De conformidade co disposto na base II.1.1.2. da convocatoria, o segundo exercicio da fase de oposición cualificarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto.
Segundo co disposto no Acordo do 30 de xullo de 2025, do tribunal encargado de cualificar o proceso para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, convocado pola Resolución do 25 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 21, do 30 de xaneiro) pola que se fixan os criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio do proceso selectivo realizado o 15 de setembro de 2025, ditado en virtude da potestade de determinación do criterio de superación da proba recollido na base II.1.1.2, superarán a primeira proba do segundo exercicio as persoas aspirantes que teñan unha porcentaxe igual ou superior ao 50 % de respostas correctas.
Na sesión que tivo lugar o 6 de outubro de 2025, o tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, convocado mediante a Resolución do 25 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 21, do 30 de xaneiro),
ACORDOU:
Primeiro. Publicar, tal e como exixe a base II.1.2.8 da convocatoria, as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao segundo exercicio do proceso para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, no portal web da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal
Segundo. Tendo en conta as dúas (2) persoas aspirantes que acreditaron no prazo sinalado que posúen coñecemento da lingua inglesa correspondente a un nivel B2, ou superior, dentro do Marco europeo común de referencia, e as catro (4) persoas aspirantes que presentaron acreditación de posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais dos niveis de coñecemento de lingua galega (DOG do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG do 19 de febreiro), o total de persoas aspirantes que poderán presentarse ao seguinte exercicio será de catro (4).
Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Cuarto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025
Antonio Lamas Fernández
Presidente do tribunal
