O 3 de setembro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 1 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU503F).
O prazo para a presentación de solicitudes era de dous (2) meses. O dito prazo comezou a contar unha vez que transcorreron oito días naturais desde o seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e remata ás 20.00 horas do día 12 de novembro de 2025.
Tendo en conta a dificultade técnica da presentación dos proxectos subvencionables, resulta aconsellable, para promover e facilitar a participación neste procedemento, ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria ata as 20.00 horas do 12 de decembro de 2025. Ao tratarse dunha convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, a ampliación do prazo de presentación de solicitudes non causa prexuízo a terceiros.
Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a Administración poderá acordar a ampliación dos prazos establecidos de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,
RESOLVO:
Primeiro. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Modifícase o artigo 10.2 das bases reguladoras da Resolución do 1 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU503F), no referente ao prazo de presentación de solicitudes, de maneira que a data límite de presentación de solicitudes se amplía ata as 20.00 horas do 12 de decembro de 2025.
Segundo. Publicidade da ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Terceiro. Recursos
De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.
Cuarto. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025
O director da Axencia de Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012; DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Antonio Casas Calviño
Xerente da Axencia de Turismo de Galicia
