O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou na súa reunión do 23.7.2025 aceptar a revisión do esbozo e a cartografía actualizada dos montes Baloutas, Gándara e Cerdedelos (ID 2903) e O Regueiro (ID 4150), realizada polo Servizo de Montes de Pontevedra, con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.
Antecedentes e consideracións técnicas:
Primeiro. Con data do 9.9.2022, a CMVMC de Torroso (Mos) solicitou a revisión do esbozo dos MVMC Baloutas, Gándara e Cerdedelos (ID 2903) e O Regueiro (ID 4150). Por ese motivo, en aplicación da DT 13ª da Lei de montes de Galicia, o 30.11.2022, o Xurado acordou solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión do esbozo e a elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal citado, o que deu lugar ao expediente RE22020 no Servizo de Montes de Pontevedra.
Segundo. Logo da análise da documentación achegada coa solicitude, o Servizo de Montes emitiu informe o 26.3.2025 en que expón:
– O monte Baloutas, Gándara e Cerdedelos (ID 2903) foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 28.11.1981 cunha superficie inicial de 31 ha. Esta superficie minguou en 18,44 ha pola expropiación para o parque empresarial de Mos expediente (PO-04-EXP/08), deixando unha superficie de 12,56 ha. Mediante a Sentenza 59/2013 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 do Porriño, obtén 1,32 ha (dúas porcións do monte Cerdedelos de 7.205 m² e 6.011 m²), o que supón unha superficie total de 13,89 ha.
– O monte O Regueiro (ID 4150) foi adquirido por compra (expediente PO-01-ADTER/13) coa toma de razón polo Xurado o 18.2.2014 cunha superficie de 2,32 ha e correspondente coa parcela 36033A03000645 de 23.658 m².
– A medición dos montes foi realizada seguindo as indicacións e achegas da CMVMC de Torroso.
– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.
– A CMVMC de Torroso dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360166 e vixente ata 2025.
– Houbo variacións no perímetro por expropiacións expediente (PO-04-EXP/08), e pola permuta correspondente ao expediente PO-32-PER/08 con José Carballeda que achega 653 m² nos montes de Gándara que pasan a ser MVMC por 400 m² da CMVM que pasa a ser particular.
– A CMVMC de Torroso formalizou demanda perante o Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra, que na Sentenza do 17 de decembro de 2012 estima a súa demanda declarativa de dominio, é dicir, adxudica a propiedade aos veciños, sobre unha superficie de 41.450 m² que integraban o recinto aeroportuario. Así mesmo, o 6.2.2015, a Audiencia Provincial de Pontevedra confirmou a citada sentenza e desestimou o recurso de apelación interposto polo Ministerio de Fomento. Esta superficie foi obxecto de expropiación no expediente PO-03-EXP/16.
– A revisión do esbozo proposto é a solicitada pola CMVMC de Torroso excepto no que se refire ás dúas parcelas máis ao norte, situadas preto do aeroporto de Vigo, cunha superficie de 0,1251 ha e 0,063 ha, que non se inclúen por considerar que non están clasificadas.
– A superficie e o perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 15,88 has (fronte ás 16,21 ha clasificadas dos dous montes despois das sentenzas e expropiacións) e 6,38 km de perímetro.
– A descrición da resolución do monte Baloutas, Gándara e Cerdedelos (ID 2903), clasificado o 28.11.1981, modifícase só a superficie quedando con mesmos límites:
Monte: Baloutas, Gándara e Cerdedelos (ID 2903).
Superficie: 13,52 ha.
Perímetro: 5.465,19 m.
– A descrición da resolución do monte O Regueiro (ID 4150), coa toma de razón polo Xurado o 18.2.2014, modifícase cos seguintes nomes, cabidas e límites:
Monte: O Regueiro (ID 4150).
Superficie: 2,36 ha.
Perímetro: 910,34 m.
Norte, leste e oeste: propiedades particulares.
Sur: estrada.
– O esbozo da CMVMC de Dornelas vese afectado por esta revisión, polo que se axusta de oficio polo Servizo de Montes o esbozo de Dornelas, con base na acta de deslindamento do ano 2005 entre as parroquias de Dornelas e Torroso achegado pola CMVMC de Torroso, o plano da Sentenza xudicial 59/2013 onde se marca a liña parroquial entre Dornelas-Torroso e os proxectos de ordenación de ambas as dúas comunidades.
Terceiro. O procedemento de revisión de esbozos de MVMC vén regulado na DT 13ª da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
A vista do exposto, este xurado
ACORDA:
– Aceptar a revisión do esbozo dos montes Baloutas, Gándara e Cerdedelos (ID 2903) e O Regueiro (ID 4150), segundo a proposta e planimetría elaborada polo Servizo de Montes.
Tal e como exixe o parágrafo 3 da DT 13ª da LMG, a presente aceptación da revisión de esbozo será posta en coñecemento da Comunidade de Montes propietaria e publicada no DOG para coñecemento do resto de posibles persoas interesadas.
Pontevedra, 9 de outubro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra
