A Constitución española recoñece e garante no seu artigo 27 a autonomía das universidades nos termos que estableza a lei. A autonomía universitaria, de acordo coa Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, comprende para as universidades públicas, entre outros aspectos, a elaboración dos seus estatutos que, de conformidade co artigo 38 do mesmo texto legal, serán aprobados, logo de control da súa legalidade, pola Comunidade Autónoma e publicados no seu diario oficial e no Boletín Oficial del Estado.
A nova Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, supón unha reforma do sistema universitario e deseña un novo marco de actuación ao cal se deben adaptar os estatutos tanto desde o plano estrutural como a nivel funcional e competencial. Así se indica expresamente na disposición transitoria primeira, que establece que as universidades públicas terán un prazo máximo de tres anos para aprobaren os novos estatutos, desde a súa entrada en vigor do 12 de abril de 2023.
O precedente Estatuto da Universidade da Coruña foi aprobado polo Decreto 101/2004 do 13 de maio (DOG do 26 de maio) e modificado polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro (DOG do 17 de outubro).
Con data do 14 de maio de 2025, a Universidade da Coruña presentou ante a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a proposta de estatutos, aprobada polo seu claustro universitario na sesión extraordinaria do 12 de maio de 2025 para a correspondente aprobación e publicación por parte desta comunidade autónoma, conforme establece o artigo 38 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.
Con data do 27 de agosto de 2025, emítese informe favorable sobre a legalidade dos novos estatutos de Universidade da Coruña.
En relación co anterior, este decreto ten como finalidade aprobar os novos estatutos que rexerán o funcionamento da Universidade da Coruña, ao abeiro das novas disposicións contidas na Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.
Na súa virtude, de acordo co disposto no artigo 38 da citada lei orgánica, cumpridos os trámites establecidos, por proposta do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de outubro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único. Aprobación dos estatutos da Universidade da Coruña
Apróbanse os estatutos da Universidade da Coruña coa redacción que figura no anexo deste decreto e ordénase a súa publicación.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogados o Decreto 101/2004, do 13 de maio, polo que se aproban os Estatutos da Universidade da Coruña, e as modificacións contidas no Decreto 194/2007, do 11 de outubro, así como o establecido nas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nestes estatutos.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil vinte e cinco
O presidente
P.A. (Decreto 82/2025, do 3 outubro; DOG núm. 192, do 6 de outubro)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
ANEXO
Estatutos da Universidade da Coruña
ÍNDICE
TÍTULO PRELIMINAR. Disposicións xerais.
Artigo 1. Natureza.
Artigo 2. Funcións.
Artigo 3. Principios e valores.
Artigo 4. Lingua propia.
Artigo 5. Identidade cultural, cultura e patrimonio cultural.
Artigo 6. O deporte e a actividade física na Universidade.
Artigo 7. Internacionalización.
TÍTULO I. Estrutura territorial e académica da Universidade.
CAPÍTULO I. Disposicións xerais.
Artigo 8. Campus universitarios.
Artigo 9. Estrutura académica.
Artigo 10. Órganos de coordinación.
CAPÍTULO II. As facultades e escolas.
Artigo 11. Natureza.
Artigo 12. Funcións.
Artigo 13. Creación, modificación e supresión.
Artigo 14. Regulamento de réxime interno.
CAPÍTULO III. A Escola Internacional de Doutoramento.
Artigo 15. Natureza.
Artigo 16. Funcións.
Artigo 17. Modificación e supresión.
Artigo 18. Regulamento de réxime interno.
CAPÍTULO IV. Os departamentos.
Artigo 19. Natureza.
Artigo 20. Funcións.
Artigo 21. Creación, modificación e supresión.
Artigo 22. Regulamento de réxime interno.
CAPÍTULO V. Os centros de investigación.
Artigo 23. Natureza.
Artigo 24. Tipoloxía.
Artigo 25. Creación, modificación e supresión.
Artigo 26. Regulamento de réxime interno.
CAPÍTULO VI. Outras estruturas.
Artigo 27. Creación doutras estruturas.
Artigo 28. Centro de formación ao longo da vida.
CAPÍTULO VII. Os centros adscritos.
Artigo 29. Adscrición.
Artigo 30. Procedemento de adscrición.
Artigo 31. Venia docendi.
TÍTULO II. A comunidade universitaria.
CAPÍTULO I. Disposicións xerais.
Artigo 32. A comunidade universitaria.
Artigo 33. Dereitos e deberes.
CAPÍTULO II. O estudantado.
Artigo 34. O estudantado.
Artigo 35. Dereitos do estudantado.
Artigo 36. Deberes do estudantado.
Artigo 37. Estatuto do estudantado.
CAPÍTULO III. O profesorado.
Sección primeira. Disposicións xerais.
Artigo 38. Profesorado funcionario e laboral.
Artigo 39. Corpos docentes e categorías.
Sección segunda. Acceso do profesorado.
Artigo 40. Normativa reguladora.
Artigo 41. Acceso e selección.
Artigo 42. Promoción interna.
Artigo 43. Persoal interino.
Artigo 44. Convocatoria dos concursos.
Artigo 45. Igualdade.
Sección terceira. Comisións de selección e reclamacións.
Artigo 46. Comisións de selección.
Artigo 47. Comisións de reclamacións.
Sección cuarta. Dereitos e deberes do profesorado.
Artigo 48. Dereitos do profesorado.
Artigo 49. Deberes do profesorado.
Artigo 50. Comisións de servizos, licenzas e permisos.
Sección quinta. Figuras de profesorado laboral.
Artigo 51. Profesorado axudante doutor.
Artigo 52. Profesorado permanente laboral.
Artigo 53. Profesorado asociado.
Artigo 54. Profesorado visitante.
Artigo 55. Profesorado distinguido.
Artigo 56. Profesorado lector.
Artigo 57. Profesorado substituto.
Sección sexta. Profesorado emérito.
Artigo 58. Profesorado emérito.
Sección sétima. Desenvolvemento da función docente.
Artigo 59. Capacidade docente e investigadora.
Artigo 60. Réxime de dedicación.
CAPÍTULO IV. O persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
Artigo 61. Persoal funcionario e laboral.
Artigo 62. Normativa reguladora.
Artigo 63. Grupos e escalas do persoal funcionario.
Artigo 64. Categorías e grupos do persoal laboral.
Artigo 65. Carreira profesional.
Artigo 66. Negociación colectiva.
Artigo 67. Dependencia orgánica e funcional.
Artigo 68. Relación de postos de traballo.
Artigo 69. Acceso e selección.
Artigo 70. Provisión de postos de traballo.
Artigo 71. Retribucións.
Artigo 72. Dereitos do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
Artigo 73. Deberes do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
Artigo 74. Formación e mobilidade.
Artigo 75. Xunta de Persoal.
CAPÍTULO V. Persoal contratado para realizar tarefas de investigación.
Artigo 76. Categorías.
Artigo 77. Réxime xurídico.
Artigo 78. Dependencia orgánica e funcional.
Artigo 79. Dereitos e deberes.
CAPÍTULO VI. Garantía dos dereitos da comunidade universitaria.
Sección primeira. A Valedoría Universitaria.
Artigo 80. Natureza.
Artigo 81. Elección, duración do mandato e cesamento da valedora ou do valedor.
Artigo 82. Funcións.
Sección segunda. A Comisión de Convivencia.
Artigo 83. Natureza e funcións.
Artigo 84. Composición e duración do mandato.
Sección terceira. A Comisión Institucional de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.
Artigo 85. Natureza e funcións.
Artigo 86. Composición e funcionamento.
Sección cuarta. Atención á violencia de xénero, discriminación e acoso sexual por razón de sexo.
Artigo 87. Creación da Comisión de Igualdade.
TÍTULO III. Goberno e representación na Universidade.
CAPÍTULO I. Disposicións xerais.
Sección primeira. Tipoloxía de órganos.
Artigo 88. Órganos colexiados e unipersoais.
Sección segunda. Réxime xurídico dos órganos colexiados.
Artigo 89. Integrantes dos órganos colexiados.
Artigo 90. Duración do mandato.
Artigo 91. Funcionamento dos órganos colexiados.
Artigo 92. Composición paritaria.
Sección terceira. Réxime xurídico dos órganos unipersoais.
Artigo 93. Requisitos das persoas titulares dos órganos unipersoais.
Artigo 94. Nomeamento.
Artigo 95. Duración do mandato.
Artigo 96. Substitución temporal do cargo.
Artigo 97. Cesamento ordinario dos cargos unipersoais.
Artigo 98. Cesamento extraordinario da reitora ou do reitor.
Artigo 99. Cesamento extraordinario doutros cargos unipersoais electos.
Sección cuarta. Adopción de resolucións e acordos e réxime de impugnación.
Artigo 100. Resolucións e acordos.
CAPÍTULO II. Os órganos colexiados.
Sección primeira. O Claustro universitario.
Artigo 101. Natureza e competencias.
Artigo 102. Composición e duración do mandato.
Artigo 103. Funcionamento.
Sección segunda. O Consello de Goberno.
Artigo 104. Natureza e competencias.
Artigo 105. Composición.
Artigo 106. Duración do mandato.
Sección terceira. O Consello Social.
Artigo 107. Natureza e competencias.
Artigo 108. Composición.
Artigo 109. Duración do mandato.
Sección cuarta. O Consello do Estudantado.
Artigo 110. Natureza e funcións.
Artigo 111. Composición.
Artigo 112. Duración do mandato.
Sección quinta. As xuntas de facultade ou escola.
Artigo 113. Natureza e competencias.
Artigo 114. Composición.
Artigo 115. Duración do mandato.
Sección sexta. O Comité de Dirección da Escola Internacional de Doutoramento.
Artigo 116. Natureza e competencias.
Artigo 117. Composición.
Artigo 118. Duración do mandato.
Sección sétima. Os consellos de departamento.
Artigo 119. Natureza e competencias.
Artigo 120. Composición.
Artigo 121. Duración do mandato.
Sección oitava. Os consellos reitores dos centros de investigación.
Artigo 122. Natureza e competencias.
Artigo 123. Composición.
Artigo 124. Duración do mandato.
CAPÍTULO III. Os órganos unipersoais.
Sección primeira. A reitora ou o reitor.
Artigo 125. Natureza.
Artigo 126. Competencias.
Artigo 127. Elección da reitora ou reitor e duración do mandato.
Artigo 128. Funcionamento.
Sección segunda. As vicerreitoras e os vicerreitores.
Artigo 129. Nomeamento.
Artigo 130. Competencias.
Artigo 131. Substitución temporal.
Sección terceira. A secretaria ou o secretario xeral.
Artigo 132. Natureza.
Artigo 133. Nomeamento.
Artigo 134. Competencias.
Artigo 135. Substitución temporal.
Sección cuarta. A xerenta ou o xerente.
Artigo 136. Natureza.
Artigo 137. Nomeamento.
Artigo 138. Competencias.
Artigo 139. Substitución temporal.
Sección quinta. Os órganos unipersoais das facultades e escolas.
Artigo 140. As decanas e os decanos de facultade e as directoras e os directores de escola.
Artigo 141. As vicedecanas e os vicedecanos de facultade e as subdirectoras e os subdirectores de escola.
Artigo 142. As secretarias e os secretarios de facultade ou escola.
Sección sexta. Os órganos unipersoais da Escola Internacional de Doutoramento.
Artigo 143. A directora ou o director da Escola.
Artigo 144. A subdirectora ou o subdirector da Escola.
Artigo 145. A secretaria ou o secretario da Escola.
Sección sétima. Os órganos unipersoais dos departamentos.
Artigo 146. As directoras e os directores de departamento.
Artigo 147. As secretarias e os secretarios de departamento.
Sección oitava. Os órganos unipersoais dos centros de investigación.
Artigo 148. A directora ou o director de centro de investigación.
Artigo 149. A subdirectora ou o subdirector de centro de investigación.
Artigo 150. A secretaria ou o secretario de centro de investigación.
TÍTULO IV. A administración universitaria e o sector público institucional.
CAPÍTULO I. Disposicións xerais.
Artigo 151. A administración universitaria.
Artigo 152. O sector público institucional universitario.
Artigo 153. Principios xerais de actuación.
CAPÍTULO II. A administración xeral.
Sección primeira. Disposicións xerais.
Artigo 154. Unidades administrativas.
Artigo 155. Órganos administrativos.
Artigo 156. Servizos.
Sección segunda. Unidades administrativas básicas.
Artigo 157. Unidade de Igualdade.
Artigo 158. Unidade de Diversidade.
Artigo 159. Unidade de Vida Saudable e Benestar.
Artigo 160. Unidade de Orientación Profesional.
Artigo 161. Unidade de Normalización Lingüística.
Sección terceira. Inspección de Servizos.
Artigo 162. Función inspectora.
Artigo 163. Principios de actuación.
Artigo 164. Dirección.
Artigo 165. Procedemento de inspección.
Artigo 166. Rendición de contas.
Artigo 167. Expedientes disciplinarios.
CAPÍTULO III. O sector público institucional.
Artigo 168. Fundacións públicas e outras persoas xurídico-públicas.
Artigo 169. Entidades ou empresas baseadas no coñecemento.
Artigo 170. Réxime xurídico.
Artigo 171. Medio propio.
TÍTULO V. A actividade da Universidade.
CAPÍTULO I. A docencia, a investigación, a transferencia e a transmisión do coñecemento .
Artigo 172. A docencia e a formación.
Artigo 173. A investigación.
Artigo 174. Internacionalización da actividade investigadora.
Artigo 175. Cooperación e participación.
Artigo 176. Contratación de servizos científicos, tecnolóxicos, artísticos, humanísticos ou docentes.
Artigo 177. Ciencia Aberta e Ciencia Cidadá.
Artigo 178. Divulgación científica.
CAPITULO II. Servizos universitarios.
Artigo 179. Creación de servizos universitarios.
Artigo 180. Aloxamento.
Artigo 181. Arquivo universitario.
Artigo 182. Biblioteca Universitaria.
TÍTULO VI. O réxime económico e financeiro.
Artigo 183. Autonomía económica e financeira.
Artigo 184. Suficiencia financeira.
Artigo 185. Orzamento.
Artigo 186. Xestión económica e financeira.
Artigo 187. Control interno.
Artigo 188. Patrimonio.
TÍTULO VII. Actos académicos, honras e imaxe corporativa e institucional da Universidade.
Artigo 189. Os actos académicos.
Artigo 190. Doutoramento honoris causa.
Artigo 191. Medalla da Universidade da Coruña.
Artigo 192. Imaxe corporativa e institucional da Universidade da Coruña.
TÍTULO VIII. A reforma dos estatutos.
Artigo 193. Iniciativa e aprobación da reforma.
Disposicións adicionais.
Disposición adicional primeira. Normativa básica.
Disposición adicional segunda. Hospitais universitarios.
Disposición adicional terceira. Hospitais e centros sanitarios asociados.
Disposición adicional cuarta. Corpo único.
Disposicións transitorias.
Disposición transitoria primeira. Institutos de investigación.
Disposición transitoria segunda. Corpos a extinguir.
Disposición transitoria terceira. Procesos electorais.
Disposicións derrogatorias.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.
Disposicións derradeiras.
Disposición derradeira. Entrada en vigor.
TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais
Artigo 1. Natureza
A Universidade da Coruña é unha institución pública, dotada de personalidade xurídica e patrimonio propio, que goza de autonomía, de acordo coa Constitución e coa lei, para prestar o servizo público de educación superior a través das funcións de docencia, investigación, transferencia e intercambio do coñecemento.
Artigo 2. Funcións
Son funcións da Universidade da Coruña ao servizo da sociedade:
a) A educación e formación do estudantado a través da creación, desenvolvemento, transmisión e avaliación crítica do coñecemento científico, tecnolóxico, social, humanístico, artístico e cultural, así como das capacidades, competencias e habilidades inherentes a este.
b) A preparación para o exercicio de actividades profesionais que exixan aplicar e actualizar os coñecementos e métodos científicos, tecnolóxicos, sociais, humanísticos, culturais e para a creación artística.
c) A xeración, o desenvolvemento, a difusión, a transferencia e o intercambio do coñecemento e a aplicabilidade da investigación en todos os campos científicos, tecnolóxicos, sociais, humanísticos, artísticos e culturais.
d) A promoción da innovación a partir do coñecemento nos ámbitos sociais, económicos, ambientais, tecnolóxicos e institucionais.
e) A contribución ao benestar, ao progreso económico, á protección ambiental e á cohesión social e territorial a través da formación, a investigación, a transferencia e o intercambio do coñecemento.
f) A promoción da lingua e da cultura galegas.
g) A xeración de espazos de creación e difusión de pensamento crítico.
h) A formación permanente ou ao longo da vida do conxunto da cidadanía.
i) A promoción dunha formación crítica, ética e cidadá baseada no respecto os dereitos humanos e ao dereito internacional humanitario.
j) A promoción dos valores democráticos e o fomento da participación da comunidade universitaria en actividades e proxectos relacionados coa promoción da democracia, a igualdade e a non discriminación, a perspectiva de xénero, a xustiza social, a paz e a inclusión.
k) O fomento da participación da comunidade universitaria e da cidadanía en actividades promovidas por entidades de voluntariado e do terceiro sector que se encontren en liña cos principios e valores do sistema universitario.
l) As demais funcións que se lle atribúan legalmente.
Artigo 3. Principios e valores
1. Na realización das súas actividades, a Universidade da Coruña guiarase polos principios reitores do estado social e democrático de dereito, a defensa da autonomía e liberdade de cátedra, a promoción da calidade e a súa avaliación no exercicio das súas funcións, e o mellor servizo á sociedade e á comunidade universitaria.
2. No exercicio das súas funcións, a Universidade da Coruña terá como referente os dereitos humanos, o dereito internacional humanitario, os dereitos fundamentais e as liberdades públicas, a memoria democrática, o fomento da equidade e a igualdade de xénero, o impulso da sustentabilidade, a ciencia e o método científico, a loita contra o cambio climático e os valores que se desprenden dos obxectivos de desenvolvemento sustentable.
3. A Universidade comprométese a establecer mecanismos internos que garantan a coherencia entre a súa acción institucional e os seus principios e valores.
4. As instalacións da Universidade non poderán ser empregadas con fins contrarios aos seus principios e valores.
Artigo 4. Lingua propia
A lingua propia da Universidade da Coruña é o galego, que será o seu vehículo normal de expresión. Para a súa normalización, promocionarase o seu uso na docencia, na investigación, na transferencia e no intercambio do coñecemento, e fomentarase o seu uso en todas as súas actividades.
Artigo 5. Identidade cultural, cultura e patrimonio cultural
1. A Universidade da Coruña, vinculada á realidade histórica de Galicia, dedicaralles especial atención ao estudo e desenvolvemento da identidade cultural e á promoción dos intereses de Galicia.
2. A Universidade reforzará a dimensión cultural de todas as súas actividades, para o cal impulsará a súa apertura, transmisión e difusión ao contorno social cunha perspectiva intercultural, de formación ao longo da vida e de democratización do coñecemento.
3. A Universidade da Coruña conservará e promoverá o enriquecemento do seu patrimonio cultural, ademais dallo a coñecer á cidadanía.
Artigo 6. O deporte e a actividade física na Universidade
A Universidade promoverá a práctica do deporte e a actividade física con carácter transversal en todo o seu ámbito de actuación, proporcionará instrumentos para favorecer a compatibilidade efectiva desa práctica coa formación académica do estudantado e articulará fórmulas para compatibilizar os estudos de deportistas de alto nivel coas súas actividades deportivas.
Artigo 7. Internacionalización
1. A Universidade da Coruña fomentará a internacionalización da docencia, a investigación, a transferencia e o intercambio do coñecemento.
2. A Universidade da Coruña promoverá a plena integración no Espazo Europeo de Educación Superior e impulsará o Espazo Iberoamericano de Educación Superior e do Coñecemento e outras áreas de cooperación rexional.
3. A Universidade da Coruña promoverá e estimulará as relacións coas universidades que forman parte do espazo cultural, académico e institucional da lusofonía, de cara á súa incorporación á comunidade universitaria de países de lingua portuguesa.
TÍTULO I
Estrutura territorial e académica da Universidade
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 8. Campus universitarios
1. A Universidade da Coruña está organizada territorialmente nos campus universitarios da Coruña e Ferrol.
2. A Universidade velará pola sustentabilidade dos seus campus mediante o desenvolvemento dunha estratexia de mitigación e adaptación ao cambio climático.
Artigo 9. Estrutura académica
1. A Universidade da Coruña estrutúrase en facultades e escolas, a Escola Internacional de Doutoramento, os departamentos e os centros de investigación.
2. En exercicio da súa autonomía, a Universidade poderá crear outras estruturas propias, así como participar noutras alleas, galegas, estatais ou internacionais para desenvolver mellor as súas funcións.
3. Todas as estruturas académicas da Universidade deberán promover a cooperación, o aproveitamento de recursos e as infraestruturas comúns, a multidisciplinariedade e a interdisciplinariedade e a xestión administrativa integrada, e contarán cos medios necesarios para desenvolver axeitadamente e con eficacia as funcións que teñan asignadas.
4. O Claustro aprobará un regulamento xeral das estruturas académicas da Universidade .
Artigo 10. Órganos de coordinación
O Consello de Goberno poderá crear órganos de coordinación das estruturas que compartan intereses académicos e científicos, estean ou non no mesmo campus, para facilitar e mellorar a súa xestión.
CAPÍTULO II
As facultades e escolas
Artigo 11. Natureza
As facultades e escolas son os centros encargados de organizar as ensinanzas nos distintos ámbitos de coñecemento e os procesos académicos, administrativos e de xestión conducentes á obtención de títulos oficiais de grao e mestrado universitario e, de ser o caso, de títulos propios.
Artigo 12. Funcións
Son funcións das facultades e escolas:
a) Elaborar as propostas das memorias de verificación dos títulos que se imparten nos centros.
b) Deseñar, organizar e desenvolver as ensinanzas que se impartan no centro.
c) Propoñerlle ao Consello de Goberno a asignación da docencia ás áreas de coñecemento que garantan unha maior calidade, de acordo cos criterios xerais establecidos por aquel.
d) Aprobar, por proposta dos departamentos responsables, as guías docentes das distintas materias dos plans de estudos e facer un seguimento na súa implementación.
e) Supervisar o cumprimento das obrigas docentes do profesorado que imparte docencia no centro, conforme a normativa que estableza o Consello de Goberno.
f) Velar polo benestar do estudantado e do persoal do centro, promover un ambiente seguro e respectuoso, e previr e actuar contra situacións de acoso e discriminación, en colaboración cos servizos especializados da Universidade.
g) Facilitar a formación do estudantado ao longo de toda a vida, así como a súa inserción laboral, especialmente a través da organización de prácticas en empresas, institucións públicas, fundacións ou asociacións sen ánimo de lucro, e de intercambios académicos con outras universidades.
h) Impulsar a formalización de convenios nacionais e internacionais con centros homólogos para intercambios de estudantado e recoñecemento de materias e/ou estudos.
i) Promover a subscrición de convenios con entidades públicas ou privadas, galegas, estatais ou estranxeiras, de acordo coa lexislación vixente e con estes estatutos.
j) Participar nos procesos de avaliación da calidade e acreditación promovendo activamente a mellora das súas actividades docentes.
k) Promover, organizar e desenvolver actividades que contribúan a que a sociedade coñeza mellor a cultura, a ciencia e a tecnoloxía relacionadas coas titulacións que o centro imparte.
l) Exercer as competencias de xestión académica que a normativa lles asigne.
m) Xestionar os recursos que se lles asignen para cumprir as súas funcións e administrar os medios persoais que teñan asignados.
n) Calquera outra que lles atribúa a lexislación vixente, estes estatutos ou as súas normas de desenvolvemento.
Artigo 13. Creación, modificación e supresión
A creación, modificación e supresión de facultades e escolas será acordada pola Xunta de Galicia, por proposta do Consello de Goberno, aprobada co voto favorable da maioría absoluta das persoas que o integran, co informe previo do Consello Social.
Artigo 14. Regulamento de réxime interno
As facultades e escolas rexeranse por un regulamento de réxime interno aprobado polo Consello de Goberno por proposta da respectiva xunta de centro.
CAPÍTULO III
A Escola Internacional de Doutoramento
Artigo 15. Natureza
1. A Escola Internacional de Doutoramento é o centro encargado de organizar as ensinanzas e os procesos académicos, administrativos e de xestión conducentes á obtención de títulos oficiais de doutoramento.
2. No seu ámbito de actuación, poderanse organizar e impartir estudos de doutoramento nun ou máis ámbitos especializados ou interdisciplinarios, así como outras actividades abertas de formación en investigación.
Artigo 16. Funcións
Son funcións da Escola:
a) Avaliar e presentar para a súa verificación os programas de doutoramento da Universidade.
b) Planificar, difundir, organizar e supervisar as actividades inherentes á formación e ao desenvolvemento dos estudos de doutoramento.
c) Establecer os criterios de avaliación do estudantado de doutoramento atendendo aos obxectivos formativos e profesionais de cada programa, así como o seguimento e control dos programas en canto á avaliación das actividades formativas e de investigación do seu estudantado.
d) Asignar a docencia das actividades formativas que organice, de acordo con criterios de calidade.
e) Colaborar e/ou organizar actividades formativas para o desenvolvemento de competencias transversais no ámbito da investigación.
f) Potenciar o desenvolvemento de programas de doutoramento e a cooperación en materia de I+D+i, en colaboración con entidades externas, tanto públicas como privadas.
g) Participar nos procesos de avaliación da calidade dos programas de doutoramento, tanto de verificación, seguimento e acreditación, como de promoción de accións de mellora.
h) Aqueloutras funcións relacionadas coa impartición de estudos de doutoramento na Universidade da Coruña que non estean asignadas a outros órganos desta e calquera outra que lle atribúa a lexislación vixente, estes estatutos ou as súas normas de desenvolvemento.
Artigo 17. Modificación e supresión
1. A iniciativa para modificar ou suprimir a Escola Internacional de Doutoramento correspóndelle ao Consello de Goberno, á reitora ou ao reitor ou ao Comité de Dirección da Escola.
2. A proposta, que irá acompañada dunha memoria xustificativa, someterase a un período de información pública.
3. Co informe previo do Consello Social, a modificación ou supresión da Escola Internacional de Doutoramento deberá ser aprobada polo Consello de Goberno, co voto favorable da maioría absoluta das persoas que o integran.
Artigo 18. Regulamento de réxime interno
A Escola Internacional de Doutoramento rexerase por un regulamento de réxime interno, que aprobará o Consello de Goberno, por proposta do seu Consello de Dirección.
CAPÍTULO IV
Os departamentos
Artigo 19. Natureza
1. Os departamentos son as unidades de docencia encargadas de coordinar o profesorado que imparte as ensinanzas dunha ou varias áreas de coñecemento nun ou varios centros, de acordo coa programación docente da Universidade.
2. Os departamentos constituiranse por áreas de coñecemento, agruparán o profesorado que se encargue da súa docencia e adscribiranse aos centros onde desenvolvan maioritariamente a súa docencia.
3. En ningún caso unha área de coñecemento poderá estar dividida en dous ou máis departamentos.
Artigo 20. Funcións
Son funcións dos departamentos:
a) Participar na elaboración dos plans de estudo e dos plans de organización docente, que inclúan materias da súa competencia, nas condicións que regulamentariamente se determinen.
b) Asignarlle ao profesorado a docencia das materias dentro da súa área ou especialidade de coñecemento, de acordo cos criterios que estableza o Consello de Goberno.
c) Elaborar e propoñer, para a súa aprobación pola Xunta de centro, as guías docentes das distintas materias que imparta o departamento, que incluirán, entre outras cuestións, a programación das materias, as metodoloxías docentes e os criterios de avaliación que se van empregar no proceso de ensino-aprendizaxe.
d) Emitir un informe sobre as modificacións que lles afecten na relación de postos de traballo do profesorado, así como sobre as necesidades de contratación deste.
e) Participar nos procedementos de selección do profesorado adscrito ao departamento e nos procesos de promoción interna, nos termos que estableza a normativa vixente.
f) Supervisar, en colaboración cos centros, o cumprimento das obrigas docentes do profesorado adscrito ao departamento, conforme á normativa que estableza o Consello de Goberno.
g) Participar nos procesos de avaliación da calidade institucional e a promoción activa da mellora da calidade e da acreditación das súas actividades docentes.
h) Coñecer e apoiar as iniciativas docentes do seu profesorado, promover a comunicación e a colaboración entre eles e entre os distintos ámbitos de coñecemento, de ser o caso, e con outras universidades para asegurar o acceso equitativo aos medios de que dispoña o departamento, así como o seu óptimo aproveitamento.
i) Impulsar a renovación pedagóxica do seu profesorado.
j) Xestionar os recursos que se lles asignen para cumprir as súas funcións e administrar os medios persoais que teñan asignados.
k) Calquera outra que lles atribúa a lexislación vixente, estes estatutos ou as súas normas de desenvolvemento.
Artigo 21. Creación, modificación e supresión
1. Crear, modificar e suprimir os departamentos correspóndelle ao Consello de Goberno.
2. O procedemento iniciarase de oficio, por propia iniciativa ou por petición razoada do departamento afectado.
3. A proposta debe ir acompañada dunha memoria xustificativa. Para os crear e modificar, esta memoria incluirá, como mínimo, as áreas ou especialidades de coñecemento, a xustificación académica dos obxectivos docentes e o plan económico e os medios persoais e materiais.
4. A proposta someterase a un período de información pública.
5. O acordo para os crear, modificar ou suprimir requirirá do voto favorable da maioría absoluta das persoas que integran o Consello de Goberno.
6. A adscrición de cada departamento a un centro será realizada polo Consello de Goberno, por proposta do departamento interesado, co informe previo do centro ou dos centros afectados.
Artigo 22. Regulamento de réxime interno
Os departamentos rexeranse por un regulamento de réxime interno, aprobado polo Consello de Goberno, por proposta do respectivo consello de departamento.
CAPÍTULO V
Os centros de investigación
Artigo 23. Natureza
Os centros de investigación teñen por obxecto a realización de actividades de investigación científica, técnica e humanística ou a creación artística e, de ser o caso, actividades de transferencia e intercambio do coñecemento e da cultura ao conxunto da sociedade.
Artigo 24. Tipoloxía
1. Os centros de investigación poderán ser propios, interuniversitarios e mixtos.
2. Os centros de investigación propios son os que crea a propia universidade, de conformidade cos requisitos e as exixencias que regulamentariamente determine o Consello de Goberno.
3. Os centros de investigación interuniversitarios son os que crea conxuntamente con outras universidades do sistema universitario, mediante o correspondente convenio específico.
4. Os centros de investigación mixtos son os que crea conxuntamente con organismos públicos de investigación, con administracións públicas, con centros do Sistema público de saúde ou con outros centros públicos ou privados sen ánimo de lucro, mediante un convenio específico.
Artigo 25. Creación, modificación e supresión
1. Crear, modificar e suprimir os centros de investigación propios será aprobado pola maioría absoluta das persoas que integran o Consello de Goberno, co informe previo do Consello Social.
No Regulamento xeral das estruturas académicas que aprobe o Claustro estableceranse os criterios e as exixencias para crear os centros de investigación propios, así como o procedemento para os modificar e extinguir.
2. Crear os restantes centros de investigación requirirá formalizar un convenio específico, que deberá ser ratificado polo Consello de Goberno con carácter previo á súa sinatura.
En todo caso, estes convenios garantirán a participación da Universidade da Coruña no seu goberno, actividade e resultados científicos e económicos, polo menos en proporción aos recursos materiais e de persoal investigador con que contribúa.
3. Modificar e suprimir estes centros de investigación realizarase segundo o que dispoñan os seus convenios de creación ou a normativa que lles resulte de aplicación.
Artigo 26. Regulamento de réxime interno
1. Os centros de investigación propios rexeranse por un regulamento de réxime interno, aprobado polo Consello de Goberno.
2. O Regulamento de réxime interno dos restantes centros aprobarase conforme o disposto no convenio de creación ou na súa normativa específica.
CAPÍTULO VI
Outras estruturas
Artigo 27. Creación doutras estruturas
1. En exercicio da súa autonomía, a Universidade da Coruña poderá crear outras estruturas diferentes ás establecidas neste título, con fins de docencia, investigación, transferencia e divulgación do coñecemento.
2. No Regulamento xeral de estruturas académicas que aprobe o Claustro estableceranse os criterios e as exixencias para crear estas estruturas, así como o procedemento para as modificar e extinguir, que deberá recoller o informe previo do Consello Social.
Artigo 28. Centro de formación ao longo da vida
1. Para cumprir a función da Universidade de dar formación permanente ou ao longo da vida poderase crear un centro de formación ao longo da vida.
2. A creación deste centro deberá ser aprobada pola maioría absoluta das persoas que integran o Consello de Goberno, co informe previo do Consello Social.
CAPÍTULO VII
Os centros adscritos
Artigo 29. Adscrición
1. Poderanse adscribir á Universidade da Coruña centros docentes, de investigación ou creación artística, mediante o convenio que subscriba a Universidade coa entidade pública ou privada promotora do centro.
2. O convenio de adscrición conterá, polo menos, as seguintes cláusulas:
a) As obrigas asumidas polo centro adscrito para establecer e desenvolver o ensino e a investigación, que estarán limitadas ao seu ámbito e nivel de competencias.
b) Os medios materiais e persoais de que dispón para cumprir as súas funcións.
c) Os apoios que lle prestará, de ser o caso, a Universidade.
d) Os mecanismos de colaboración e coordinación entre a Universidade da Coruña e o centro adscrito, en que se garantirá a representación maioritaria da Universidade.
e) Unha proposta de regulamento de réxime interno, en que se garanta a participación do profesorado, do estudantado e do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos nos seus órganos de goberno, nas mesmas proporcións que as que se establecen para os órganos de goberno dos centros propios da Universidade da Coruña.
f) A duración da adscrición, así como as condicións de modificación, rescisión e renovación.
Artigo 30. Procedemento de adscrición
1. A adscrición de centros docentes á Universidade da Coruña requirirá a aprobación da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta do Consello de Goberno da Universidade.
2. A proposta de adscrición será aprobada polo Consello de Goberno, unha vez informado o Consello Social, e requirirá o voto favorable de tres quintos das persoas que o integran.
Artigo 31. Venia docendi
1. Para impartir docencia nos centros adscritos será requisito imprescindible a Venia docendi que outorgue o Consello de Goberno, logo do informe dos departamentos afectados.
2. A Universidade da Coruña supervisará, co asesoramento dos departamentos implicados, a docencia que se leva a cabo nestes centros.
TÍTULO II
A comunidade universitaria
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 32. A comunidade universitaria
A comunidade universitaria da Universidade da Coruña está formada polo estudantado, o profesorado, o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos e o persoal contratado para realizar tarefas de investigación.
Artigo 33. Dereitos e deberes
1. As persoas que forman a comunidade universitaria teñen os dereitos e deberes recoñecidos na Constitución, na normativa de universidades e nestes estatutos.
2. Todas as persoas da comunidade universitaria teñen os seguintes dereitos:
a) A participar no deseño, desenvolvemento e avaliación da política universitaria.
b) A participar nos órganos de goberno, representación e administración da Universidade, de acordo co que dispoñen estes estatutos.
c) A participar na vida universitaria e do contorno social a través de actividades formativas, culturais, deportivas e de extensión universitaria.
d) A recibir prestacións e axudas que ofreza a Universidade nos termos da correspondente convocatoria.
e) A recibir información sobre as cuestións que afecten a comunidade universitaria.
f) A dispoñer dos medios adecuados para desenvolver o servizo público de educación superior.
g) A recibir un trato non sexista e libre de toda forma de discriminación, incluíndo as baseadas na orientación sexual ou na expresión de xénero.
h) A recibir orientación psicopedagóxica e atención á saúde mental e emocional e acceder a programas e recursos que fomenten hábitos, rutinas e estilos de vida saudables.
i) Á convivencia universitaria e á mediación e resolución alternativa de conflitos.
j) Ao acceso real á información e a mecanismos de participación e representación.
3. Todas as persoas da comunidade universitaria teñen os seguintes deberes:
a) Cumprir o que dispoñen estes estatutos e os regulamentos que os desenvolven.
b) Contribuír á mellora e ao desenvolvemento dos fins da Universidade.
c) Potenciar a vinculación e o prestixio da Universidade na sociedade.
d) Respectar o patrimonio da Universidade e facer unha correcta utilización das súas instalacións, bens e recursos.
CAPÍTULO II
O estudantado
Artigo 34. O estudantado
Son estudantes da Universidade da Coruña todas aquelas persoas que están matriculadas en estudos conducentes á obtención de titulacións de grao, mestrado ou doutoramento, ou en titulacións propias da Universidade.
Artigo 35. Dereitos do estudantado
Ademais dos dereitos establecidos con carácter xeral para todas as persoas que integran a comunidade universitaria, o estudantado ten os seguintes dereitos:
a) A recibir unha formación integral e inclusiva e unha docencia de calidade e actualizada.
b) A recibir formación investigadora no caso de estudantes de doutoramento.
c) A asistir ás actividades lectivas programadas.
d) A ser avaliado de xeito obxectivo e, na medida do posible, de maneira continuada ao longo do curso e de acordo con criterios públicos, obxectivos e igualitarios.
e) A revisar as súas cualificacións de conformidade coa normativa que aprobe a Universidade, que deberá ser pública e accesible.
f) A participar na avaliación do rendemento docente do profesorado, de acordo co procedemento que se estableza.
g) A ser orientado nos seus estudos mediante un sistema de titoría eficaz e operativo.
h) A optar, na medida do posible, pola quenda que lle resulte máis conveniente nos termos que dispoña a normativa académica.
i) A coñecer, no momento de se matricular, a oferta docente, as datas de realización das probas de avaliación, o idioma e a modalidade da ensino, xa for presencial, virtual ou híbrido.
j) Á publicidade da normativa académica e das normas que regulen o progreso e a permanencia na Universidade.
k) A gozar da propiedade intelectual dos traballos que realice.
l) A obter información e recoñecemento académico pola súa participación en actividades universitarias culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias, de cooperación, mentoría, aprendizaxe-servizo, ciencia cidadá, asociacionismo e iniciativas sociais e empresariais.
m) Ao acceso prioritario a cursos de actualización de estudos e formación ao longo de toda a vida.
n) A recibir formación para o desenvolvemento de capacidades, recursos e infraestruturas dixitais.
o) A participar en programas de mobilidade, especialmente nos espazos europeo e iberoamericano de educación superior.
p) A recibir un trato respectuoso e igualitario e a non ser discriminado por motivo de calquera circunstancia ou condición persoal ou social.
q) A recibir unha atención que facilite compaxinar os estudos coa actividade laboral e a vida familiar, xunto coa orientación sobre o itinerario formativo e a inserción social e laboral, e á protección da Seguridade Social.
r) Á seguridade dos medios dixitais e á garantía dos dereitos fundamentais na internet.
s) Ao paro académico que declare o Consello do Estudantado, con respecto ao dereito á educación e sen que exercer este poida supoñer un prexuízo na avaliación académica.
t) Ao exercicio efectivo das liberdades de expresión e os dereitos de reunión, manifestación e asociación, nos termos establecidos na Constitución e no resto do ordenamento xurídico.
u) Á accesibilidade universal dos edificios e os seus ambientes físicos e virtuais, xunto cos servizos, procedementos, comunicación da información, materiais educativos e procesos de ensino, aprendizaxe e avaliación.
v) A se asociar libremente e dispoñer de espazos para desenvolver a súa actividade.
Artigo 36. Deberes do estudantado
Ademais dos deberes establecidos con carácter xeral para todas as persoas que integran a comunidade universitaria, o estudantado ten os seguintes deberes:
a) Realizar os traballos que deriven dos seus plans de estudos e dos programas que os desenvolvan con integridade académica.
b) Participar de forma activa e responsable nas actividades docentes e nas demais actividades universitarias.
c) Respectar a normativa universitaria, incluída a reguladora da convivencia no ámbito universitario, nos termos que estableza a normativa específica.
d) Observar as directrices do profesorado e das autoridades universitarias.
e) Respectar as persoas da comunidade universitaria, así como o persoal das entidades que colaboran ou prestan servizos na universidade.
f) Cooperar co resto da comunidade universitaria na mellora dos servizos e na consecución dos fins da Universidade da Coruña e, para ese fin, participar na avaliación do rendemento docente do profesorado, de acordo co procedemento que se estableza.
g) Exercer, de ser o caso, as responsabilidades propias dos cargos de representación que exerzan.
Artigo 37. Estatuto do estudantado
O Claustro aprobará, co informe previo do Consello do Estudantado, un estatuto do estudantado, que desenvolverá os dereitos e deberes recoñecidos nestes estatutos e os demais previstos na lexislación vixente.
CAPÍTULO III
O profesorado
Sección primeira. Disposicións xerais
Artigo 38. Profesorado funcionario e laboral
1. O profesorado da Universidade da Coruña pode ser funcionario ou laboral.
2. O profesorado funcionario será maioritario, computado en equivalencias a tempo completo, sobre o total do profesorado. Non se computará como profesorado laboral quen non teña responsabilidades docentes nas ensinanzas conducentes á obtención dos títulos universitarios oficiais.
3. O número de profesorado laboral temporal estará suxeito aos límites que estableza a normativa vixente.
Artigo 39. Corpos docentes e categorías
1. O profesorado funcionario pertencerá ao corpo docente de catedráticas ou catedráticos de universidade e profesoras e profesores titulares de universidade.
2. As categorías de profesorado laboral son o profesorado permanente laboral, o profesorado axudante doutor, o profesorado asociado, o profesorado lector, o profesorado substituto, o profesorado visitante e o profesorado distinguido.
3. Constitúen corpos e categorías de profesorado a extinguir as catedráticas ou catedráticos de escola universitaria, o profesorado titular de escola universitaria, o profesorado contratado doutor, o profesorado colaborador e os que, con tal carácter, se regulan nas disposicións transitorias destes estatutos.
Sección segunda. Acceso do profesorado
Artigo 40. Normativa reguladora
O Consello de Goberno aprobará a normativa reguladora dos concursos de acceso de profesorado funcionario e laboral, coas exixencias e condicións que recolla a normativa de aplicación e o que dispoñan estes estatutos.
Artigo 41. Acceso e selección
1. O acceso a prazas de profesorado funcionario requirirá da obtención previa das acreditacións que determine a normativa vixente. A selección do profesorado farase por concurso público convocado pola Universidade, que garanta os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia.
2. A selección de profesorado laboral, agás nas modalidades de profesorado visitante, distinguido e lector, farase por concurso público convocado pola Universidade, que garanta os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia.
Artigo 42. Promoción interna
Poderanse establecer programas de promoción interna para o acceso desde a categoría de profesorado titular e profesorado permanente laboral a outra categoría superior, por procedemento de concurso de méritos, coas condicións establecidas na normativa que resulte de aplicación.
Artigo 43. Persoal interino
A Universidade da Coruña poderá cubrir con carácter interino as prazas de profesorado funcionario e os postos de profesorado laboral mentres se produce a súa cobertura definitiva polo procedemento establecido.
Artigo 44. Convocatoria dos concursos
O Consello de Goberno aprobará a convocatoria dos concursos para o acceso a prazas dos corpos docentes universitarios, sempre que estean dotadas no estado de gastos do orzamento da Universidade, de conformidade coas exixencias da normativa aplicable para cada tipo de persoal e tendo en conta as necesidades que manifestasen os departamentos.
Artigo 45. Igualdade
1. A Universidade poderá establecer medidas de acción positiva nos concursos de acceso para favorecer o acceso das mulleres. Poderanse establecer reservas e preferencias de modo que, en igualdade de condicións de idoneidade, teñan preferencia cando o sexo feminino estea menos representado no corpo docente ou categoría de que se trate.
2. A Universidade garantirá o respecto das reservas de cota para persoas con discapacidade establecidas na normativa de emprego público.
Sección terceira. Comisións de selección e reclamacións
Artigo 46. Comisións de selección
O Consello de Goberno regulará a composición das comisións de selección dos concursos de profesorado funcionario e laboral, en que garantirá o principio de composición equilibrada entre mulleres e homes.
Artigo 47. Comisións de reclamacións
1. Contra as propostas das comisións dos concursos de selección poderase presentar unha reclamación ante a reitora ou o reitor. Unha vez admitida a trámite a reclamación, suspenderanse os nomeamentos ata a súa resolución.
2. Unha comisión de reclamacións valorará a reclamación e o seu informe será vinculante e velará por que se respecten os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, sen detrimento da competencia técnica da Comisión de Selección.
3. A Comisión de Reclamacións das prazas de profesorado funcionario estará composta por sete catedráticas ou catedráticos de universidade de diferentes ámbitos de coñecemento con ampla experiencia docente e investigadora. A Comisión estará presidida pola persoa de maior antigüidade na categoría.
4. A Comisión de Reclamacións das prazas de profesorado laboral estará composta por cinco compoñentes do profesorado funcionario ou permanente laboral de distintos ámbitos de coñecemento. Con voz e sen voto, haberá unha persoa nomeada polo Comité de Empresa do Profesorado Laboral. A Comisión estará presidida pola persoa responsable do vicerreitorado con competencias en materia de profesorado.
5. Os acordos das comisións de reclamacións serán motivados, con constancia, de ser o caso, dos votos particulares discrepantes.
6. As resolucións da reitora ou do reitor poñen fin á vía administrativa e serán impugnables directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo da posibilidade de interposición dun recurso potestativo de reposición nos termos e prazos que estableza a lexislación básica de procedemento administrativo común.
Sección cuarta. Dereitos e deberes do profesorado
Artigo 48. Dereitos do profesorado
1. O profesorado da Universidade da Coruña terá, ademais dos establecidos con carácter xeral para todas as persoas que integran a comunidade universitaria, os seguintes dereitos:
a) A exercer as liberdades de cátedra e investigación e obter unha valoración obxectiva do seu labor.
b) Ao pleno respecto á súa dignidade profesional e persoal no exercicio das súas funcións.
c) Á formación inicial e continuada ao longo da vida, coa finalidade de garantir un constante avance da súa capacidade docente e investigadora.
d) A dispoñer das instalacións e dos medios adecuados para desenvolver as súas funcións.
e) A percibir complementos retributivos de acordo co que dispoña a normativa vixente.
f) A facer uso de licenzas nos termos previstos pola normativa vixente.
g) Á mobilidade temporal nos termos que estableza a normativa vixente.
h) Á conciliación da vida persoal, laboral e familiar segundo estea establecido na normativa vixente.
i) Á negociación colectiva, de acordo co disposto na normativa do emprego público.
2. A Universidade dotará do adecuado financiamento orzamentario os plans de formación e mobilidade do profesorado.
Artigo 49. Deberes do profesorado
O profesorado da Universidade da Coruña terá, ademais dos establecidos con carácter xeral para as persoas empregadas públicas, os seguintes deberes:
a) Someterse ao control obxectivo e periódico dos seus labores docentes e investigadores.
b) Colaborar, no seo do departamento, a establecer os contidos e as metodoloxías da docencia.
c) Cumprir coas súas obrigas docentes e investigadoras.
d) Actualizar a súa formación para perfeccionar a súa actividade docente e investigadora.
Artigo 50. Comisións de servizos, licenzas e permisos
1. Por petición doutra universidade ou organismo público, e logo do informe favorable do seu departamento e do Consello de Goberno, a reitora ou o reitor poderalle conceder comisións de servizo ao profesorado por un curso académico, renovable por igual período.
2. O profesorado poderá obter as licenzas para mellorar ou completar a súa formación noutra universidade ou centro, nacional ou estranxeiro, sen prexuízo de que o departamento teña que cumprir as obrigas docentes que correspondan.
3. A reitora ou o reitor, logo do informe favorable do departamento correspondente, poderalle conceder permisos non retribuídos ao profesorado, con reserva de praza por un período dun ano renovable por outro.
4. O profesorado funcionario ou permanente laboral con dedicación a tempo completo terá dereito, cada sete anos, a unha licenza de investigación por un ano en que conservará todos os seus dereitos económicos e administrativos, sempre que quede asegurada a cobertura da docencia do departamento correspondente. Correspóndelle ao Consello de Goberno outorgar ou denegar as licenzas.
5. As licenzas e os permisos recollidos neste artigo non se poderán aproveitar durante o desempeño dos cargos unipersoais regulados nestes estatutos.
Sección quinta. Figuras de profesorado laboral
Artigo 51. Profesorado axudante doutor
1. Os contratos do profesorado axudante doutor serán con dedicación a tempo completo.
2. Ningunha persoa poderá ser contratada mediante esta modalidade, na mesma ou distinta universidade, por un tempo superior a seis anos, agás que a persoa contratada teña declarada unha discapacidade, o que permitirá estendelo ata un máximo de oito anos en función do seu grao de discapacidade.
3. O profesorado axudante doutor desenvolverá as tarefas docentes coa dedicación máxima por curso académico que estableza a normativa vixente, que dispoñerá medidas que permitan levar a cabo as estadías no estranxeiro necesarias para acadar a acreditación para figuras estables de profesorado.
4. O Consello de Goberno determinará as condicións da avaliación do desempeño do profesorado axudante doutor.
5. En todo caso, o cómputo dos prazos límite de duración dos contratos e da súa avaliación interromperase nas situacións de incapacidade temporal e nos períodos de tempo dedicados a gozar de permisos, licenzas, flexibilidades horarias e excedencias por xestación, embarazo, nacemento; adopción; garda con fins de adopción e acollemento; risco durante a xestación, o embarazo ou a lactación; violencia de xénero e outras formas de violencia contra a muller, así como por razóns de conciliación ou coidado de familiares ou persoas dependentes.
Artigo 52. Profesorado permanente laboral
1. Os contratos do profesorado permanente laboral serán de carácter fixo e indefinido, con dedicación a tempo completo ou parcial nos termos que estableza a normativa vixente.
2. Será requisito previo á súa contratación que posúa o título de doutora ou doutor e conte coa acreditación correspondente.
Artigo 53. Profesorado asociado
1. Os contratos de profesorado asociado realizaranse con especialistas e profesionais de recoñecida competencia que acrediten exercer a súa actividade principal fóra do ámbito académico universitario, cando existan necesidades docentes específicas relacionadas co seu ámbito profesional.
2. Estes contratos serán de carácter indefinido e con dedicación a tempo parcial, nos termos que estableza a normativa vixente.
3. O desempeño deste profesorado non poderá incluír funcións estruturais de xestión e coordinación.
4. O profesorado asociado de Ciencias da Saúde rexerase pola súa normativa específica, sen prexuízo dos dereitos de representación recoñecidos nestes estatutos ao profesorado asociado, que lle resultarán de aplicación.
Artigo 54. Profesorado visitante
1. O Consello de Goberno poderá acordar a contratación de profesorado visitante entre docentes e investigadoras ou investigadores doutras universidades ou centros de investigación, tanto españois como estranxeiros, que poidan contribuír de modo significativo ao desempeño dos centros universitarios.
2. Os contratos terán unha duración máxima de dous anos, improrrogable e non renovable, con dedicación a tempo parcial ou completo, segundo acorden as partes.
Artigo 55. Profesorado distinguido
1. O Consello de Goberno poderá acordar a contratación de profesorado distinguido entre docentes e investigadoras ou investigadores, tanto españois como estranxeiros, que estean a desenvolver a súa carreira académica ou investigadora no estranxeiro e cuxa excelencia e contribución científica, tecnolóxica, humanística ou artística sexan significativas e recoñecidas internacionalmente.
2. A proposta deberá ir acompañada dun informe sobre a actividade e os méritos da candidatura, sen prexuízo doutros informes de órganos de avaliación externa que se consideren necesarios.
3. En todo caso, poderán ter unha dedicación docente máxima de cento oitenta horas lectivas por curso académico.
Artigo 56. Profesorado lector
A Universidade da Coruña poderá contratar profesorado lector de linguas modernas ou estranxeiras.
Artigo 57. Profesorado substituto
1. Poderanse contratar profesoras e profesores para substituír o profesorado con dereito a reserva de posto de traballo que suspenda temporalmente a prestación dos seus servizos por aplicación do réxime de permisos, licenzas ou situacións administrativas distintas á de servizo activo ou que impliquen reducir a súa actividade docente.
2. A dedicación docente deste profesorado non poderá superar a asignada á profesora ou profesor que se vai substituír, nin poderá estenderse a actividades universitarias de distinta natureza, como actividades de investigación ou funcións estruturais de xestión e coordinación, agás aquelas que teñan relación directa coa actividade docente.
3. Este profesorado será contratado en réxime laboral de acordo coa normativa vixente, a partir de bolsas de emprego ou, de ser o caso, doutros sistemas de elección, de acordo coa normativa que estableza o Consello de Goberno.
Sección sexta. Profesorado emérito
Artigo 58. Profesorado emérito
1. O Consello de Goberno, por proposta dun centro ou dun departamento, poderá autorizar o nomeamento, pola reitora ou reitor, de profesorado emérito entre o profesorado funcionario ou laboral que prestase servizos destacados na Universidade, co fin de que contribúa desde a súa experiencia a mellorar a docencia e impulsar a investigación, a transferencia e o intercambio do coñecemento.
2. O Consello de Goberno regulará os requisitos de acceso e desempeño deste profesorado.
Sección sétima. Desenvolvemento da función docente
Artigo 59. Capacidade docente e investigadora
1. As catedráticas e os catedráticos de universidade, o profesorado titular de universidade, as catedráticas e os catedráticos de escola universitaria e o profesorado titular de escola universitaria que posúan o título de doutora ou doutor terán plena capacidade docente e investigadora.
2. O profesorado laboral terá a capacidade docente e investigadora que a normativa vixente lle confira.
Artigo 60. Réxime de dedicación
1. O profesorado da Universidade da Coruña exercerá as súas funcións preferentemente en réxime de dedicación a tempo completo. Cos requisitos, as condicións e os efectos recollidos na normativa vixente poderá ser recoñecida a dedicación a tempo parcial.
2. A Universidade aprobará as normativas de axustes académicos que permitan favorecer a corresponsabilidade nos coidados e asegurar o exercicio efectivo dos dereitos de conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
3. A dedicación docente será compatible coa formalización de contratos para realizar traballos de carácter científico, tecnolóxico, humanístico ou artístico, e con actividades específicas de formación, nos termos previstos na normativa reguladora destes contratos.
4. O profesorado funcionario e permanente laboral en réxime de dedicación a tempo completo terá asignado á actividade docente un máximo de duascentas corenta e un mínimo de cento vinte horas lectivas por curso académico dentro da súa xornada laboral anual. A Universidade poderá modificar este intervalo para:
a) Corrixir as desigualdades entre mulleres e homes derivadas das responsabilidades do coidado de persoas dependentes.
b) Facelas compatibles cos cargos unipersoais de goberno e coas tarefas de responsabilidade en proxectos de interese para a Universidade, nos termos que determine o Consello de Goberno.
c) Permitir as tarefas do profesorado que represente os intereses das persoas empregadas públicas.
5. O cargo de reitora ou reitor e, de ser o caso, o da valedora ou valedor universitario permitirá eximir a quen o desempeñe de todas as obrigas docentes e investigadoras. Todas as restantes reducións docentes deberán ser aprobadas polo Consello de Goberno.
CAPÍTULO IV
O persoal técnico, de xestión e de administración e servizos
Artigo 61. Persoal funcionario e laboral
1. O persoal técnico, de xestión e de administración e servizos da Universidade da Coruña estará formado por persoal funcionario e laboral, suficiente para desenvolver adecuadamente os servizos e funcións da Universidade.
2. Este persoal estará especializado nun ou en varios dos distintos ámbitos da actividade universitaria. A Universidade determinará as funcións e os perfís desta actividade e a cualificación necesaria para asegurar un desempeño eficaz e eficiente, no marco da negociación colectiva que corresponda.
Artigo 62. Normativa reguladora
1. O persoal funcionario rexerase polo que establece a Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, a normativa básica e autonómica do persoal empregado público, estes estatutos e os pactos e acordos concertados nas mesas de negociación correspondentes polas persoas representantes da Universidade e a representación das organizacións sindicais.
2. O persoal laboral rexerase pola normativa recollida no parágrafo anterior e, ademais, polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e polos convenios colectivos que resulten de aplicación.
Artigo 63. Grupos e escalas do persoal funcionario
1. O persoal funcionario agruparase, de acordo coa titulación exixida para o seu ingreso, nos distintos grupos que estableza a lexislación de función pública vixente.
2. As escalas propias da Universidade equipararanse, por analoxía da titulación exixida para o seu ingreso e a natureza das súas funcións, ás que existan ou se creen noutras administracións públicas.
3. O Consello de Goberno, por proposta da reitora ou do reitor, e co informe previo do órgano de representación do persoal funcionario, poderá crear, modificar, integrar ou suprimir as escalas propias, de conformidade coa lexislación xeral de función pública.
Artigo 64. Categorías e grupos do persoal laboral
As categorías e os grupos profesionais do persoal laboral serán os que estean establecidos no correspondente convenio colectivo.
Artigo 65. Carreira profesional
1. O persoal técnico, de xestión e de administración e servizos poderá desenvolver a súa carreira profesional mediante a progresión de grao, categoría, escala ou nivel, sen necesidade de cambiar de posto de traballo e coa remuneración correspondente a cada un deles, atendendo á súa traxectoria profesional, á calidade dos traballos realizados, aos coñecementos adquiridos, á formación acreditada e á avaliación do seu desempeño.
Así mesmo, poderá desenvolver a súa carreira profesional mediante o ascenso na estrutura de postos de traballo, atendendo á valoración dos seus méritos, ao seu grao de especialización e ás aptitudes por razón da especificidade da función que desempeña e da experiencia adquirida.
2. En todo caso, na carreira profesional deste persoal observaranse os principios de transparencia retributiva e de igualdade efectiva nos procesos de promoción profesional.
Artigo 66. Negociación colectiva
1. O persoal funcionario propoñerá e negociará, a través das persoas que o representan, as condicións de traballo non determinadas por lei. O Consello de Goberno aprobará, no marco da normativa de aplicación, un regulamento xeral que recolla as condicións de traballo e aqueloutras cuestións que afecten a relación profesional.
2. As condicións laborais, a determinación de categorías e demais cuestións que afecten o persoal laboral estableceranse, dentro do marco da normativa aplicable, mediante un convenio colectivo.
Artigo 67. Dependencia orgánica e funcional
O persoal técnico, de xestión e de administración e servizos dependerá organicamente da Xerencia da Universidade e funcionalmente das persoas titulares do Reitorado, a Secretaría Xeral, a Xerencia, os vicerreitorados, os decanatos e as direccións de centros, as direccións de departamentos, as direccións de centros de investigación e as direccións e xefaturas de servizos a que estea adscrito.
Artigo 68. Relación de postos de traballo
1. As relacións de postos de traballo do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos son o instrumento técnico a través do cal se realiza a ordenación do dito persoal de acordo coas necesidades da Universidade.
2. Partindo das necesidades de xestión e dos criterios establecidos, a Xerencia elaborará o cadro de persoal e a relación de postos de traballo, os cales, tras a negociación previa cos órganos de representación, se lle remitirán ao Consello de Goberno para someter a aprobación, incluílos no orzamento da Universidade e remitirllos á Xunta de Galicia para a súa aprobación final, indicando as modificacións que se introduzan respecto á relación vixente.
3. Sen prexuízo do previsto na lexislación básica en materia de función pública ou noutra lexislación aplicable, a relación de postos de traballo deberá incluír:
a) A denominación de cada posto e a súa forma de provisión.
b) As características esenciais e condicións requiridas para o acceso a cada posto.
c) As condicións retributivas de cada posto.
4. As relacións de postos de traballo revisaranse e aprobaranse preceptivamente cada tres anos e de modo potestativo con carácter anual.
5. O Consello de Goberno aprobará, por proposta da reitora ou do reitor e co informe previo dos órganos de representación, os criterios que definan as características das prazas, as normas que regulen a mobilidade do persoal e a especificación do persoal eventual ou de libre designación. O número máximo de persoal eventual axustarase ao que estableza a relación de postos de traballo de persoal eventual, que se aprobará de acordo co que estea previsto nestes estatutos, na lexislación básica e na autonómica.
Artigo 69. Acceso e selección
1. A selección do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, funcionario e laboral, realizarase mediante a superación das probas selectivas de acceso, nos termos que establezan a normativa aplicable e estes estatutos e, en todo caso, de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade, transparencia, publicidade e concorrencia, así como a posibilidade de recurso ante a propia universidade.
2. As convocatorias relativas aos ditos procesos de selección publicaranse no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, a Universidade garantirá a transparencia e obxectividade dos procesos, a imparcialidade e independencia dos órganos de selección e a súa composición equilibrada entre mulleres e homes, a adecuación dos contidos das probas selectivas ás funcións e tarefas que se desenvolverán e a dispoñibilidade de mecanismos de revisión dos resultados, de acordo co que dispoñan a normativa aplicable e a negociación colectiva.
Artigo 70. Provisión de postos de traballo
1. Na provisión de postos de traballo, a Universidade atenderá as necesidades do servizo e garantirá os principios de publicidade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade.
2. A provisión de postos de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos realizarase mediante o sistema de concurso, e poderá concorrer tanto o seu propio persoal como o persoal doutras universidades, así como, nas condicións que regulamentariamente se determinen, o persoal pertencente a corpos e escalas das administracións públicas.
3. Na convocatoria pública dos concursos figurarán os baremos aplicables. A Xerencia, tras a negociación previa cos órganos de representación, establecerá estes baremos e os procedementos para realizar as convocatorias, que deberán ser aprobados pola reitora ou reitor.
4. Só se poderán cubrir polo sistema de libre designación aqueles postos de persoal funcionario que determine a Universidade atendendo á natureza das súas funcións, e de conformidade coa normativa xeral da función pública.
5. A Universidade garantirá que as ofertas de emprego se axusten ás previsións establecidas na normativa que, con carácter xeral, sexa de aplicación ao sector público en materia de reserva de cota para persoas con discapacidade.
Artigo 71. Retribucións
1. O persoal técnico, de xestión e de administración e servizos será retribuído con cargo ao orzamento da Universidade.
2. En calquera caso, as retribucións básicas e complementarias non poderán ser inferiores na súa contía ás previstas para os diversos corpos e escalas existentes na Comunidade Autónoma de Galicia ou noutras administracións. Os niveis dos postos de traballo non poderán ser inferiores a outros iguais ou similares da Comunidade Autónoma ou doutras administracións.
3. A Universidade poderá establecer programas de incentivos vinculados aos méritos individuais do persoal e á súa contribución á mellora da actividade que desempeña en relación coa docencia, a investigación, a transferencia e o intercambio do coñecemento ou a xestión e prestación de servizos especializados.
Artigo 72. Dereitos do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos
O persoal técnico, de xestión e de administración e servizos da Universidade da Coruña terá, ademais dos establecidos con carácter xeral para todas as persoas que integran a comunidade universitaria, os seguintes dereitos:
a) Coñecer as funcións relativas ao seu posto de traballo.
b) Respectar a súa dignidade persoal e profesional.
c) Recibir a formación necesaria para desenvolver as súas funcións e dispoñer de permisos retribuídos para actividades de formación e actualización profesional.
d) Coñecer os procedementos e os sistemas de avaliación do seu rendemento que se establezan.
e) Avanzar na carreira profesional en función dos méritos e capacidades que demostre no desempeño das súas funcións.
f) Participar libre e significativamente no deseño, a implementación e a avaliación da política universitaria e á súa representación nos órganos de goberno e representación da universidade, de acordo co disposto nestes estatutos.
g) Conciliar a vida persoal, laboral e familiar nos termos que estableza a normativa vixente.
h) Exercer a actividade sindical, a negociación colectiva e participar na determinación das condicións de traballo.
i) Utilizar as instalacións e os servizos universitarios segundo a normativa vixente.
Artigo 73. Deberes do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos
Ademais dos deberes establecidos con carácter xeral para todas as persoas que integran a comunidade universitaria, o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos ten os seguintes deberes:
a) Desenvolver as súas funcións de acordo cos principios de legalidade, eficiencia e eficacia.
b) Participar nos procedementos para o control e a avaliación profesional que estableza a universidade;
c) Participar nos procesos de formación e perfeccionamento relativos ás súas funcións.
Artigo 74. Formación e mobilidade
1. A Universidade implantará plans plurianuais destinados á mobilidade do seu persoal técnico, de xestión e de administración e servizos para desempeñar as súas funcións noutras universidades ou administracións públicas, e para tal fin formalizará convenios que aseguren a reciprocidade.
2. A Universidade incluirá nestes plans a mobilidade internacional, en coordinación coas administracións públicas, a través de programas e convenios específicos, incluíndo aqueles que institúa a Unión Europea, mediante estadías con fins formativos en institucións de educación superior, entidades ou empresas.
3. A Universidade establecerá plans plurianuais de formación ao longo da vida que garantan a mellora profesional do seu persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, nos distintos ámbitos de especialización da actividade universitaria.
Artigo 75. Xunta de Persoal
1. A Xunta de Persoal do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos é o órgano de representación legal do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos funcionario. As súas funcións e o modo de elección son as que establecen as disposicións legais vixentes que sexan de aplicación e estes estatutos.
2. A Universidade facilitará os medios materiais e económicos necesarios que permitan o normal desenvolvemento das actividades dos órganos de representación do persoal, incluída a utilización das listas de correo electrónico de persoal.
CAPÍTULO V
Persoal contratado para realizar tarefas de investigación
Artigo 76. Categorías
A Universidade poderá contratar persoal para realizar tarefas de investigación nalgunha das modalidades contractuais recoñecidas na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación:
a) Contrato predoutoral.
b) Contrato de acceso de persoal investigador doutor.
c) Contrato de investigadora ou investigador distinguida ou distinguido.
d) Contrato de actividades científico-técnicas.
Artigo 77. Réxime xurídico
O réxime xurídico aplicable a estes contratos será o establecido na Lei 14/2011, no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, nos convenios colectivos que resulten de aplicación e, de ser o caso, no texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público.
Artigo 78. Dependencia orgánica e funcional
As persoas contratadas para realizar tarefas de investigación estarán baixo a dependencia orgánica e funcional do vicerreitorado con competencias en materia de investigación.
Artigo 79. Dereitos e deberes
1. A Universidade promoverá acordos coa representación legal das persoas traballadoras para realizar tarefas de investigación que recollan os dereitos e deberes do colectivo.
2. Este persoal terá, en todo caso, dereitos de participación nos órganos de goberno e representación da Universidade nos termos establecidos nestes estatutos.
CAPÍTULO VI
Garantía dos dereitos da comunidade universitaria
Sección primeira. A Valedoría Universitaria
Artigo 80. Natureza
1. A Valedoría Universitaria é o órgano encargado de velar polo respecto dos dereitos e das liberdades das persoas que integran a comunidade universitaria ante as actuacións dos diferentes órganos e servizos universitarios, que poderá asumir tarefas de mediación, conciliación e bos oficios.
2. As súas actuacións dirixiranse a mellorar a calidade universitaria en todos os seus ámbitos e a promover a convivencia, a cultura da corresponsabilidade, as boas prácticas e a ética.
3. As actuacións da Valedoría Universitaria non estarán suxeitas a ningún mandato imperativo e virán rexidas polos principios de independencia, autonomía e confidencialidade.
4. O Claustro aprobará o Regulamento da Valedoría Universitaria.
Artigo 81. Elección, duración do mandato e cesamento da valedora ou do valedor
1. A valedora ou o valedor será elixida ou elixido por maioría absoluta do Claustro universitario, entre as persoas que integran a comunidade universitaria, por un período de seis anos.
2. A condición de valedora ou valedor é incompatible co desempeño de calquera cargo de representación ou goberno universitario e poderase dispensar total ou parcialmente das súas actividades docentes.
3. O mandato da valedora ou valedor finalizará polo transcurso do seu prazo máximo de duración, por dimisión ou por cesamento acordado por moción de dúas terceiras partes do Claustro, por proposta do vinte por cento (20 %) das persoas claustrais, no caso de incumprimento das súas obrigas e deberes inherentes ao cargo.
Artigo 82. Funcións
1. Correspóndelle á Valedoría Universitaria actuar ante solicitudes de intervención das persoas que integran a comunidade universitaria que consideren lesionados os seus dereitos e liberdades pola actuación de órganos e servizos universitarios e, para iso, poderá demandar das distintas instancias universitarias canta información considere oportuna para cumprir os seus fins.
2. A valedora ou o valedor actuará de oficio cando tiver coñecemento de feitos que poidan lesionar os dereitos e as liberdades das persoas da comunidade universitaria.
3. A Valedoría Universitaria poderá elaborar cantos informes se lle soliciten ou considere oportuno emitir en relación coas actuacións en curso, e solicitalos dos órganos e servizos universitarios cando os considere necesarios para levar a cabo a súa función.
4. A valedora ou o valedor poderá efectuar as propostas e recomendacións que considere adecuadas para solucionar os casos que sexan sometidos ao seu coñecemento, ou resolvelos a través da mediación.
5. A Valedoría Universitaria asesorará a comunidade universitaria sobre os procedementos administrativos existentes para formular as súas reclamacións, sen prexuízo das competencias doutros órganos administrativos da propia universidade.
6. A valedora ou o valedor non poderá actuar en relación con actos que poñan fin á vía administrativa ou contra os cales se interpuxese recurso administrativo ou xurisdicional.
7. A Valedoría Universitaria deberá presentar anualmente ante o Claustro universitario unha memoria da súa actividade coas recomendacións e suxestións oportunas.
Sección segunda. A Comisión de Convivencia
Artigo 83. Natureza e funcións
1. A Comisión de Convivencia é un órgano colexiado que ten como finalidade principal velar pola convivencia pacífica na Universidade aplicando medios alternativos de solución de conflitos baseados na mediación.
2. O Claustro regulará os supostos en que poderá intervir a Comisión de Convivencia e o procedemento de mediación.
3. Non poderán ser obxecto de mediación os procedementos disciplinarios iniciados por falta moi grave.
Artigo 84. Composición e duración do mandato
1. O Claustro designará as persoas que compoñan a Comisión de Convivencia de entre o estudantado, o profesorado e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, e asegurará unha representación igualitaria de mulleres e de homes e equitativa entre os colectivos.
2. As persoas que integran a Comisión de Convivencia non poderán exercer cargo académico ou representativo. Na súa actuación estarán suxeitas ás causas de abstención e recusación previstas na normativa básica do réxime xurídico do sector público.
3. A duración do mandato será de catro anos para o profesorado e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos e de dous para o estudantado.
Sección terceira. A Comisión Institucional de Mediación, Arbitraxe e Conciliación
Artigo 85. Natureza e funcións
A Comisión Institucional de Mediación, Arbitraxe e Conciliación é un órgano colexiado que ten como finalidade principal atender as queixas ou reclamacións do persoal da Universidade por causa de violencia psicolóxica ou física no traballo e establecer as medidas de corrección ou as recomendacións de prevención nos procesos que se sometan ao seu estudo.
Artigo 86. Composición e funcionamento
1. A Comisión estará integrada pola persoa titular da Xerencia, que a presidirá, as persoas titulares dos vicerreitorados con competencias en materia de profesorado e investigación, e as presidencias dos órganos de representación das traballadoras e traballadores. Actuará como secretaria, con voz e sen voto, a persoa que exerza a Xefatura do Servizo de Prevención de Riscos Laborais.
2. A Comisión aprobará un regulamento de réxime interno en que se establecerá no procedemento de designación e o réxime de funcionamento da persoa ou persoas que se farán cargo, de ser o caso, da mediación, arbitraxe ou conciliación.
Sección cuarta. Atención á violencia de xénero, discriminación e acoso sexual por razón de sexo
Artigo 87. Creación da Comisión de Igualdade
1. A Universidade creará unha comisión de igualdade para atender as persoas da comunidade universitaria ante casos de violencia de xénero, discriminación e acoso sexual por razón de sexo.
2. O Claustro aprobará, por proposta do vicerreitorado con competencias en materia de igualdade, o Regulamento da Comisión de Igualdade, designará as persoas que a compoñen e garantirá unha composición paritaria e a representación equilibrada dos diversos colectivos da comunidade universitaria.
TÍTULO III
Goberno e representación na Universidade
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Sección primeira. Tipoloxía de órganos
Artigo 88. Órganos colexiados e unipersoais
1. A acción de goberno e representación na Universidade da Coruña recaerá sobre órganos colexiados e unipersoais.
2. Son órganos colexiados da Universidade os seguintes:
a) O Claustro universitario.
b) O Consello de Goberno.
c) O Consello Social.
d) O Consello do Estudantado.
e) As xuntas de facultade ou escola.
f) O Comité de Dirección da Escola de Doutoramento.
g) Os consellos de departamento.
h) Os consellos reitores dos centros de investigación.
3. Son órganos unipersoais da Universidade os seguintes:
a) A reitora ou o reitor.
b) As vicerreitoras e os vicerreitores.
c) A secretaria ou o secretario xeral.
d) A xerenta ou o xerente.
e) A presidenta ou o presidente e a secretaria ou o secretario do consello social.
f) A presidenta ou o presidente e a secretaria ou o secretario do Consello do Estudantado.
g) As decanas e os decanos de facultade e as directoras e os directores de escola; as vicedecanas e os vicedecanos de facultade e as subdirectoras e os subdirectores de escola, e as secretarias e os secretarios de facultade ou escola.
h) A directora ou o director, a subdirectora ou o subdirector e a secretaria ou o secretario da escola internacional de doutoramento.
i) As directoras e os directores e as secretarias e os secretarios de departamentos.
j) As directoras e os directores de centros de investigación; as subdirectoras e os subdirectores de centros de investigación, e as secretarias e os secretarios de centros de investigación.
4. A creación doutros órganos quedará suxeita ao que dispoñan o Regulamento xeral das estruturas académicas da Universidade e os regulamentos de réxime interno que aproben o Claustro e o Consello de Goberno.
Sección segunda. Réxime xurídico dos órganos colexiados
Artigo 89. Integrantes dos órganos colexiados
1. As persoas que integran os órganos colexiados serán nomeadas pola reitora ou reitor, por propia iniciativa, por proposta doutro órgano ou por elección, nos termos que dispoñan estes estatutos ou a normativa de universidades estatal ou autonómica que os regule.
2. As persoas electas dos órganos colexiados elixiranse mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, agás que nestes estatutos se dispoña outro modo.
Artigo 90. Duración do mandato
A duración do mandato das persoas que integran os órganos colexiados será a que establezan para cada órgano estes estatutos ou a normativa de universidades estatal ou autonómica que sexa de aplicación.
Artigo 91. Funcionamento dos órganos colexiados
1. Os órganos colexiados suxeitarán as súas actuacións ao que estea disposto na normativa básica de réxime xurídico do sector público, nestes Estatutos e no seu propio regulamento de réxime interno.
2. O Consello de Goberno aprobará os regulamentos de réxime interno elaborados polos órganos colexiados, agás o do Claustro, o do Consello Social e o do Consello do Estudantado, que serán aprobados polos propios órganos logo do informe favorable da Asesoría Xurídica.
3. Nos regulamentos de réxime interno dos órganos colexiados estableceranse o réxime de convocatorias e desenvolvemento das sesións, o quórum de constitución e o réxime de adopción de acordos, os dereitos e deberes das persoas que os integran e todas as demais cuestións que garantan o seu correcto funcionamento.
4. A asistencia ás sesións dos órganos colexiados constitúe un dereito e un deber para todas as persoas que os integran. A normativa académica recollerá as medidas necesarias para que as ditas persoas poidan desenvolver as súas funcións representativas sen prexudicar a súa formación, carreira docente ou investigadora.
5. As persoas representantes dos diferentes sectores da comunidade universitaria nos órganos colexiados contarán cos medios necesarios para cumprir co seu labor e co deber de informar as persoas que representan.
Artigo 92. Composición paritaria
A composición dos órganos colexiados deberá procurar a paridade entre xéneros, nos termos que dispoña o Regulamento electoral xeral da Universidade.
Sección terceira. Réxime xurídico dos órganos unipersoais
Artigo 93. Requisitos das persoas titulares dos órganos unipersoais
1. O profesorado ou o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos que desempeñe cargos nos órganos unipersoais deberá ter dedicación a tempo completo.
2. O estudantado que desempeñe cargos nos órganos unipersoais deberá estar matriculado en estudos oficiais de grao, mestrado ou doutoramento.
3. Non se poderá desempeñar máis dun cargo simultaneamente.
Artigo 94. Nomeamento
1. As persoas titulares dos órganos unipersoais serán nomeadas pola reitora ou reitor, por propia iniciativa, por proposta doutro órgano ou por elección, nos termos que dispoñan estes estatutos ou a normativa de universidades estatal ou autonómica que os regule.
2. De non se poder efectuar o nomeamento por falta de persoas candidatas que reúnan os requisitos exixidos, a reitora ou o reitor encargaralle provisionalmente as funcións do cargo a unha persoa que forme parte do profesorado funcionario ou do profesorado permanente laboral adscrito á estrutura de que se trate, que ocupará o posto mentres non se cubra conforme o previsto nestes estatutos.
3. De non se poder efectuar o nomeamento dos órganos unipersoais do Consello do Estudantado, a reitora ou o reitor encargaralle provisionalmente as funcións do cargo a unha das persoas integrantes do Consello.
Artigo 95. Duración do mandato
1. O mandato das persoas titulares dos órganos unipersoais será de seis anos improrrogables e non renovables, agás o disposto nos parágrafos seguintes.
2. O mandato da presidenta ou o presidente e a secretaria ou o secretario do Consello Social estará regulado polo que dispón a normativa autonómica que resulte de aplicación e, na súa falta, polo disposto no punto anterior.
3. O mandato da presidenta ou o presidente e da secretaria ou o secretario do Consello do Estudantado será dun ano, con posibilidade de reelección ata un máximo de catro.
4. O mandato das directoras e os directores, das subdirectoras e os subdirectores, e das secretarias e os secretarios de centros de investigación regularase polo que está disposto no número 1 deste artigo, agás que resulte de aplicación outro réxime en virtude do que estableza a normativa que resulte de aplicación.
Artigo 96. Substitución temporal do cargo
1. No caso de ausencia ou enfermidade da reitora ou do reitor, asumirá as súas funcións a vicerreitora ou o vicerreitor que corresponda segundo o previsto na resolución reitoral que fixe as competencias e o réxime de suplencia dos órganos superiores de goberno ou, na súa falta, a persoa de maior categoría e antigüidade do equipo de goberno.
2. No caso de baixa por enfermidade ou permiso de maternidade ou paternidade doutros cargos unipersoais, a reitora ou o reitor designará a persoa que a/o substituirá, nos termos previstos para cada cargo nestes estatutos ou, no caso dos cargos do Consello do Estudantado, nos termos establecidos no seu regulamento de réxime interno.
3. Noutros casos de ausencia, a substitución non se poderá prolongar máis de tres meses e, no caso de se superar ese prazo, procederase ao seu cesamento e á convocatoria de eleccións ou ao nomeamento doutra persoa, segundo proceda.
Artigo 97. Cesamento ordinario dos cargos unipersoais
1. As persoas titulares dun órgano unipersoal cesarán no seu cargo pola expiración do prazo de duración do seu mandato ou do mandato do cargo de quen dependan.
2. O cesamento producirase anticipadamente por pedimento propio, por decisión do cargo de que dependan, por perda sobrevida das condicións para o exercicio do cargo ou pola causa recollida no número 3 do artigo anterior.
Artigo 98. Cesamento extraordinario da reitora ou do reitor
1. Con carácter extraordinario, o Claustro poderá convocar eleccións a reitora ou o reitor antes da expiración do mandato, por iniciativa dun terzo das persoas que o integran que inclúa, cando menos, un trinta por cento (30 %) do profesorado funcionario e do profesorado permanente laboral. A aprobación da iniciativa por dous terzos do Claustro provocará a súa disolución e o cesamento da reitora ou do reitor, que continuará en funcións ata a toma de posesión da nova persoa reitora.
2. Se a iniciativa non for aprobada, ningunha das persoas solicitantes poderá participar na presentación doutra iniciativa dese carácter ata que transcorra un ano desde a súa votación.
3. Unha vez que cese a reitora ou o reitor, débese proceder nun prazo máximo de corenta e cinco días á convocatoria de novas eleccións.
Artigo 99. Cesamento extraordinario doutros cargos unipersoais electos
1. Con carácter extraordinario, os órganos colexiados poderán depoñer os cargos unipersoais que lles correspondeu elixir. Para iso, é necesaria a iniciativa dun terzo das persoas que integren o órgano, aprobada por dous terzos do órgano en sesión extraordinaria convocada para o efecto. A aprobación provocará o cesamento do cargo, que continuará en funcións ata a toma de posesión do novo cargo, e a convocatoria de eleccións.
2. O Regulamento electoral xeral regulará o procedemento aplicable a cada órgano.
3. A iniciativa de destitución deberalle ser comunicada á secretaria ou ao secretario xeral, quen adoptará as medidas oportunas para garantir que sexa convocada a sesión extraordinaria do órgano colexiado no prazo máximo dun mes.
Sección cuarta. Adopción de resolucións e acordos e réxime de impugnación
Artigo 100. Resolucións e acordos
1. As decisións dos órganos unipersoais adoptarán a forma de resolución e as dos órganos colexiados de acordos.
2. As resolucións da reitora ou do reitor e os acordos do Claustro, Consello de Goberno e Consello Social poñerán fin á vía administrativa. Contra estas resolucións ou acordos poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición nos termos e prazos que estableza a lexislación básica do procedemento administrativo común.
3. Contra as demais resolucións e acordos poderase interpoñer un recurso de alzada nos termos e prazos que estableza a lexislación básica do procedemento administrativo común, que resolverá a reitora ou o reitor no caso das resolucións, ou o Consello de Goberno no caso dos acordos.
CAPÍTULO II
Os órganos colexiados
Sección primeira. O Claustro universitario
Artigo 101. Natureza e competencias
1. O Claustro universitario é o máximo órgano de representación e participación da comunidade universitaria.
2. As competencias do Claustro son:
a) Aprobar os estatutos da Universidade e, de ser o caso, modificalos, sen prexuízo do control de legalidade que lle corresponde á Xunta de Galicia.
b) Aprobar o Regulamento xeral de estruturas académicas.
c) Debater e realizar propostas de política universitaria para que lle sexan remitidas ao equipo de goberno ou, de ter carácter normativo, ao Consello de Goberno.
d) Elixir as persoas representantes do Claustro noutros órganos de goberno da Universidade.
e) Elixir, por maioría absoluta, a valedora ou o valedor da comunidade universitaria, aprobar o seu regulamento e tomar coñecemento da memoria anual sobre a súa actividade.
f) Elixir as persoas que compoñen a Comisión Electoral da Universidade.
g) Convocar, con carácter extraordinario, eleccións a reitora ou a reitor tras o seu cesamento extraordinario.
h) Debater temáticas de especial transcendencia para a Universidade.
i) Debater e aprobar, de ser o caso, o informe anual de xestión da reitora ou do reitor.
j) Aprobar e modificar o seu regulamento de réxime interno.
k) Calquera outra competencia que estableza a normativa vixente ou estes Estatutos.
Artigo 102. Composición e duración do mandato
1. O Claustro universitario estará composto pola reitora ou reitor, que o presidirá, a secretaria ou o secretario xeral, que tamén o será do Claustro, e a xerenta ou o xerente, que serán membros natos, e trescentas persoas representantes dos distintos sectores da comunidade universitaria nos seguintes termos:
a) Cento cincuenta e tres (51 %) pertencerán ao profesorado funcionario e profesorado permanente laboral.
b) Tres (1 %) pertencerán ao profesorado asociado.
c) Vinte e un (7 %) pertencerán ao resto de profesorado laboral.
d) Trinta (10 %) representarán o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
e) Quince (5 %) representarán o persoal contratado en tarefas de investigación.
f) Setenta e oito (26 %) serán representantes do estudantado, incluído o pertencente á Escola Internacional de Doutoramento.
2. As persoas do Claustro que figuran na letra a) do punto anterior serán elixidas por seis anos; as das letras b), c), d) e e) serán por tres anos e o estudantado será por dous anos.
Artigo 103. Funcionamento
1. Todas as sesións do Claustro serán públicas.
2. O órgano coordinador e moderador das sesións do Claustro será a Mesa do Claustro, conformada pola reitora ou reitor, que a presidirá, a secretaria ou o secretario xeral, que o será da Mesa, e por doce persoas elixidas entre as claustrais nunha votación por sectores.
Sección segunda. O Consello de Goberno
Artigo 104. Natureza e competencias
1. O Consello de Goberno é o máximo órgano de goberno da Universidade.
2. Correspóndelle ao Consello de Goberno o exercicio ordinario da potestade regulamentaria da Universidade da Coruña, sen prexuízo da potestade de aprobación de regulamentos atribuídos a outros órganos nestes estatutos ou na normativa de universidades estatal ou autonómica.
3. Correspóndenlle ao Consello de Goberno as seguintes competencias:
a) Propoñerlle á Xunta de Galicia a creación, modificación e supresión de facultades e escolas.
b) Crear, modificar e suprimir as restantes estruturas académicas previstas nestes estatutos.
c) Promover e aprobar os plans estratéxicos da Universidade por proposta do equipo de goberno.
d) Fixar as directrices fundamentais e os procedementos de aplicación de todas as políticas da Universidade.
e) Propoñerlle ao Consello Social, para a súa aprobación, o Plan plurianual de financiamento.
f) Aprobar e modificar os plans de estudos, acordar as directrices para a súa elaboración e supervisar o seu desenvolvemento e execución.
g) Aprobar a programación docente da universidade.
h) Propoñerlle ao Consello Social, para a súa aprobación, os orzamentos da universidade e dos entes dependentes, e as contas anuais da Universidade.
i) Aprobar os convenios de adscrición de centros.
j) Aprobar os convenios de colaboración, de cooperación académica e de investigación, sen prexuízo de que esta facultade lles poida ser atribuída a outros órganos estatutarios a través de mecanismos internos de distribución de competencias da Universidade.
k) aprobar as convocatorias de prazas do profesorado e do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
l) Autorizar o nomeamento de profesorado emérito.
m) Elixir as persoas que integran as comisións de reclamacións previstas nestes estatutos.
n) Aprobar e modificar as relacións de postos de traballo e remitirllas á Xunta de Galicia para a súa aprobación.
o) Outorgarlle a Venia docendi ao profesorado dos centros adscritos.
p) Definir e aprobar os plans de captación, estabilización e promoción do profesorado.
q) Definir e impulsar, en coordinación coa Unidade de Igualdade, un plan de igualdade de xénero e poñer á disposición da comunidade universitaria protocolos para a prevención, detección e actuación ante situacións de violencia de xénero, discriminación ou acoso por razón de sexo.
r) Informar da aprobación do Plan de igualdade negociado coa representación da Universidade e a representación legal das persoas traballadoras, que conterá, cando menos, as materias recollidas no artigo 46.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, ou norma que a substitúa.
s) Definir e impulsar, en coordinación coa Unidade de Diversidade, un plan de inclusión e non discriminación, elaborar protocolos e desenvolver medidas de prevención e resposta fronte á violencia, ao acoso laboral ou á discriminación.
t) Definir e impulsar unha estratexia de mitigación do cambio climático que inclúa plans de eficiencia enerxética e cambio a enerxías renovables, de alimentación sustentable e de proximidade, e de mobilidade.
u) Aprobar a normativa de funcionamento da Inspección de Servizos e os seus procedementos de rendición de contas anuais.
v) Aprobar as normas que regulen o progreso e a permanencia do estudantado na Universidade, co informe previo do Consello Social, e a normativa académica.
w) Aprobar a normativa reguladora da contratación de servizos científicos, tecnolóxicos, artísticos, humanísticos ou docentes, tras o informe previo favorable do Consello Social.
x) Aprobar os regulamentos de réxime interno elaborados polos órganos colexiados, agás o do Claustro, o do Consello Social e o do Consello do Estudantado.
y) Dirimir os conflitos que poidan xurdir entre os centros, departamentos e áreas de coñecemento, impulsar a súa actividade e suplila cando, tras o preceptivo requirimento, deixe de se realizar sen a correspondente xustificación.
z) Calquera outra competencia que establezan estes estatutos.
Artigo 105. Composición
O Consello de Goberno estará composto pola reitora ou reitor, que o presidirá, a secretaria ou o secretario xeral, que tamén o será do Consello de Goberno, e a xerenta ou o xerente, que serán membros natos, e un máximo de sesenta representantes dos distintos sectores da comunidade universitaria, nos seguintes termos:
a) trinta persoas do profesorado funcionario e do profesorado permanente laboral, e entre elas:
– Cinco elixidas por/entre as persoas representantes do sector no Claustro.
– Cinco elixidas por/entre as decanas e os decanos e os directoras e directores de xuntas de facultade ou escola, elixidas por/entre elas.
– Unha elixida por/entre as persoas que integran o Comité de Dirección da Escola Internacional de Doutoramento.
– Cinco elixidas por/entre as directoras e os directores dos departamentos.
– Unha elixida por/entre as directoras e os directores dos centros de investigación.
– Trece persoas designadas pola reitora ou reitor.
b) Catro representantes do resto do profesorado, unha elixida por/entre o profesorado asociado do Claustro e as restantes por/entre o resto do profesorado do Claustro.
c) Sete do estudantado, elixidas por/entre as persoas representantes do estudantado no Claustro.
d) Cinco do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, elixidas por/entre as persoas representantes do sector no Claustro.
e) Dúas do persoal contratado en tarefas de investigación, elixidas por/entre as representantes do sector no Claustro.
f) Dúas persoas dos órganos unitarios de representación das empregadas e empregados públicos ao servizo da Universidade, por proposta dos seus órganos.
g) Tres do Consello Social, elixidas por/entre as persoas integrantes do órgano que non formen parte do Equipo de Goberno.
h) Sete designadas pola reitora ou reitor, entre as cales figurarán, polo menos, unha persoa do estudantado, unha do profesorado e unha do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, en que se procurará unha composición paritaria do Consello de Goberno e a representación equilibrada do Campus de Ferrol.
Artigo 106. Duración do mandato
1. A duración do mandato das persoas elixidas entre integrantes doutros órganos colexiados virá determinada pola duración dos mandatos nos respectivos órganos.
2. O mandato das designadas pola reitora ou reitor rematará, en todo caso, co seu cesamento.
Sección terceira. O Consello Social
Artigo 107. Natureza e competencias
1. O Consello Social é o órgano de participación e representación da sociedade na Universidade, un espazo de colaboración e rendición de contas en que as institucións, as organizacións sociais e o tecido produtivo se interrelacionan coa Universidade.
2. As competencias do Consello Social son as que se dispoñan por lei do Parlamento de Galicia e as que lle atribúen estes estatutos.
Artigo 108. Composición
1. A composición e a duración do mandato das persoas que integran o Consello Social será determinada por lei do Parlamento de Galicia.
2. En todo caso, formarán parte do Consello Social:
a) A reitora ou o reitor, a secretaria ou o secretario xeral e a xerenta ou o xerente.
b) Unha persoa en representación do profesorado, elixida por/entre as que formen parte do Consello de Goberno.
c) Unha en representación do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, e elixida por/entre as que formen parte do Consello de Goberno.
d) Unha en representación do estudantado, elixida polo Consello do Estudantado de entre as persoas que o integran.
Artigo 109. Duración do mandato
A duración do mandato das persoas electas no Consello Social será de tres anos, agás a representante do Consello do Estudantado no Consello Social, que terá un mandato dun ano.
Sección cuarta. O Consello do Estudantado
Artigo 110. Natureza e funcións
1. O Consello do Estudantado é o órgano superior de representación e coordinación do estudantado no ámbito da Universidade.
2. Son funcións do Consello do Estudantado:
a) Defender os intereses do estudantado e canalizar as solicitudes ou queixas do estudantado perante os órganos de goberno da Universidade.
b) Velar polo cumprimento e o respecto dos dereitos e deberes do estudantado.
c) Realizarlles propostas aos órganos de goberno en materias relacionadas coas súas competencias para incluílas na orde do día.
d) Fomentar o asociacionismo estudantil e a participación do estudantado na vida universitaria.
e) Representar a Universidade no Consello de Estudantes Universitario do Estado, así como noutras institucións ou entidades que sexan relevantes para o desenvolvemento das súas funcións.
f) Contribuír á calidade da Universidade e velar polo cumprimento da súa normativa.
g) Participar no procedemento de elaboración de normas que afecten o estudantado.
h) Convocar o paro académico total ou parcial do estudantado da Universidade da Coruña.
i) Aprobar o seu regulamento de réxime interno, que deberá contar co informe favorable previo da Asesoría Xurídica.
j) Calquera outra función que recollan estes estatutos ou as normas que os desenvolvan.
3. O Consello do Estudantado gozará de plena autonomía para cumprir os seus fins.
Artigo 111. Composición
O Consello do Estudantado da Universidade da Coruña estará composto por dúas persoas representantes de cada centro elixidas por/entre as persoas representantes do estudantado nas xuntas de centro e na Escola Internacional de Doutoramento.
Artigo 112. Duración do mandato
O mandato das persoas que integran o Consello do Estudantado será dun ano.
Sección quinta. As xuntas de facultade ou escola
Artigo 113. Natureza e competencias
1. A Xunta de Facultade ou Escola é o órgano colexiado de goberno do centro.
2. Son competencias da Xunta de Facultade ou Escola:
a) Elixir a decana ou decana ou a directora ou director e, de ser o caso, revogala ou revogalo.
b) Supervisar a xestión dos diferentes órganos de goberno e administración do centro.
c) Informar sobre a implantación de novas titulacións e estudos.
d) Elaborar e aprobar as propostas de plans de estudos das titulacións que se impartan no centro.
e) Propoñerlle ao Consello de Goberno a asignación da docencia ás áreas de coñecemento que garantan unha maior calidade, de acordo cos criterios xerais establecidos por aquel.
f) Formular anualmente, antes do comezo do curso académico, o plan docente do centro, coordinadamente cos departamentos adscritos ao centro.
g) Organizar, supervisar e informar sobre as actividades docentes para obter os títulos académicos do seu ámbito de competencia e coordinar e supervisar o desenvolvemento dos contidos mínimos das materias que os departamentos impartan neles, de acordo cos plans de estudo e cos obxectivos establecidos para cada titulación.
h) Programar os servizos e equipamentos do centro e supervisar a súa xestión.
i) Elaborar e manter o sistema de garantía interna de calidade do centro, así como organizar e supervisar os aspectos relativos á calidade dos títulos adscritos ao centro.
j) Acordar a distribución dos créditos concedidos ao centro e controlar a súa aplicación.
k) Propoñer o nomeamento de doutoras ou doutores honoris causa.
l) Organizar actividades de formación permanente e de extensión universitaria.
m) Elaborar o Regulamento de réxime interno do centro.
n) Calquera outra competencia que lle atribúan as disposicións legais vixentes e estes estatutos.
Artigo 114. Composición
A Xunta de Facultade ou Escola estará composta pola persoa decana ou directora, que a convocará e presidirá, as vicedecanas e os vicedecanos, as subdirectoras e os subdirectores, e a secretaria ou o secretario, que o será tamén da Xunta, e unha representación dos distintos sectores da comunidade universitaria, nos seguintes termos:
a) O profesorado funcionario e o profesorado permanente laboral que imparta docencia maioritaria no centro, que supoñerá o cincuenta e un por cento (51 %) do número total de integrantes da Xunta.
b) Unha representación do estudantado do centro nunha proporción do vinte e sete por cento (27 %) do número total de integrantes da Xunta.
c) Unha representación do resto de profesorado que imparta docencia maioritaria no centro e do persoal investigador en formación que colabore na docencia, nunha proporción do doce por cento (12 %) do número total de integrantes da Xunta, sempre que for posible.
d) Unha representación do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos nunha proporción do dez por cento (10 %) do número total de integrantes da Xunta.
Artigo 115. Duración do mandato
A duración do mandato das persoas representantes na Xunta de Facultade ou Escola será dun ano para o estudantado e de tres anos para o resto de persoas electas.
Sección sexta. O Comité de Dirección da Escola Internacional de Doutoramento
Artigo 116. Natureza e competencias
1. O Comité de Dirección é o órgano de goberno da Escola Internacional de Doutoramento.
2. As competencias do Comité de Dirección son:
a) Elixir a persoa directora da Escola.
b) Elaborar o Regulamento dos estudos de doutoramento da Universidade da Coruña para a súa aprobación polo Consello de Goberno.
c) Elaborar o Regulamento da Escola para a súa aprobación polo Consello de Goberno.
d) Propoñer o sistema de garantía interna de calidade da Escola para a súa aprobación polo Consello de Goberno; elaborar e manter o sistema de garantía interna de calidade do centro, así como organizar e supervisar os aspectos relativos á calidade dos títulos adscritos ao centro.
e) Propoñer o nomeamento das persoas representantes das entidades colaboradoras no Comité de Dirección.
f) Propoñer o nomeamento das persoas que compoñen o Comité Asesor Internacional da Escola.
g) Propoñer novos programas, así como modificar, suspender e/ou extinguir os existentes, para a súa aprobación polo Consello de Goberno.
h) Fomentar a internacionalización dos estudos de doutoramento e aprobar tanto a súa política como os seus obxectivos estratéxicos de calidade.
i) Calquera outra competencia que lle atribúa a normativa de doutoramento que aprobe o Consello de Goberno.
Artigo 117. Composición
1. O Comité de Dirección estará integrado pola directora ou director da Escola, que desempeñará a Presidencia, a subdirectora ou o subdirector da Escola, e a secretaria ou o secretario da Escola, que tamén o será do Comité de Dirección, e as seguintes persoas:
a) As persoas titulares dos vicerreitorados con competencias en materia de estudos de doutoramento, investigación e relacións internacionais.
b) O profesorado coordinador dos programas, incluído quen coordine na Universidade da Coruña programas conxuntos con outras universidades.
c) A persoa responsable da Oficina de Doutoramento ou aquela desta oficina en quen delegue.
d) Unha representación do alumnado da Escola nunha proporción do vinte e oito (28 %) do total de integrantes do Comité de Dirección, equitativa para cada rama de coñecemento e elixida por/entre as que formen parte desta.
2. Participará nas sesións do Comité de Dirección, con voz e sen voto, unha representación das entidades colaboradoras dos programas de doutoramento, nunha proporción máxima do dez por cento (10 %) do total de integrantes do Comité de Dirección.
Artigo 118. Duración do mandato
A duración do mandato das persoas representantes do estudantado será dun ano.
Sección sétima. Os consellos de departamento
Artigo 119. Natureza e competencias
1. O Consello de Departamento é o órgano de goberno do departamento.
2. Son competencias do Consello de Departamento:
a) Elixir a directora ou o director do departamento e, de ser o caso, revogala ou revogalo.
b) Programar as actividades docentes do departamento, elaborar o seu plan de organización docente e supervisar e aprobar as guías docentes das materias que teña encargadas.
c) Formular as demandas do profesorado.
d) Organizar cursos ou estudos de posgrao ou especialización dentro do seu ámbito de competencia.
e) Participar na selección e contratación do profesorado.
f) Propoñer o nomeamento de doutoras ou doutores honoris causa.
g) Aprobar a distribución do orzamento anual do departamento e a súa execución.
h) Elaborar o Regulamento de réxime interno do departamento.
i) Calquera outra competencia que lle sexa asignada polas disposicións legais vixentes e por estes estatutos.
Artigo 120. Composición
O Consello de Departamento estará composto pola persoa directora, que o presidirá e o convocará, e a secretaria ou o secretario, que o será do órgano, e as seguintes persoas:
a) O profesorado funcionario e o profesorado permanente laboral integrado no departamento, que supoñerá o cincuenta e un por cento (51 %) do número total do Consello.
b) O resto de profesorado integrado no departamento, nunha proporción do once por cento (11 %) do número total do Consello.
c) O estudantado do centro nunha proporción do vinte e oito (28 %) do número total de persoas que integran o Consello, elixidas por/entre o estudantado do centro e da Escola Internacional de Doutoramento.
d) O persoal técnico, de xestión e de administración e servizos nunha proporción do dez por cento (10 %) do número total do Consello.
Artigo 121. Duración do mandato
A duración do mandato das persoas representantes no Consello de Departamento será dun ano para o estudantado e de tres anos para o resto das persoas electas.
Sección oitava. Os consellos reitores dos centros de investigación
Artigo 122. Natureza e competencias
1. O Consello Reitor é o órgano superior de goberno do centro de investigación.
2. Son competencias do Consello Reitor:
a) Aprobar o programa xeral de actividades do centro.
b) Aprobar o Plan estratéxico do centro.
c) Elaborar a proposta de orzamentos de ingresos e gastos, así como a súa liquidación, para remitirllo ao Consello de Goberno.
d) Articular programas que reciban achegas do sector público e privado.
e) Elaborar o Regulamento de réxime interno do centro.
f) Calquera outra competencia que lle sexa asignada polas disposicións legais vixentes e por estes estatutos.
Artigo 123. Composición
O Consello Reitor estará integrado polas seguintes persoas:
a) A reitora ou o reitor, que o presidirá, ou persoa en quen delegue.
b) A vicerreitora ou o vicerreitor con competencias en materia de investigación, ou persoa en quen delegue.
c) Unha ou un vogal en representación do Consello de Goberno, nomeado/a pola reitora ou polo reitor.
d) Unha representación das institucións públicas ou privadas que contribúan de maneira substancial e estable ao financiamento ou á actividade investigadora do centro.
e) A directora ou o director do centro de investigación.
f) A subdirectora ou o subdirector do centro de investigación.
g) A secretaria ou o secretario do centro de investigación, que o será do Consello Reitor.
Artigo 124. Duración do mandato
A duración do mandato das persoas representantes no Consello Reitor será de seis anos.
CAPÍTULO III
Os órganos unipersoais
Sección primeira. A reitora ou o reitor
Artigo 125. Natureza
1. A reitora ou o reitor exerce as funcións de dirección, goberno e xestión da Universidade e exerce a representación desta ante outras universidades, organismos, institucións, administracións públicas ou entidades sociais ou empresariais locais, nacionais e internacionais.
2. Como máxima autoridade da Universidade, exerce a dirección global desta, impulsa os eixes principais da política universitaria, define as directrices fundamentais da planificación estratéxica da Universidade e desenvolve as liñas de actuación aprobadas polos órganos colexiados, especialmente no referente á programación e ao desenvolvemento da docencia, á investigación, á transferencia e ao intercambio do coñecemento e innovación, á xestión dos recursos económicos e do persoal, á internacionalización, á cultura e promoción universitarias e ás relacións institucionais.
3. O cargo de reitora ou reitor é incompatible con calquera outra actividade profesional pública ou privada.
4. Durante o seu mandato, a reitora ou o reitor non se poderá presentar a ningún proceso de promoción académica nin formar parte de comisións de selección ou promoción de persoal.
Artigo 126. Competencias
A reitora ou o reitor exerce as seguintes competencias:
a) Representar a Universidade ante os poderes públicos e ante toda clase de persoas ou entidades públicas ou privadas.
b) Decidir a interposición de recursos administrativos e o exercicio de accións xudiciais, e representar xudicial e administrativamente a Universidade en toda clase de actos ou negocios xurídicos, e outorgar mandatos para o exercicio desta representación.
c) Presidir os actos universitarios a que concorra, sen prexuízo do que dispón a normativa estatal e, de ser o caso, autonómica sobre precedencias.
d) Convocar e presidir as sesións do Claustro universitario e do Consello de Goberno.
e) Velar polo cumprimento da legalidade en todas as actuacións da Universidade.
f) Asinar todo tipo de convenios en nome da Universidade.
g) Nomear as persoas titulares dos vicerreitorados e a secretaria ou secretario xeral e, de o considerar necesario, persoas adxuntas a elas para auxilialas no seu labor de goberno universitario.
h) Nomear, coa conformidade do Consello Social, a xerenta ou o xerente.
i) Nomear as persoas titulares das unidades administrativas e dos servizos universitarios.
j) Nomear os órganos unipersoais da Universidade.
k) Expedir os títulos e diplomas da Universidade.
l) Autorizar os gastos e ordenar os pagamentos en execución do orzamento da Universidade.
m) Presentarlle ao Claustro unha memoria anual da súa xestión.
n) Ter a máxima responsabilidade en materia de prevención de riscos laborais.
o) As restantes competencias que non sexan expresamente atribuídas a outros órganos da Universidade.
Artigo 127. Elección da reitora ou reitor e duración do mandato
1. A reitora ou o reitor será elixida ou elixido mediante elección directa por sufraxio universal ponderado por todas as persoas que integran a comunidade universitaria entre o profesorado funcionario ou permanente laboral a tempo completo que posúa, como mínimo, tres sexenios de investigación ou transferencia, tres quinquenios docentes e catro anos de experiencia de xestión universitaria nalgún cargo unipersoal.
2. O voto para a elección de reitora ou reitor será ponderado de conformidade coas seguintes porcentaxes:
a) Profesorado funcionario ou profesorado permanente laboral: cincuenta e un por cento (51 %).
b) Profesorado asociado: un por cento (1 %).
c) Resto de profesorado: sete por cento (7 %).
d) Estudantado (incluído o da Escola Internacional de Doutoramento): vinte e seis por cento (26 %).
e) Persoal técnico, de xestión e de administración e servizos: dez por cento (10 %).
f) Persoal contratado en tarefas de investigación: cinco por cento (5 %).
3. De se presentar unha soa persoa candidata, será proclamada reitora se logra o apoio de máis da metade dos votos validamente emitidos, unha vez aplicadas as ponderacións. No caso contrario, convocaranse novamente eleccións.
4. De se presentar máis dunha persoa candidata e ningunha acadar o dito apoio, procederase a unha segunda votación entre as dúas candidaturas que obtivesen o maior número de votos en primeira volta, tendo en conta as ponderacións. Nesta segunda volta será proclamada a candidatura que obteña a maioría simple de votos atendendo ás ponderacións.
5. A reitora ou o reitor será nomeada ou nomeado polo órgano competente da Xunta de Galicia.
6. O mandato de reitora ou reitor será de seis anos improrrogables e non renovables.
Artigo 128. Funcionamento
1. Como unidade de apoio á reitora ou ao reitor constituirase un equipo de goberno, baixo a súa presidencia, integrado polas persoas titulares dos vicerreitorados, da Secretaría Xeral e da Xerencia.
2. A reitora ou o reitor poderá nomear persoal eventual para realizar funcións de confianza ou asesoramento especial, coas condicións establecidas na normativa básica de persoas empregadas públicas e co límite que estableza a Xunta de Galicia en aplicación da súa normativa de emprego público.
3. A reitora ou o reitor poderá nomear persoas representantes da Universidade nos órganos, entidades e institucións nos cales teña representación a Universidade.
Sección segunda. As vicerreitoras e os vicerreitores
Artigo 129. Nomeamento
1. As vicerreitoras e os vicerreitores serán nomeadas ou nomeados pola reitora ou reitor entre o profesorado funcionario ou o profesorado permanente laboral que preste servizos na Universidade da Coruña.
2. A reitora ou o reitor deberá determinar o número, a denominación e o ámbito funcional e xeográfico dos vicerreitorados e a un deles corresponderanlle as funcións de coordinación do campus de Ferrol.
Artigo 130. Competencias
As vicerreitoras e os vicerreitores dirixen e coordinan as accións de goberno no ámbito funcional ou xeográfico que lles encomende a reitora ou o reitor, baixo a súa autoridade.
Artigo 131. Substitución temporal
A reitora ou o reitor determinará mediante unha resolución reitoral o réxime de substitución das persoas vicerreitoras en caso de ausencia ou enfermidade.
Sección terceira. A secretaria ou o secretario xeral
Artigo 132. Natureza
A persoa titular da Secretaría Xeral é a fedataria dos órganos de goberno dos cales forme parte e das actuacións en que estea presente como tal.
Artigo 133. Nomeamento
1. A secretaria ou o secretario xeral será nomeada ou nomeado pola reitora ou o reitor de entre o profesorado funcionario doutor ou o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos funcionario con titulación universitaria do ámbito xurídico, que preste servizos na Universidade da Coruña.
2. O cargo de secretaria ou secretario xeral será incompatible con calquera outra actividade profesional, pública ou privada.
Artigo 134. Competencias
A secretaria ou o secretario xeral exercerá as seguintes competencias ou funcións:
a) A formación e custodia dos libros de actas dos órganos xerais da Universidade, así como a expedición de certificacións do que conteñen e daqueloutras cuestións que consten na documentación oficial da Universidade.
b) A custodia do arquivo universitario e do selo oficial da Universidade.
c) A publicidade dos acordos da Universidade.
d) A organización dos actos solemnes da Universidade e a xefatura do protocolo.
e) A presidencia da Comisión Electoral.
f) As restantes funcións que lle atribúan a normativa vixente e estes estatutos.
Artigo 135. Substitución temporal
A reitora ou o reitor determinará, mediante unha resolución reitoral, o réxime de substitución da persoa titular da Secretaría Xeral en caso de ausencia ou enfermidade.
Sección cuarta. A xerenta ou o xerente
Artigo 136. Natureza
A persoa titular da Xerencia exercerá, baixo a autoridade da reitora ou do reitor, a xestión dos servizos económicos e administrativos da Universidade e dos recursos humanos. Poderá ocupar, por delegación da reitora ou do reitor, a Xefatura do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos e a xestión do patrimonio da Universidade.
Artigo 137. Nomeamento
1. A xerenta ou o xerente será nomeada ou nomeado pola reitora ou reitor de acordo co Consello Social, atendendo a criterios de competencia profesional e experiencia na xestión.
2. A persoa titular da Xerencia terá dedicación a tempo completo e o seu cargo será incompatible con calquera outra actividade profesional, pública ou privada.
3. A xerenta ou o xerente non poderá, unha vez que asuma o cargo, exercer funcións docentes nin investigadoras.
4. A persoa titular da Xerencia poderá ser asistida de vicexerencias, das cales unha corresponderá ao Campus de Ferrol.
Artigo 138. Competencias
A xerenta ou o xerente exercerá as seguintes funcións:
a) Dirixir os recursos humanos e os servizos administrativos e económicos, e coordinar a actividade dos demais servizos da Universidade.
b) Exercer, por delegación da reitora ou do reitor, a Xefatura do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
c) Velar polo cumprimento dos acordos dos órganos de goberno da Universidade sobre a organización material e persoal da administración universitaria.
d) Exercer o control da xestión dos ingresos e gastos incluídos no orzamento da Universidade, e supervisar que se cumpren as súas previsións.
e) Elaborar e actualizar o inventario dos bens e dereitos que integran o patrimonio da Universidade.
f) Calquera outra competencia que lle sexa conferida na normativa vixente e nestes estatutos.
Artigo 139. Substitución temporal
A reitora ou o reitor determinará, mediante unha resolución reitoral, o réxime de substitución da persoa titular da Xerencia en caso de ausencia ou enfermidade.
Sección quinta. Os órganos unipersoais das facultades e escolas
Artigo 140. As decanas e os decanos de facultade e as directoras e os directores de escola
1. As persoas decanas de facultade e as persoas directoras de escola exercen a representación dos seus centros e as funcións de dirección e xestión ordinaria deles.
2. Serán nomeadas pola reitora ou reitor, logo da elección directa por sufraxio universal por todas as persoas integrantes da Xunta de centro de entre o profesorado funcionario e o profesorado permanente laboral adscrito ao centro.
3. A persoa titular do Decanato ou Dirección exercerá as seguintes funcións:
a) Representar oficialmente o centro.
b) Convocar e presidir as reunións da Xunta de centro, e calquera outro órgano colexiado dependente desta, así como executar os seus acordos e velar polo seu cumprimento.
c) Presidir, en ausencia de representación de maior rango, os actos académicos do centro a que concorra.
d) Propoñer o nomeamento das persoas do equipo decanal ou de dirección, así como dirixir e coordinar a súa actividade.
e) Establecer o réxime de substitución temporal da persoa titular do Decanato ou Dirección e das persoas que integran o equipo decanal ou de dirección para os casos de ausencia ou enfermidade.
f) Supervisar os distintos servizos do centro e acordar o gasto das partidas orzamentarias correspondentes.
g) Realizar o seguimento do cumprimento das obrigas docentes do profesorado.
h) Realizar o seguimento do Plan de prevención de riscos laborais no centro.
i) Supervisar o cumprimento e a adecuación de todas as actuacións realizadas ao plan estratéxico e ao sistema de garantía interna de calidade do centro e o bo funcionamento da garantía de calidade dos títulos.
j) Exercer as competencias referidas a todos os demais asuntos propios do centro que non sexan expresamente atribuídas a outros órganos por estes Estatutos.
Artigo 141. As vicedecanas e os vicedecanos de facultade e as subdirectoras e os subdirectores de escola
1. As vicedecanas e os vicedecanos de facultade e as subdirectoras e os subdirectores de escola serán nomeadas ou nomeados pola reitora ou reitor, por proposta da persoa titular do Decanato ou Dirección, de entre as integrantes da comunidade universitaria do centro.
2. Correspóndelles dirixir e coordinar, baixo a autoridade da persoa decana ou directora, a área de competencia que esta lles asigne.
Artigo 142. As secretarias e os secretarios de facultade ou escola
1. A secretaria ou o secretario de centro é a persoa fedataria dos actos e acordos dos órganos de goberno e administración do centro.
2. A secretaria ou o secretario será nomeada ou nomeado pola reitora ou reitor, por proposta da persoa decana ou directora do centro, entre o profesorado con dedicación a tempo completo ou entre o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos adscrito ao centro.
3. Correspóndenlle á secretaria ou ao secretario as seguintes funcións:
a) A formación e custodia dos libros de actas ou do arquivo electrónico equivalente dos órganos colexiados do centro.
b) A custodia das actas de cualificación de exames, de existiren.
c) A expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do centro.
d) A publicidade dos acordos dos órganos colexiados do centro.
e) Calquera outra función que lle atribúan a normativa vixente e estes estatutos.
Sección sexta. Os órganos unipersoais da Escola Internacional de Doutoramento
Artigo 143. A directora ou o director da Escola
1. A directora ou o director exerce a representación da Escola e as funcións de dirección e xestión ordinaria dela.
2. A persoa directora será elixida polas persoas que compoñen o Comité de Dirección da Escola entre o profesorado funcionario ou permanente laboral cun mínimo de tres sexenios de investigación ou transferencia.
3. Correspóndenlle á persoa directora as seguintes funcións:
a) Dirixir, coordinar e supervisar as actividades da Escola e velar polo cumprimento da súa misión, os obxectivos e as funcións.
b) Representar a Escola ante os órganos de goberno da Universidade da Coruña e ante cantas instancias sexa necesario.
c) Propoñerlle á reitora ou ao reitor o nomeamento e cesamento das persoas do seu equipo.
d) Establecer o réxime de substitución temporal da persoa titular da Subdirección e da Secretaría da Escola para os casos de ausencia ou enfermidade.
e) Exercer as competencias referidas a todos os demais asuntos propios da Escola que non sexan expresamente atribuídas a outros órganos por estes Estatutos.
Artigo 144. A subdirectora ou o subdirector da Escola
1. A subdirectora ou o subdirector da Escola será nomeada ou nomeado pola reitora ou reitor, por proposta da persoa directora, entre o profesorado funcionario ou permanente laboral cun mínimo de dous sexenios de investigación ou transferencia.
2. Correspóndelle coordinar e supervisar, baixo a autoridade da persoa titular da dirección, as actividades da Escola, substituíla en caso de ausencia ou enfermidade e realizar calquera outra función que lle delegue ou encomende a directora ou o director, ou as disposicións legais vixentes e estes estatutos.
Artigo 145. A secretaria ou o secretario da Escola
1. A secretaria ou o secretario da Escola será nomeada ou nomeado pola reitora ou reitor, por proposta da persoa directora, entre o profesorado funcionario ou permanente laboral cun mínimo dun sexenio de investigación ou transferencia.
2. Correspóndenlle á persoa secretaria as seguintes funcións:
a) A formación e custodia dos libros de actas ou dos arquivos electrónicos equivalentes dos órganos colexiados da Escola.
b) A custodia das actas de cualificación de teses de doutoramento.
c) A expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais da Escola.
d) A publicidade dos acordos dos órganos colexiados da Escola.
e) Calquera outra función que lle atribúan a normativa vixente e estes estatutos.
Sección sétima. Os órganos unipersoais dos departamentos
Artigo 146. As directoras e os directores de departamento
1. As persoas directoras de departamento teñen a representación deste e exercen as funcións de dirección e xestión ordinaria del.
2. As persoas directoras de departamento son nomeadas pola reitora ou reitor logo de elección directa por sufraxio universal por todas as persoas integrantes do Consello de Departamento de entre o profesorado funcionario e o profesorado permanente laboral adscrito ao departamento.
3. As persoas directoras de departamento exercen as seguintes competencias:
a) Representar o departamento.
b) Presidir e convocar o Consello de Departamento e executar os seus acordos.
c) Dirixir, coordinar e supervisar as actividades docentes do profesorado do departamento.
d) Organizar as funcións do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos adscrito ao departamento e controlar o seu cumprimento.
e) Executar as previsións orzamentarias.
f) Establecer o réxime de substitución temporal da persoa directora e secretaria para os casos de ausencia ou enfermidade.
g) Calquera outra función que lle atribúan a normativa vixente e estes estatutos.
Artigo 147. As secretarias e os secretarios de departamento
1. A persoa titular da Secretaría de departamento será nomeada pola reitora ou reitor, por proposta da persoa directora, entre o profesorado con dedicación a tempo completo ou entre o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
2. A secretaria ou o secretario redactará a acta das sesións, custodiará a documentación, expedirá certificacións e exercerá calquera outra función que lle encomende a directora ou o director de departamento ou lle encomenden as disposicións legais vixentes e estes estatutos.
Sección oitava. Os órganos unipersoais dos centros de investigación
Artigo 148. A directora ou o director de centro de investigación
1. As directoras e os directores de centros de investigación teñen a representación deste e exercen as funcións de dirección e xestión ordinaria deles.
2. As directoras e os directores serán nomeadas ou nomeados pola reitora ou o reitor logo de elección directa por sufraxio universal ponderado polo persoal adscrito ao centro entre o seu profesorado funcionario ou permanente laboral e o persoal investigador adscrito ao centro a través de programas de ciencia excelente.
3. O voto para elixir a persoa directora será ponderado de conformidade coas porcentaxes que estableza o Regulamento electoral xeral.
4. As candidaturas que se presenten deberán ser validadas por un consello asesor científico externo, integrado por persoas expertas de relevancia internacional, que comprobará que os méritos académicos das persoas candidatas son suficientes para dirixir un centro de investigación.
5. A duración do mandato da persoa directora será de seis anos.
6. Correspóndenlle á directora ou ao director do centro de investigación:
a) Exercer a dirección e xestión ordinaria do centro e executar os acordos dos seus órganos de goberno colexiados.
b) Definir a estratexia do centro, en consonancia co Consello Reitor do centro.
c) Exercer a representación institucional do centro.
d) Velar polo cumprimento das funcións encomendadas ao persoal adscrito ao centro, co fin de asegurar a calidade das actividades que nel se desenvolvan.
e) Impulsar, coordinar e informar da elaboración e presentación de proxectos e actividades de investigación, desenvolvemento e innovación, e da transferencia tecnolóxica de interese xeral.
f) Administrar o orzamento asignado ao centro e responsabilizarse da súa correcta execución.
g) Xestionar a dotación de infraestruturas necesarias e asegurar a súa utilización eficiente polo persoal do centro.
h) Asegurar a publicidade de canta documentación sexa necesaria para unha mellor información da comunidade universitaria do centro.
i) Impulsar as relacións do centro coa sociedade.
j) Propoñerlle ao Consello Reitor as directrices xerais de actuación para o centro e presentar a memoria anual de xestión para a súa aprobación.
k) Informar anualmente a comunidade universitaria do centro das accións que se desenvolveron.
l) Establecer o réxime de substitución temporal da directora ou do director, de ser o caso, e da persoa da Secretaría, para os casos de ausencia ou enfermidade.
m) Realizar o seguimento do Plan de prevención de riscos laborais no centro.
n) Asumir calquera outra competencia que lle atribúan a normativa vixente e estes estatutos.
7. A denominación do cargo poderá ser a de directora ou director, ou directora científica ou director científico.
Artigo 149. A subdirectora ou o subdirector de centro de investigación
1. Nos centros de investigación poderá existir unha subdirección nomeada pola reitora ou reitor, por proposta da Dirección, entre o profesorado funcionario ou o profesorado permanente laboral da Universidade.
2. A Subdirección exercerá calquera función que lle delegue a Dirección ou lle encomenden as disposicións legais vixentes.
3. A denominación do cargo poderá ser subdirectora ou subdirector, no caso de que a denominación da Dirección sexa directora ou director; ou subdirectora técnica ou subdirector técnico, no caso de que a denominación da Dirección sexa directora científica ou director científico.
Artigo 150. A secretaria ou o secretario de centro de investigación
1. A persoa secretaria do centro de investigación será nomeada pola reitora ou reitor por proposta da Dirección, entre o profesorado funcionario e o profesorado permanente laboral ou entre o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos adscrito ao centro.
2. A secretaria ou o secretario levantará as actas das sesións dos órganos colexiados de goberno do centro, custodiará a documentación, expedirá certificacións e exercerá calquera outra función que lle atribúan a normativa vixente e estes estatutos.
TÍTULO IV
A administración universitaria e o sector público institucional
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 151. A administración universitaria
A Universidade da Coruña conta cunha administración xeral constituída por unidades e órganos administrativos xerarquicamente ordenados, que desenvolven funcións executivas de carácter administrativo e realizan as tarefas en que se concreta o exercicio da acción de goberno para cumprir os fins que ten atribuídos.
Artigo 152. O sector público institucional universitario
Para promover e desenvolver os seus fins, a Universidade poderá participar e crear, por si mesma ou en colaboración con outras entidades públicas ou privadas, fundacións do sector público ou outras persoas xurídicas de natureza pública.
Artigo 153. Principios xerais de actuación
1. A Administración xeral e as entidades integrantes do sector público institucional serven con obxectividade aos intereses xerais universitarios e actúan con sometemento pleno á Constitución, ao Estatuto de autonomía, a estes estatutos, á lei e ao resto do ordenamento xurídico.
2. Na súa organización, ateranse aos principios de xerarquía, descentralización, desconcentración, coordinación, eficacia e eficiencia, simplificación, imparcialidade e protección da confianza lexítima, transparencia e rendición de contas, nos termos que estableza a normativa vixente.
CAPÍTULO II
A administración xeral
Sección primeira. Disposicións xerais
Artigo 154. Unidades administrativas
1. As unidades administrativas son os elementos organizativos básicos da estrutura administrativa da Universidade.
2. A creación de unidades administrativas correspóndelle á reitora ou ao reitor e estará suxeita ás dispoñibilidades orzamentarias. Para este fin, coa proposta de creación achegarase a seguinte documentación:
a) Unha memoria económica que avalíe os custos de crear e manter as unidades, e o seu impacto económico previsto no desenvolvemento da súa actividade ordinaria.
b) Unha memoria xustificativa que recolla, cando menos, a denominación da unidade, as súas funcións, a dependencia orgánica, os medios persoais e materiais de que dispón, a non duplicidade e a necesidade da unidade.
Están exceptuadas destes requisitos as unidades administrativas básicas, que se regulan na sección segunda deste capítulo.
3. As unidades administrativas recolleranse nas relacións de postos de traballo.
Artigo 155. Órganos administrativos
1. Teñen a consideración de órganos administrativos as unidades administrativas que teñan atribuídas competencias decisorias, que produzan efectos xurídicos fronte a terceiros e aquelas cuxa actuación teña carácter preceptivo no marco dun procedemento.
2. Correspóndelle á reitora ou ao reitor determinar a dependencia orgánica e funcional dos órganos administrativos.
3. Os órganos administrativos rexeranse polo que dispón a normativa básica estatal de réxime xurídico do sector público e polas normas de desenvolvemento que dite o Consello de Goberno.
Artigo 156. Servizos
1. A administración xeral organizarase en servizos que darán apoio á docencia, á investigación, á transferencia e ao intercambio de coñecemento, para un axeitado cumprimento das funcións da Universidade.
2. Os servizos confórmanse por unidades administrativas vinculadas funcionalmente por razón das súas encomendas e organicamente por unha dirección común.
3. A potestade de organización da administración universitaria en servizos correspóndelle á reitora ou ao reitor.
Sección segunda. Unidades administrativas básicas
Artigo 157. Unidade de Igualdade
1. A Unidade de Igualdade será a encargada de asesorar, coordinar e avaliar a incorporación transversal da igualdade entre mulleres e homes no desenvolvemento das políticas universitarias, así como de incluír a perspectiva de xénero no conxunto de actividades e funcións da Universidade.
2. A Unidade de Igualdade proporcionará servizos de atención especializados para fomentar a igualdade entre mulleres e homes e asegurar a plena integración das mulleres na vida política, cultural e científica da Universidade.
3. A Unidade de Igualdade ofrecerá apoio, orientación e acompañamento ás vítimas de acoso sexual ou por razón de sexo e actuará, a través da Comisión de Igualdade, nos conflitos de xénero no ámbito académico e laboral.
4. A Unidade de Igualdade propoñeralle ao Consello de Goberno as actualizacións necesarias do plan de igualdade de xénero para a comunidade universitaria e do protocolo de prevención, detección e actuación ante casos de violencia de xénero, discriminación e acoso sexual ou por razón de sexo.
Artigo 158. Unidade de Diversidade
1. A Unidade de Diversidade será a encargada de coordinar e incluír de maneira transversal o desenvolvemento das políticas universitarias de inclusión e non discriminación no conxunto de actividades e funcións da universidade.
2. A Unidade de Diversidade contará co Servizo de Atención á Discapacidade e á Diversidade, co cal atenderá e acompañará as persoas con discapacidade, os colectivos vulnerables ou en risco de exclusión social e calquera persoa da comunidade universitaria que precise de apoio e adaptacións, tanto curriculares como no posto de traballo, para se poder desenvolver en equidade.
3. O Consello de Goberno impulsará un plan de inclusión e non discriminación do conxunto do persoal e dos sectores da Universidade por motivos de discapacidade, orixe étnica e cultural, orientación sexual e identidade de xénero, e por calquera outra condición social ou persoal; elaborará protocolos e desenvolverá medidas de prevención e de resposta fronte á violencia, ao acoso laboral, á discriminación ou aos discursos de odio.
Artigo 159. Unidade de Vida Saudable e Benestar
1. A Universidade impulsará programas de saúde dirixidos ás persoas que integran a comunidade universitaria, así como a prestación de servizos gratuítos de orientación psicopedagóxica, de prevención e fomento do benestar físico, psicolóxico e social de toda a comunidade universitaria e, en especial, do estudantado.
2. Establecer estes servizos poderá requirir da colaboración doutras entidades públicas e privadas e, nomeadamente, da Administración autonómica, coa cal se impulsará a subscrición dos oportunos convenios..
Artigo 160. Unidade de Orientación Profesional
A Universidade proporcionaralle ao estudantado orientación, información e formación para mellorar a súa empregabilidade no acceso ao mundo laboral.
Artigo 161. Unidade de Normalización Lingüística
1. A Universidade dotarase das ferramentas necesarias para impulsar o uso do galego como lingua propia e propiciar que sexa a lingua habitual de comunicación, expresión e traballo da comunidade universitaria; sinaladamente, manterá actualizados o Regulamento de usos da lingua galega e o Plan xeral e/ou plans sectoriais de normalización lingüística que se puideren elaborar e aprobar.
2. A Unidade de Normalización Lingüística, a través do Servizo de Normalización Lingüística, ofrecerá apoio técnico ao proceso de ampliación de usos da lingua galega nos distintos ámbitos da vida universitaria.
Sección terceira. Inspección de Servizos
Artigo 162. Función inspectora
A Inspección de Servizos terá como función velar polo correcto funcionamento dos servizos que presta a institución universitaria de acordo coas leis e normas que os rexen.
Artigo 163. Principios de actuación
A Inspección de Servizos actuará rexida polos principios de independencia e autonomía.
Artigo 164. Dirección
A Dirección deste servizo será atribuída pola reitora ou reitor ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos da Universidade cos requisitos de titulación necesarios para desempeñar as funcións que a dita inspección ten encomendadas.
Artigo 165. Procedemento de inspección
1. A Inspección de Servizos actuará de oficio, por propia iniciativa, como consecuencia de orde da reitora ou reitor, por petición razoada dos distintos órganos de goberno da Universidade ou por denuncia escrita interposta por algunha persoa da comunidade universitaria.
2. O Consello de Goberno aprobará o procedemento de actuación da Inspección de Servizos.
Artigo 166. Rendición de contas
A Inspección de Servizos renderá contas da súa actuación anualmente ante o Consello de Goberno.
Artigo 167. Expedientes disciplinarios
1. A Inspección de Servizos terá as funcións de incoación e instrución dos expedientes disciplinarios que afecten o persoal da comunidade universitaria no marco da lexislación aplicable na materia.
2. A resolución dos expedientes disciplinarios correspóndelle á reitora ou ao reitor, ou persoa en quen delegue cando a normativa xeral aplicable o permita.
CAPÍTULO III
O sector público institucional
Artigo 168. Fundacións públicas e outras persoas xurídico-públicas
1. A Universidade poderá crear ou participar en fundacións públicas e outras persoas xurídico-públicas.
2. Os instrumentos de creación ou participación nesas entidades determinarán a porcentaxe dos dereitos de propiedade industrial e intelectual cuxa titularidade lle corresponda, de ser o caso, á Universidade, así como a distribución dos rendementos económicos que, de ser o caso, se obteñan.
Artigo 169. Entidades ou empresas baseadas no coñecemento
A Universidade poderá crear ou participar en entidades ou empresas baseadas no coñecemento, desenvolvidas a partir de patentes ou de resultados xerados pola investigación financiados total ou parcialmente con fondos públicos.
Artigo 170. Réxime xurídico
1. O Consello Social aprobará os regulamentos de creación e participación nas entidades reguladas neste capítulo, de conformidade co que está disposto na Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, na Lei 2/2011, do 4 de marzo, de economía sustentable, e na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, ou normas que as substitúan. Será de aplicación supletoria o disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou norma que a substitúa.
2. A creación ou participación da Universidade nas entidades recollidas neste capítulo correspóndelle ao Consello Social, por proposta do Consello de Goberno.
3. Estas entidades estarán suxeitas ao control de eficacia e á supervisión da Universidade, co fin de garantir a súa sustentabilidade financeira e o cumprimento dos fins propios para os cales se adoptou o acordo de creación ou participación.
Artigo 171. Medio propio
As entidades que integran o sector público institucional poderán ser consideradas medios propios da Universidade cando cumpran as condicións e os requisitos que están establecidos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, ou norma que a substitúa.
TÍTULO V
A actividade da Universidade
CAPÍTULO I
A docencia, a investigación, a transferencia e a transmisión do coñecemento
Artigo 172. A docencia e a formación
1. A docencia e a formación son as funcións fundamentais da Universidade.
2. A docencia é un dereito e un deber do profesorado, coas únicas limitacións establecidas na Constitución, nas leis e na organización e programación das ensinanzas na Universidade. No exercicio da función docente, garantirase a liberdade de cátedra.
3. A docencia na Universidade da Coruña será preferentemente presencial, sen prexuízo de que se poida impartir de forma virtual ou híbrida.
4. Correspóndenlles ás facultades e escolas supervisar a actividade docente do profesorado respecto dos programas de ensino e a súa adecuación ás directrices de cada titulación, así como o cumprimento dos horarios de clases e titorías, a realización de probas de avaliación e o seguimento das guías docentes.
5. A Universidade desenvolverá plans de formación continua do seu profesorado e proporcionará as ferramentas e os recursos precisos para garantir unha docencia de calidade.
6. A Universidade da Coruña impartirá, nos distintos ámbitos de coñecemento, ensinanzas conducentes á obtención de títulos oficiais de grao, mestrado e doutoramento, e ensinanzas para a obtención de títulos propios, incluída a formación ao longo da vida a través de microcredenciais e outros mecanismos de recualificación.
Artigo 173. A investigación
1. A investigación, fundamento da docencia, medio para o progreso da comunidade e soporte da transferencia social do coñecemento, constitúe unha función esencial da Universidade da Coruña.
2. A investigación é un dereito e un deber do profesorado e do persoal investigador.
3. Sen prexuízo da libre investigación individual, a Universidade fomentará a creación e consolidación de grupos de investigación e o desenvolvemento da investigación en centros de investigación.
4. Fomentarase, así mesmo, a formación do persoal investigador dentro e fóra da Universidade, con programas propios.
5. A Universidade velará para que a actividade investigadora se desenvolva de acordo cos estándares de calidade, integridade e ética exixidos pola normativa aplicable e os códigos de boas prácticas da investigación científica e técnica, e respectando a normativa de protección de datos e seguridade da información.
6. A Universidade deberá organizar racionalmente a utilización dos recursos materiais destinados ás tarefas de investigación, especialmente aqueles que pola súa natureza e custo poidan ser compartidos por diferentes estruturas.
7. Os servizos de apoio á investigación daranlle soporte á investigación dos centros de investigación ou grupos de investigación, nos termos que se establezan regulamentariamente. O Consello de Goberno aprobará o regulamento destes servizos, en que se establecerán garantías de calidade dos servizos, canles de participación das persoas usuarias e o asesoramento científico, cando as características ou as prestacións requiridas o aconsellen.
Artigo 174. Internacionalización da actividade investigadora
A Universidade da Coruña fomentará a mobilidade do seu persoal investigador mediante a participación en proxectos e redes de coñecemento de institucións internacionais ou estranxeiras que estean vinculadas á investigación científica e técnica e á innovación.
Artigo 175. Cooperación e participación
1. A investigación poderase desenvolver xunto con organismos, administracións públicas e entidades ou empresas públicas e privadas.
2. A Universidade fomentará a cooperación e colaboración con outras universidades, institucións de educación superior, organismos públicos de investigación, entidades de investigación doutras administracións públicas, así como con outros organismos ou administracións públicas, empresas, axentes sociais, organizacións da sociedade civil e outros axentes do Sistema español de ciencia, tecnoloxía e de innovación ou do sistema europeo de investigación e innovación, ou pertencentes a outros países, a través de diferentes instrumentos, como a creación de alianzas estratéxicas e redes de colaboración.
Artigo 176. Contratación de servizos científicos, tecnolóxicos, artísticos, humanísticos ou docentes
1. O profesorado e os grupos de investigación recoñecidos pola Universidade da Coruña, así como os departamentos e centros de investigación desta universidade, poderán contratar con persoas físicas ou con entidades públicas ou privadas para realizar servizos de carácter científico, técnico, humanístico, artístico ou de formación, dos cales o persoal da Universidade da Coruña poida obter unha retribución económica.
2. Incluirase no prezo de todos os contratos unha cantidade destinada a cubrir os custos de xestión e retorno á Universidade da Coruña. Esta cantidade non será inferior ao quince por cento (15 %) do orzamento previo á aplicación dos ditos custos (IVE excluído). No caso de contratos que impliquen importantes custos para a institución, a porcentaxe poderase ver incrementada.
Artigo 177. Ciencia Aberta e Ciencia Cidadá
1. A Universidade promoverá e contribuirá activamente á Ciencia Aberta mediante o acceso aberto a publicacións científicas, datos, códigos e metodoloxías que garantan a comunicación da investigación, co fin de acadar obxectivos de investigación e innovación responsables impulsados desde a comunidade científica, e os obxectivos de libre circulación de coñecementos científicos e tecnoloxías.
2. A Universidade promoverá a Ciencia Cidadá como campo de xeración de coñecemento compartido entre a cidadanía e o sistema universitario de investigación, e impulsará a colaboración cos axentes sociais e coas administracións públicas.
Artigo 178. Divulgación científica
A Universidade fomentará a divulgación científica e a transmisión do coñecemento como parte esencial da súa función social e fomentará a aproximación entre as culturas humanística e científica.
CAPITULO II
Servizos universitarios
Artigo 179. Creación de servizos universitarios
1. A Universidade prestará o servizo público de educación superior conforme o que está disposto nas leis vixentes, e poderá crear e prestar cantos servizos considere necesarios para cumprir mellor as súas funcións.
2. O Consello de Goberno aprobará a normativa de creación, supresión e funcionamento dos servizos universitarios, que deberá recoller necesariamente os modos de xestión, a exixencia de dispoñibilidade orzamentaria e a acreditación da súa necesidade para crealos ou modificalos, a participación das persoas usuarias e a avaliación da súa calidade.
3. Son servizos universitarios esenciais, e non precisan de acreditación da súa necesidade, os servizos de aloxamento, arquivo e biblioteca universitaria.
Artigo 180. Aloxamento
1. No marco do exercicio das súas competencias e cos límites da dispoñibilidade orzamentaria, a Universidade colaborará coas administracións competentes na busca de solucións de aloxamento para o estudantado da Universidade.
2. A Universidade procurará manter e ampliar a oferta de prazas nas residencias públicas universitarias, que se asignarán por procedementos que garantan a igualdade, a publicidade e a transparencia.
Artigo 181. Arquivo universitario
1. A Universidade contará cun arquivo universitario que ofrecerá un servizo de xestión documental orientado a conseguir unha maior eficacia e economía no uso dos documentos por parte da administración universitaria, así como a coordinar a recepción, organización, almacenamento, preservación, acceso e difusión da documentación xerada pola comunidade universitaria no exercicio das súas funcións, así como dos fondos documentais adquiridos.
2. O Consello de Goberno regulará o sistema de documentación e arquivamento da Universidade, así como o exercicio do acceso á documentación do arquivo e aos depósitos documentais.
Artigo 182. Biblioteca Universitaria
1. A Biblioteca Universitaria é un servizo de apoio á aprendizaxe, á docencia e á investigación e, dada a consideración de ben común que ten o coñecemento científico, é ademais un instrumento ao servizo da sociedade no seu conxunto.
2. Correspóndelle á Biblioteca Universitaria custodiar, xestionar e difundir os fondos bibliográficos e documentais da Universidade destinados ao estudo, á docencia e á investigación, sexa cal for o concepto orzamentario, o procedemento de adquisición, o seu soporte material, a súa procedencia ou a súa localización.
3. A Biblioteca Universitaria será responsable do repositorio institucional da Universidade, que terá como función preservar e difundir a produción científica e académica da comunidade universitaria, as publicacións institucionais e o patrimonio bibliográfico da institución, sen prexuízo da creación doutros repositorios de carácter temático ou xeneralista.
4. A Biblioteca Universitaria participará con outras unidades ou servizos universitarios en facilitar o acceso aos recursos informativos, dixitais ou non dixitais, producidos pola Universidade, así como na formación necesaria para promover a difusión da Ciencia Aberta na comunidade universitaria e no conxunto da sociedade.
TÍTULO VI
O réxime económico e financeiro
Artigo 183. Autonomía económica e financeira
1. A Universidade da Coruña terá autonomía económica e financeira.
2. Correspóndelle á Universidade elaborar, aprobar e xestionar os seus orzamentos e administrar os seus bens.
Artigo 184. Suficiencia financeira
As administracións públicas dotarán a Universidade dos recursos económicos necesarios para garantir a suficiencia financeira que lle permita cumprir o que establece a lexislación de universidades e asegurar a consecución dos obxectivos previstos nela.
Artigo 185. Orzamento
1. O orzamento será público, único e equilibrado, e comprenderá a totalidade dos ingresos e gastos previsibles para o exercicio económico.
2. O orzamento cumprirá cos requirimentos legais sobre o límite do gasto anual e de equilibrio e sustentabilidade financeira.
3. A estrutura do orzamento da Universidade e o seu sistema contable adaptaranse ás normas que estean establecidas para o sector público en xeral e para as universidades en particular, para os efectos da normalización contable.
A Universidade da Coruña desenvolverá para tal efecto un regulamento de réxime económico e financeiro, que incluirá a aprobación da clasificación económica de ingresos e gastos, a xestión do inventario, e dos prezos públicos, as bolsas e axudas.
4. O estado de ingresos reflectirá as estimacións dos recursos polos conceptos establecidos na Lei 2/2023, do 22 de marzo, ou norma que a substitúa.
5. Ao estado de gastos correntes xuntaráselle:
a) A relación de postos de traballo do persoal de todas as categorías da Universidade, especificando a totalidade dos custos desta, así como dos elementos que recolle a lexislación sobre persoas empregadas públicas e unha proposta de postos de novo ingreso.
b) O informe de impacto por razón de xénero.
c) O informe de impacto ambiental.
6. A reitora ou o reitor presentaralle o anteproxecto do orzamento ao Consello de Goberno. De ser aprobado, presentarase como proxecto ao Consello Social para a súa aprobación.
Artigo 186. Xestión económica e financeira
1. O Consello de Goberno remitirá unha proposta, para a súa aprobación polo Consello Social, dun regulamento de xestión económica e financeira da Universidade.
2. A autorización e ordenación dos gastos e a ordenación e realización dos pagamentos corresponderanlle á reitora ou ao reitor que, de ser o caso, a poderá delegar.
3. A Universidade asegurará o control interno dos seus ingresos e gastos e organizará as súas contas, segundo os principios de contabilidade orzamentaria, no marco que estableza a lexislación autonómica vixente.
4. A Universidade renderá contas da súa xestión económica a través da correspondente liquidación do orzamento, que o Consello de Goberno lle remitirá ao Consello Social para a súa aprobación e posterior remisión ao órgano correspondente da Xunta de Galicia.
5. Anualmente, a reitora ou o reitor, no seu informe xeral ao Claustro, incluirá unha exposición económica do exercicio anterior, cuxo resumo remitirá coa convocatoria do Claustro.
Artigo 187. Control interno
1. A Universidade desenvolverá un réxime de control interno que contará, en todo caso, cun sistema de auditoría interna. O órgano responsable deste control terá autonomía funcional no seu labor e non poderá depender dos órganos de goberno unipersoais da Universidade.
2. A función interventora regularase, de ser o caso, pola normativa autonómica, sen prexuízo das competencias do Consello de Goberno.
Artigo 188. Patrimonio
1. Constitúe o patrimonio da Universidade o conxunto dos seus bens, dereitos e obrigas.
2. Sen prexuízo das competencias do Consello Social, incorporaranse ao patrimonio da Universidade as doazóns e o material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo a fondos de investigación, agás aquel que, por convenio, se deba adscribir a outras entidades.
3. Formarán parte do patrimonio da Universidade os dereitos de propiedade industrial e intelectual de que esta sexa titular como consecuencia do desempeño por parte do persoal da Universidade das funcións que lle son propias, así como os derivados da execución de contratos, convenios ou outras fórmulas de colaboración con terceiros.
4. A Universidade da Coruña asumirá a titularidade dos bens de dominio público que estean afectos ao cumprimento das súas funcións, así como daqueles que no futuro sexan destinados ás mesmas finalidades polo Estado ou pola Comunidade Autónoma de Galicia. Exceptúanse, en calquera caso, os bens que forman parte do patrimonio histórico e cultural.
5. A Universidade manterá actualizado o inventario do seu patrimonio baixo a responsabilidade da xerenta ou o xerente.
6. A Universidade xestionará o seu patrimonio consonte o disposto na normativa básica e autonómica de patrimonio das administracións públicas e as normas de desenvolvemento que aprobe o Consello de Goberno, e velará polo correcto estado das instalacións en que se preste o servizo público e o cumprimento das medidas de accesibilidade e seguridade que estableza a normativa vixente.
TÍTULO VII
Actos académicos, honras e imaxe corporativa e institucional da Universidade
Artigo 189. Os actos académicos
1. Os actos académicos realizaranse de conformidade cos usos universitarios e, de ser o caso, segundo o previsto no correspondente regulamento aprobado polo Consello de Goberno.
2. Serán actos académicos solemnes os de apertura de curso, toma de posesión da reitora ou reitor, investiduras de doutoras ou doutores honoris causa, así como cantos determine a reitora ou o reitor.
Artigo 190. Doutoramento honoris causa
1. A Universidade da Coruña poderalles conceder o grao de doutoramento honoris causa ás persoas físicas que destaquen no campo da investigación ou da docencia, no cultivo das artes e das letras, ou naquelas actividades que teñan unha repercusión notoria e importante desde o punto de vista universitario no terreo científico, artístico, cultural, tecnolóxico e social de Galicia, e do mundo en xeral, en relación con Galicia.
2. A proposta para a concesión do grao de doutora ou doutor honoris causa será formulada por un centro ou por un ou varios departamentos, co informe preceptivo do centro ou centros correspondentes.
3. A concesión do grao de doutoramento honoris causa corresponderalle ao Claustro universitario.
Artigo 191. Medalla da Universidade da Coruña
1. O Consello de Goberno poderalles conceder a Medalla da Universidade da Coruña ás persoas físicas ou xurídicas que lle prestasen servizos relevantes á Universidade, ou que salientasen no campo da investigación científica ou do ensino universitario, no cultivo das ciencias, das artes ou das letras, no desenvolvemento de actividades humanitarias ou na protección do ambiente e da paz.
2. O Consello de Goberno poderalle conceder a Medalla de Ouro da Universidade da Coruña á persoa que reúna algunha das circunstancias estipuladas no punto anterior e se faga, ademais, especialmente merecedora desta distinción polo carácter extraordinario dos servizos prestados á Universidade ou por desempeñar altas responsabilidades internacionais, nacionais, autonómicas ou locais.
Artigo 192. Imaxe corporativa e institucional da Universidade da Coruña
1. A Universidade manterá, interna e externamente, unha imaxe corporativa única e predeterminada, que deberá ser empregada e respectada pola comunidade universitaria en todas as actuacións que se leven a cabo en nome da Universidade ou en calidade de integrantes desta.
Esta obriga é extensible ao tratamento da imaxe da Universidade da Coruña por parte de persoas físicas ou xurídicas que teñan relacións coa Universidade a través de contratos, convenios ou calquera outro negocio xurídico.
2. As persoas da comunidade universitaria teñen o deber de preservar a imaxe institucional da Universidade e deberanse abster de utilizar a filiación da Universidade cando fagan uso de medios e redes sociais con fins particulares.
TÍTULO VIII
A reforma dos estatutos
Artigo 193. Iniciativa e aprobación da reforma
1. A iniciativa para a reforma destes estatutos correspóndelle ao Consello de Goberno ou ao vinte e cinco por cento (25 %) das persoas que integran o Claustro universitario.
2. As propostas de reforma deberanse dirixir á Presidencia do Claustro, acompañadas dun texto articulado e da argumentación en que se fundamentan.
3. A reforma dos estatutos requirirá a aprobación por maioría absoluta das persoas que integran o Claustro.
4. De se rexeitar unha proposta de modificación, esta non se poderá reiterar ata pasados dous anos.
5. De ser aprobada a reforma, o novo texto seralle remitido á Xunta de Galicia para a súa aprobación e terá vixencia a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.
Disposicións adicionais
Disposición adicional primeira. Normativa básica
A normativa básica reguladora do procedemento administrativo común será aplicable en todos aqueles aspectos non regulamentados por estes estatutos.
Disposición adicional segunda. Hospitais universitarios
1. Os hospitais universitarios teñen como obxectivo fundamental desenvolver, no máximo nivel científico-técnico, o labor asistencial e realizar as funcións docentes e investigadoras vinculadas ás áreas das Ciencias da Saúde.
2. Os hospitais universitarios deberán garantir a impartición dos plans de estudos e programas docentes conducentes á obtención dos títulos oficiais ou propios da Universidade relacionados cos ámbitos sanitarios.
3. Os programas docentes que se desenvolvan total ou parcialmente nos hospitais universitarios complementaranse cos propios da formación especializada, dirixidos a profesionais das Ciencias da Saúde.
4. A Universidade da Coruña poderá establecer concertos coa Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e con calquera outro servizo sanitario público ou privado, para os efectos de impartir en hospitais universitarios ensinanzas clínicas a estudantes da Universidade, de acordo co establecido na lexislación vixente.
No concerto deberanse prever, entre outras cuestións:
a) A estrutura dos órganos de dirección.
b) O sistema de designación, pola reitora ou reitor, das directoras e directores, das subdirectoras e subdirectores e das persoas representantes da Universidade na Comisión de Dirección.
c) As relacións dos profesionais das Ciencias da Saúde coa docencia universitaria.
Disposición adicional terceira. Hospitais e centros sanitarios asociados
A Universidade da Coruña poderá establecer concertos con hospitais e centros sanitarios que, sen reuniren os requisitos dos hospitais universitarios, poidan impartir ensinanzas en titulacións vinculadas ao ámbito sanitario.
Disposición adicional cuarta. Corpo único
Sen prexuízo dos dereitos adquiridos, a Universidade da Coruña comprométese a integrar progresivamente o seu persoal técnico de administración e servizos, tanto funcionarial como laboral, nun corpo único.
Disposicións transitorias
Disposición transitoria primeira. Institutos de investigación
O Consello de Goberno regulará o prazo e as condicións que deben cumprir os institutos de investigación que existan no momento da entrada en vigor destes estatutos para manter o seu funcionamento como centro ou grupo de investigación. Se transcorre o prazo, que non será superior a catro anos, sen acadar as condicións exixidas, producirase a súa extinción, sen prexuízo da integración do persoal investigador noutras estruturas reguladas nestes estatutos.
Disposición transitoria segunda. Corpos a extinguir
1. Sen prexuízo do disposto na disposición transitoria quinta da Lei 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, o profesorado contratado doutor conservará todos os dereitos que lle corresponden e terá, para os efectos de elección dos órganos unipersoais e de representación nos órganos colexiados da Universidade, a mesma consideración que o profesorado permanente laboral.
2. O profesorado colaborador conservará todos os dereitos que lle corresponden e terá, para os efectos de elección dos órganos unipersoais e de representación nos órganos colexiados da Universidade, a mesma consideración que o profesorado permanente laboral, de ter o título de doutora ou doutor, ou de titular de escola universitaria noutro caso.
3. O actual profesorado do corpo de profesorado numerario de escolas oficiais de náutica, en proceso de extinción, conservará todos os dereitos do corpo a que pertence e terá, para os efectos de elección dos órganos unipersoais e de representación nos órganos colexiados da Universidade, a mesma consideración que o profesorado titular de universidade.
4. O profesorado funcionarial da Xunta de Galicia, procedente da escala de profesorado do Instituto Nacional de Educación Física de Galicia, integrado na Universidade na súa propia praza, continuará pertencendo á referida escala de orixe e manterá todos os seus dereitos e conservará a súa plena capacidade docente e, de ser o caso, investigadora. Para os efectos de elección dos órganos unipersoais e de representación nos órganos colexiados da Universidade, terá a mesma consideración que o profesorado titular de universidade de ter o título de doutora ou doutor, ou de titular de escola universitaria noutro caso.
Disposición transitoria terceira. Procesos electorais
1. No prazo máximo de tres meses, a partir da entrada en vigor destes estatutos, convocaranse eleccións aos seguintes órganos: Claustro universitario, Consello de Goberno, xuntas de centro, Comité de Dirección da Escola Internacional de Doutoramento, consellos de departamento, consellos reitores dos centros de investigación, Dirección da Escola Internacional de Doutoramento e Dirección de centros de investigación.
2. Os restantes órganos continuarán desempeñando os seus cargos ata finalizar seus mandatos.
3. O Consello de Goberno modificará o Regulamento electoral xeral para adaptalo aos mandatos destes estatutos e ditará, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a adecuada execución do que neles se dispón.
Disposicións derrogatorias
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan expresamente derrogados os estatutos da Universidade da Coruña aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio, e modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, así como todas as disposicións de igual ou inferior rango no que se opoñan ao establecido nestes estatutos.
Disposicións derradeiras
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
