De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.
A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.
Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 42/2024, do 14 de abril).
A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.
O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicarlle á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no rexistro.
En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Aprobar os estatutos do Ilustre Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña, que figuran como anexo a esta orde.
Artigo 2. Publicación e inscrición
Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores
Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO
Estatutos do Ilustre Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña
TÍTULO I
Disposicións xerais
CAPÍTULO I
Denominación, natureza xurídica e fins
Artigo 1. Denominación, ámbito territorial e domicilio
A súa denominación é a de Ilustre Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña. O ámbito territorial é o da actual provincia da Coruña.
O Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña terá o seu domicilio social na rúa María Puga Cerdido, edificio Lugrís Vadillo, s/n, 1º; polígono Matogrande da Coruña. A web institucional do Colexio é http://www.colvetcor.es. O correo electrónico é colegio@colvetcor.org. O domicilio poderase modificar por acordo da Asemblea Xeral.
Artigo 2. Natureza xurídica
1. O Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña é unha corporación de dereito público, recoñecida pola Constitución e amparada pola lexislación estatal e autonómica vixente en materia de colexios profesionais, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.
O Colexio terá tratamento de ilustre, e o seu presidente/a, o de ilustrísimo/a. A súa estrutura interna e funcionamento deberán ser democráticos.
2. Ademais do previsto nestes estatutos, o Colexio rexerase en todo caso polo disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia; na Lei estatal 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, ou na lexislación que a suceda. Tamén serán de aplicación, no non previsto por estes estatutos, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, os regulamentos, os acordos dos órganos de goberno do Consello Xeral e de Galicia e os do propio Colexio da Profesión Veterinaria da Coruña, así como o resto da normativa vixente directamente aplicable.
3. De acordo co artigo 3.2 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, cando así o estableza unha lei estatal, os colexios profesionais agruparán obrigatoriamente todas as persoas veterinarias que exerzan a profesión en calquera das súas modalidades, xa sexa libremente, xa en entidades públicas ou privadas, e en toda actividade da mesma índole en que sexa necesario estar en posesión dun título universitario oficial que habilite para o exercicio da profesión veterinaria, ou sempre que a dita titulación sexa condición para desempeñala. Voluntariamente poderán solicitar a súa colexiación quen, estando en posesión dun título universitario oficial que habilite para o exercicio da profesión veterinaria, non exerza a profesión.
Quedan exceptuados da colexiación obrigatoria os militares de carreira pertencentes ao corpo militar de Sanidade, especialidade fundamental Veterinaria, e militares de complemento adscritos ao mesmo corpo coa mesma especialidade fundamental, de acordo co previsto no artigo 42 da Lei 39/2007, do 19 de novembro, da carreira militar.
4. O Ilustre Colexio da Profesión Veterinaria da Coruña pode adquirir, allear, gravar e administrar toda clase de bens e exercer ante os xulgados e tribunais de calquera xurisdición e grao as accións que no seu propio interese xulgue convenientes.
Artigo 3. Fins
Son fins esenciais deste colexio:
a) A ordenación, no ámbito da súa competencia, do exercicio da profesión veterinaria, velando para que a actuación dos seus colexiados/as responda aos intereses e ás necesidades da sociedade en relación co dito exercicio de acordo co marco legal aplicable, así como a representación exclusiva da profesión e a defensa dos intereses profesionais das persoas colexiadas nos termos establecidos na normativa que resulte de aplicación.
b) A salvagarda e observancia dos principios deontolóxicos e éticosociais da profesión veterinaria e da súa dignidade e prestixio. Para este efecto correspóndelle cumprir e facerlles cumprir ás persoas colexiadas o código deontolóxico que corresponda.
c) A promoción, por todos os medios ao seu alcance, da constante mellora dos niveis científico, cultural, económico e social das persoas colexiadas. Para este efecto poderá organizar e manter toda clase de institucións culturais e sistemas de previsión e protección social.
d) A colaboración cos poderes públicos na consecución da saúde das persoas e animais, a mellora da gandaría e a máis eficiente, xusta e equitativa regulación e ordenación do sector gandeiro e alimentario desde a fase de produción ao consumo, así como a atención ao ambiente e a protección dos consumidores.
e) A mellora da sanidade, a produción, o benestar animal e o ambiente.
f) A protección dos intereses dos consumidores e usuarios.
g) Os recollidos nos vixentes estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, nos estatutos do Consello de Colexios Veterinarios de Galicia e na lexislación estatal e autonómica en materia de colexios profesionais.
CAPÍTULO II
Funcións
Artigo 4. Funcións
Serán funcións propias do Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña, no seu ámbito territorial, as que lle atribúen os artigos 5 e 6 da vixente Lei estatal 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, e o artigo 9 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, as sinaladas nos vixentes estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, en relación cos fins que ten encomendados e, en todo caso, as seguintes:
a) Exercer a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en todos os litixios e causas que afecten os dereitos e intereses profesionais e os fins da veterinaria, e exercer as accións que sexan procedentes, así como exercer o dereito de petición conforme a lei.
b) Defender os dereitos e o prestixio dos/das colexiados/as a que representa ou de calquera deles/delas, se son obxecto de vexación, menoscabo, desconsideración ou descoñecemento en cuestións profesionais, así como intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre as persoas colexiadas.
c) Adoptar as medidas conducentes a evitar e perseguir a intrusión profesional.
d) Levar o censo de profesionais colexiados, o de sociedades profesionais e o ficheiro de ámbito de actuación veterinaria da provincia, cos datos que se consideren necesarios para o cumprimento dos fins e funcións do Colexio, e elaborar as estatísticas que se consideren convenientes para a realización de estudos, proxectos e propostas relacionados co exercicio da veterinaria.
e) Ordenar a actividade profesional dos/das colexiados/as velando pola formación, a ética e a dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares.
f) Exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.
g) Elaborar os seus regulamentos de réxime interior.
h) Cumprir e facerlles cumprir aos/as colexiados/as, en canto afecte a profesión, as disposicións legais e estatutarias, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.
i) Evitar a competencia desleal.
j) Cooperar cos poderes públicos, por solicitude deles, na formulación das políticas gandeira, sanitaria, alimentaria, de ambiente e de protección ao consumidor.
k) Elaborar e executar programas formativos de carácter profesional, científico ou cultural.
l) Desenvolver a xestión de previsión e protección social no ámbito profesional.
ll) Instar os organismos públicos ou privados para que doten no exercicio profesional os/as colexiados/as dos mínimos de material e persoal necesarios para exercer unha veterinaria de calidade.
m) Organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os/as colexiados/as, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e outros análogos. A recepción deste tipo de actividades e servizos polos colexiados será voluntaria, logo de solicitude expresa. Así mesmo, os prezos que se cobren aos colexiados non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.
n) Visar os informes, proxectos e ditames nas condicións previstas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, nos termos e cos efectos e límites que establece a normativa correspondente.
ñ) Encargarse da cobranza das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, cando a persoa colexiada o solicite libre e expresamente no momento en que o Colexio cree o servizo adecuado e nas condicións que se determinen regulamentariamente.
o) Establecer e exixir as cargas económicas das persoas colexiadas.
p) Organizar cantos servizos de asesoramento científico, xurídico, administrativo, laboral e fiscal sexan necesarios ou convenientes para mellor orientación e defensa do Colexio e dos/das colexiados/as, así como a publicación de cantos medios informativos se consideren pertinentes, e tratar de conseguir o maior nivel de emprego das persoas colexiadas e velar pola plena efectividade das leis que regulen as incompatibilidades do exercicio da Veterinaria con outras profesións, dentro dos estritos límites que estas establezan.
q) Participar no procedemento de obtención da acreditación de aptitude para o exercicio da profesión veterinaria, no caso de que a lei estableza este requisito, así como propoñerlle á Administración medidas en relación coa ordenación e a regulación do acceso e o exercicio da profesión.
r) Participar na elaboración dos plans de estudos ou de formación continuada e promover e facilitar a formación continua dos/das colexiados/as que permita garantir a súa competencia profesional. Para tal fin, o Colexio pode colaborar logo do acordo, coas universidades e subscribir os correspondentes acordos.
O Colexio organizará de maneira permanente actividades formativas de actualización profesional dos/das colexiados/as e expedirá certificacións acreditativas da participación dos asistentes ás devanditas actividades, conxuntamente, de ser o caso, coas universidades.
s) Colaborar coa Administración pública mediante a participación en órganos administrativos cando así se prevexa legalmente, e emitir os informes que lle sexan requiridos por órganos ou autoridades administrativas e xudiciais ou por entidades privadas, así como informar sobre os proxectos de disposicións xerais que afecten o exercicio da profesión veterinaria ou a institución colexial.
t) Exercer cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos dos/das seus/súas colexiados/as.
u) Fomentar o uso da lingua galega entre as persoas colexiadas e nos ámbitos institucionais e sociais en que se exerce a profesión.
v) Exercer aquelas funcións administrativas que lle atribúa a lexislación estatal ou autonómica ou que lle sexan encomendadas, de conformidade coa normativa vixente.
w) Actuar como árbitro nos conflitos entre os/as colexiados/as e terceiros, cando así o soliciten ambas as partes. Establecer e xestionar un servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados/as, encargado da tramitación e resolución de cantas queixas referidas á actividade colexial ou das persoas colexiadas sexa presentada por calquera usuario/a ou profesional colexiado/a, así como por organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa de intereses colectivos. Este servizo poderá resolver sobre a solicitude iniciando a vía da arbitraxe de consumo, abrindo un procedemento sancionador, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, de ser o caso, corresponda.
x) Atender as solicitudes de información sobre os/as seus/súas colexiados/as e sobre as sancións firmes a eles/elas impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lle formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.
y) Impulsar as medidas necesarias para fomentar a igualdade de mulleres e homes no exercicio da profesión.
z) As demais funcións impostas pola lexislación, as que sexan propias da súa natureza e as finalidades do Colexio ou as que beneficien a profesión ou os/as colexiados/as.
TÍTULO II
Do Colexio, organización e goberno
CAPÍTULO I
Órganos de goberno
Artigo 5. Órganos de goberno do Colexio
Os órganos de goberno do Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña son:
a) A Xunta de Goberno.
b) A Asemblea Xeral de colexiados/as.
c) A Presidencia.
Sección 1ª. Da Xunta de Goberno
Artigo 6. Composición da Xunta de Goberno
O Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña estará rexido por unha Xunta de Goberno que estará constituída por:
a) Un/unha presidente/a.
b) Un/unha vicepresidente/a.
c) Un/unha secretario/a.
c) Oito vogais.
Procurarase que a presenza de mulleres e homes sexa equilibrada.
De acordo coas diferentes características do exercicio profesional dos veterinarios e veterinarias e do ámbito onde se desenvolve, corresponden a cada un dos/das vogais as funcións que lles sexan encomendadas pola Xunta de Goberno.
Todos os cargos directivos son honoríficos e se exercerán gratuitamente. Con todo, no orzamento colexial figurarán as partidas que fagan falta para atender decorosamente os gastos de representación da Presidencia do Colexio e do resto de persoas membros da Xunta.
Artigo 7. Funcións da Xunta de Goberno
Correspóndelle á Xunta de Goberno a administración e dirección do Colexio e a execución dos acordos da Asemblea Xeral, e con esta finalidade terá as facultades necesarias para realizar todos os actos propios das finalidades que non requiran expresamente a autoridade da Asemblea Xeral e, principalmente, as funcións seguintes:
a) Velar pola boa conduta profesional dos/das colexiados/as.
b) Recadar e administrar os recursos económicos do Colexio.
c) Exercer a función disciplinaria, impoñéndolles aos/as colexiados/as as sancións que establecen estes estatutos por incumprimento destes e, de ser o caso, dos regulamentos internos e demais normativa reguladora da profesión veterinaria, para o cal poderá asesorarse coa Comisión deontolóxica que, de ser o caso, estableza.
d) Decidir respecto da admisión como colexiados/as dos/das veterinarios/as que así o soliciten.
e) Aprobar as listas de cada modalidade de colexiados/as que debe confeccionar o/a secretario/a, que se poñerán á disposición do Consello Galego de Colexios Veterinarios e entidades afíns, sempre que o soliciten, así como do Rexistro Xeral de Sociedades Profesionais. Poderáselles dar aos datos a publicidade legalmente prevista.
f) Organizar a distribución de toda clase de impresos e documentos que lle sexan propios para a consecución dos seus fins, observando os termos establecidos nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, e de conformidade cos acordos que adopten respecto diso os órganos colexiados do Consello Xeral de Colexio Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios.
g) Nomear as comisións que se consideren necesarias para a xestión e a resolución de calquera asunto da incumbencia do Colexio e conferirlles as facultades que considere pertinentes.
h) Ditar, no ámbito das súas competencias, as normas de orde interior e as disposicións que crea convenientes para a mellor marcha das tarefas colexiais.
i) Convocar por medio do/da secretario/a, logo orde do/da presidente/a, as sesións da Asemblea Xeral de colexiados/as, ordinarias e extraordinarias, e aprobar a correspondente orde do día.
j) Establecer as relacións correspondentes cos demais colexios profesionais de veterinarios e veterinarias, co Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e co Consello Galego de Colexios Veterinarios.
k) Promover a realización de reunións periódicas, entre a Xunta de Goberno e os representantes de todas as asociacións, organismos, entidades e sectores de calquera actividade do colectivo veterinario en xeral, que estean interesados en participar no desenvolvemento dos obxectivos desta corporación ou teñan o desexo de colaborar nas súas finalidades.
l) Contratar e despedir o persoal que precise para o desenvolvemento das funcións, sempre que estea debidamente consignado nos orzamentos correspondentes.
ll) Crear, regular e ordenar os servizos adecuados para a cobranza de percepcións, remuneracións e honorarios profesionais dos/das colexiados/as, cando estes o soliciten libre e expresamente.
m) Propoñerlle á Asemblea Xeral de colexiados/as os orzamentos e a súa liquidación, así como as contas anuais.
n) Elaborar a memoria anual, que conterá, polo menos, a información especificada no artigo 57 destes estatutos.
ñ) Habilitar suplementos de crédito.
o) Aprobar e subscribir convenios de colaboración e contratos coa Administración da Comunidade Autónoma e das entidades locais, ou calquera outro ente público ou privado, caso en que poderá contraer obrigacións e recibir, como consecuencia deles, subvencións ou outro tipo de axudas, mesmo asinar a delegación de funcións públicas, así como ofrecerlles colaboración técnica aos organismos públicos legalmente establecidos.
p) Propoñerlle á Asemblea Xeral de colexiados/as a cuestión de confianza á xestión da Xunta de Goberno, e autorizar a tramitación da cuestión de confianza sobre a xestión dalgún dos membros da Xunta cando individual e voluntariamente o soliciten.
q) Convocar as eleccións aos cargos da Xunta de Goberno.
r) Interpretar e aplicar estes estatutos. En caso de dúbida, someterase ao ditame do Consello Galego de Colexios Veterinarios.
s) Designar e destituír os representantes do Colexio no Consello Galego de Colexios Veterinarios.
t) Ademais, a Xunta de Goberno pode adquirir a título oneroso ou lucrativo, pedir prestado, vender, gravar, fiar, posuír e reivindicar toda clase de bens; contraer obrigacións e, en xeral, ser titular de todo tipo de dereitos; iniciar, seguir ou soportar todas clase de accións xudiciais, reclamacións ou recursos en todas as vías e xurisdicións, así como interpoñer toda clase de recursos previstos no ordenamento xurídico no ámbito da súa competencia.
u) Todas aqueloutras competencias que non estean expresamente atribuídas por estes estatutos á Asemblea Xeral de colexiados/as.
Artigo 8. Funcionamento da Xunta de Goberno
1. A Xunta de Goberno poderá constituírse, convocar, realizar as súas sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia. As reunións realizaranse, con carácter preferente e sempre que for posible, de forma presencial. Nas sesións que realice a Xunta de Goberno a distancia, os seus membros poderán encontrarse en distintos lugares coa condición de que se asegure por medios telemáticos a identidade dos membros, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios telemáticos válidos as audioconferencias e as videoconferencias.
2. A Xunta de Goberno reunirase, con carácter ordinario, unha vez cada mes, convocada pola Presidencia con, polo menos, unha semana de antelación, e, con carácter extraordinario, con polo menos corenta e oito horas de antelación, sempre que a Presidencia o considere conveniente ou o soliciten por escrito, polo menos, catro membros da Xunta. As convocatorias formularanse por escrito e irán acompañadas da orde do día correspondente. Non se poderá en ningunha destas reunións tomar ningún acordo que previamente non se inclúa na orde do día correspondente, salvo que estean presentes todos os membros da Xunta e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría. As reunións extraordinarias poderán ser convocadas por calquera medio que permita ter constancia da recepción polas persoas interesadas, considerando a urxencia do caso. En todo caso, este aspecto deberá constar na acta da realización.
3. Os acordos da Xunta de Goberno tomaranse por maioría de votos dos membros asistentes. En caso de empate na votación, decidirá con voto de calidade o/a presidente/a. Estes acordos serán executivos desde o momento da adopción, sen prexuízo dos recursos que, en contra daqueles, se poidan presentar e das excepcións que se recollen nestes estatutos.
4. Para que se poidan adoptar validamente acordos en primeira convocatoria, será requisito indispensable que concorra a maioría dos membros que integran a Xunta de Goberno. En segunda convocatoria será suficiente con, polo menos, unha terceira parte dos membros da Xunta de Goberno. Tanto nun caso coma noutro deberán estar presentes o/a presidente/a e o/a secretario/a ou quen legalmente os/as substitúa.
Entre a realización da sesión en primeira e segunda convocatoria mediará un intervalo de media hora.
5. Toda reunión deberá comezar inescusablemente coa lectura e aprobación da acta da reunión anterior.
6. O/a presidente/a pode alterar a orde dos temas que se van tratar e acordar interrupcións ao seu prudente arbitrio para permitir deliberacións sobre a cuestión debatida ou para descanso nos debates.
7. De todas as reunións da Xunta de Goberno levantarase a acta que asinará o/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a, e que se transcribirá no libro de actas correspondente.
8. Nas actas da Xunta de Goberno deberán constar os membros que asisten, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se realizou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.
9. Será obrigatoria a asistencia ás reunións. A falta non xustificada a tres consecutivas ou a oito alternas entenderase como renuncia ao cargo.
Artigo 9. Funcións da Presidencia
1. Correspóndelle á Presidencia exercer a representación máxima do Colexio Oficial, a esta estalle asignado o exercicio de cantos dereitos e funcións lle atribúen a Lei de colexios profesionais, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e estes estatutos, en todas as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, sempre que se trate de materias propias da súa competencia; exercer as accións que correspondan en defensa dos dereitos das persoas colexiadas ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase; autorizar os informes e comunicacións que se teñan que cursar, e executar ou facer que se executen os acordos que a Asemblea Xeral de colexiados/as ou a Xunta de Goberno, de ser o caso, adopten.
Con esta finalidade autorizará todos os documentos que sexan necesarios para a boa marcha da corporación e poderá outorgar poderes xerais ou especiais a favor de avogados/as e de procuradores/as de tribunais ou de calquera clase de mandatarios logo de acordo da Xunta de Goberno.
2. O/a presidente/a velará polo cumprimento das prescricións legais e regulamentarias e dos acordos e disposicións ditados polos órganos do Consello Xeral, polos órganos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, pola Xunta de Goberno do Colexio ou pola Asemblea Xeral de colexiados/as. As disposicións adoptadas no exercicio das súas funcións, segundo as facultades que lle están recoñecidas, deberán ser acatadas, sen prexuízo das reclamacións que contra elas procedan.
Ademais, corresponderanlle as seguintes funcións:
a) Convocar e presidir todas as reunións da Asemblea Xeral de colexiados/as e da Xunta de Goberno do Colexio, ordinarias e extraordinarias. Así mesmo, poderá suspender o debate sobre calquera asunto para tomar un acordo sobre este. Igualmente, poderá suspender a sesión sen ter esgotado a orde do día en caso de alteración da orde.
b) Nomear as comisións que considere precisas, presidíndoas se o considera conveniente.
c) Convocar, abrir, dirixir e levantar sesións.
d) Asinar as actas que lle correspondan, logo de seren aprobadas.
e) Solicitar dos centros administrativos correspondentes os datos que precise para cumprir os acordos da Xunta de Goberno.
f) Autorizar o documento que aprobe a Xunta de Goberno como xustificante de que o facultativo está incorporado ao Colexio.
g) Autorizar os informes e comunicacións que se dirixan ás autoridades, corporacións ou particulares.
h) Autorizar as contas correntes bancarias, os pagamentos, as imposicións que se fagan e os talóns ou cheques para retirar cantidades. Outorgar cantos documentos públicos e privados sexan necesarios para a compravenda de bens mobles e inmobles, en cumprimento dos acordos da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral de colexiados/as, de conformidade co previsto nestes estatutos.
i) Visar as certificacións expedidas pola Secretaría do Colexio.
j) Aprobar os libramentos e as ordes de pagamento e libros de contabilidade, xunto co/coa vocal designado/a para a sección económica do Colexio ou, de ser o caso, o/a secretario/a.
k) Velar co maior interese pola boa conduta profesional das persoas colexiadas e polo decoro do Colexio.
l) Fixar as directrices para a elaboración dos orzamentos colexiais.
3. O cargo de presidente/a exercerase gratuitamente. Con todo, nos orzamentos colexiais fixaranse as partidas precisas para atender os gastos de representación da Presidencia do Colexio.
Artigo 10. Funcións da Vicepresidencia
O/a vicepresidente/a levará a cabo todas aquelas funcións que lle confíe a Presidencia, asumirá as desta en caso de ausencia, enfermidade ou outra causa legal.
Artigo 11. Funcións da Secretaría
1. O/a secretario/a do Colexio terá o carácter de fedatario/a de todos os actos e acordos da corporación con todas as competencias e atribucións que deriven desa función. Independentemente das outras funcións que derivan destes estatutos, das disposicións vixentes, dos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, dos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e das ordes emanadas da Presidencia, correspóndelle ao/á secretario/a:
a) Redactar, de acordo con co/coa presidente/a, a orde do día das reunións colexiais e dirixir os oficios de citación para todos os actos do Colexio, segundo as ordes que reciba da Presidencia e coa anticipación debida.
b) Redactar as actas das asembleas xerais de colexiados/as e das reunións que realice a Xunta de Goberno, con expresión dos membros que asistan, coidando de que se copien, logo de seren aprobadas, no libro correspondente, e asinalas co/coa presidente/a.
c) Redactar e someter á Xunta de Goberno a memoria anual de vicisitudes e de actividades realizadas de conformidade e co contido previsto no artigo 10.ter da Lei de colexios profesionais de Galicia, para a súa posterior lectura e aprobación na asemblea xeral ordinaria no primeiro trimestre do ano e, de ser o caso, elevación ao Consello Galego de Colexios Veterinarios e ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España.
d) Levar os libros que se precisen para o mellor e máis ordenado servizo, incluídos os de entrada e saída de documentos, e custodiar os arquivos de conformidade cos preceptos regulamentarios.
e) Recibir e dar conta ao/á presidente/a de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao Colexio.
f) Asinar o documento acreditativo de que as persoas colexiadas están incorporadas ao Colexio.
g) Expedir as certificacións que soliciten os/as interesados/as.
h) Asumir a dirección dos servizos administrativos e a xefatura de persoal do Colexio de conformidade coas disposicións destes estatutos, sinalando, de acordo coa Xunta de Goberno, o réxime interior das oficinas colexiais, así como tamén o horario propio de cada caso e as horas que se deberán dedicar a recibir visitas e ao despacho da Secretaría.
i) Promover e coidar o servizo xurídico de defensa dos/das colexiados/as fronte a terceiros.
j) Tramitar e autorizar todos os asuntos de carácter xeral e informar debidamente a Xunta de Goberno sobre estes.
k) Formar e manter actualizadas as listas dos/das veterinarios/as adscritos/as ao Colexio e, en especial, todo o que se refire ao cambio de enderezo, así como o Rexistro de Sociedades Profesionais, e darlles aos datos a publicidade legalmente prevista ou autorizada, así como emitir, co visto e prace do/da presidente/a, as certificacións que se solicien.
l) Toda outra actividade que sexa necesaria para o bo funcionamento do Colexio.
2. O cargo de secretario/a exercerase gratuitamente. Con todo, os orzamentos colexiais consignarán as partidas precisas para atender os gastos inherentes ao cargo pola necesidade dunha maior dedicación nas súas actividades.
Artigo 12. Funcións das vogalías
Unha vez que resulten elixidos/as os/as vogais na forma prevista nestes estatutos, seranlles asignadas pola Presidencia as funcións e competencias da área de xestión que se lles encomende.
Artigo 13. Libro de actas
Todos os acordos que tome a Asemblea Xeral ou a Xunta de Goberno deberán ser transcritos nun libro de actas, no cal se recollerán todas as vicisitudes das sesións correspondentes.
Os libros de actas deberán estar foliados e ter todas as follas seladas. Na primeira das follas consignarase unha dilixencia por parte da Secretaría, co visto e prace da Presidencia, onde se farán constar a finalidade e a data en que empecen. Todas as actas serán asinadas polo/a presidente/a e polo/a secretario/a ou por quen, respectivamente, os substitúa na sesión a que a acta corresponda.
Cando a extensión e o número dos acordos tomados pola Xunta de Goberno o aconsellen, poderase acordar que se substitúa a transcrición literal no libro de actas das resolucións adoptadas por unha breve referencia ao seu contido e ao sentido do acordo.
Sección 2ª. Da Asemblea Xeral de colexiados/as
Artigo 14. Natureza
1. A Asemblea Xeral, como órgano plenario e soberano, está constituída por todas as persoas colexiadas, en exercicio e sen exercicio, e dispón das máis amplas facultades co fin de acadar os seus obxectivos e adoptar os acordos necesarios para conseguir as súas finalidades. A Asemblea Xeral é o órgano supremo do Colexio e a ela deberá dar conta a Xunta de Goberno da súa actuación.
Todas as persoas colexiadas incorporadas de pleno dereito no Colexio, e que estean ao día no cumprimento dos seus deberes colexiais, terán o dereito de asistir ás asembleas xerais con voz e voto, agás que se lles impuxese unha sanción que comporte a suspensión de actividades colexiais en xeral ou a limitación concreta destes dereitos.
2. Os acordos da Asemblea Xeral, validamente adoptados, obrigarán a todas as persoas colexiadas, incluídos/as os/as que votaron en contra ou estiveron ausentes, sen prexuízo do dereito de impugnación que lles poida corresponder.
Artigo 15. Funcións da Asemblea Xeral
Son funcións da Asemblea Xeral, con carácter enunciativo e non limitador, as seguintes:
a) Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos do Colexio para o exercicio seguinte.
b) Aprobar as liquidacións do orzamento do ano anterior xunto coa memoria anual de xestión económica e de actividades presentada pola Xunta de Goberno.
c) Aprobar os cambios de sede do Colexio.
d) Aprobar e modificar os estatutos deste colexio e os regulamentos relacionados coa ordenación do exercicio profesional, unha vez aprobados e cumpridas as previsións que a este respecto se conteñen nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.
e) Aprobar os acordos tomados pola Xunta de Goberno do Colexio sobre adquisición, alleamento, gravame e demais actos xurídicos de disposición sobre bens inmobles da corporación. Será preceptiva a aprobación pola Asemblea para que estes se poidan levar a cabo.
f) Exercer e votar a moción de censura contra a Xunta de Goberno do Colexio ou contra algún dos seus membros, nos termos previstos nestes estatutos.
g) Aceptar ou denegar a cuestión de confianza suscitada pola Xunta de Goberno ou por algún dos seus membros.
h) A fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio.
i) Acordar, por proposta da Xunta de Goberno e cando se considere conveniente por calquera motivo, a constitución de asociacións, fundacións ou outras entidades con personalidade xurídica sen ánimo de lucro.
j) Aqueles asuntos que lle someta a Xunta de Goberno por merecer, ao seu criterio, esta atención en razón da súa específica transcendencia colexial.
k) Aprobar, no ámbito das súas competencias, os regulamentos ou normas de réxime interior para o desenvolvemento e a aplicación destes estatutos.
l) En xeral, adoptar calquera tipo de acordos conducentes á consecución dos seus fins e as súas finalidades.
Artigo 16. Funcionamento da Asemblea Xeral
1. A Asemblea Xeral convocarase preceptivamente, con carácter ordinario, dúas veces ao ano. Unha no primeiro trimestre para aprobar a liquidación de ingresos e gastos do exercicio anterior e dar lectura e aprobar a memoria anual, e outra no último trimestre para aprobar os orzamentos do exercicio seguinte. No caso de que o orzamento non sexa aprobado pola Asemblea, considerarase automaticamente prorrogado o do exercicio anterior ata que se proceda a esta aprobación, coa única posible adición de partidas ás cales obrigatoriamente se deba atender como consecuencia do cumprimento dunha disposición legal, ou para dar cumprimento a un acordo previo do Colexio.
2. As asembleas xerais extraordinarias poderán realizarse en todas aquelas ocasións en que o considere conveniente a Presidencia ou a Xunta de Goberno ou o soliciten un mínimo do 30 % do total de persoas colexiadas; nese caso, terán lugar nun prazo non superior a trinta días desde a presentación da solicitude.
3. As asembleas de colexiados e colexiadas deberán convocarse con, polo menos, quince días de antelación, especificando e acompañando a orde do día e facendo constar o lugar e a hora de realización.
4. A convocatoria seralles comunicada por escrito a todas as persoas colexiadas xunto coa orde do día e nela farase constar a realización da sesión en segunda convocatoria; non poderá mediar entre a primeira e a segunda convocatoria da reunión un prazo inferior a media hora.
5. Os acordos da Asemblea Xeral serán adoptados por maioría simple e, en ningún caso, será válido o voto delegado nin remitido por correo. En consecuencia, salvo para a elección dos membros da Xunta de Goberno, o exercicio do dereito de voto supedítase á presenza física na reunión. Non se poderán tomar acordos que non figuren na correspondente orde do día. Quedará validamente constituída a Asemblea en primeira convocatoria cando concorra a maioría dos seus membros. Entenderase validamente constituída en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asistentes.
Exceptúanse das previsións e exixencias do parágrafo anterior os seguintes casos:
a) Cuestión de confianza. Os requisitos de quórum de asistencia e de adopción dos acordos recóllense no artigo 17.
b) Moción de censura. Os requisitos de quórum de asistencia e de adopción dos acordos recóllense no artigo 18.
c) Fusión, absorción e segregación do Colexio. Requirirase, como mínimo, un quórum de asistencia dunha terceira parte das persoas colexiadas. Para que prospere, exixirase o voto favorable da maioría absoluta dos presentes.
d) Disolución. Os requisitos da adopción do acordo recóllense no artigo 80.
6. Teñen dereito a voto nas asembleas xerais, ordinarias ou extraordinarias, todas as persoas colexiadas en que non concorra incapacidade legal ou estatutaria, sempre que estean ao día en todas as súas obrigacións económicas e doutro tipo.
7. As votacións en asembleas xerais poderán ser secretas se así é proposto por un 10 % dos asistentes.
No caso de que se produza un empate, decidirá o voto de calidade do/da presidente/a.
Artigo 17. Cuestión de confianza
1. A Xunta de Goberno do Colexio ou calquera dos seus membros pode suscitar ante a Asemblea Xeral de colexiados e colexiadas a cuestión de confianza sobre o seu programa de actuacións, se considera contestado maioritariamente este, ou sobre a súa actuación no desempeño das súas funcións.
2. O outorgamento ou rexeitamento da confianza competeralle sempre á Asemblea Xeral extraordinaria de colexiados e colexiadas, convocada só para ese efecto pola Xunta de Goberno do Colexio, por acordo desta ou por pedimento daquel dos seus membros que desexe suscitar individualmente a cuestión de confianza.
3. A confianza entenderase outorgada cando vote a favor a maioría simple dos asistentes, nos termos previstos no artigo 16.5, parágrafos primeiro e segundo destes estatutos.
4. A non superación da cuestión de confianza ten a consideración de reprobación e supón o cesamento da Xunta de Goberno, o que comportará que se teñan que convocar as correspondentes eleccións de acordo co sistema electoral previsto nestes estatutos.
Artigo 18. Moción de censura
1. A moción de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros competeralle sempre á Asemblea Xeral extraordinaria de colexiados e colexiadas, convocada só para ese efecto.
2. A solicitude desa convocatoria de asemblea xeral extraordinaria requirirá a sinatura dun mínimo da cuarta parte das persoas colexiadas non suspendidas no exercicio dos seus dereitos e ao día nas súas obrigacións económicas, incorporadas, polo menos, con tres meses de antelación. A solicitude deberá expresar con claridade as razóns ou motivos en que se funde.
3. Unha vez recibida a moción de censura contra a Xunta de Goberno ou contra algún dos seus membros, o/a secretario/a comprobará que estea subscrita pola porcentaxe exixida de persoas colexiadas e co resto de condicións indicadas, e será desestimada en caso de non cumprirse algún dos requisitos. Deben anexarse o nome, os apelidos, o número de colexiado/a, a sinatura e unha fotocopia do DNI das persoas colexiadas que a subscriben.
4. A asemblea xeral extraordinaria de colexiados e colexiadas terá que realizarse dentro dos trinta días hábiles contados desde o seguinte a aquel en que se presentou a solicitude e non se poderán tratar nela máis asuntos que os expresados na convocatoria.
5. Para que a moción de censura sexa aprobada e se produza o consecuente cesamento da Xunta de Goberno ou do membro deste órgano a quen afecte, será necesaria a maioría absoluta de votos. O voto será directo e non se admitirá o voto por correo ou delegado. Neste caso, os membros da Xunta de Goberno non poden exercer o seu dereito a voto.
Se a moción de censura contra toda a Xunta de Goberno for aprobada pola maioría referida no parágrafo anterior, a Xunta de Goberno censurada cesará nos seus cargos e constituirase de forma interina na propia asemblea unha xestora, que convocará eleccións na forma prevista nestes estatutos. No caso de censura dun ou varios membros da Xunta de Goberno, estes cesarán nos seus cargos e pasarán a ocupalos os membros suplentes; na súa falta, as funcións desempeñadas serán asumidas polo resto dos membros da Xunta de Goberno, sen prexuízo da previsión establecida no artigo 28.2 destes estatutos.
6. Se a moción de censura non for aprobada pola Asemblea, pode propoñerse outra vez no período dun ano contado a partir da data da votación.
7. Non se poderán propoñer mocións de censura no último semestre dun mandato.
CAPÍTULO II
Das comisións
Artigo 19. Comisións asesoras
No Colexio poderán existir comisións, con finalidade exclusivamente asesora, sobre cuxa creación, funcións e desenvolvemento se informará a Asemblea Xeral de colexiados e colexiadas. En todo caso, existirá unha Comisión deontolóxica que asesorará e informará a Xunta de Goberno nos expedientes disciplinarios que se lles incoen ás persoas colexiadas.
Cada unha destas comisións será presidida polo/a presidente/a ou vogal en quen este/a delegue, e actuará como secretario/a o/a secretario/a do Colexio ou colexiado/a en quen este/a delegue. Os seus membros deberán ser colexiados.
As comisións estarán integradas polos veterinarios e veterinarias nomeados pola Xunta de Goberno do Colexio Oficial.
Os estudos, propostas e conclusións de cada comisión serán remitidos á Xunta de Goberno, a cal decidirá se deben ser expostos e defendidos, de ser o caso, polo membro que designe a comisión correspondente ante a Asemblea Xeral de persoas colexiadas.
A programación dos temas obxecto de estudo poderá ser proposta pola propia Comisión, Xunta de Goberno ou pola Presidencia do Colexio.
Habilitaranse os medios económicos necesarios para o desenvolvemento dos programas de traballo, cuxa contía será aprobada pola Asemblea Xeral de persoas colexiadas.
Artigo 20. Comisión deontolóxica
1. Con carácter permanente existirá unha Comisión deontolóxica que estará composta polos seguintes membros:
a) O/a presidente/a do Colexio ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.
b) O/a vogal a quen se lle asignen as tarefas correspondentes á sección de deontoloxía e lexislación, que actuará como secretario/a.
c) Un mínimo de tres e un máximo de seis colexiados/as nomeados/as pola Xunta de Goberno, que representen as persoas colexiadas dos distintos ámbitos da actuación profesional que existen na provincia, para o cal a Xunta de Goberno poderá solicitar das asociacións representativas dos distintos sectores profesionais existentes no seo dos colexios a proposta daqueles/as colexiados/as que consideren máis idóneos para formar parte da Comisión.
2. A duración do cargo de todos os membros da Comisión de Deontoloxía será de seis anos reelexibles.
Os membros da Comisión de Deontoloxía cesarán polos mesmos motivos que os previstos nestes estatutos para as persoas que integran a Xunta de Goberno.
As vacantes cubriranse mediante o nomeamento, pola Xunta de Goberno, dunha persoa que ocupará o cargo polo tempo de mandato restante.
3. As funcións da Comisión deontolóxica serán:
a) Emitir informes non vinculantes, por pedimento do instrutor ou da Xunta de Goberno, en calquera das fases do procedemento disciplinario.
b) Propoñerlle á Xunta de Goberno cantas actuacións crea convenientes para unha mellor ordenación e deontoloxía profesional.
c) Emitir informes sobre cantos proxectos de normas de orde deontolóxica ou relativos á ordenación profesional se elaboren.
4. O funcionamento da Comisión deontolóxica desenvolverase regulamentariamente.
CAPÍTULO III
Das eleccións a Xunta de Goberno
Artigo 21. Condicións de elixibilidade
Son condicións de elixibilidade para todos os cargos ser persoa colexiada non suspendida no exercicio dos seus dereitos colexiais; estar a o día no aboamento das cotas e demais obrigacións estatutarias e non estar incurso/a en ningunha das incompatibilidades previstas na Lei de colexios profesionais, nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e en cantas disposicións se diten con carácter xeral, no momento de convocarse o proceso electoral.
Para poder optar ao cargo de presidente/a, ademais, será preciso ter unha antigüidade de cinco anos, como mínimo, de colexiación ininterrompida e dun ano para o resto de cargos.
Artigo 22. Electores
1. Todas as persoas colexiadas con dereito a voto elixirán de entre elas ao/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e oito vogais. A Presidencia, unha vez elixidos os integrantes da Xunta de Goberno, establecerá os ámbitos de xestión e competencias que se asignen a cada un dos vogais electos.
2. Para exerceren o dereito de sufraxio activo, as persoas colexiadas deberán figurar ao día nos seus deberes estatutarios con anterioridade ao momento en que se acorde a convocatoria.
A cada persoa colexiada, con independencia da categoría a que pertenza, correspóndelle un voto.
3. As sociedades profesionais non terán dereito de voto.
Artigo 23. Duración do mandato
1. A renovación dos cargos da Xunta de Goberno realizarase ordinariamente cada seis anos e as eleccións realizaranse con antelación mínima de quince días á data de finalización do período de mandato dos citados cargos.
Extraordinariamente, a Xunta de Goberno poderá adiantar as eleccións cando as circunstancias o aconsellen, ou ben nos supostos de triunfo dunha moción de censura de conformidade co artigo 18 destes estatutos.
2. A Xunta de Goberno do Colexio convocará oportunamente as eleccións para a renovación dos cargos, ao cal daralle a debida publicidade e sinalará na convocatoria os prazos para a súa realización. As candidaturas poderán presentarse no prazo de trinta días a partir do día seguinte ao da adopción do acordo de convocatoria de eleccións.
3. Desde a convocatoria das eleccións ata que os novos membros da Xunta de Goberno tomen posesión, actuará con carácter provisional a Xunta de Goberno saínte.
4. Cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos membros da Xunta de Goberno, realizarase unha auditoría das contas colexiais de conformidade co establecido nas leis de aplicación.
Artigo 24. Presentación de candidatos/as
1. Os/as candidatos/as deberán reunir os requisitos que sinala o artigo 21 destes estatutos e solicitarllo por escrito á Xunta de Goberno do Colexio. A solicitude poderá facerse de forma individual ou en candidatura conxunta.
2. Faranse constar especificamente o nome e os apelidos e o número de colexiado/a dos/das candidatos/as a presidente/a, a vicepresidente/a, a secretario/a e a vogais.
3. Procurarase que a presenza de mulleres e homes sexa equilibrada.
Suprímense e quedan sen contido os números 2, 3 e 4 dos anteriores estatutos. O número 5 pasa ao número 3 do artigo.
Artigo 25. Proclamación de candidatos/as
1. O día seguinte ao da expiración do prazo para a presentación de candidaturas, a Xunta de Goberno do Colexio reunirase en sesión extraordinaria e proclamará a relación das persoas candidatas que reúnan as condicións de elixibilidade; establecerase un período de cinco días para presentar reclamacións, que se resolverá nos seguintes sete días, transcorridos os cales se lles dará conta ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios. As votacións terán lugar a partir dos vinte días naturais seguintes.
2. Queda prohibida toda actividade electoral que implique descrédito ou falta de respecto persoal aos/ás demais candidatos/as e que estea en desacordo cos principios de carácter deontolóxico, de obrigada aplicación en todo o territorio nacional. O seu incumprimento comportará a depuración da correspondente responsabilidade deontolóxica.
3. No caso de que só se presente un/unha candidato/a por cada cargo, a Xunta de Goberno, logo de comprobación de que o/a candidato/a ou, de ser o caso, os/as candidatos/as reúnen os requisitos que establecen estes estatutos, proclamaraos/as electos sen que proceda ningunha votación.
4. No caso de declararse desertas as eleccións por falta de candidatos, a Xunta de Goberno deberá proceder a convocalas novamente segundo os requisitos establecidos nestes estatutos.
Artigo 26. Procedemento electivo
1. A elección dos membros das xuntas de goberno será por votación directa e secreta, na cal poderán tomar parte todas as persoas colexiadas con dereito a voto, conforme o disposto nestes estatutos.
2. O voto deberá ser emitido persoalmente ou por correo certificado, nun sobre asinado que incluirá a papeleta do voto no seu sobre pechado e unha fotocopia do DNI ou pasaporte do remitente. A solicitude do voto por correo deberá recibirse no Colexio dez días antes das eleccións. O/a secretario/a da Xunta de Goberno certificará a petición de voto e tomará nota no censo, e enviaralle ao/á colexiado/a a documentación pertinente para a votación por correo. O voto por correo quedará anulado se o/a colexiado/a se presenta a votar o día das eleccións. Opcionalmente, o Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña poderá articular un sistema de voto telemático e aprobará, para este efecto, a normativa correspondente.
3. A Mesa Electoral estará constituída, no día e na hora que se fixen na convocatoria, por tres colexiados/as e os seus respectivos suplentes, cuxa designación se fará por sorteo público entre todas as persoas colexiadas con dereito a voto que non se presenten á elección, e será obrigatoria a aceptación, salvo causa xustificada. O/a presidente/a da Mesa e o/a seu/súa suplente serán designados pola Xunta de Goberno de entre as persoas elixidas. O/a máis novo/a actuará de secretario/a. Calquera candidato/a poderá nomear un/unha interventor/a.
As persoas votantes están obrigadas a acreditar a súa identidade ante a Mesa Electoral. A Mesa comprobará a súa inclusión no censo, e o/a seu/súa presidente/a, tras pronunciar en voz alta o nome e apelidos do/da votante indicando que vota, introducirá a papeleta co seu sobre na urna correspondente.
Serán nulos todos os votos recaídos en persoas que non figuren nas candidaturas aprobadas, as papeletas que conteñan frases ou expresións distintas do nome e cargo do/da candidato/a proposto/a, así como aquelas en que se introducise calquera lenda ou expresión ou se producise calquera outra alteración de carácter voluntario ou intencionado.
É nulo o voto emitido en papeleta sen sobre ou en sobre que conteña máis dunha papeleta de distinta candidatura. No suposto de conter máis dunha papeleta da mesma candidatura, computarase como un só voto válido.
Considéranse voto en branco, pero válido, o sobre que non conteña papeleta e, ademais, as papeletas que non conteñan indicación a favor de ningún dos candidatos.
4. Finalizada a votación dos asistentes e, en último lugar, a dos membros da Mesa e os/as interventores/as, procederase a depositar na urna os votos enviados por correo e a efectuar o escrutinio dos votos obtidos por cada candidato/a, concluído o cal, o/a presidente/a da Mesa proclamará os que resulten electos.
Das candidaturas presentadas, e realizadas as votacións, sairán elixidos o/a presidente/a, o/a vicepresidente/a, o/a secretario/a, e os/as oito vogais que compoñerán a Xunta de Goberno daqueles/as candidatos/as que obteñan un maior número de votos. En caso de empate, procederase á repetición da votación do cargo ou cargos en que se produciu o empate o antes posible.
Do desenvolvemento da votación e do resultado do escrutinio levantarase a acta seguidamente, asinada por todos os membros da Mesa, a cal se elevará ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios para o seu coñecemento.
5. Concluído o escrutinio, os representantes das candidaturas dispoñen dun prazo de tres días para presentaren as reclamacións que consideren pertinentes.
A Mesa Electoral resolverá sobre elas e notificará a súa resolución no prazo de dous días. Tras a resolución das reclamacións e protestas, a Mesa Electoral proclamará a candidatura electa. A acta de proclamación será asinada por todos os membros da Mesa Electoral e remitida á Xunta de Goberno en funcións.
6. No prazo de quince días despois das eleccións, os/as colexiados/as elixidos para presidente/a, secretario/a, vicepresidente/a e vogais reuniranse coa Xunta de Goberno saínte para a toma de posesión e o traspaso de funcións. A continuación, os novos cargos reuniranse entre eles para asignar as distintas áreas de xestión e actuación dos/das vogais electos, na forma prevista nestes estatutos. Desta reunión levantarase a acta correspondente cos cargos xa establecidos e efectivos.
Artigo 27. Publicidade e reclamacións
1. Ás listas de electores e ás de persoas candidatas daráselles publicidade no taboleiro de anuncios e na páxina web do Colexio, para os efectos de reclamacións, no prazo que acorde a Xunta de Goberno ao convocar as eleccións.
2. Resoltas as reclamacións pola Xunta de Goberno, serán de novo sometidas a publicidade. A lista definitiva de electores serviralle á Mesa Electoral para as comprobacións durante a votación electoral conforme o previsto no artigo 26.3.
Artigo 28. Causas de cesamento e vacantes
1. Os membros das xuntas de goberno dos colexios oficiais da profesión veterinaria cesarán polas causas seguintes:
a) Expiración ou finalización do prazo para o cal foron elixidos.
b) Renuncia do/da interesado/a.
c) Condena por sentenza firme, que comporte a inhabilitación para cargos públicos.
d) Sanción disciplinaria firme por falta grave ou moi grave.
e) Perda das condicións de elixibilidade expresadas no artigo 21.
f) A denegación por parte da Asemblea Xeral de colexiados/as da confianza nos termos previstos nestes estatutos.
g) A aprobación da moción de censura nos termos previstos nestes estatutos.
h) Por nomeamento para un cargo político de carácter executivo do Goberno ou da Administración pública central, autonómica, local ou institucional, ou para calquera outro que estea afecto pola lexislación estatal ou autonómica vixente en materia de incompatibilidades.
i) Por falecemento.
2. Cando as vacantes que se produzan na Xunta de Goberno afecten, polo menos, a metade dos seus cargos, a propia Xunta designará os/as substitutos/as con carácter de interinidade, ata que se verifique a convocatoria de novas eleccións, no prazo máximo de seis meses. Ao cubrirse calquera destes cargos nos supostos referidos, a súa duración acadará só ata o próximo período electoral.
A Xunta provisional así constituída exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados en virtude de elección, que terá lugar, conforme as disposicións destes estatutos, no referido período máximo de seis meses.
A provisión do novo membro da Xunta de Goberno deberá comunicárselles ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios dentro dos quince días naturais seguintes.
TÍTULO III
Dos/das colexiados/as
CAPÍTULO I
Da adquisición, denegación e perda da condición de colexiado/a
Artigo 29. Das clases de persoas colexiadas
1. Os/as colexiados/as clasificaranse en:
a) Colexiados/as en exercicio.
b) Colexiados/as sen exercicio.
c) Colexiados/as honoríficos/as.
d) Membros de honra.
2. Son persoas colexiadas en exercicio as que están en posesión do título universitario oficial ou dalgún que, conforme a normativa española ou comunitaria, a Administración competente homologue ou recoñeza, así como do título universitario oficial de grao que habilite para o exercicio da profesión veterinaria, de acordo co disposto na Orde ECI/333/2008, do 13 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da citada profesión e se incorporarán ao Colexio como veterinarios/as para exerceren profesionalmente a veterinaria en calquera das súas diferentes modalidades.
3. O exercicio da profesión, en calquera das súas modalidades, será efectuado polas persoas veterinarias colexiadas, de acordo coas normas reguladoras establecidas nestes estatutos e nas normas que, para tales fins, diten e adopten o Consello Xeral e o Consello Galego de Colexios Veterinarios. De toda inscrición, alta ou baixa neste colexio daráselles inmediata conta ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.
O exercicio profesional pode verificarse:
a) Ao servizo da Administración xeral do Estado, da Administración autonómica e da Administración local.
b) Ao servizo de empresas, entidades, explotacións e industrias ou negocios relacionados coa veterinaria.
c) De forma libre, que corresponderá a calquera actividade ou traballo que se realice ao abeiro do título de licenciado/a ou de grao en Veterinaria, ou homologables, e que non se encontre incluído nos puntos anteriores.
4. Igualmente serán de aplicación a todos os profesionais veterinarios, en canto ao exercicio da súa profesión, as normas contidas no Código deontolóxico para o exercicio da profesión veterinaria, o cal estará publicado nos medios de comunicación colexiais.
5. Os/as veterinarios/as poderán exercer a súa profesión a través de sociedades profesionais, unha vez que estean constituídas de conformidade co disposto na súa lei reguladora e se encontren debidamente rexistradas no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña. A estas seranlles de aplicación, igualmente no relacionado co exercicio da profesión, as normas contidas no Código deontolóxico para o exercicio da profesión veterinaria.
En todo caso, o exercicio da profesión veterinaria a través dunha sociedade profesional, ou como socio/a profesional dela non eximirá da obrigación de colegiación prevista neste artigo, nin poderá ser substituída pola inscrición de tal sociedade profesional no citado rexistro colexial.
6. Son persoas colexiadas sen exercicio as que, estando en posesión dun título universitario oficial que habilite para o exercicio da profesión veterinaria, se incorporan ao Colexio sen a pretensión de exercer a profesión de veterinario/a senón de gozar dos outros dereitos inherentes á condición de colexiados/as.
7. Serán persoas colexiadas honoríficas os/as veterinarios/as xubilados/as que exerceron a profesión en calquera das súas modalidades, sempre que leven un mínimo de vinte anos de colexiación, e os/as que se encontren en situación de invalidez ou incapacidade permanente para exercer a profesión. As persoas colexiadas honoríficas estarán exentas do pagamento de cotas colexiais, aínda que, se o desexan, poderán seguir sendo beneficiarias das pólizas colectivas de seguros subscritas por este colexio, aboando a cantidade correspondente.
8. Serán membros de honra aquelas persoas físicas ou xurídicas, veterinarios/as ou non, que realicen un labor relevante e meritorio en relación coa profesión veterinaria. Esta categoría será puramente honorífica. Poderá/n ser propostas á autoridade competente para unha recompensa.
9. O Colexio levará un rexistro de cada unha das categorías mencionadas.
Artigo 30. Requisitos de colexiación
Para a incorporación ao Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña requírese acreditar, como condicións xerais de aptitude, as seguintes:
a) Ser de nacionalidade española ou da dalgún dos Estados membros da Unión Europea, salvo o disposto en tratados ou convenios internacionais, ou dispensa legal.
b) Ser maior de idade e non estar incurso/a en causa de incapacidade.
c) Estar en posesión do título universitario oficial, ou dalgún que, conforme a normativa española ou comunitaria, a Administración competente homologue ou recoñeza, así como do título universitario oficial de grao que habilite para o exercicio da profesión veterinaria, de acordo co disposto na Orde ECI/333/2008, do 13 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da citada profesión.
d) Non estar inhabilitado/a para exercer a profesión, xa sexa por motivo disciplinario ou xudicial.
e) Satisfacer a cota de ingreso e demais que teña establecidas o Colexio.
f) Cumprir os requisitos de idoneidade ou aptitude para o exercicio profesional, establecidos ou que se establezan regulamentariamente ou a través de acordos dos órganos colexiados do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios.
g) O pagamento do seguro que cubra os riscos de responsabilidade en que poidan incorrer os/as colexiados/as, derivados do exercicio da profesión.
Artigo 31. Solicitudes de colexiación
1. Para ser admitido no Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña xuntarase á solicitude, en documento normalizado, o correspondente título orixinal ou testemuño notarial deste e certificación académica. O xustificante por parte da universidade de orixe do aboamento dos dereitos de expedición do título poderá suplir a ausencia do orixinal, caso en que o/a colexiado/á quedará obrigado/a a presentalo unha vez que lle sexa expedido.
Ademais, serán necesarios os documentos seguintes: instancia dirixida á Presidencia, fotocopia do DNI, tres fotografías de carné e cubrir un cuestionario normalizado que o Colexio poñerá á súa disposición, onde se deberán facer constar a aceptación expresa destes estatutos, o seu enderezo actual, o domicilio profesional, os títulos que teña, as obras que publicase e os traballos realizados.
Este trámite poderá efectuarse de maneira telemática a través do portelo único da web colexial, de conformidade coa normativa vixente e nas condicións que determinen os órganos colexiais, sen prexuízo de que o Colexio verifique o carácter fidedigno dos documentos requiridos.
Igualmente, o/a solicitante deberá pagar a cota de inscrición fixada polos órganos colexiais de conformidade coas previsións legais. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición.
2. Se o/a solicitante procede dalgún dos países membros da Unión Europea, deberá presentar a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa comunitaria.
3. O/a solicitante fará constar que vai exercer a profesión, o lugar en que o vai a facer e a modalidade daquela, e a especialidade, de ser o caso.
4. Os/as veterinarios/as provenientes doutro colexio profesional do Estado español deberán acreditalo mediante certificado do colexio de procedencia en que se faga constar que están ao día no pagamento e que non teñen ningunha nota desfavorable. Con todo, deberán cumprir as normas do Colexio vixentes en cada momento.
5. Correspóndelle á Xunta de Goberno do Colexio resolver sobre as solicitudes de incorporación a este. A Xunta de Goberno acordará, no prazo máximo de dous meses, o que considere pertinente sobre a solicitude de inscrición. Pasado ese prazo sen contestación, entenderanse aprobadas.
6. As solicitudes de incorporación serán aprobadas ou denegadas de conformidade co disposto nestes estatutos. A Xunta de Goberno efectuará as dilixencias e recibirá os informes que, de ser o caso, considere oportunos e notificará a resolución motivada que proceda.
7. Nos casos en que se verifique exercicio de actividade profesional sen a preceptiva colexiación, logo de requirimento do cumprimento do deber de colexiación, a Xunta de Goberno poderá exercer as accións que a asisten para facer cumprir a dita obrigación.
8. Contra a decisión da Xunta de Goberno nesta materia caberá recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios Veterinarios.
Artigo 32. Denegación da colexiación
A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:
a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se encontren complementados ou emendados no prazo sinalado para o efecto.
b) Cando sufrise algunha condena por sentenza firme dos tribunais que no momento da solicitude o/a inhabilite para o exercicio profesional.
c) Cando fose expulsado/a doutro colexio sen ser rehabilitado/a.
d) Cando, ao formular a solicitude, se encontre suspendido/a do exercicio da profesión en virtude de corrección disciplinaria corporativa firme.
Obtida a rehabilitación ou desaparecidos os obstáculos que se opuxeron á colexiación, esta deberá ser aceptada polo Colexio sen dilación nin escusa ningunha.
Artigo 33. Trámites posteriores á admisión
Admitido o solicitante no Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña, expediráselle a tarxeta de identidade correspondente e daráselles conta da súa inscrición ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios no modelo de ficha normalizada que estes establezan. Así mesmo, abrirase un expediente no cal se consignarán os seus antecedentes e actuación profesional. O/a colexiado/a estará obrigado a facilitar en todo momento os datos precisos para manter actualizados os ditos antecedentes.
Artigo 34. Colexiación de oficio
1. Cando un/unha veterinario/a estea a exercer a profesión sen a obrigatoria incorporación a un colexio oficial, este poderá proceder, de oficio, á súa colexiación, logo de instrución do correspondente procedemento, sempre que cumpra coas condicións necesarias para o seu ingreso, determinadas neste estatuto.
2. Con carácter previo á resolución do procedemento, deberá outorgarlle trámite de audiencia polo termo de dez días. Para a comprobación do cumprimento das condicións de ingreso, o Colexio poderá recadar canta información, datos ou documentos estean á disposición das administracións públicas, nos termos prescritos polos artigos 141 e 142 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
3. O prazo máximo para resolver e notificar é de seis meses. A resolución que adopte a Xunta de Goberno notificaráselle á persoa interesada, quen poderá interpoñer contra ela os recursos procedentes.
4. A notificación da resolución pola que, de ser o caso, se acorde o ingreso no Colexio determinará a inmediata suxeición do/da profesional á normativa colexial, así como a asunción de todas as obrigacións derivadas da condición de colexiado/a.
5. Todo o anterior se entende sen prexuízo da responsabilidade en que poida incorrer, derivada da infracción do deber legal de colegiación.
Artigo 35. Perda e suspensión da condición de colexiado/a
1. A condición de colexiado/a perderase:
a) Por baixa voluntaria, ao cesar no exercicio profesional en calquera das súas modalidades, mediante solicitude por escrito.
b) Por condena firme que comporte a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.
c) Por sanción firme de expulsión acordada en expediente disciplinario.
d) Por falecemento.
e) Por perda sobrevida dos requisitos establecidos para a colexiación.
2. Suspenderanse no exercicio profesional os/as colexiados/as que non paguen durante máis de dous trimestres consecutivos as cotas colexiais. En caso de baixa por falta de pagamento, o aboamento das cotas colexiais pendentes, cos xuros legais devindicados, comportará a rehabilitación automática da alta colexial, excepto nos casos en que subsista algún outro motivo de baixa.
3. A perda e a suspensión da condición de colexiado/a será acordada pola Xunta de Goberno do Colexio en resolución motivada, que lle será debidamente notificada.
4. As baixas seranlles comunicadas ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.
5. As baixas non liberan do cumprimento das débedas vencidas e insatisfeitas.
CAPÍTULO II
Das sociedades profesionais
Artigo 36. Do exercicio colectivo
1. As sociedades profesionais de veterinarios/as son as que teñen por obxecto o exercicio en común da veterinaria, exclusivamente ou simultaneamente co exercicio doutra profesión que non sexa legalmente incompatible con ela.
2. As sociedades profesionais de veterinarios/as rexeranse, ademais de pola regulación xeral das sociedades profesionais e, de forma supletoria, das normas correspondentes á forma societaria adoptada, polas normas especiais contidas neste capítulo e pola regulación colexial de desenvolvemento destas normas. O exercicio da actividade profesional que constitúe o obxecto social debe rexerse de conformidade co réxime deontolóxico e disciplinario da veterinaria.
3. Os/as socios/as poderán incluír no contrato social todos os pactos que consideren convenientes, sempre que non se opoñan á normativa aplicable.
Artigo 37. Da liberdade de constitución e de elección da forma societaria
1. Os/as veterinarios/as poderán exercer a veterinaria colectivamente asociándose entre eles ou con outros profesionais mediante a constitución de sociedades profesionais de veterinarios/as, coas límites e coas condicións establecidos na normativa aplicable en materia de sociedades profesionais.
2. As sociedades profesionais de veterinarios/as poderán adoptar calquera das formas societarias admitidas en dereito, incluídas as sociedades mercantís.
3. O contrato de sociedade profesional deberá formalizarse en escritura pública.
Artigo 38. Da inscrición no Rexistro colexial
1. O Colexio creará o seu respectivo Rexistro de Sociedades Profesionais Veterinarias.
2. As sociedades profesionais veterinarias deberán inscribir necesariamente no Rexistro do Colexio se teñen o seu domicilio social no ámbito territorial deste colexio, sen prexuízo da súa inscrición no Rexistro Mercantil.
3. Na inscrición rexistral faranse constar as mencións exixidas pola normativa vixente para a inscrición da forma societaria de que se trate, e en todo caso:
a) A identificación dos/das socios/as outorgantes da escritura pública, así como a identificación das persoas encargadas inicialmente da administración e representación, expresando en cada suposto a condición ou non de socio/a profesional.
b) De ser o caso, o colexio profesional a que pertencen os/as socios/as e o seu número de colexiado/a, mediante certificación colexial acreditativa dos datos identificativos, así como da habilitación actual para o exercicio da profesión.
c) A data e a referencia identificativa da escritura pública de constitución e notario/a autorizante, e a duración da sociedade se se constituíu por un tempo determinado.
d) A actividade ou actividades profesionais que constitúan o obxecto social, denominación ou razón social e domicilio da sociedade.
4. Para efectos de publicidade, o Colexio remitiralles periodicamente ao Ministerio de Xustiza, á Comunidade Autónoma e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios as inscricións efectuadas no seu rexistro.
Artigo 39. Do desenvolvemento da actividade profesional e da responsabilidade disciplinaria
1. A sociedade profesional e os profesionais que actúan exercerán a actividade profesional que constitúe o obxecto social de conformidade co réxime deontolóxico e disciplinario propio da actividade profesional. As causas de incompatibilidade ou de inhabilitación para o exercicio da profesión que afecten a calquera dos socios serán extensivas á sociedade e ao resto de socios profesionais, excepto a exclusión do/da socio/a inhabilitado/a ou incompatible nos termos legalmente establecidos.
2. En ningún caso será obstáculo o exercicio da actividade profesional a través da sociedade para a efectiva aplicación aos profesionais, socios ou non, do réxime disciplinario que corresponde. Sen prexuízo da responsabilidade persoal do profesional actuante, a sociedade profesional tamén poderá ser sancionada de acordo co réxime disciplinario destes estatutos.
3. A sociedade profesional e quen a contrate poderán acordar que, antes do inicio da prestación profesional, a sociedade profesional poña á disposición do/da contratante, polo menos, os seguintes datos identificativos do profesional ou profesionais que prestarán os servizos: nome e apelidos, título profesional, colexio profesional a que pertence e indicación de se é ou non socio/a da sociedade profesional.
4. Do cumprimento das sancións pecuniarias derivadas da comisión das infraccións tipificadas nestes estatutos responderán solidariamente a sociedade e os profesionais, socios ou non, que actuasen.
5. O réxime de responsabilidade establecido nestes estatutos será igualmente aplicable a todos aqueles supostos en que dous ou máis profesionais desenvolvan colectivamente unha actividade profesional sen constituíren unha sociedade profesional. Presúmese que concorre esta circunstancia cando o exercicio da actividade se desenvolva publicamente baixo unha denominación común ou colectiva, ou se emiten documentos, facturas, minutas ou recibos baixo a dita denominación.
Artigo 40. Do Regulamento do Rexistro de Sociedades Profesionais
A Asemblea Xeral aprobará un regulamento que regule a constitución, o funcionamento, o rexistro e a publicidade do Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio, en que se preverán os requisitos e o procedemento de inscrición e calquera outra cuestión que se considere necesaria para o idóneo cumprimento das súas funcións.
CAPÍTULO III
Comunicación e actuacións profesionais noutras demarcacións
Artigo 41. Comunicacións
1. Non será necesario que as persoas colexiadas no Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña que desexen actuar no ámbito territorial doutro colexio oficial de veterinarios comuniquen a dita circunstancia a esoutro colexio, sen prexuízo de que quedarán suxeitos ás competencias de ordenación, control deontolóxico e potestade disciplinaria do colexio destinatario da citada actuación.
En todo caso, deberán empregarse os mecanismos de comunicación e cooperación previstos na normativa reguladora dos colexios profesionais.
2. Igualmente, o/a colexiado/a noutro colexio oficial de veterinarios que desexe actuar no ámbito territorial do Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña non terá que comunicar a súa actuación.
Estes/as colexiados/as non adquiren por este feito a condición de colexiados/as no Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña e, polo tanto, non gozarán dos dereitos políticos neste colexio nin se lles poderá exixir contraprestacións económicas por ese concepto. Con todo, deberán aboar as cotas que se lles exixan habitualmente ás persoas colexiadas da Coruña pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarias e que non se encontren cubertos pola cota colexial.
Estes/as colexiados/as quedarán suxeitos ás competencias de ordenación, control deontolóxico e potestade disciplinaria do Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña.
CAPÍTULO IV
Dereitos, deberes e prohibicións dos/das colexiados/as
Artigo 42. Dereitos dos/das colexiados/as
1. Os/as colexiados/as terán os seguintes dereitos:
a) Exercer a profesión en todo o territorio estatal e no ámbito da Unión Europea nas condicións establecidas na normativa de aplicación, sen prexuízo dos requisitos que o Consello Galego de Colexios Veterinarios ou o Consello Xeral de Colexios de Veterinarios de España poidan establecer en materia de cooperación e coordinación administrativa e políticas de comunicación.
b) Todos os que se desprenden das finalidades colexiais mencionadas nos artigos anteriores.
c) Participar na xestión corporativa, asistindo ás asembleas de colexiados/as, con dereito de voto. Así mesmo, poderán exercer o dereito de petición nos termos en que se regula na lexislación vixente.
d) Sufraxio, activo e pasivo, nas eleccións á Xunta de Goberno, na forma determinada por estes estatutos.
e) Ser amparados polo Colexio, polo Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e polo Consello Galego de Colexios Veterinarios cando se consideren vexatorios ou molestados por motivos do exercicio profesional.
f) Ser asesorados ou representados polo Colexio, mediante a súa asesoría xurídica, en todos os casos de litixio para o exercicio da profesión, logo de acordo da Xunta de Goberno e de conformidade coas instrucións e acordos que adopten os órganos representativos da corporación.
g) Gozar de todos os beneficios que establezan o Colexio, o Consello Xeral e o Consello Galego de Colexios Veterinarios en canto se refire a recompensas, cursos, bolsas, etc., así como ao uso da biblioteca colexial, tanto no local social como no propio domicilio, mediante o cumprimento dos requisitos que se sinalen.
h) Propoñer razonadamente todas as iniciativas que consideren beneficiosas para a profesión e elevar as queixas fundamentadas de actos ou feitos que poidan ir en prexuízo deles, do Colexio ou da profesión.
Poderán tamén solicitar da Xunta de Goberno a convocatoria de asembleas xerais extraordinarias sempre que o sexa en unión de, polo menos, o 25 % das persoas colexiadas.
Así mesmo, e nos termos previstos, poderán solicitar da Xunta de Goberno a convocatoria de asemblea xeral extraordinaria para o exercicio da moción de censura á citada Xunta de Goberno ou a algúns dos seus membros. Igualmente, correspóndelles o dereito de sufraxio activo na forma prevista nestes estatutos no suposto de formulación, por parte da Xunta de Goberno ou dalgún dos seus membros, da cuestión de confianza.
i) Percibir todas e cada unha das prestacións sociais ou asistenciais que teña baixo a súa tutela e preste o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España, o Consello Galego de Colexios Veterinarios ou o colexio respectivo.
j) Desempeñar os cargos para os cales sexan nomeados e exercer, en xeral, todos os demais dereitos que as disposicións vixentes lles concedan.
k) Solicitar do Colexio a tramitación da cobranza dos honorarios que se percibirán por servizos, informes, etc. sempre que o Colexio teña creados os servizos oportunos e sendo por conta do/da colexiado/a solicitante os gastos e custas xudiciais que o procedemento ocasione.
l) Exercer a súa profesión de acordo co disposto nestes estatutos, nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, no Código deontolóxico vixente e nas demais disposicións que regulen o exercicio profesional.
2. O exercicio dos dereitos mencionados é incompatible con estar incurso/a en causa de suspensión, de conformidade co previsto no artigo 35.
Artigo 43. Deberes dos/das colexiados/as
1. Os/as colexiados/as terán os seguintes deberes:
a) É un deber fundamental de toda persoa colexiada, aínda que exerza a profesión a través dunha sociedade profesional, exercer a profesión de acordo coas exixencias da lexislación vixente e da máis pura ética, e dentro do espírito que dimana destes estatutos xerais e do Código deontolóxico para o exercicio da profesión. Os/as colexiados/as están obrigados cos seus clientes a cumprir coa máxima dilixencia e celo a súa profesión. No desenvolvemento desta función, axustaranse ás exixencias sanitarias, técnicas, deontolóxicas e éticas adecuadas a cada acto veterinario, realizando dilixentemente todas as súas actividades profesionais, e a seguir unha formación continuada.
b) Cumprir canto dispoñen estes estatutos, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e os acordos e decisións das autoridades colexiais, do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios.
c) Estar ao día no pagamento de todas e cada unha das cotas colexiais e de todas as contribucións e cotas extraordinarias que se establezan para o sostemento do Colexio, así como satisfacer toda clase de débitos que teña pendentes pola subministración de documentos oficiais ou polos servizos colexiais.
d) Desempeñar os cargos para os cales sexan designados nas xuntas de goberno e calquera outra comisión colexial.
e) Empregar a maior corrección e lealdade nas súas relacións co Colexio, cos membros da Xunta de Goberno, co persoal do Colexio e cos/as outros/as colexiado/as, e comunicarlle a aquel calquera incidente vexatorio a un/unha colexiado/a no exercicio profesional de que teña noticia.
f) Denunciar por escrito ao Colexio todo acto de intrusionismo que chegue ao seu coñecemento, así como os casos de exercicio ilegal.
g) Comunicarlle o seu domicilio profesional e os eventuais cambios deste ao Colexio, a denominación e o domicilio social das sociedades profesionais a través das cales exerzan, como socios ou non, a profesión, así como todas as demais cuestións previstas legalmente no caso de que o exercicio se realice como socio profesional.
h) Comunicar por escrito, igualmente, en caso de substitución por ausencia ou enfermidade, o nome e domicilio do/da facultativo/a colexiado/a que o substitúa, para a súa debida constancia.
i) Someter a visado do Colexio os contratos, informes, proxectos, ditames e calquera outro documento que o precise, nos termos previstos na lexislación vixente, nestes estatutos, nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.
j) Facilitarlle ao Colexio todos os datos que se lle soliciten para a formación do ficheiro de colexiados/as, de conformidade coa normativa vixente, tamén con finalidade estatística, co obxecto de facer posible o cumprimento dos seus fins e das súas funcións. Atenderá, así mesmo, calquera requirimento que lle faga a Xunta de Goberno, o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España ou o Consello Galego de Colexios Veterinarios para formar parte das comisións especiais de traballo, ás cales lles prestará a súa maior colaboración.
k) Dispoñer dun seguro de responsabilidade profesional que cubra de maneira adecuada os riscos que asumen no exercicio da profesión.
l) Os/as colexiados/as deberán cumprir, ademais, aqueles deberes que lles sexan impostos como consecuencia de acordos adoptados polo Colexio, o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España ou o Consello Galego de Colexios Veterinarios no marco das súas competencias.
ll) Calquera outro deber que se desprenda das prescricións destes estatutos ou das comprendidas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española ou nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.
2. No caso de que a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, esta tamén será directamente responsable do cumprimento dos deberes mencionados neste artigo, en todo o que lle sexa de aplicación.
Artigo 44. Prohibicións
1. Prohíbeselles en xeral ás persoas colexiadas, aínda que a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, realizar prácticas profesionais contrarias ao que dispón a lexislación vixente ou ás normas éticas, deontolóxicas e xurídicas da profesión veterinaria.
2. Prohíbeselles especificamente aos/as colexiados/as:
a) Ofrecer a eficacia garantida de procedementos curativos ou de medios persoais que non recibisen a confirmación de entidades científicas ou profesionais de recoñecido prestixio.
b) Empregar tratamentos ou medios non controlados cientificamente e disimular ou finxir a aplicación de elementos diagnósticos e terapéuticos.
c) Realizar prácticas dicotómicas.
d) Empregar recrutadores de clientes.
e) Efectuar manifestación ou divulgar noticias en calquera forma que dean a entender coñecemento, como técnicas, resultados ou calidades especiais das cales se deduzan ou se poidan deducir, directa ou indirectamente, comparacións coa actividade profesional doutros colexiados, na medida en que as ditas actuacións vulneren o disposto na Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral da publicidade, ou na Lei 3/1991, do 11 de xaneiro, de competencia desleal.
f) Tolerar ou encubrir de calquera forma a quen, sen título suficiente ou non homologado, sen estar colexiado/a, trate de exercer ou exerza a profesión veterinaria.
g) Exercer a profesión nun consultorio veterinario ou en calquera outro centro do cal, sendo ou non titular, teña coñecemento de que nel se realizan prácticas ilegais por parte doutras persoas, mesmo cando se efectúen fóra da súa presenza e en horas distintas das do seu exercicio profesional.
h) Permitir o uso de clínica ou consultorio veterinario a persoas que, mesmo dispoñendo de título suficiente para exerceren a veterinaria, non se encontren debidamente colexiadas de conformidade co establecido na normativa reguladora da obrigatoriedade de colexiación.
i) Prestar o seu nome para que figure como director/a facultativo/a ou asesor/a de clínica veterinaria que non dirixa e atenda ou asesore persoal e directamente, ou que non se axuste ás leis vixentes e a estes estatutos, aos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria ou aos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, ou se violen neles as normas deontolóxicas.
j) Aceptar remuneracións ou beneficios de laboratorios de medicamentos ou fabricantes de utensilios de cura, ou calquera instrumento, mecanismo ou utensilios relacionados coa veterinaria, en concepto de comisión, como propagandista, como provedor de clientes ou por outros motivos que non sexan de traballos de asesoramento científico especificamente encomendados, de conformidade coas normas vixentes.
k) Exercer a veterinaria cando se evidencien manifestamente alteracións orgánicas, psíquicas ou hábitos tóxicos que o/a incapaciten para o dito exercicio, mediante a confirmación de recoñecemento médico.
l) O anuncio ou a difusión dos seus servizos, directamente ou a través de medios publicitarios, violando o disposto na legalidade vixente en materia de publicidade.
ll) Efectuar manifestacións públicas, ou a través da prensa, radio, televisión ou calquera outro medio, das cales poida derivar un perigo potencial para a saúde da poboación ou un desprestixio ou prexuízo para o Colexio, os seus colexiados/as ou membros da súa Xunta de Goberno.
m) Utilizar a condición de especialista nalgunha rama da profesión sen ter a titulación acreditativa pertinente.
n) En xeral, realizar prácticas profesionais contrarias ao disposto nas normas, legais ou deontolóxicas, que rexen o exercicio profesional da veterinaria.
ñ) Actuar, sempre que estean en exercicio, en funcións de delegados/as de visita médica, representantes, comisionistas ou axentes informadores de laboratorios de medicamentos ou produtos sanitarios, ou actuar incumprindo calquera outro requisito, obrigación ou prohibición establecida na normativa vixente sobre o medicamento de uso veterinario.
3. Estas prohibicións tamén se lles aplicarán ás sociedades profesionais cando a profesión se exerza a través delas, en todo o que lles sexa de aplicación.
CAPÍTULO V
Dos visados colexiais
Artigo 45. Dos visados colexiais
1. Os/as veterinarios/as someterán ao visado os traballos e intervencións que realicen no exercicio da súa profesión cando o requira unha disposición legal ou unha norma da Administración, e de acordo coas determinacións que establezan as normas colexiais. O visado non comprenderá os honorarios nin o resto de condicións contractuais, as cales quedan suxeitas á libre determinación das partes.
2. O Colexio poderá visar tamén os documentos ou traballos profesionais que, cando non o requira unha disposición legal ou norma administrativa, lle sometan colexiados/as de forma voluntaria. Nestes casos, a obtención de visado adecuarase aos requisitos e ás normas de réxime interno que estableza a Xunta de Goberno.
3. A práctica do visado dará lugar á percepción, por parte do Colexio, dos dereitos económicos correspondentes ao servizo prestado que se establezan no orzamento colexial. O custo do visado dos documentos e traballos profesionais será razoable, farase público e poderá tramitarse por vía telemática.
Artigo 46. Do obxecto dos visados colexiais
1. O visado ten por obxecto:
a) Acreditar a identidade do profesional, controlar a titulación e a colexiación, e a súa habilitación para o traballo de que se trate.
b) Comprobar a suficiencia e integridade formal da documentación integrante do traballo, en especial con respecto ao cumprimento das normas legais e aos requisitos de presentación.
c) Efectuar as outras constatacións que recomenden as leis e os regulamentos.
2. O visado certifica, en cada caso, a habilitación legal dos/das veterinarios/as para exerceren as súas competencias. O visado poderá ser outorgado ou denegado. A decisión terá que ser acordada no prazo de quince días. Con todo, poderá acordarse a suspensión con interrupción do prazo para decidir no suposto de presunta incompatibilidade ou por outras razóns suficientemente xustificadas. A suspensión non poderá ser superior aos trinta días.
TÍTULO IV
Réxime de distincións e premios
Artigo 47. Distincións e premios
1. Correspóndelle á Xunta de Goberno do Colexio a concesión de mencións honoríficas e títulos de colexiados/as ou de presidentes/as de honra, a favor de calquera veterinario/a, así como tamén de personalidades ou entidades non veterinarias que, ao seu xuízo, os merezan.
A Xunta de Goberno poderá nomear as distincións dos membros honoríficos seguintes:
a) Colexiados/as honoríficos/as: os/as veterinarios/as xubilados/as que exercesen a profesión en calquera das súas modalidades, sempre que leven un mínimo de vinte anos de colexiación, e os/as que se encontren en situación de invalidez ou incapacidade permanente para exercer a profesión. As persoas colexiadas honoríficas estarán exentas do pagamento de cotas colexiais, aínda que, se o desexan, poderán seguir sendo beneficiarias das pólizas colectivas de seguros subscritas por este colexio, aboando a cantidade correspondente.
b) Colexiados/as de mérito: son as persoas veterinarias que, sendo colexiadas de honra, leven máis de 50 anos colexiados/as neste colexio.
c) Membros de honra: aquelas persoas físicas ou xurídicas, veterinarios/as ou non, que realicen un labor relevante e meritorio en relación coa profesión veterinaria. Esta categoría será puramente honorífica. Poderá/n ser proposta/s á autoridade competente para unha recompensa.
d) Presidentes/as de honra: serán os/as veterinarios/as que foron presidentes/as do Colexio e que pola súa dedicación ou polos méritos conseguidos pola profesión se fixeron merecedores diso. Esta categoría será puramente honorífica.
e) Ademais destas distincións, a Xunta de Goberno poderá outorgarlles a medalla de prata e a medalla de ouro colexial ás persoas que se fagan merecedoras delas.
2. A concesión do título de colexiado/a ou presidente/a de honra comportará a exención do pagamento de cotas colexiais, tanto ordinarias como extraordinarias.
3. As propostas de bolsas e bolsas para estudos poderán facerse tamén a favor de estudantes de Veterinaria.
4. A Xunta de Goberno do Colexio Oficial poderá acordar felicitacións a favor dos seus colexiados/as, e mesmo dos doutros colexios, cando pola súa conduta exemplar ou polos seus méritos e servizos extraordinarios prestados aos colexios ou á profesión se fixeron acredores diso.
TÍTULO V
Do réxime económico e principios de xestión do Colexio
CAPÍTULO I
Dos recursos económicos e dos gastos
Artigo 48. Recursos económicos
1. Os recursos económicos do Colexio poderán ser ordinarios e extraordinarios.
2. Serán recursos ordinarios:
a) Os rendementos de calquera natureza que produzan as actividades corporativas, os bens ou dereitos que integran o patrimonio do Colexio, así como os fondos depositados nas súas contas.
b) As cotas de incorporación e reincorporación.
c) As cotas ordinarias, así como as cotas extraordinarias.
d) Os dereitos que fixe a Xunta de Goberno por expedición de certificacións.
e) As cantidades procedentes de sancións.
f) A participación que asignen o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e o Consello Galego de Colexios Veterinarios nos impresos de carácter oficial e calquera outro elemento de certificación, garantía e identificación.
g) As cantidades derivadas da prestación doutros servizos xerais ás persoas colexiadas.
3. Serán recursos extraordinarios:
a) As doazóns ou subvencións de procedencia pública ou privada.
b) Os bens e dereitos de toda clase que, por herdanza ou por calquera outro título, se incorporen ao patrimonio colexial.
c) As cantidades que, por calquera outro concepto, lle corresponda percibir ao Colexio cando administre, en cumprimento dalgún cargo temporal ou perpetuo, mesmo cultural ou benéfico, determinados bens ou rendas.
d) Calquera outro que legalmente proceda.
Artigo 49. Confección e liquidación de orzamentos
1. Anualmente serán confeccionados polo/a vogal encargado/a da sección económica, segundo as directrices da Presidencia, os orzamentos para o exercicio seguinte, que someterá á aprobación da Xunta de Goberno; esta última deberá presentalo durante o último trimestre de cada ano á aprobación da Asemblea Xeral de colexiados/as.
2. Durante quince días anteriores ao da realización da asemblea, os orzamentos estarán á disposición das persoas colexiadas, na sede colexial, sen prexuízo de que se publiciten por calquera outro medio de comunicación colexial.
3. Así mesmo, dentro do primeiro semestre de cada ano, a Xunta de Goberno deberá presentar ante a Asemblea Xeral de colexiados/as as contas anuais e a liquidación orzamentaria do exercicio anterior pechado o 31 de decembro, para a súa aprobación ou rexeitamento. Previamente, as ditas contas quedarán á disposición de calquera colexiado/a que o requira na sede do Colexio, para poder examinalas na sede colexial durante quince días anteriores ao da data de realización da asemblea, sen prexuízo de que se publiciten por calquera outro medio de comunicación colexial.
Artigo 50. Cotas
1. Todos/as os colexiados/as están obrigados/as a satisfacer as cotas seguintes:
a) Cota de incorporación: é aquela cota fixada pola Xunta de Goberno do Colexio polo feito de adscribirse a el por primeira vez, e susceptible de ser modificada por este mesmo órgano, igual para todos/as os/as colexiados/as. Esta cota será proporcionada e nunca superior ao custo de tramitación desa inscrición.
b) Cota de reincorporación: é aquela cota fixada pola Xunta de Goberno do Colexio no caso de persoas que previamente estivesen incorporadas a el e que fosen dadas de baixa por calquera motivo previsto nestes estatutos, e susceptible de ser modificada por este mesmo órgano.
c) Cota ordinaria: é a cota periódica que aboan durante toda a vida colexial, para o normal sostemento e funcionamento do Colexio, todas as persoas colexiadas, con ou sen exercicio. Tal cota será fixada pola Xunta de Goberno e ratificada pola Asemblea Xeral de colexiados/as.
d) Cota extraordinaria: trátase dunha cota fixada pola Asemblea Xeral de colexiados/as, en situacións particulares, para facer fronte a uns gastos extraordinarios, sen prexuízo da súa previsión nos orzamentos colexiais.
2. A Xunta de Goberno está facultada para conceder o aprazamento de pagameto de cotas, en supostos extraordinarios e debidamente xustificados, nas condicións que acorde en cada caso particular.
A Xunta de Goberno tamén lles poderá conceder a exención das cotas ordinarias, de maneira temporal, ás persoas colexiadas que xustifiquen formalmente a súa situación de desemprego, nas condicións que acorde en cada caso particular.
3. As sociedades profesionais satisfarán, de ser o caso, as cotas que aprobe a Asemblea Xeral mentres estean rexistradas no Colexio. O importe das cotas ponderarase de acordo coa especificidade destas sociedades.
Artigo 51. Obrigacións económicas e pagamento
1. Os/as colexiados/as estarán obrigados a satisfacer as cantidades que aprobe a Xunta de Goberno polos servizos ou subministracións que preste o Colexio.
2. Todas as cantidades que os/as colexiados/as lle deban pagar ao Colexio, sexa en razón de cotas ordinarias, extraordinarias e derramas, sexa en razón de sancións ou por calquera outro concepto que venza, poderán ser deducidas das cantidades que o Colexio lle deba aboar ao/á colexiado/a por calquera concepto.
3. A Xunta de Goberno poderá acordar, con carácter obrigatorio, a domiciliación bancaria dos recibos correspondentes a calquera tipo de cotas que os/as colexiados/as deban pagar.
Artigo 52. Falta de pagamento de cotas
1. O/a colexiado/a que non aboe as cotas nos prazos correspondentes recibirá do Colexio por escrito reclamación en que se lle advertirá da falta de pagamento.
2. Se persiste na súa actitude de falta de pagamento e se acumulan máis de dous períodos consecutivos, será requirido/a para facelos efectivos, e concederáselle para o efecto o prazo de quince días, transcorrido o cal, se non satisfixo a súa obrigación, se lle recargará un 20 % anual.
3. Se o/a colexiado/a persistise en non pagar na forma e no prazo previstos no parágrafo anterior, con independencia da recarga e da reclamación xudicial por parte do Colexio das cantidades debidas, quedará suspendido/a no desfrute de todos os seus dereitos colexiais previstos nestes estatutos mentres non faga efectivo o pagamento das súas obrigacións, de conformidade co previsto no artigo 42.1 destes estatutos.
A suspensión levantarase automaticamente no momento en que cumpra os seus débitos colexiados.
A suspensión do desfrute dos dereitos colexiais non ten carácter de sanción disciplinaria.
Artigo 53. Gastos do Colexio
1. Os gastos do Colexio serán os necesarios para o sostemento dos servizos, sen que se poida efectuar ningún pagamento algún non previsto no orzamento aprobado, salvo que a Xunta de Goberno acorde a habilitación dun suplemento de crédito, que precisará a aprobación previa da Asemblea Xeral no caso de que se exceda o orzamento total anual.
2. Sen a autorización expresa do/da presidente/a, o/a vogal encargado/a da sección económica non poderá realizar ningún gasto. A Tesouraría do Colexio terá a liquidez necesaria para facer fronte aos seus pagamentos, que serán negociados, sempre que sexa posible, cunha entidade bancaria.
3. A Xunta de Goberno poderá habilitar suplementos de crédito nos seguintes supostos:
a) Pagamento de tributos estatais, autonómicos ou locais, cando o aumento do gasto derive de disposición legal ou regulamentaria.
b) Pagamento de persoal, cando o aumento do gasto derive de disposición legal ou estatutaria.
c) Cando sexa necesario atender outros gastos non previsibles e de ineludible cumprimento.
CAPÍTULO II
Principios de xestión do Colexio
Artigo 54. Portelo único
O Colexio Oficial dispoñerá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, os profesionais poidan realizar os trámites necesarios para a colexiación, o exercicio da profesión e a súa baixa no Colexio a través dun único punto de acceso, por vía electrónica e a distancia, de acordo coa lexislación vixente sobre servizos electrónicos.
A través do citado portelo único, os profesionais poderán:
– Obter os formularios necesarios e a información suficiente para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.
– Presentar a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo as que se exixan para a súa colexiación.
– Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que se acredite a calidade de interesado/a e recibir notificacións referidas aos actos de trámite preceptivos e á súa resolución polo Colexio.
– Recibir notificacións de expedientes disciplinarios a que estean sometidos, cando non for posible efectualas por outros medios e sen prexuízo de que sexan documentadas as actuacións de forma fidedigna polo Colexio.
– Recibir as convocatorias para as asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias.
– Recibir comunicacións e información sobre as actividades públicas e privadas do Colexio.
A través do portelo único, co fin de garantir os dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información:
– Acceso ao Rexistro de colexiados/as actualizado, que conterá, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais que posúan, domicilio profesional, datos de contacto e situación de habilitación profesional.
– Acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais conforme as normas que lle son de aplicación.
Información sobre as vías de reclamación e recursos que se poden interpoñer en caso de conflito entre un/unha consumidor/a ou usuario/a e un/unha colexiado/a ou o Colexio profesional.
– Información sobre os datos das asociacións de consumidores e usuarios ás cales os/as destinatarios/as dos servizos profesionais se poden dirixir para obteren asistencia.
– Información sobre o contido dos códigos deontolóxicos profesionais.
Artigo 55. Servizo de atención aos/ás colexiados/as
O Colexio atenderá as queixas e reclamacións presentadas polos/as colexiados/as e determinará os procedementos que cómpre seguir nestes casos, mediante a aprobación pola súa asemblea xeral dos regulamentos internos oportunos, aos cales se lles dará debida publicidade.
Artigo 56. Servizo de atención á cidadanía
O Colexio dispoñerá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios que tramitará e resolverá as queixas e reclamacións referidas á actividade profesional dos/das colexiados/as e que formulen os consumidores e usuarios que contraten servizos profesionais ou as asociacións de consumidores e usuarios, na súa representación ou defensa dos seus intereses.
O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruíren expediente informativo ou disciplinario ou adoptando calquera outra decisión conforme dereito.
A regulación do servizo de atención aos consumidores ou usuarios deberá prever a presentación de queixas ou reclamacións por vía electrónica e a distancia.
Artigo 57. Memoria anual
O Colexio está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión e por iso queda obrigado a elaborar unha memoria anual que conterá a seguinte información:
1. Informe anual de xestión económica, no cal se inclúan os gastos de persoal suficientemente desagregados e se especifiquen os gastos dos membros da Xunta de Goberno por razón do seu cargo, de conformidade co artigo 6 dos estatutos.
2. Número de membros da Xunta de Goberno desagregados por sexo. Se a porcentaxe de mulleres non acada o corenta por cento, proporcionarase unha explicación dos motivos e das medidas adoptadas para acadar esa porcentaxe mínima.
3. Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.
4. Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores concluídos, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e, de ser o caso, da sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.
5. Información agregada e estatística relativa ás queixas e ás reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, á súa tramitación e, de ser o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.
6. Contido dos seus códigos de conduta no caso de dispoñer deles.
7. As situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros das xuntas de goberno.
8. Información estatística sobre a actividade de visado.
A memoria anual farase pública a través da páxina web do Colexio dentro do primeiro trimestre de cada ano.
TÍTULO VI
Do réxime de responsabilidade dos/das colexiados/as
CAPÍTULO I
Da responsabilidade penal, civil e disciplinaria
Artigo 58. Responsabilidade penal
Os/as veterinarios/as están suxeitos/as a responsabilidade penal polos delitos que cometan no exercicio da súa profesión.
Artigo 59. Responsabilidade civil
Os/as veterinarios/as, no exercicio da súa profesión, están suxeitos/as a responsabilidade civil cando por dolo, culpa ou neglixencia profesional danen os intereses cuxa atención lles foi confiada, responsabilidade que será exixible conforme a lexislación ordinaria ante os tribunais de xustiza.
Artigo 60. Responsabilidade disciplinaria
1. En ningún caso será obstáculo o exercicio da actividade profesional a través dunha sociedade profesional para a efectiva aplicación aos colexiados, sexan socios/as profesionais ou non, do réxime disciplinario previsto neste título.
2. Os colexiados que infrinxan os seus deberes profesionais ou os regulados por estes estatutos, polos estatutos xerais da Organización dos Colexios de Veterinarios ou polos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e/ou as normas deontolóxicas estarán suxeitos a sancións disciplinarias, con independencia de calquera outra responsabilidade civil, penal ou administrativa en que poidan incorrer.
3. As sociedades profesionais están suxeitas a responsabilidade disciplinaria e incorrerán nela nos casos e nas circunstancias establecidos na lei e nestes estatutos, se cometeron algunha das infraccións previstas nestes. A responsabilidade disciplinaria da sociedade profesional entenderase sen prexuízo da responsabilidade disciplinaria que lle corresponda ao profesional actuante, sexa socio/a ou non desta.
Artigo 61. Potestade disciplinaria
1. Non se poderán impoñer sancións disciplinarias senón en virtude de expediente instruído para o efecto, logo de audiencia da persoa interesada, que se deberá tramitar conforme o previsto neste título e, na súa falta, conforme as normas do procedemento disciplinario recollidas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e na normativa administrativa vixente.
2. O exercicio da potestade disciplinaria respecto dos/das colexiados/as correspóndelle á Xunta de Goberno do Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña.
3. O axuizamento e a potestade disciplinaria, en relación cos membros da Xunta de Goberno do Colexio, corresponderalle ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.
4. Contra as sancións impostas pola Xunta de Goberno caberá a interposición dos recursos pertinentes nos termos previstos no artigo 78 destes estatutos.
5. Os acordos sancionadores que poñan fin ao procedemento serán executivos cando non caiba contra eles ningún recurso ordinario en vía administrativa; poderán adoptarse neles as disposicións cautelares precisas para garantir a súa eficacia mentres non sexa executiva, e que poderán consistir no mantemento das medidas provisionais que, de ser o caso, se adoptaron. Cando a resolución sexa executiva, poderase suspender preventivamente no suposto previsto no artigo 90.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
6. O Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña dará conta inmediata ao Consello Xeral da Profesión Veterinaria de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios de todas as sancións que impoña que comporten a suspensión no exercicio profesional, con remisión dun extracto do expediente.
Artigo 62. Competencia disciplinaria
O Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña sancionará disciplinariamente todas as accións e omisións das persoas colexiadas que infrinxan as normas reguladoras da profesión, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, estes estatutos, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, os regulamentos de réxime interior, as normas deontolóxicas ou calquera outra norma colexial.
Artigo 63. Infraccións
As infraccións cometidas polos colexiados veterinarios e polas sociedades profesionais e imputables a uns e outras, que poidan comportar sanción disciplinaria, clasificaranse en leves, graves e moi graves.
1. Son infraccións graves susceptibles de ser cometidas polos veterinarios colexiados e imputadas a eles:
a) O incumprimento dos deberes colexiais e profesionais determinados nestes estatutos particulares, así como na normativa deontolóxica vixente, sinaladamente cando se prexudiquen os intereses dos consumidores e usuarios beneficiarios dos seus servizos profesionais.
b) A práctica de condutas profesionais con infracción das prohibicións contidas nestes estatutos particulares.
c) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, cuxa execución fose realizada valéndose da súa condición profesional, logo de pronunciamento xudicial firme.
d) O incumprimento reiterado (dous ou máis) dos acordos emanados da Asemblea Xeral do Colexio, da Xunta de Goberno e do Consello Xeral.
e) A falta de denuncia ás autoridades competentes e ao Colexio ou Consello Xeral das manifestas infraccións cometidas polos colexiados en relación coas obrigacións administrativas ou colexiais de que teña coñecemento.
f) O encubrimento da intrusión profesional, ou a colaboración no exercicio de actividades propias da profesión de veterinario con quen non teña o título correspondente ou non reúna a debida aptitude legal para iso, logo de pronunciamento xudicial firme.
g) O atentado contra a dignidade ou honra dos compañeiros con ocasión do exercicio profesional.
h) O atentado contra a dignidade ou honra dos membros dos órganos de goberno do Colexio ou do Consello Xeral.
i) O incumprimento das normas e dos acordos sobre modelos de documentos e impresos utilizados na actividade profesional dos veterinarios, así como o falseamento, falta de cobertura ou inexactitude grave dos citados documentos e a ocultación ou simulación de datos que o Colexio debe coñecer para exercer as súas funcións de control profesional ou a distribución equitativa das cargas colexiais.
j) O exercicio profesional en situación de embriaguez ou baixo o influxo de drogas tóxicas.
k) A realización de actividades, constitución de asociacións ou pertenza a estas, cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias ou exclusivas dos colexios.
l) A infracción grave do segredo profesional, por culpa ou neglixencia, con prexuízo para terceiros.
m) Amparar o exercicio da profesión sen a preceptiva colexiación ou permitir o uso do centro veterinario a persoas que non estean debidamente colexiadas, cando a colexiación sexa obrigatoria.
n) Non respectar ou prexudicar os dereitos dos consumidores e usuarios contratantes dos seus servizos ou destinatarios do seu exercicio profesional.
ñ) O incumprimento das normativas reguladoras de actividades profesionais que se exercen en virtude de convenios ou contratos subscritos entre o Colexio e calquera Administración pública ou en virtude de funcións delegadas ou encomendadas pola Administración ou por calquera disposición legal aos colexios, aos consellos autonómicos ou ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España.
o) O incumprimento das sancións impostas por infraccións disciplinarias, unha vez que sexan exixibles por ser firmes ou non ter sido suspendidas polos órganos competentes da orde xurisdicional contencioso-administrativa.
p) O incumprimento das previsións contidas no Código deontolóxico para o exercicio da profesión veterinaria e na normativa deontolóxica aprobada polo colexio respectivo e polo Consello autonómico, de ser o caso, así como o incumprimento das previsións contidas nos regulamentos de réxime interior aprobados polos órganos colexiados competentes da Organización Colexial Veterinaria Española.
q) A falta de comunicación ao Rexistro Mercantil ou ao Colexio da constitución dunha sociedade profesional ou das modificacións posteriores de socios, administradores ou do contrato social.
r) O incumprimento das previsións legais en relación cos requisitos de capital, composición de órganos de administración e representación das sociedades profesionais, ben mediante acordos públicos, ben mediante acordos privados ou actuacións concertadas entre os socios.
2. Son infraccións graves susceptibles de ser cometidas polas sociedades profesionais e imputadas a elas todas as tipificadas no número 1 deste artigo, salvo as previstas nas letras c), j), k), l), m) e n).
3. Son leves as infraccións comprendidas nos puntos anteriores que revistan menor entidade por concorrer algunha destas circunstancias: a falta de intencionalidade ou escasa importancia do dano causado.
4. Merecerán a cualificación de moi graves as infraccións reputadas como graves nos números 1 e 2 deste artigo, nas cales concorra algunha destas circunstancias: intencionalidade manifesta; neglixencia profesional inescusable; dano ou prexuízo grave aos intereses dos consumidores e usuarios; obtención de lucro ilexítimo por mor dunha á actuación ilícita; ter sido sancionado anteriormente, por resolución colexial firme non cancelada ou que debeu ter sido, por mor dunha infracción grave.
Artigo 64. Das sancións
1. Por razón das infraccións previstas no artigo anterior poderán impoñerse as seguintes sancións:
a) Ás persoas veterinarias colexiadas:
1ª. Amoestación privada.
2ª. Apercibimento por oficio.
3ª. Amoestación pública, mediante a publicación da resolución sancionadora firme no taboleiro de anuncios do Colexio ou nos seus órganos de expresión ou difusión.
4ª. Multa de entre 1.001 euros e 5.000 euros.
5ª. Exclusión das propostas efectuadas á Administración competente por parte dos colexios, consellos autonómicos e/ou do Consello Xeral, en relación con actuacións derivadas de funcións delegadas ou encomendadas pola Administración ou por calquera disposición legal a estas corporacións, tales como espectáculos taurinos, campañas de vacinación ou identificación de animais, de acordo co previsto no artigo 63.1.ñ) destes estatutos, por tempo non inferior a un mes nin superior a tres anos.
6ª. Suspensión da condición de colexiado ata 1 mes.
7ª. Suspensión da condición de colexiado entre 1 mes e 1 día e 1 ano.
8ª. Suspensión da condición de colexiado entre 1 ano e 1 día e 3 anos.
9ª. Expulsión do Colexio, que comporta a inhabilitación para calquera colexiación ou incorporación noutro colexio oficial da profesión veterinaria.
En todo caso, as sancións de suspensión da condición de colexiado comportarán a suspensión do exercicio profesional en todo o territorio español cando a adscrición do colexiado sancionado teña carácter obrigatorio.
b) Ás sociedades profesionais:
1ª. Amoestación privada dirixida aos seus administradores.
2ª. Apercibimento por oficio dirixido aos seus administradores.
3ª. Amoestación pública, mediante a publicación da resolución sancionadora firme no taboleiro de anuncios do Colexio ou nos seus órganos de expresión ou difusión.
4ª. Multa por importe de entre o 0,5 e o 3 por cento da súa cifra neta de negocio no exercicio inmediatamente anterior ao da comisión da infracción.
5ª. Baixa temporal do Rexistro de Sociedades Profesionais por un prazo non inferior a un mes nin superior a dous anos. En todo caso, a baixa comportará a suspensión no exercicio profesional da sociedade polo tempo que dure a baixa.
6ª. Exclusión definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais, momento a partir do cal a sociedade non poderá exercer a actividade profesional veterinaria.
2. As sancións 6ª a 9ª do número 1.a) deste artigo implican a accesoria de suspensión do exercicio do dereito de sufraxio activo e pasivo polo tempo da súa duración.
3. Tanto no caso de sanción de expulsión de persoas veterinarias colexiadas como no de exclusión definitiva de sociedades profesionais dos seus respectivos rexistros será necesario o voto favorable de, polo menos, as dúas terceiras partes dos membros integrantes da Xunta de Goberno do Colexio.
4. As sancións de suspensión de exercicio profesional e expulsión das persoas veterinarias colexiadas e as condutas que poidan afectar a saúde pública seranlles comunicadas ás autoridades sanitarias e gobernativas.
5. As sancións que se lles impoñan ás sociedades profesionais, consistentes na baixa temporal ou na exclusión definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais, seranlles comunicadas ao Ministerio de Xustiza e ao Rexistro Mercantil en que a sociedade sancionada estea rexistrada.
Artigo 65. Da gradación das infraccións e das sancións
1. Pola comisión, por parte das persoas veterinarias colexiadas, de infraccións cualificadas como leves poderán impoñerse as sancións 1ª a 2ª do número 1.a) do artigo 64 destes estatutos xerais. Ás infraccións graves correspóndenlles as sancións 3ª a 7ª do mesmo artigo 64.1.a), e só as moi graves serán acredoras das sancións 8ª a 9ª, tipificadas no mencionado artigo 64.1.a) destes estatutos. Para a determinación da concreta sanción impoñible, serán tomadas en consideración as circunstancias previstas no propio artigo 63.4, que deberán ser expostas, xustificadas e motivadas suficientemente na resolución.
2. Pola comisión, por parte das sociedades profesionais, de infraccións cualificadas como leves poderán impoñerse as sancións 1ª a 2ª do número 1.b) do artigo 64.1 destes estatutos. Ás infraccións graves correspóndenlles as sancións 3ª a 5ª do mesmo artigo 64.1.b), e só as moi graves serán acredoras da sanción 6ª, tipificadas no mencionado artigo 64.1.b) destes estatutos. Para a determinación da concreta sanción impoñible serán tomadas en consideración igualmente as circunstancias previstas no propio artigo 63.
CAPÍTULO II
Do procedemento disciplinario
Artigo 66. Da tramitación do procedemento sancionador
1. O procedemento disciplinario será iniciado de oficio pola Xunta de Goberno; por petición razoada doutro colexio ou do Consello Xeral, ou en virtude de denuncia asinada por unha persoa veterinaria colexiada ou por un terceiro con interese lexítimo (xa sexa persoa física, xurídica ou Administración pública). A Xunta de Goberno, ao ter coñecemento dunha suposta infracción e, se o require, logo de informe da Comisión Deontolóxica, decidirá, á vista dos antecedentes dispoñibles, ordenar o arquivamento das actuacións ou a incoación de expediente, e designará, nese momento, un instrutor. O instrutor non poderá intervir nas deliberacións nin na toma de decisión do órgano disciplinario. Tamén poderá acordar a apertura dun período de información e actuacións previas, de conformidade co establecido no artigo 55 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para determinar se procede ou non iniciar o procedemento sancionador.
2. Na tramitación do procedemento sancionador será necesario notificarlle ao/á expedientado/a a incoación do procedemento e o nomeamento do/da seu/súa instrutor/, así como o dereito que ten a recusalo/a, no prazo dos oito días seguintes ao da recepción da notificación, polas causas previstas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
3. O/a instrutor/a ordenará a práctica das dilixencias que sexan necesarias para a determinación e comprobación dos feitos, e as probas que conduzan á súa aclaración e á determinación das responsabilidades susceptibles de sanción.
4. No non previsto por estes estatutos, serán de aplicación a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Artigo 67. Dos trámites do procedemento sancionador
1. Á vista das actuacións efectuados, o/a instrutor/a formulará o correspondente prego de cargos no prazo dun mes desde a apertura do expediente sancionador. O prego de cargos redactarase de maneira clara e precisa, incluíndo os feitos imputados ao/á inculpado/a, as infraccións cometidas de forma presunta e as sancións que se poidan impoñer.
No caso de non estimar a concorrencia de indicios de infracción, propoñeralle o sobresemento do expediente á Xunta de Goberno, que decidirá o que proceda.
2. O prego de cargos notificaráselle ao/á inculpado/a, que dispoñerá dun prazo improrrogable de dez días para contestalo coas alegacións que considere pertinentes e achegando os documentos que xulgue de interese. Poderá tamén propoñer a práctica de calquera medio de proba admisible en dereito e que crea necesario para a súa defensa.
3. Unha vez contestado o prego de cargos, ou transcorrido o prazo establecido para facelo, o/a instrutor/a abrirá o período de práctica de probas por un prazo dun mes, no cal se realizarán as que considere pertinentes por seren as adecuadas para a determinación dos feitos e as súas posibles responsabilidades, e poderanse efectuar tamén probas non propostas polo/a inculpado/a. A denegación polo/a instrutor/a da admisión e práctica de probas propostas polo/a inculpado/a require resolución expresa e motivada, que se poderá impugnar cando determine a imposibilidade de continuar o procedemento ou produza indefensión. Para a práctica das probas que teña que efectuar o/a mesmo/a instrutor/a, notificarase ao/á inculpado/a o lugar e a data de realización, para que poida intervir se lle convén.
Artigo 68. Do recoñecemento voluntario
Se o/a expedientado/a recoñece voluntariamente a súa responsabilidade respecto dos feitos, o/a instrutor/a elevará o expediente ao órgano competente para resolver, sen prexuízo de que poida continuar a súa tramitación se hai indicios razoables de fraude ou de encubrimento doutras persoas.
Artigo 69. Da proposta de resolución e da resolución
1. Finalizadas as actuacións, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución, que debe ter o contido seguinte:
a) Os feitos que se lle imputan ao/á expedientado/a, especificando os que se consideran probados.
b) A cualificación da infracción ou infraccións que constitúen estes feitos e a súa normativa reguladora.
c) A sanción ou sancións que é necesario impoñer, con indicación da súa contía se consisten en multas, e os preceptos que as establezan, ou ben propoñerase a declaración de non existencia de infracción ou de responsabilidade.
d) O órgano competente para impoñer a sanción e a normativa que lle outorga a competencia.
2. A proposta de resolución seralle notificada polo/a instrutor/a ao/á expedientado/a, quen dispoñerá dun prazo de quince días desde que reciba a notificación para examinar o expediente e presentar escrito de alegacións.
3. Oído o/a interesado/a, ou transcorrido o prazo sen ningún tipo de alegacións, o/a instrutor/a elevará, no prazo dos cinco días hábiles seguintes ao da súa finalización, a proposta de resolución, conxuntamente co expediente cuberto, á Xunta de Goberno do Colexio para que o estude e resolva no prazo máximo dos sesenta días seguintes ao da súa recepción.
4. A Xunta de Goberno, dentro do prazo anteriormente indicado, poderá solicitarlle os informes que considere oportunos á Comisión de Deontoloxía para unha mellor resolución do expediente, e oír o/a asesor/a xurídico se o/a houber.
5. Igualmente poderá devolverlle ao/a instrutor/a o expediente para a práctica das dilixencias que, se foron omitidas, sexan imprescindibles para a adopción da resolución do expediente.
6. Na práctica das novas dilixencias intervirá o/a interesado/a, se lle convén, ao cal se lle comunicará o resultado co fin de que no prazo de oito días manifeste aquilo que considere conveniente para a súa defensa.
7. Na deliberación e aprobación da resolución non intervirá quen actúe na fase de instrución do procedemento como instrutor/a, sen que, polo tanto se compute para efectos de quórum ou maiorías.
Artigo 70. Da prórroga dos prazos, da suspensión da tramitación e da caducidade do procedemento
1. O/a instrutor/a do expediente disciplinario poderá acordar, por iniciativa das persoas interesadas ou de oficio, a ampliación do prazo para ditar resolución, que non poderá superar a metade do previsto para o propio procedemento.
2. O expediente disciplinario terá que suspenderse na súa tramitación desde o momento en que o/a instrutor/a teña noticia de que polos mesmos feitos se están a tramitar dilixencias na orde penal. A suspensión manterase ata que se incorpore ao expediente a resolución de carácter firme que poña fin ao procedemento penal.
3. O expediente disciplinario caducará polo transcurso de seis meses contado desde a data de inicio deste sen que sexa ditada e notificada a resolución por parte da Xunta de Goberno. A caducidade do expediente sancionador non extingue a responsabilidade disciplinaria daquelas infraccións aínda non prescritas e poderá iniciarse un novo procedemento sancionador.
Artigo 71. Procedemento abreviado
1. No caso de existencia de elementos de xuízo suficientes que permitan cualificar a infracción como leve, poderán seguirse os trámites do procedemento abreviado para instruír o expediente sancionador.
2. Unha vez ditado o acordo de iniciación, o/a instrutor/a, á vista das actuacións efectuadas, formulará a proposta de resolución. A proposta de resolución, na cal se teñen que expoñer os feitos probados, as infraccións que estes poidan constituír, as sancións de aplicación, o órgano competente para resolver e a normativa que lle outorga a competencia, notificaráselles aos/ás interesados/as xunto co acordo de iniciación e a indicación de que se trata dun procedemento abreviado, co fin de que nun prazo de cinco días poidan propoñer probas e alegar aquilo que consideren conveniente para a defensa dos seus dereitos e intereses. Transcorrido o prazo anterior e despois da eventual práctica da proba, o/a instrutor/a, sen ningún outro trámite, elevará o expediente ao órgano competente para resolver.
En todo caso, o órgano competente poderá propoñer ou acordar que se siga o procedemento ordinario.
3. O procedemento abreviado resolverase e notificarase no prazo de trinta días desde a súa iniciación.
Artigo 72. Da notificación da resolución
1. A resolución notificaráselles aos/ás interesados/as no prazo dos dez días hábiles seguintes ao da súa adopción, con expresión dos recursos que correspondan en contra desta, os órganos administrativos ou xudiciais ante os cales se terá que presentar e o prazo para interpoñelos, sen prexuízo de que o/a interesado/a poida exercer calquera outro que considere oportuno.
2. As notificacións realizaranse conforme o disposto nos artigos 40 a 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 73. Da prescrición das infraccións
1. As infraccións moi graves prescriben ao cabo de dous anos, as graves prescriben ao cabo dun ano e as leves prescriben ao cabo de seis meses, contados desde o día en que a infracción se cometeu.
2. A prescrición queda interrompida pola notificación formal á persoa interesada da iniciación da información reservada ou do procedemento sancionador. O prazo de prescrición volve iniciarse se o expediente sancionador foi detido durante un mes por unha causa non imputable á presunta persoa infractora.
Artigo 74. Da prescrición das sancións
1. As sancións impostas por infraccións moi graves prescriben ao cabo de dous anos de ser impostas, as sancións por infraccións graves prescriben ao cabo dun ano e as sancións por infraccións leves prescriben ao cabo de seis meses.
2. As sancións que comportan unha inhabilitación profesional por un período igual ou superior a tres anos prescriben unha vez transcorrido o mesmo prazo polo cal foron impostas.
3. Os prazos de prescrición das sancións comezan a contarse a partir do día seguinte ao día en que se converta en firme a resolución que as impón.
4. A prescrición queda interrompida polo inicio, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución. O prazo de prescrición volve iniciarse o procedemento de execución queda parado durante máis de seis meses por unha causa non imputable á persoa infractora.
Artigo 75. Da execución das sancións
1. As resolucións sancionadoras só son executivas se poñen fin á vía administrativa.
2. O Colexio adoptará as accións e medidas necesarias para executar as súas resolucións sancionadoras. Se se trata de sancións pecuniarias, a súa execución por vía de constrinximento poderá ter lugar por medio de convenios ou acordos coa Administración competente cando estes sexan legalmente posibles.
3. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador para todos os efectos. As sancións pola comisión de infraccións leves, graves e moi graves cancelaranse, respectivamente, ao ano, aos dous anos, e aos catro anos contados desde o cumprimento da sanción de que se trate.
4. Nos casos de expulsión, a Xunta de Goberno do Colexio poderá acordar, transcorridos polo menos tres anos desde a firmeza da sanción, a rehabilitación do/da expulsado/a, para o cal se deberá incoar o oportuno expediente por pedimento del. A Xunta de Goberno, oído o Consello Galego de Colexios Veterinarios, decidirá sobre a rehabilitación en atención ás circunstancias de feito concorrentes no/na solicitante.
TÍTULO VII
Do réxime xurídico dos actos e resolucións do olexio
CAPÍTULO I
Da impugnación dos actos
Artigo 76. Réxime xurídico. Dereito aplicable aos actos e resolucións
1. O Colexio, na súa condición de corporación de dereito público e no ámbito das súas funcións públicas, actúa de acordo co dereito administrativo e exerce as potestades consecuentes coa dita condición.
2. No exercicio das súas funcións públicas, o Colexio debe aplicar, nas relacións coas persoas colexiadas e cos/coas cidadáns/as, os dereitos e as garantías procedementais que establece a lexislación de réxime xurídico e do procedemento administrativo.
3. No exercicio das súas funcións privadas, o Colexio queda sometido ao dereito privado. Tamén quedan incluídos neste ámbito os aspectos relativos ao patrimonio, á contratación e ás relacións co seu persoal, que se rexen pola lexislación laboral.
Artigo 77. Dos actos do Colexio
1. Os actos e as resolucións ditados pola Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral serán inmediatamente executivos, excepto os casos en que unha disposición legal ou estes estatutos ordenen o contrario ou ben se suspenda a execución por parte do organismo que deba resolver os recursos interpostos en contra deles, nos supostos que sinala a vixente Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Notificaranselles ás persoas interesadas os acordos e as resolucións que afecten os seus dereitos e os seus intereses.
3. Cando os acordos afecten unha pluralidade indeterminada de interesados/as , a notificación farase mediante un edicto que será exposto no taboleiro de anuncios do Colexio e publicado na páxina web colexial.
4. As notificacións faranse da maneira que sinalan os artigos 40 a 46 da Lei 39/2015 antes mencionada.
Artigo 78. Dos recursos
1. Os actos, os acordos ou as resolucións adoptados pola Xunta de Goberno ou a Asemblea Xeral, suxeitos ao dereito administrativo, que poñan fin a un procedemento, serán susceptibles de recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios Veterinarios.
2. Contra os actos e resolucións ditados en materias delegadas pola Administración autonómica, caberá interpoñer recurso de alzada ante a delegación competente por razón da materia.
3. De conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, existe a posibilidade de recorrer, ante a xurisdición contencioso-administrativa, contra a resolución dun recurso.
CAPÍTULO II
Da nulidade dos actos
Artigo 79. Nulidade
1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran en calquera dos supostos previstos no artigo 47 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:
a) Os que lesionen os dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.
b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.
c) Os que teñan un contido imposible.
d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.
e) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados, segundo o disposto nestes estatutos ou, subsidiariamente, nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.
f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico, polos cales se adquiran facultades ou dereitos, cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.
g) As disposicións administrativas que vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de rango superior, as que regulen materias reservadas á lei e as que establezan a retroactividade de disposicións sancionadoras non favorables ou restritivas de dereitos individuais.
h) Calquera outro que se estableza expresamente nunha disposición con rango de lei.
2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, mesmo a desviación de poder, de acordo co disposto no artigo 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
TÍTULO VIII
Do réxime de disolución do Colexio
Artigo 80. Disolución
A disolución do Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña será promovida polo propio Colexio, mediante acordo adoptado nunha asemblea xeral convocada para o efecto, para o cal será necesario o voto favorable da maioría absoluta das persoas colexiadas integrantes do Colexio. O acordo remitiráselle á consellería competente en materia de colexios profesionais para a súa aprobación. A Asemblea decidirá sobre o destino do patrimonio colexial e designará unha comisión encargada de liquidalo.
Disposición adicional primeira
No non previsto nestes estatutos será de aplicación o establecido nos vixentes estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e, en materia deontolóxica, serán de aplicación aquelas normas que se encontren vixentes na data de publicación destes ou que nun futuro aprobe a organización veterinaria colexial.
Disposición adicional segunda
Todas as referencias ao Consello Galego de Colexios Veterinarios se deben entender feitas ao Consello Xeral no caso de que aquel non asuma as competencias que nestes estatutos se indican.
