A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, exixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada. Tal previsión está en consonancia co disposto no Regulamento (CE) nº 1071/2009, do 21 de outubro, polo que se establecen as normas comúns relativas ás condicións que se deben cumprir para o exercicio da profesión de transportista por estrada e polo que se derroga a Directiva 96/26/CE, de acordo co cal unha empresa que exerza a profesión de transportista por estrada nomeará, polo menos, unha persoa física, denominada xestor do transporte, que cumpra os requisitos de honorabilidade e competencia profesional (artigos 3 e 4). Precisamente para cumprir este requisito de competencia profesional, o artigo 8 dispón que as persoas interesadas estarán en posesión dos coñecementos que responden ao nivel recollido no anexo I, parte I, do propio regulamento. A demostración de tales coñecementos farase mediante un exame escrito obrigatorio sobre as materias que se enumeran no referido anexo.
O Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, regula, no seu anexo II, o réxime de obtención do certificado de competencia profesional.
En canto á forma do exame, o anexo II dispón que se realizará utilizando exclusivamente medios electrónicos, empregando a aplicación informática e o banco de preguntas e casos prácticos elaborados especificamente para iso, habilitado para o efecto polo Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible, e que as comunidades autónomas manterán as funcións delegadas en canto á adquisición, acreditación e control da capacitación profesional para a realización do transporte e das súas actividades auxiliares e complementarias, actual competencia profesional, de conformidade co que establece a Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de facultades do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.
De conformidade co anterior, a convocatoria das indicadas probas de competencia profesional para o ano 2026 efectúase facilitándolles ás persoas aspirantes a disposición de opcións para a súa obtención e prevendo, polo tanto, a posibilidade de catro chamamentos para a súa realización.
En consecuencia, de conformidade coas previsións contidas no Regulamento 1071/2009, do 21 de outubro, na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Lei 16/1987, do 30 de xullo, e no Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro,
DISPOÑO:
1. Convocatoria
Convócanse para o ano 2026 as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (procedementos IF312A e IF312B).
2. Calendario
No ano 2026, as persoas interesadas dispoñerán de ata catro chamamentos para a realización do correspondente exame. Os exercicios terán lugar nos períodos comprendidos entre:
– Primeiro período: entre o 23 de febreiro e o 31 de marzo de 2026, para aqueles aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día da apertura do prazo para presentar a solicitude, que será a partir do seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e o 21 de xaneiro de 2026.
– Segundo período: entre o 18 de maio e o 30 de xuño de 2026, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o 22 de xaneiro e o de 15 de abril de 2026.
– Terceiro período: entre o 31 de agosto e o 30 de setembro de 2026, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día 16 de abril e o 13 de xullo de 2026.
– Cuarto período: entre o 10 de novembro e o 18 de decembro de 2026, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día 14 de xullo e o 9 de outubro de 2026.
As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para acceder ás probas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas. As persoas aspirantes que estean interesadas en presentarse a ambas as modalidades deberán presentar unha solicitude por cada modalidade e aboar as taxas correspondentes de acordo co establecido no punto 10 desta resolución.
3. Requisitos das persoas aspirantes
En aplicación do disposto no artigo 8, números 1 e 2, do Regulamento (CE) 1071/2009, e de acordo co que establece o número 4 do anexo II do Real decreto 1211/1990, para poder participar nas probas de xestor de transporte a persoa aspirante deberá cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos de formación no momento de presentar a solicitude:
– Título de bacharel ou equivalente.
– Título de técnico, acreditativo de ter superado as ensinanzas dunha formación profesional de grao medio, sexa cal for a profesión a que se encontre referido.
– Título de técnico superior, acreditativo de ter superado as ensinanzas dunha formación profesional de grao superior, sexa cal for a profesión a que se encontre referido.
– Calquera título acreditativo de ter superado unhas ensinanzas universitarias de grao ou posgrao.
b) Ter residencia habitual en Galicia.
Para tal efecto, entenderase por residencia habitual en Galicia cando conste o seu domicilio en Galicia no momento de presentar a solicitude e, cando menos, durante 185 días naturais no último ano, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes para concorrer as probas.
Só se admitirá que o domicilio non conste en Galicia, para os efectos da realización do exame, cando a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.
4. Solicitudes para a inscrición nas probas
1. De acordo co que establece o artigo 56 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, o artigo 51, números 1 e 2, do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, e o disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedementos administrativo común das administracións públicas, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, co código IF312A (anexo I).
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de inscrición nas probas, procedemento IF312A, a seguinte documentación:
a) Documentación xustificativa do pagamento das taxas administrativas devindicadas pola tramitación da solicitude, agás que sexa aplicable algunha exención legal (código da taxa 31 01 20).
O dito xustificante xérase automaticamente ao realizar o pagamento a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
b) Documentación xustificativa de padecer unha discapacidade, no caso de que o órgano que recoñece a discapacidade non dependa da Xunta de Galicia.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. Devolución do importe dos dereitos de exame
1. A solicitude axustarase ao modelo incorporado como anexo II desta resolución seguindo o procedemento dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código IF312B.
2. Só as persoas solicitantes que resulten definitivamente excluídas da realización das probas terán dereito á devolución do importe dos dereitos de exame a que se refire o número 5.1, sempre que o soliciten nos seguintes prazos:
– Para as solicitudes presentadas para concorrer ás probas no primeiro período, deberán solicitar a devolución do importe entre o día 15 de abril e o 15 de maio de 2026, ambos incluídos.
– Para as solicitudes presentadas para concorrer ás probas no segundo período, deberán solicitar a devolución do importe entre o día 15 de xullo e o 17 de agosto de 2026.
– Para as solicitudes presentadas para concorrer ás probas no terceiro período, deberán solicitar a devolución do importe entre o día 15 de outubro e o 16 de novembro de 2026.
– Para as solicitudes presentadas para concorrer ás probas no cuarto período, deberán solicitar a devolución do importe entre o día 2 e o 29 de xaneiro de 2027.
7. Comprobación de datos
1. Para a tramitación dos procedementos IF312A e IF312B, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
• DNI/NIE da persoa solicitante.
• DNI/NIE da persoa representante.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada marque na solicitude o recadro correspondente para sinalar as circunstancias que lle sexan de aplicación:
• Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.
• Inscrición como demandante de emprego.
• Prestacións ou subsidios por desemprego que se perciban.
• Títulos oficiais non universitarios.
• Títulos oficiais universitarios.
• Certificado de residencia con data da última variación no padrón da persoa solicitante.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
9. Tramitación das solicitudes
1. De acordo co disposto no número 9.1 do anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, unha vez revisadas pola Administración as solicitudes que se presenten, convocaranse as persoas aspirantes para a realización das probas con, polo menos, dez (10) días naturais de antelación á data de realización, de acordo co calendario e resto de previsións que se establecen nesta resolución, e sinalaranse un día e hora determinados para a súa realización.
2. A non presentación da solicitude e a falta de pagamento da taxa que proceda en tempo e forma supoñerán a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.
10. Dereitos de exame
1. Para acceder a estas probas deberá aboarse a taxa que corresponda de acordo co tipo vixente no momento de facer a inscrición, conforme o que estableza a Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que sexa aplicable algunha exención legal de pagamento. A taxa deberá aboarse por cada unha das modalidades de probas (mercadorías/persoas viaxeiras) a que as persoas interesadas se presenten, e por cada convocatoria.
2. O pagamento da/das taxa/s efectuarase a través da sede electrónica ou en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia.
Os códigos que deberán cubrir nos impresos de autoliquidación son os seguintes:
– Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes: código: 04.
– Delegación de servizos centrais: código: 13.
– Servizo de mobilidade: código: 26.
– Denominación: Inscrición nas probas para a obtención da competencia profesional para a actividade de transporte: código: 31.01.20.
11. Admisión de persoas aspirantes
1. O tribunal encargado de avaliar as probas procederá a revisar as solicitudes.
2. Revisadas as solicitudes, aquelas persoas aspirantes que cumpran os requisitos para concorrer aos exames serán convocadas á súa realización de acordo co que se indica no número 9.1 desta resolución.
3. Respecto daqueloutras persoas aspirantes que, á vista das solicitudes presentadas e da documentación revisada, non conste acreditado que cumpren os requisitos exixidos, serán requiridas para que emenden o defecto que motivou a súa exclusión. O dito requirimento será efectuado mediante unha comunicación individualizada en que lles outorgará un prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da comunicación, para procederen á corrección.
Unha vez revisada a documentación de emenda, o tribunal acordará convocar, para realizar o exame, as persoas aspirantes que emendasen as deficiencias, e acordará a exclusión das que non o efectuaron. Este acordo será obxecto de comunicación, de forma análoga ao que se establece no punto anterior.
4. Nas convocatorias das persoas aspirantes á realización do exame, o tribunal completará as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen menoscabo das que, para tal fin, poida adoptar no mesmo momento da súa realización.
12. Programa, contido, forma e duración do exame
O exame adaptarase, en canto ao seu programa, contido, forma, duración e forma de corrección, ao que establece o anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de xullo.
13. Desenvolvemento das probas
1. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, e perderá o dereito para realizar a proba quen non compareza no lugar e hora a que fose convocada.
2. Para poder realizar as probas, as persoas aspirantes deberán presentarse provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal; noutro caso, non serán admitidas.
3. Non se permitirá o acceso e tenza nas instalacións en que se vaia realizar o exame de teléfonos móbiles, axendas electrónicas, teléfonos intelixentes, auriculares ou calquera outro dispositivo de carácter electrónico, excepto, ao xuízo do tribunal, máquinas calculadoras sen memoria RAM.
Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento de que se poidan valer as persoas aspirantes para auxiliarse na realización das probas.
O acceso e/ou permanencia nas instalacións en que teña lugar o exame con calquera dispositivo como os sinalados anteriormente, tanto de se estar facendo uso del como se non, dará lugar a que, sen máis, se expulse a persoa aspirante e se cualifique o seu exame como «non apto», e o mesmo acontecerá no suposto de persoas aspirantes que sexan descubertas copiando.
Nas instalacións en que se realice o exame non se establecerá servizo de depósito e/ou custodia de ningún tipo de material.
4. Tras o seu chamamento e acceso á instalación en que vaia ter lugar o exame, ningún/ningunha aspirante poderá abandonar o dito lugar de realización ata que conclúa a realización do seu exame. Con todo, o tribunal establecerá as condicións en que, en supostos extraordinarios debidamente xustificados, as persoas aspirantes poderán saír da sala para ir ao baño, debidamente custodiadas polo persoal encargado de funcións de vixilancia. Este feito non dará lugar, en ningún caso, a que se compense a persoa aspirante polo tempo que para o efecto empregase.
5. O tribunal adoptará as medidas precisas, naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidade gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que o resto de participantes. Neste sentido estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.
Para a materialización destas previsións, as persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente tanto a porcentaxe de discapacidade que teñen recoñecida oficialmente como o organismo que realizou tal recoñecemento. No caso de que este órgano non dependa da Xunta de Galicia, deberán xuntarse á solicitude os documentos xustificativos da discapacidade. Así mesmo, deberán indicar na solicitude as adaptacións de medios para a realización dos exercicios.
6. O exame realizarase de conformidade co que establece o anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de xullo.
As persoas aspirantes realizarán o exame na aplicación correspondente. Concluída a primeira parte, poderán dar por terminada esta e a partir dese momento continuarán coa realización da segunda parte; o mesmo procederá, en todo caso, concluído o tempo máximo habilitado para tal fin. Igualmente, na segunda parte do exame, as persoas aspirantes poderán dar por concluída esta cando o consideren oportuno, e a propia aplicación realizará esta conclusión en caso de vencemento do tempo de exame.
Concluída a segunda proba, o/a examinado/a poderá coñecer o resultado do seu exercicio.
O/a examinado/a optará polo acceso á copia do exame en soporte electrónico ou en papel.
Para o efecto, ofreceráselle á persoa aspirante a opción, polo menos, de envío por correo electrónico. No caso de que a persoa aspirante opte expresamente pola súa remisión por correo electrónico, o tribunal velará por que a dita remisión se realice no menor tempo posible.
No caso de que a persoa aspirante solicite o acceso a unha copia impresa, o tribunal indicaralle o día e a hora para a súa recollida nas dependencias administrativas do correspondente Servizo de Mobilidade ou, de ser o caso, nos servizos centrais da Dirección Xeral de Mobilidade, para o cal deberá acudir directamente á correspondente dependencia administrativa provista do DNI ou documento análogo acreditativo da súa identidade; igualmente, poderá habilitar unha persoa representante para a súa recollida, outorgando poder suficiente para o efecto conforme o que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro.
7. Cando un/unha examinando/a obteña a cualificación necesaria para aprobar, quedará automaticamente inscrito/a no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte como persoa que acreditou a súa competencia para o transporte na modalidade que corresponda.
14. Revisión de exames
1. Cando un/unha examinando/a considere que unha das preguntas ou supostos prácticos que integraban o seu exame era erróneo ou lle foi mal cualificado pola aplicación, poderá formular a correspondente reclamación, ante o tribunal, no prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte a aquel en que se puxo á súa disposición o exame impreso ou lle remitiu o dito exame o tribunal ao enderezo de correo electrónico indicado pola propia persoa interesada; o tribunal poderá criterios adicionais para a remisión das ditas impugnacións.
2. A revisión dos exames e cualificacións por parte do tribunal axustarase ao que, para o efecto, establece o anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro.
3. Contra a resolución do tribunal de revisión de exames, o/a examinando/a poderá interpoñer recurso ante o órgano que o nomeou.
15. Tribunal
1. O tribunal cualificador das probas convocadas estará integrado polo seguinte persoal da Dirección Xeral de Mobilidade:
– Presidente/a:
A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.
– Presidentes suplentes:
A persoa titular da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.
A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte.
– Vogais:
A persoa titular do Servizo da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia.
A persoa titular do Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.
A persoa titular do Servizo de Autorizacións, Informes e Apoio Xurídico.
– Vogais suplentes:
A persoa titular da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.
A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte.
A persoa titular do Servizo de Réxime Xurídico e Recursos.
A persoa titular do Servizo de Xestión do Transporte Escolar.
A persoa titular do Servizo de Inspección.
A persoa titular do Servizo de Informes e Recursos.
A persoa titular do Servizo de Infraestruturas.
A persoa titular do Servizo de Planificación.
A persoa titular do Servizo de Contratación.
– Secretario/a:
A persoa titular do Servizo de Ordenación do Transporte Regular de Viaxeiros.
– Secretario/a suplente:
A persoa titular do Servizo de Autorizacións, Informes e Apoio Xurídico.
A persoa titular do Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.
2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto para os órganos colexiados nos preceptos básicos da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Os membros suplentes do tribunal participarán xunto cos titulares, cando sexa preciso, para o bo desenvolvemento das probas.
3. As sesións do tribunal faranse constar en actas sucintas que se autorizarán coa sinatura do/da secretario/a e o visto e prace do/da presidente/a.
4. Para os efectos do Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG núm. 122, do 25 de xuño), cualifícase o tribunal como de categoría primeira.
16. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos dos procedementos IF312A e IF312B efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo electrónico, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
17. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Dirección Xeral (https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/mobilidade), sección de Formación para profesionais do transporte.
b) O teléfono 881 99 50 53 da dita dirección xeral.
18. Recursos
Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada, ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, conforme o previsto polo artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de calquera outro que a persoa interesada considere pertinente.
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2025
Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade
