DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 30 de outubro de 2025 Páx. 56526

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2025, do Departamento Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello da Veiga (expediente IN407A 2023/038-3).

Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica que se describe a seguir, tal e como se recolle no proxecto asinado en xullo de 2025 na Coruña polo enxeñeiro industrial Xosé López Seoane, colexiado núm. 2745 do ICOIIG, e visado polo citado Colexio Profesional o día 8.8.2025 co número 20252054.

Solicitante: Eléctrica de Alberguería, S.A.; CIF: A32025199.

Enderezo: rúa Martínez Padín, 4, porta 15, 32004 Ourense.

Denominación: Modificado do proxecto liña soterrada 15 kV e centro de transformación Observatorio Estelar de Valdín.

Situación: Observatorio de Valdín, concello da Veiga.

Orzamento: 8.577,83 €.

Características técnicas:

– LMTS, a 15 kV, de 300 m de lonxitude, en condutor, RHZ1-12/20 kV 3×1×95 mm² Al, coa orixe no paso A/S proxectado no apoio núm. 26B, de celosía metálica, do tipo C-14/2000, e remate no CT proxectado.

– CT en edificio prefabricado, con instalación de cela de liña, cela de protección e transformador de 50 kVA de potencia aparente e R/T 15.000-17.500/400-230 V.

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción da devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto sinalado e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

O prazo de posta en marcha da instalación que se autoriza será de seis meses, contado a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 25 de setembro de 2025

Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense