DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 5 de novembro de 2025 Páx. 57346

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 21 de outubro de 2025 pola que se fai público o acordo de inicio de procedemento para a declaración de abandono de vehículo con placas de matrícula 2401HXL depositado nunha nave almacén do porto de Tragove (Pontevedra).

De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por motivos de interese público que o fan aconsellable dado que a mercantil RCI Banque, S.A., Sucursal en España que financiou a compra do vehículo con reserva de dominio rexeita a notificación no sistema Notifica.gal, e por non ser posible a notificación aos herdeiros de Argentino González Rodríguez no domicilio que consta no expediente, faise público, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, o Acordo do 7 de outubro de 2025, da Presidencia da entidade pública Portos de Galicia, que inicia procedemento para a declaración de abandono do vehículo marca Dacia, modelo Sandero, con placas de matrícula 2401HXL, depositado nunha nave almacén do porto de Tragove, Cambados.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

O vehículo en cuestión foi trasladado ao porto de Tragove desde o porto da Guarda onde se atopaba abandonado no ano 2017, téndose incumprido ordes previas de retirada notificadas tanto ao propietario e os seus herdeiros, como á mercantil RCI Banque, S.A., Sucursal en España.

O presente acordo emítese con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

O órgano competente para a resolución deste procedemento é a Presidencia de Portos de Galicia, en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, alíneas a) e l), da Lei 6/2017, de portos de Galicia.

A instrución do procedemento recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia; e o seu réxime de recusación é o consignado no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Outórgaselles ás persoas interesadas antes identificadas, así como a calquera outra persoa física ou xurídica que acredite dereitos e/ou intereses sobre o vehículo, un prazo máximo de 10 días para formular alegacións.

Advírtese que, de acordo coa normativa mais arriba citada, chegado o termo de declarar abandonado o vehículo, este pasará a ser propiedade de Portos de Galicia, o que non impedirá que todos os custos de tramitación ou que xeren as actuacións que se realicen sobre o vehículo sexan a conta dos anteriores propietarios.

O expediente atópase, para o seu exame, nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia, en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia