DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 27 de outubro de 2025 Páx. 55510

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de outubro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo de aceptación de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Carballas, Laceiras, Brete e Pedroso e Meixueiro (ID 3011) da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cumiar, no concello de Ponteareas (expediente RE24003).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou na súa reunión do 23.7.2025 aceptar a revisión do esbozo e a cartografía actualizada dos montes Carballas, Laceiras, Brete e Pedroso e Meixueiro (ID 3011), en concreto do monte Meixueiro (agora, Meixoeiro), realizada polo Servizo de Montes de Pontevedra, con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.

Antecedentes e consideracións técnicas:

Primeiro. Con data do 10.11.2023, a empresa Selga, en representación da CMVMC de Cumiar (Ponteareas), solicitou a revisión do esbozo do MVMC Carballas, Laceiras, Brete e Pedroso e Meixueiro (ID 3011), en concreto a revisión do monte Meixueiro. Por ese motivo, en aplicación da DT 13ª da Lei de montes de Galicia, o 26.3.2025, o Xurado acordou solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión do esbozo e a elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal citado, o que deu lugar ao expediente RE24003 no Servizo de Montes de Pontevedra.

Segundo. Logo da análise da documentación achegada coa solicitude, o Servizo de Montes emitiu informe o 5.6.2025 en que expón:

– A parcela obxecto de revisión é a parcela Meixoeiro, a cal era coincidente no ano 2023, segundo a documentación achegada, coa parcela 36042A088004200000DZ de 12,89 ha, para a revisión deste esbozo, previamente realizouse un levantamento topográfico de 280 puntos.

– A CMVMC de Cumiar xustifica a revisión parcial de seu monte por estar sometido a continuas ocupacións debido a que a parcela 36042A08800420 está no catastro en investigación.

– O monte Carballas, Laceiras, Brete e Pedroso e Meixueiro (ID 3011) foi clasificado o 5.12.1979 cunha superficie total de 118 ha, das cales, 8 ha correspondían co monte Carballas, 18 ha co monte Laceiras, 95 ha co monte Brete e Pedroso e 3 ha co monte Meixueiro.

– A revisión é unicamente do esbozo do monte Meixueiro, modificándose tanto o nome (de Meixueiro a Meixoeiro), coma os lindeiros e a superficie que pasa de 3 ha a 12,89 ha. O resto dos montes da clasificación non se modifican.

– A descrición do monte Meixueiro, agora Meixoeiro, queda definido do seguinte xeito:

Monte: Meixoeiro.

Superficie: 12,89 ha.

Perímetro: 4,23 km.

Linde norte: camiño público.

Linde sur: propiedades particulares-Comunal Santiago de Oliveira.

Linde leste e oeste: propiedades particulares e camiño público.

– A revisión de esbozo do monte Meixueiro (agora, Meixoeiro) coincidía no ano 2023 exactamente coa parcela catastral 36042A08800420 de 12,89 ha, en investigación no catastro. En outubro dese ano, esta parcela foi modificada por un particular, polo que agora esta revisión inclúe, ademais da parcela 420, as parcelas dese mesmo polígono creadas e modificadas nesa alteración catastral (parcelas 505 e 504 e varios anacos doutras).

– Non consta superficie de xestión pública (o convenio 3615057 encóntrase rescindido), nin actos de disposición no MVMC que modifiquen a superficie de clasificación.

– A CMVMC de Cumiar dispón dun instrumento de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 3600432 e vixencia ata o 2032. Esta revisión coincide coa superficie indicada no proxecto de ordenación para o monte Meixueiro (agora, Meixoeiro).

Terceiro. O procedemento de revisión de esbozos de MVMC vén regulado na DT 13ª da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A vista do exposto, este xurado

ACORDA:

– Aceptar a revisión parcial do esbozo do monte Carballas, Laceiras, Brete e Pedroso e Meixueiro (ID 3011), en concreto do monte Meixueiro (agora, Meixoeiro), segundo a proposta e planimetría elaborada polo Servizo de Montes.

Tal e como exixe o parágrafo 3 da DT 13ª da LMG, a presente aceptación da revisión de esbozo será posta en coñecemento da Comunidade de Montes propietaria e publicada no DOG para coñecemento do resto de posibles interesados.

Pontevedra, 9 de outubro de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra