Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2021 fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades do Sistema universitario de Galicia.
A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.
O artigo 77.3 da citada Lei 6/2013 establece que a representación dos intereses sociais no Consello Social lles corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, e, entre eles, a un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
O Consello Social da Universidade da Coruña comunícalle á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a designación de Josefina Martínez Bao como representante da Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores de Galicia no dito consello, en substitución de Mª José Calvo Orgeira.
De acordo co establecido no artigo 78 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, xúntase declaración xurada de compatibilidade do novo membro.
A condición de persoa membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.
O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social lle serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.
Por todo iso,
DISPOÑO:
Artigo único
Nomear a Josefina Martínez Bao representante da Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores de Galicia no Consello Social da Universidade da Coruña, en substitución de Mª José Calvo Orgeira.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional
