Dentro das actividades programadas para o ano 2026, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento dun curso selectivo para a categoría de policía dos corpos de Policía local, segundo o previsto no artigo 35.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e no artigo 51 e seguintes do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, que se deberá desenvolver conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
Dotar os/as policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de Policía local, que lles facilite a competencia e a capacidade necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.
Persoas destinatarias.
O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron os procesos selectivos para o acceso á categoría de policía, escala básica, dos corpos da Policía local dos diferentes concellos de Galicia, e para a súa realización serán nomeadas persoal funcionario en prácticas deses concellos.
Solicitudes.
Os concellos deberanlle remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública no cal soliciten as correspondentes prazas de reserva, con indicación das persoas que superaron o proceso selectivo para o acceso na categoría de policía, escala básica, do corpo da Policía local de cada concello.
Estarán exentos desta comunicación aqueles concellos adheridos ao proceso selectivo, convocado pola Orde do 26 de xuño de 2025 (DOG núm. 125, do 2 de xullo).
Contido e duración.
O curso desenvolverase en réxime de internado na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, en sesións de mañá e tarde, de luns a sábado (os sábados lectivos indicaránselle ao alumnado coa debida antelación), e nel trataranse, entre outros, os seguintes módulos:
– Xurídico.
– Policía de tráfico.
– Operativo.
– Asistencial.
– Técnico.
– Policía administrativa.
– Social-humanístico.
– Policía xudicial e de investigación.
– Formación física.
O curso terá unha duración de 1.400 horas lectivas, 900 horas de formación na Agasp en réxime de internado e 500 horas de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.
Desenvolvemento do curso.
O alumnado da Agasp, durante o seu período de permanencia, rexerase polo Regulamento de réxime interior desta, publicado pola Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG núm. 30, do 12 de febreiro.
De acordo co establecido no artigo 59 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e no artigo 25.e) do Regulamento de réxime interior da Agasp, por orde da xefatura de ensino poderanse levar a cabo as probas necesarias, sen aviso, de xeito aleatorio ou específico entre o alumnado, para verificar esas situacións.
Datas:
Este curso desenvolverase entre o 2 de xaneiro de 2026 e o 9 de outubro de 2026.
– Na Academia, en dous períodos: do 2 de xaneiro ao 26 de xuño, e do 5 ao 9 de outubro.
– Nos concellos de procedencia, realizando o período de prácticas: do 27 de xuño ao 4 de outubro.
Informe final.
De acordo co previsto no artigo 55 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso selectivo a persoa titular da Dirección da Agasp certificará a dita circunstancia ao concello, de maneira que se poida proceder ao seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.
Os concellos de procedencia do alumnado deberán remitirlle á Agasp ao remate do período de prácticas:
1. Un informe individual por cada alumno/a, elaborado pola persoa que ocupe a Xefatura de Policía, no cal reflicta se o dito alumnado superou o período de prácticas.
2. Ese informe deberá presentarse xunto co escrito ao cal lle serve de base, asinado pola persoa titular da alcaldía ou a concellaría respectiva no suposto de ter delegada a dita competencia, no cal o concello dá conta á Agasp do resultado da avaliación das prácticas. Tendo en conta que este informe vincula directamente o concello de orixe ao decidir sobre a superación ou non do período de prácticas do alumnado e, polo tanto, sobre a súa futura toma de posesión como persoal funcionario de carreira dese concello, resolvendo así un procedemento para o nomeamento de persoal municipal, o informe asinarao –tal e como indica o artigo 54 do Decreto 15/2023– a persoa titular da alcaldía ou a persoa titular da concellaría con competencias directas en materia de nomeamento de persoal e/ou seguridade pública.
Este informe debe remitirse á Agasp entre os días 5 e 8 de outubro de 2026.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 31 de outubro de 2025
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública
