DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 18 de novembro de 2025 Páx. 59170

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de novembro de 2025 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga do persoal de limpeza do Hospital de Cee, dependente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, que se desenvolverá os días 19, 20 e 21 de novembro en todas as quendas.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.

A prestación da asistencia sanitaria pública non pode verse gravemente afectada polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquela é considerada e recoñecida como prioritaria en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos nas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, co fin de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria dunha folga que afectará o persoal do servizo de limpeza do Hospital de Cee, e que se desenvolverá os días 19, 20 e 21 de novembro de 2025, en todas as quendas (mañá, tarde e noite).

Constatouse que a folga afectará o persoal da empresa Lacera, S.A., adxudicataria do servizo de limpeza do Hospital de Cee, dependente da Área Sanitaria da Coruña e Cee.

A suspensión desta actividade podería xerar niveis de contaminación que poñerían en risco a saúde das persoas doentes, usuarias e traballadoras.

A limpeza é un elemento esencial para garantir condicións axeitadas de hixiene, asepsia e desinfección, e constitúe unha medida básica de prevención fronte ás infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria. Así mesmo, a normativa en materia de prevención de riscos laborais obriga a manter unhas condicións adecuadas de orde, mantemento e limpeza co fin de salvagardar a seguridade e a saúde nos lugares de traballo.

Tendo en conta que o proceso asistencial require un nivel de limpeza que asegure a continuidade da atención en condicións seguras, a prestación deste servizo resulta indispensable e non pode ser interrompida sen comprometer a saúde pública nin a seguridade das persoas.

Por todo iso, resulta procedente fixar servizos mínimos que garantan as condicións necesarias de hixiene e seguridade nos centros sanitarios afectados.

Para a fixación dos servizos mínimos, óptase nesta orde por reiterar os criterios reitores de carácter xeral que xa foron aplicados por esta consellería en anteriores folgas do sector da limpeza no ámbito hospitalario. Os ditos criterios, que xa son de público coñecemento logo da publicación de sucesivas ordes no Diario Oficial de Galicia, teñen por finalidade garantir unha actividade mínima, en función do risco e as características das diversas dependencias, respecto a aquela que se realiza con carácter habitual.

Con base no que antecede e logo de audiencia ao Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os seguintes criterios reitores:

1. Urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

2. Radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización: o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

3. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

Con carácter xeral, resulta preciso garantir que as instalacións estean en perfectas condicións de limpeza e hixiene, nas zonas de hospitalización de doentes, vestiarios de persoal, áreas críticas, servizos de urxencias e quirófanos, así como nas zonas comúns de uso xeral, pois as eventuais diminucións dos parámetros de limpeza nalgunha delas pode incidir directamente tamén nas outras.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a empresa coordinadamente coa Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee, debendo estar a súa fixación adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para cubrir os servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga, de acordo cos criterios reitores establecidos, e garantindo en todo caso a cobertura das áreas e porcentaxes indicadas nos devanditos criterios.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Centro: Hospital de Cee.

Servizo/unidade

Quenda

Mañá

Tarde

Noite

Hospitalización A

1

1

1

Hospitalización B

1

Quirófano

1

1

Urxencias

1

1

Radioloxía, Laboratorio e Diálise

1

1

Consultas

-

Corredor Técnico

-

Despachos médicos e apoio a Urxencias

-

Escaleiras, baños e apoio a Quirófano

-

Dirección e despachos administrativos

-

Refugallos e roupa

-