mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2025, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 18.1 da Orde do 14 de xaneiro de 2025, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 10 de novembro de 2025».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes