DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 11 de novembro de 2025 Páx. 58227

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Resolución do 3 de novembro de 2025 pola que se regula o procedemento de concesión de subvencións directas destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade hemorráxica epizoótica en Galicia (código de procedemento MR558A).

BDNS(Identif.): 867254.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/867254

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento de concesión directa de axudas destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos nas explotacións galegas de gando vacún a consecuencia da EHE.

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas ou xurídicas, ou as entidades sen personalidade xurídica, titulares de explotacións de gando bovino inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, calquera que sexa a súa clasificación conforme o Real decreto 1053/2022, do 27 de decembro, polo que se establecen normas básicas de ordenación das granxas bovinas, a excepción das explotacións do tipo centros de concentración e as explotacións ou centros de corentena. As explotacións beneficiarias deberán estar en estado de alta no rexistro e manter animais localizados nelas, na data desta resolución.

2. Poderán percibir estas axudas:

a) As persoas titulares de explotacións localizadas en Galicia e que declarasen, conforme o Real decreto 779/2023, do 10 de outubro, polo que se establece a comunicación de enfermidades dos animais de declaración obrigatoria e se regula a súa notificación, casos de EHE desde o 6.12.2024 ata o 10.4.2025, e nos que, ou ben os resultados laboratoriais confirmaron a enfermidade, ou ben os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural determinaron a existencia dela.

b) Tamén poderán percibir estas axudas as persoas titulares de explotacións galegas que declarasen casos de EHE o 5.12.2024 ou anteriormente a esa data, e nas que se producisen mortes que se considerasen ocasionadas pola enfermidade con posterioridade ao 5.12.2024, ou nas que se obtivesen os resultados laboratoriais positivos ou fosen consideradas afectadas despois desa data.

Unicamente se terán en conta aquelas declaracións da existencia da enfermidade que se producisen inmediatamente tras detectarse esta.

3. Para identificar estas explotacións utilizarase o rexistro elaborado pola Subdirección Xeral de Gandaría, que contén todos os casos declarados da enfermidade.

Terceiro. Bases do procedemento de concesión directa

Resolución do 3 de novembro de 2025 pola que se regula o procedemento de concesión de subvencións directas destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade hemorráxica epizoótica en Galicia (código de procedemento MR558A).

Cuarto. Importe

– As contías destas subvencións directas atópanse recollidas no punto quinto da resolución:

1. As mortes producidas pola enfermidade:

a) As mortes producidas desde o 6.12.2024, declaradas polas persoas interesadas, e nas que os animais mortos obtivesen un resultado positivo a EHE no diagnóstico laboratorial, ou fosen consideradas polos servizos veterinarios oficiais como ocasionadas por esta, no caso de que non fose posible realizar a correspondente toma de mostras, sempre que a enfermidade estivese confirmada laboratorialmente noutros animais.

b) Tamén os animais mortos declarados como sospeitosos desta enfermidade o 5.12.2024 ou antes desa data, nos que os resultados se obtivesen despois do 5.12.2024, e os animais resultasen positivos ou se considerasen afectados.

As contías das axudas para estes animais mortos serán as seguintes:

– Bovinos de idade menor a 4 meses: 400,00 euros.

– Bovinos de idade maior ou igual a 4 meses, e menor de 18 meses: 900,00 euros.

– Bovinos de idade maior ou igual a 18 meses, e menor de 120 meses: 1.600,00 euros.

– Bovinos de idade 120 meses ou máis: 1.000,00 euros.

A idade que se terá en conta calcularase na data de morte do animal e tomarase como referencia a data de nacemento que figura na base de datos oficial do Rexistro Individual dos Animais.

Para identificar os animais mortos pola enfermidade utilizarase o rexistro elaborado pola Subdirección Xeral de Gandaría, que conten todos os casos declarados da enfermidade, así como os animais mortos a causa desta.

Unicamente se terán en conta, para os efectos destas axudas, as mortes pola enfermidade declaradas inmediatamente a que se producisen.

2. Os custos dos tratamentos veterinarios para os animais afectados pola enfermidade.

Para a aplicación dos ditos custos consideraranse os criterios que se especifican a continuación:

a) Considéranse animais afectados aqueles declarados polas persoas interesadas desde o 6.12.2024 ata o 10.4.2025, nos que se obtivese un resultado positivo a EHE no diagnóstico laboratorial, ou os animais mortos desde o 6.12.2024 considerados afectados por ela polos servizos veterinarios oficiais, no caso de que non fose posible realizar a correspondente toma de mostras, sempre que se confirmase a enfermidade noutros animais da explotación.

b) Tamén se considerarán animais afectados no marco desta resolución os declarados como sospeitosos desta enfermidade o 5.12.2024 ou antes desa data, nos que os resultados se obtivesen despois do 5.12.2024, e os animais resultasen positivos, ou se considerasen afectados pola enfermidade polos servizos veterinarios oficiais no caso de que non fose posible realizar a correspondente toma de mostras, sempre que se confirmase a enfermidade noutros animais da explotación.

Para identificar os animais afectados utilizarase o rexistro elaborado pola Subdirección Xeral de Gandaría, que contén todos os casos declarados da enfermidade, así como todos os resultados laboratoriais obtidos nos animais dos que se obtivo mostra.

A contía da axuda neste caso, para o punto 2, será de 100 euros por animal afectado pola EHE.

3. Os custos de uso de desinsectantes en animais e instalacións das explotacións afectadas.

Para a aplicación dos ditos custos consideraranse os criterios que se especifican a continuación:

a) Considéranse explotacións afectadas aquelas nas que as persoas titulares declarasen casos de EHE desde o 6.12.2024 ata o 10.4.2025, e nas que, ou ben os resultados laboratoriais confirmaron a enfermidade nalgún animal, ou ben os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural determinaron a existencia de animais afectados por ela, no caso de que non fose posible realizar a correspondente toma de mostras, sempre que na explotación se diagnosticase a existencia da enfermidade noutros animais.

b) Tamén se considerarán explotacións afectadas aquelas que declararon a enfermidade o 5.12.2024 ou antes desa data, nas que os resultados se obtivesen despois do 5.12.2024, e os animais resultasen positivos ou se considerasen afectados polos servizos veterinarios oficiais.

Para identificar estas explotacións utilizarase o rexistro elaborado pola Subdirección Xeral de Gandaría, que contén todos os casos declarados da enfermidade.

c) En todo caso, non terán dereito á axuda polo custo de desinsectantes deste punto 3 aquelas persoas titulares de explotacións que xa fosen beneficiarias desta liña na Resolución do 2 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se publica a resolución das subvencións directas, aprobadas e denegadas, destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade hemorráxica epizoótica en Galicia, para o ano 2025, ao abeiro da Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se regula o procedemento de concesión de subvencións directas destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade hemorráxica epizoótica en Galicia (código de procedemento MR558A).

d) O censo das explotacións para o cálculo da axuda por desinsectantes deste punto 3 obterase das bases de datos oficiais da Consellería do Medio Rural na data do 12 de xuño de 2024, data da declaración oficial nese ano do primeiro foco da enfermidade en Galicia. No caso de que algunha explotación afectada se dese de alta no rexistro con posterioridade á data indicada, o censo obterase na data na que se declarase a enfermidade nela por parte da persoa titular da explotación.

A contía de axuda neste caso, para o punto 3, será de 20 euros por animal censado na explotación, cun máximo de 4.000,00 euros por explotación.

– Os datos e o estado das explotacións gandeiras e dos animais, das persoas beneficiarias, constan no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia e no Rexistro de Identificación Individual dos Animais de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación das comunicacións de aceptación das axudas

1. As persoas incluídas na mencionada relación provisional disporán dun prazo de 10 días hábiles para aceptar a axuda e excluiranse do cómputo os sábados, os domingos e os días declarados festivos, e que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. A non aceptación da axuda no prazo indicado suporá a renuncia a ela.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2015

A conselleira do Medio Rural
P.D. (Orde do 17.11.2015; DOG núm. 223, do 23 de novembro)
Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias