En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ponteareas, no ámbito do equipamento deportivo EQ DEP 21, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 27 de outubro de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2641&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2641
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ponteareas, no ámbito do equipamento deportivo EQ DEP 21
Expediente PTU-PO-23/103.
En datas 12.2.2025, 28.2.2025 e 20.10.2025 tivo entrada documentación remitida polo Concello de Ponteareas solicitando a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal (MP01) no ámbito do equipamento deportivo EQ DEP 21, ao abeiro do artigo 60 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e 144 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).
Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O Concello de Ponteareas conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 30.9.2021 (DOG do 13.10.2021) inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia o 23.11.2021 e publicada a súa normativa no BOP do 25.11.2021.
2. O ámbito da MP01 está clasificado actualmente como solo rústico (plano de clasificación do solo e usos globais e sistemas xerais número CL-16, E 1:5.000) e está parcialmente afectado polos contornos de protección dos bens catalogados AR 0906.02 e CPA 0906.01. O PXOM localiza, case na totalidade do ámbito da MP01, o sistema xeral previsto para equipamento deportivo, EQ DEP-21.
3. Ao abeiro da información dispoñible no visor do Plan básico autonómico (PBA) o ámbito está parcialmente afectado por elementos do patrimonio cultural e por unha estrada provincial, polo que a eses espazos lles resultará de aplicación o réxime do solo rústico de especial protección patrimonial e de infraestruturas, respectivamente. Ao resto do solo rústico do ámbito resúltalle de aplicación o réxime do solo rústico de protección ordinaria da LSG.
4. Na memoria xustificativa do PXOM o equipamento EQ DEP 21 figura identificado como sistema xeral deportivo cunha superficie de 21.903,34 m² (táboa da páxina 170).
5. A MP01 conta con aprobación inicial do 13.5.2024 e o PXOM que modifica conta con aprobación inicial do 9.7.2013, polo que, ao abeiro do punto 2 da disposición transitoria primeira das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (NNTTPP) á MP01 resultaranlle de aplicación os título I e III destas.
II. Obxecto.
O obxecto da MP01 PXOM é reorganizar o ámbito do equipamento deportivo EQ DEP 21 previsto no PXOM, modificando a clasificación e cualificación do ámbito para posibilitar a implantación dun novo equipamento sanitario público, completado cun equipamento deportivo e cunha zona de aparcadoiro contiguos.
O obxectivo da implantación dun novo centro de saúde ampárase no Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 29.10.2021, que para o Concello de Ponteareas prevé unha necesidade de espazo estimado de 5.059,6 m².
III. Tramitación.
1. Pola Resolución do 15.1.2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, formulouse o Informe ambiental estratéxico (IAE, publicado no DOG do 8.2.2024) que resolve non someter a MP01 ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Constan os seguintes informes na fase de consultas:
– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 4.12.2023.
– Instituto de Estudos do Territorio, do 22.12.2023.
– Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 5.1.2024.
2. Constan informes municipais previos á aprobación inicial do documento: técnico (24.4.2024) e xurídico de Secretaría (7.5.2024).
3. A MP01 foi aprobada inicialmente por acordo plenario do 13.5.2024 e sometido a información pública mediante publicación no DOG do 4.6.2024, Atlántico Diario do 26.5.2024 e taboleiro de anuncios do Concello do 4.6.2024 ao 6.8.2024. Non constan alegacións presentadas no trámite de información pública segundo o Certificado do 26.8.2024.
4. Constan emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:
– Instituto de Estudos do Territorio, do 19.9.2024 (sen obxeccións).
– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 17.9.2024 (favorable).
– Augas de Galicia, do 1.7.2024 (sen obxeccións, coas condicións xenéricas indicadas).
– Deputación Provincial de Pontevedra, do 28.8.2024 (favorable).
5. Constan os seguintes informes sectoriais estatais:
– Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do 2.10.2024 (desfavorable) e do 21.1.2025 (favorable condicionado á modificación da autorización de vertido V/36/00002A, ampliándoa ata un volume anual de 3.099.988,80 m³, de forma que poida ser conducida á EDAR da Moscadeira); e Resolución da CHMS do 16.10.2025 pola que se modifica a autorización de vertedura de augas residuais outorgada con data do 22.6.2007.
– Delegación do Goberno, Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 3.6.2024 (favorable).
– Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, do 31.5.2024. Derivado deste, o Concello consultou á empresa Central Eléctrica de Sestelo y Compañía, que informou o 11.3.2025 que polo ámbito non discorre ningunha liña de distribución pertencente á compañía en ningún nivel de tensión.
– Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, do 20.6.2024 (favorable).
6. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, O Porriño, Pazos de Borbén, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. Non consta contestación.
7. Fixéronse as consultas ás compañías subministradoras ao abeiro do artigo 144.4 do RLSG: Viaqua; Telefónica; e Central Eléctrica Sestelo y Cía, S.A. Constan contestacións de:
– Telefónica, do 4.3.2025 (intención de subministración).
– Central Eléctrica Sestelo y Cía, S.A., do 11.3.2025 (hai capacidade).
– Viaqua, do 14.3.2025, respecto da rede de abastecemento, cunha demanda de 48.000 litros/día, as concesións de aproveitamento das augas A/36/02143 e A/36/01131 son suficientes para prestar servizo ao ámbito do equipamento deportivo EQ-DEP 21 – sic; e informe de Viaqua de 22.9.2025 sobre a suficiencia da rede de infraestruturas de abastecemento.
8. Constan informes: técnico do 27.1.2025 e xurídico do técnico da Administración xeral e da Secretaría do 27.01.2025, previos á aprobación provisional.
9. O documento foi aprobado provisionalmente polo Pleno do 28.1.2025.
10. Consta requirimento documental da Dirección Xeral de Urbanismo do 28.2.2025.
11. Consta informe de Acuaes, Aguas de las Cuencas de España, S.A., do 21.3.2025, que indica que as obras de ampliación da EDAR se executan dentro do prazo vixente do contrato do 14.9.2025; constando a súa finalización e posta en funcionamento.
12. Constan informes técnicos (do 24.3.2025 e do 1.4.2025), xurídico de Secretaría (do 1.4.2025) e de intervención (do 12.3.2025 e do 1.4.2025) previos á aprobación provisional.
13. O documento foi aprobado provisionalmente polo Pleno da Corporación o 8.4.2025.
IV. Análise e consideracións.
1. O interese público da modificación puntual do PXOM (artigo 83.1 da LSG) fundaméntase na necesidade e oportunidade de dotar dun novo equipamento sanitario previsto nun Plan de infraestruturas aprobado pola Xunta de Galicia, completando o solo urbano no eixe viario que dá servizo a varios centros educativos públicos e dotacións privadas.
2. O ámbito da MP01 inclúe na zona sur suroeste unha pequena área afectada por un incendio forestal (do ano 2011 segundo a información do visor do PBA facilitada pola Consellería do Medio Rural). Ao abeiro da disposición adicional sexta do Real decreto lexislativo 7/2015, e dos artigos 2 e 59.3 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, non consta que se dean as condicións para o cambio da situación básica do solo na zona afectada polo incendio.
3. A distribución por usos do solo destinado a equipamentos públicos e a súa superficie mínima non está suxeita a estándares xenéricos (artigo 71.2 do RLSG), polo que a modificación dos usos do equipamento previsto na MP01 resulta acorde coa lexislación urbanística.
4. A MP01 non supón un incremento da capacidade máxima residencial do PXOM polo que non require un incremento dos sistemas xerais (artigo 42.1 da LSG).
5. Segundo a memoria xustificativa do PXOM vixente, no ámbito prevese unha reserva de 21.903,34 m² para sistema xeral de equipamento deportivo. A MP01 modifica esta reserva prevendo unha reserva total de 16.404,44 m² para sistema xeral de equipamento, que se desagrega en sanitario (5.610 m²) e deportivo (10.794,44 m²); e unha reserva para sistema xeral viario de 7.049 m². Daquela, o sistema xeral de equipamentos do PXOM redúcese en 5.498,9 m².
6. En relación co anterior, a MP01 contén a xustificación do cumprimento dos estándares legais previstos no artigo 42 da LSG, xa que o PXOM vixente cualifica 431.180 m² de solo como sistema xeral de equipamentos, mentres que o estándar legal aplicable só exixe 135.884 m².
7. As ordenanzas de aplicación (164 e 262) recollen a necesidade de adaptación ás normas de accesibilidade universal do artigo 5 da Lei 10/2014, tanto dos espazos públicos (aparcadoiro e vías) como das edificacións que se proxecten nun futuro.
8. No informe de sustentabilidade económica (36042_MP01PXOM_202503_AP_EE_03ISE.pdf), regulado no artigo 143.5.a) do RLSG, non consta a estimación dos gastos correntes públicos precisos para o mantemento das novas infraestruturas e equipamentos previstos na MP01.
9. O plano de información 36042_MP01PXOM_202503_AP_PINF_09IC.pdf non ten actualizada a titularidade da estrada EP-4001, en que un tramo de 900 metros se transferiu a prol do Concello segundo o Decreto 9/2022, do 27 de xaneiro, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (DOG do 8.2.2022).
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
V. Resolución.
En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Ponteareas, condicionada ao mantemento da clasificación como solo rústico dos terreos afectados polos incendios forestais segundo a información sectorial recollida no visor do PBA.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá, de oficio, a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a Normativa e Ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
