DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 12 de novembro de 2025 Páx. 58485

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2025, do Departamento Territorial de Lugo, pola que se acepta a renuncia dunha autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica (expediente IN407A 2022/121-2).

Solicitante: Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A.

Denominación: novo CS Devesa e LSAT 20 kV Devesa de interconexión.

Concello: Ribadeo.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 24.8.2022 (núm. rexistro entrada 2022/2115636), a empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Novo CS Devesa e LSAT 20 kV Devesa de interconexión.

Dentro da tramitación regulamentaria solicitóuselles o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas, consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

Segundo. O 11.4.2023, este departamento territorial resolveu conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 26.4.2023.

Terceiro. O 14.8.2024 (núm. rexistro 2024/2441262), Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. presentou un escrito de renuncia á autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da devandita instalación eléctrica.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. No artigo 94.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese que todo interesado poderá desistir da súa solicitude ou, cando non estea prohibido polo ordenamento xurídico, renunciar aos seus dereitos.

Segundo. No artigo 94.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sinálase que a Administración aceptará de plano a desistencia ou a renuncia e declarará concluso o procedemento salvo que, despois de comparecer nel terceiras persoas interesadas, instasen estas a súa continuación no prazo de dez días desde que se lles notificase a desistencia ou renuncia.

Á vista dos preceptos citados e unha vez analizado o expediente, considerando que non existen terceiras persoas interesadas ou afectadas, este departamento territorial entende que non existe inconveniente ningún en aceptar de plano a renuncia solicitada.

Este departamento territorial, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Aceptar a solicitude de renuncia formulada pola empresa promotora, deixando sen efecto a Resolución deste departamento territorial do 11 de abril de 2023, de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción.

Segundo. Declarar rematado o procedemento, así como o arquivamento do expediente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 28 de outubro de 2025

Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo