Expediente: IN407A 2024/151-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: LMT, CT, RBT lugar San Clemente.
Concello: Narón.
Feitos:
1. O día 25.4.2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de mellorar a calidade da subministración eléctrica no lugar de San Clemente.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto que inclúe memoria, planos e presuposto, conforme establece o artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que comprende os seguintes documentos:
– Proxecto de execución denominado LMT, CT, RBT lugar San Clemente, asinado por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado 2.980 de Vigo, o 18.3.2024.
– Anexo 1 ao proxecto, asinado por Victoriano, González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado 2.980 de Vigo, o 23.6.2025.
– Anexo 2 ao proxecto, asinado por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado 2.980 de Vigo, o 14.8.2025.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Deputación da Coruña, Patrimonio Cultural, ADIF, AESA, Augas de Galicia, Concello de Narón e Naturgy Galicia, S.A. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
Tamén se solicitou informe a Electra de Narahío, S.A. pola proximidade da obra á súa zona de distribución. Non mostrou oposición á execución do proxecto.
4. O día 23.10.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de San Clemente no concello de Narón e as súas características técnicas son as seguintes:
– Proxéctase novo centro de transformación subterráneo telecontrolado con ventilación horizontal de 250 kVA/15 kV, configuración 2L+1, con envolvente prefabricada de formigón no lugar de San Clemente, termo municipal de Narón.
– Proxéctase a substitución do apoio de media tensión da liña CRN704B de tipo HV-630-11 con matrícula ARW77UF0//33-1 por un novo apoio de tipo celosía C-2000-12 no cal se instalará un reconectador telecontrolado e un paso aéreo-soterrado en condutor de tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm². Tamén se renovará un tramo de 49 m de condutor LA-56.
– Proxéctase unha LMTS de 15 kV, 675 m, de condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm² Al, con inicio no paso aéreo-soterrado en apoio proxectado de tipo celosía C-2000-12 da liña de media tensión CRN704B, a 15 kV, en LAC-80, entre o centro de transformación denominado Cerámica Jubia (15CP24) e o centro de transformación Galicia Téxtil (15PNW5) e final no centro de transformación proxectado de tipo subterráneo telecontrolado con ventilación horizontal de 250 kVA/15 kV con envolvente prefabricada de formigón.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.
B) As instalacións deberán obter a autorización de explotación antes do 1 de xaneiro de 2026, segundo o indicado no artigo 13.9.a) do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, agás se xustifique algunha das excepcións indicadas no antedito artigo 13.
C) Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 27 de outubro de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
