A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no artigo 3.1 determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é a de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.
A través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega, a Agadic ten como obxectivo consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentando a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.
Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008: en consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:
«... c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra no noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.
f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura á cidadanía».
Por todo isto, en consonancia cos obxectivos inmediatos desta axencia, e no uso das atribucións que me foron conferidas,
RESOLVO:
1. Convocatoria e bases reguladoras.
1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada e convocalas para o ano 2026 (código de procedemento CT402D).
1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L), en virtude do cal as subvencións que se concedan quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.
Informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) 2023/2831.
A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.
Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
2. Persoas beneficiarias.
Poden obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) ou persoas xurídicas privadas xestoras de salas de artes escénicas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo e que cumpran cos requisitos establecidos nestas bases.
3. Financiamento.
O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 430.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770 dos orzamentos xerais da Axencia Galega das Industrias Culturais, no código de proxecto 2015 00003, para os anos 2026 e 2027, coa seguinte distribución orzamentaria:
|
Anualidade 2026 |
Anualidade 2027 |
|
215.000 € |
215.000 € |
O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2025 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución se entenderán condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento do ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles e a concesión de subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
4. Solicitudes.
4.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 8, e deberase cumprir cos requisitos establecidos nestas bases reguladoras.
4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
5. Prazo de duración do procedemento de concesión.
As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva, que non poderá ter unha duración superior aos 5 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
6. Información ás persoas interesadas.
6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: industriasculturais.xunta.gal
b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.
c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal
d) Persoalmente.
e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.
6.3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.
7. Réxime de recursos.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.
8. Base de datos nacional de subvencións.
En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
A entidade outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea as axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).
9. Rexistro público de subvencións
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais
ANEXO I
Bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a salas de artes escénicas de titularidade privada e convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT402D)
Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e principios de xestión
1. Esta resolución, en desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, a salas de artes escénicas de titularidade privada e convocalas para o ano 2026 (código de procedemento CT402D).
2. Estas axudas teñen por finalidade impulsar e apoiar as salas privadas de exhibición non só na súa programación habitual, senón tamén como espazos de encontro de intercambios de experiencias entre os profesionais que conforman o sector escénico galego.
3. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L), en virtude do cal as subvencións que se concedan quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.
Informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) 2023/2831.
A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.
Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
4. Estas subvencións son incompatibles con outras subvencións, axudas ou patrocinios para o mesmo proxecto de calquera departamento da Xunta de Galicia e dos seus organismos dependentes, porén son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto procedentes de calquera outra Administración pública e entidades públicas ou privadas.
No caso de percibirse outras axudas deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Nos anexos desta resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polas persoas solicitantes.
5. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou calquera outro ingreso derivado do proxecto supere o 100 % do custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
Artigo 2. Persoas beneficiarias
1. Poden obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas xestoras de salas de artes escénicas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, sempre que se dean as seguintes circunstancias:
a) A persoa solicitante deberá estar en posesión da correspondente licenza de apertura da sala para poder desenvolver a axuda que solicita.
b) A sala deberá ter unha capacidade igual ou inferior a 150 localidades.
c) A persoa solicitante deberá acreditar que a sala para a cal solicita a axuda realizou un mínimo de 50 representacións no ano 2025.
2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións:
a) As asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.
b) As persoas, as entidades públicas ou as entidades privadas en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade de axudas
1. O crédito asignado ao financiamento da subvención será de 430.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770 dos orzamentos xerais de Agadic para os exercicios 2026 e 2027, código do proxecto 2015 00003, coa seguinte distribución.
|
Anualidade 2026 |
Anualidade 2027 |
|
215.000 € |
215.000 € |
2. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución da convocatoria. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
3. A contía da subvención determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, o custo do proxecto, o importe solicitado e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración definidos nestas bases.
4. As solicitudes que, cumprindo todos os requisitos, non acaden subvención por esgotamento do crédito asignado, pasarán a formar unha listaxe de agarda respectando a orde de prelación resultante da aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.
5. Concederase unha dotación máxima de 75.000 euros anual por entidade beneficiaria co límite do 75 % do orzamento dos gastos subvencionables do proxecto presentado.
6. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2025 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución se entenderán condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento do ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles e a concesión de subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Artigo 4. Gastos subvencionables
1. Son gastos subvencionables os que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto obxecto de subvención realizados entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2027.
O período subvencionable, polo tanto, abrangue para o ano 2026 desde o día 1 de novembro de 2025 ata o 31 de outubro de 2026 e para o ano 2027 desde o 1 de novembro de 2026 ata o 31 de outubro de 2027.
2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados, e pagados, dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable indicado nesta convocatoria. A persoa beneficiaria deberá xustificar, en tempo e prazo, o custo total do proxecto presentado, isto é, todos os gastos efectuados imputables ao proxecto, que deberán concordar co descrito no orzamento de gasto expresado na solicitude.
3. Para os efectos desta convocatoria son gastos subvencionables:
a) Gastos de cachés dos espectáculos que integran a programación.
b) Gastos por servizos asociados á programación, entendendo por estes gastos: servizos técnicos e auxiliares e outros de carácter profesional necesarios para levar a cabo o obxecto da subvención.
c) Gastos de promoción, difusión e publicidade. Enténdense por gastos de promoción, difusión e publicidade aqueles que implican unha divulgación do evento, tales como carteis, dípticos, anuncios en medios de comunicación en liña ou fóra de liña, deseño de imaxe do evento, promoción en redes sociais.
d) Gastos en dereitos de autor.
e) Gastos en contratación de persoal vinculado ao proxecto.
f) Gastos ata o 20 % do proxecto subvencionable en custos indirectos, tales como alugamentos, subministracións, gastos correntes e de servizos, gastos financeiros, de xestoría e seguros recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.
De conformidade co punto 9 do citado artigo, os custos indirectos, sempre que a persoa beneficiaria os impute á actividade subvencionada, faranse de conformidade cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidos e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
4. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos (como o IVE) cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias e demais gastos financeiros, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais.
Así como calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.
Artigo 5. Subcontratación
1. Para os efectos destas bases, enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social con que se pretenda contratar a actividade.
2. Nestas bases admítese a subcontratación de conformidade co establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa.
3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007:
a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.
b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.
c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.
d) Persoas ou entidades vinculadas coa persoa beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.
e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non alcanzaren a valoración suficiente.
Artigo 6. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. No anexo II constarán as seguintes declaracións responsables, que se deberán cubrir:
• Declaración responsable de ter realizado un mínimo de 50 representacións durante o ano 2025.
• Declaración responsable de que a sala ten unha capacidade igual ou inferior a 150 localidades.
Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes e emenda
1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación administrativa:
1.1. Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas:
– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.
– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritos no rexistro mercantil ou no que corresponda.
– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
2. Documentación específica:
2.1. Ficha do proxecto de programación artística (anexo III).
2.2. Plan económico-financeiro (anexo IV).
2.3. Plan de comunicación e xestión de públicos coa explicación detallada dos obxectivos, das accións previstas para a fidelización, formación e captación de novos públicos.
2.4. Escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito, que amose a dispoñibilidade da sala por parte da persoa solicitante.
2.5. Licenza municipal de apertura do espazo.
2.6. Contratos laborais do persoal vinculado ao proxecto.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Publicación
1. A resolución deste procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
2. Así mesmo, de forma complementaria, poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co establecido nos puntos seguintes.
Artigo 11. Notificación das resolucións e actos administrativos
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 14. Instrución do procedemento
1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:
a) Examinar as solicitudes e documentación presentadas.
b) Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.
c) Formular a proposta de resolución, debidamente motivada, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico correspondente a cada unha delas unha vez entregado o informe por parte da Comisión de Avaliación.
2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderánselles pedir datos, información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, así como a persoas profesionais ou expertas na materia e a outros servizos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.
3. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento, e demais actuacións que deriven destas bases.
4. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.
Artigo 15. Comisión de Valoración
1. Para a valoración das solicitudes presentadas, constituirase unha comisión de valoración que será nomeada pola persoa titular da Dirección da Axencia e que estará integrada por tres persoas:
a) Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic, unha das cales realizará as funcións da secretaría, con voz pero sen voto.
b) Unha persoa experta no ámbito das artes escénicas e/ou cultural, que asumirá as funcións da presidencia.
2. Para a composición da comisión terase en conta o establecido no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
3. A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. As persoas que forman parte da Comisión declararán por escrito non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria. Así mesmo, absteranse se concorre algunha das circunstancias descritas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
4. Tanto a comisión como o órgano instrutor poderán solicitar das persoas solicitantes cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta avaliación dos proxectos.
5. A comisión, previamente á cualificación das solicitudes, elaborará un documento concretando os criterios técnicos definidos no artigo correspondente para aplicalos de xeito obxectivo. Así mesmo, tras a súa avaliación, deixarase constancia documental nun informe coa motivación das puntuacións.
6. A avaliación das solicitudes presentadas farase en dúas fases. A primeira será a avaliación dos criterios automáticos e a segunda fase será a avaliación dos criterios técnicos. A puntuación final dos proxectos consistirá na suma de ambas as valoracións.
7. Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión emitirá un informe relacionando os proxectos por orde de prelación, indicando a puntuación asignada a cada un deles de xeito motivado e levantarase unha acta que reflicta as deliberacións e acordos da comisión para a súa elevación ao órgano instrutor.
Artigo 16. Criterios de valoración
A puntuación total máxima que poderá acadar unha solicitude é de 50 puntos, outorgados segundo os criterios de valoración descritos a seguir:
|
Criterios automáticos |
40 puntos |
|
1. Antigüidade da empresa como xestora da sala para a cal se solicita a axuda |
Ata 4 puntos |
|
a) de 2 a 5 anos |
1 |
|
b) de 6 a 10 anos |
2 |
|
c) máis de 11 anos |
4 |
|
2) Capacidade da sala |
Ata 2 puntos |
|
a) de 60 a 100 espectadores |
1 |
|
b) máis de 101 espectadores |
2 |
|
3) Pertenza da sala á Rede galega de salas |
2 puntos |
|
4) Número de funcións que se van realizar |
Ata 6 puntos |
|
a) entre 50 e 60 funcións |
2 |
|
b) entre 61 e 75 funcións |
3 |
|
c) máis de 75 funcións |
6 |
|
5) Programación de compañías galegas |
Ata 8 puntos |
|
a) entre o 20 % e 40 % do total das compañías programadas |
1 |
|
b) entre o 41 % ao 60 % do total das compañías programadas |
3 |
|
c) máis do 61 % do total de compañías programadas |
8 |
|
6) Número de días con actividade aberta ao público |
Ata 5 puntos |
|
a) entre 51 a 70 días |
1 |
|
b) entre 71 a 100 días |
3 |
|
c) máis de 101 días |
5 |
|
7) Actividades complementarias: fomento de novos creadores, programas formativos e programas de colaboración con centros |
Ata 3 puntos |
|
a) entre 3 e 5 actividades |
1 |
|
b) máis de 5 actividades |
3 |
|
8) Cadro de persoal implicado no proxecto con contrato laboral no momento da solicitude |
Ata 5 puntos |
|
a) ata 2 persoas traballadoras |
1 |
|
b) entre 3 e 4 persoas traballadoras |
3 |
|
c) máis de 4 persoas traballadoras |
5 |
|
9) Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento do proxecto |
Ata 5 puntos |
|
a) ata o 30 % |
5 |
|
b) máis do 30 % ata o 50 % |
3 |
|
c) máis do 50 % ata o 75 % |
1 |
|
Criterios técnicos |
10 puntos |
|
1) Plan de financiamento proposto |
Ata 4 puntos |
|
2) Plan de comunicación e xestión de públicos |
Ata 6 puntos |
|
a) Obxectivos do plan de comunicación |
Ata 2 puntos |
|
b) Accións previstas para a fidelización de público |
Ata 2 puntos |
|
c) Accións previstas para a formación e captación de novos públicos |
Ata 2 puntos |
Para ser poder ser persoa beneficiaria da subvención será requisito acadar unha puntuación mínima na fase de valoración de 25 puntos, polo que resultarán desestimadas todas as solicitudes que non acaden a dita puntuación.
No suposto de empate, terase en conta a maior puntuación nos criterios automáticos.
Artigo 17. Audiencia
1. Efectuada a valoración, a comisión realizará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada e que deberá ser notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figure no procedemento ou non se vaian ter en conta na resolución outros feitos ou probas aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución terá carácter definitivo.
Artigo 18. Resolución da convocatoria
1. Transcorrido o prazo das alegacións, se é o caso, o órgano instrutor ditará a proposta de resolución, que elevará á Presidencia do Consello Reitor, indicando o número de solicitudes propostas para ser subvencionadas e o importe económico correspondente a cada unha delas, así como as solicitudes propostas para ser inadmitidas e desistidas, e a súa causa, e as desestimadas.
2. O importe económico determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, do orzamento do proxecto, do importe solicitado e da puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración, polo que se fará unha repartición de xeito proporcional aos puntos obtidos debendo acadar a puntuación mínima exixida de 25 puntos e respectando a intensidade máxima e axuda máxima determinada no artigo 3. Esta proposta de resolución definitiva será elevada á Presidencia do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais.
3. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012; DOG núm. 164, do 29 de agosto), deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución, e no prazo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación das bases reguladoras e convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
4. A devandita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (https://industriasculturais.xunta.gal/es), polo que se entenderán notificadas, para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.
Será motivada e fará mención expresa, cando menos:
a) Da relación de entidades beneficiarias da axuda
b) Das solicitudes inadmitidas e as desistidas, indicando a causa de non admisión ou desestimación.
c) A desestimación expresa do resto das solicitudes.
5. Na resolución informaranse por escrito as persoas beneficiarias sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 13.12.2023, serie L).
6. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se publique ou notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
7. Esta resolución porá fin a vía administrativa e contra ela poderanse interpor os recursos establecidos no artigo 31 destas bases.
Artigo 19. Aceptación e renuncia da subvención
1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.
2. A persoa beneficiaria deberalle remitir á Agadic o plan económico-financeiro (anexo IV) adaptado á subvención concedida, só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada, e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades.
Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.
3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 20 da devandita norma.
Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias
1. As persoas beneficiarias da subvención adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten desta convocatoria:
a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, modificado coa autorización da Axencia.
b) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de persoas que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido no artigo 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos como en todo o material de difusión que se elabore, incluídas notas de prensa e formatos específicos para redes sociais, debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais no desenvolvemento das actividades subvencionadas.
f) Adicionalmente, a persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que se produza, tanto dixital como impreso, o logotipo oficial da marca principal da Xunta de Galicia, dispoñible na ligazón web: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa, seguindo na medida do posible as normas relativas á convivencia con outras marcas que se especifican no Manual de uso da identidade corporativa da Xunta e respectando o tamaño mínimo de reprodución que garanta a lexibilidade.
g) Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria da subvención.
2. O incumprimento dos anteriores deberes previstos e obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da indicada Lei galega 9/2007, sen prexuízo do disposto no artigo 23 destas bases.
Artigo 21. Modificación da resolución de concesión
1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, debendo obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.
2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os seguintes requisitos:
a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.
b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin danen dereitos de terceiros.
c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.
3. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da persoa beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.
Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.
4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais de conformidade coa disposición adicional primeira desta resolución, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificárselle á persoa interesada.
Porén, permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, modificacións que non superen o 20 % entre as partidas de gastos dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen os incrementos nunhas partidas coa diminución noutras, que non afecten os custos de persoal, que non se supere o límite establecido para os gastos indirectos e que non se altere o importe total da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar, debidamente, o cambio na documentación de xustificación presentada.
As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.
5. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución do importe da subvención concedido para cada anualidade. Esta solicitude deberá realizarse cunha antelación mínima dun mes á data de xustificación da anualidade correspondente.
Artigo 22. Xustificación da subvención
1. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións ou reasignacións, de ser o caso, autorizadas. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.
2. Os prazos máximos para a xustificación da subvención serán os seguintes:
a) Anualidade 2026: 31 de outubro de 2026.
b) Anualidade 2027: 31 de outubro de 2027.
O gastos subvencionables da primeira anualidade serán os realizados, e pagados, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026.
Os gastos subvencionables da segunda anualidade serán os realizados, e pagados, no período comprendido entre o 1 de novembro do 2026 e o 31 de outubro de 2027.
3 . As persoas beneficiarias terán que xustificar a totalidade do custo do proxecto a través dunha conta xustificativa que deberá incluír todos os gastos vinculados á programación e proxecto presentado, cos gastos efectuados e pagados que se imputen á anualidade que se xustifica, segundo a resolución de concesión ou, de ser o caso, as súas modificacións.
4. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención. Se as persoas beneficiarias non xustifican completamente o importe dunha anualidade e non solicitaron a reasignación dos créditos, minorarase o seu importe na proporción que corresponda.
5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
6. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:
a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.
b) Relación completa dos gastos realizados, polo importe total do orzamento presentado dos gastos de explotación (anexo V).
c) Documentación xustificativa dos gastos de persoal: incluiranse nesta partida os gastos derivados do pagamento de retribucións ao persoal vinculado á empresa mediante contrato laboral, fixo ou eventual, así como as retribucións dos socios traballadores da empresa. Incluiranse, igualmente, as cotas de seguros sociais a cargo da empresa. Achegaranse as nóminas individuais, os xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os documentos de cotización e os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.
d) Copia dos xustificantes dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, así como do seu pagamento bancario mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria por importe igual ou superior á subvención concedida, de conformidade co disposto no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.
e) Unha copia en calquera formato electrónico dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada; esta documentación poderase achegar igualmente por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos da comprobación da realización da actividade.
f) Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedida en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos á data da concesión (anexo VI).
7. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
8. Cando á persoa beneficiaria se lle outorgase a subvención por importe superior a 30.000 euros e sexa un suxeito dos incluídos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, terá que cumprir os prazos de pagamento establecidos no punto anterior, circunstancia que se acreditará mediante a presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, e no suposto que non se poidan presentar acreditarase o cumprimento dos prazos legais de pagamento coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
Artigo 23. Pagamento da subvención
1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas nesta resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, para o que se observará o establecido na Lei 972007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como o acordo do Consello da Xunta de Galicia que exime de constitución de garantías as persoas beneficiarias destas axudas.
2. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.
3. O pagamento de cada anualidade realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención e realizadas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada polos órganos competentes da Axencia.
4. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención ademais dunha declaración das axudas públicas solicitadas ou recibidas para o proxecto, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos á data da concesión (anexo VI).
5. Previamente ao pagamento, as persoas beneficiarias acreditarán que están ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.
Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen recade esta información, deberá achegar as ditas certificacións, de conformidade co disposto no artigo 9.2 das bases reguladoras.
Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselles que regularicen a súa situación e presenten por si mesmas os correspondentes certificados.
6. Pagamentos anticipados. As persoas beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que establece que o Consello da Xunta poderá autorizar unha porcentaxe maior á determinada no decreto.
A solicitude de anticipo deberá realizarse cunha antelación mínima dun mes á data de xustificación da anualidade correspondente. A concesión, ou denegación, do anticipo realizarase mediante resolución motivada. O importe do anticipo non poderá exceder o importe de subvención da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
7. Pagamentos á conta. Poderanse realizar pagamentos á conta respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo de xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
O importe conxunto dos pagamentos á conta e os pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, ao abeiro do artigo antes citado.
8. Constitución de garantías. As persoas beneficiarias que soliciten, e se lles concedan, pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, quedarán exoneradas de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, logo de aprobación do Consello da Xunta, de conformidade co seu artigo 67.4.
Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da subvención
1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.
2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese aboado a axuda.
3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.
Artigo 25. Causas de reintegro
1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.
2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.
3. Son causas de reintegro as seguintes:
a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.
b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.
c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.
d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas nestas bases.
e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.
g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.
Artigo 26. Gradación dos incumprimentos
1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.
2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención. O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.
3. Son causas de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:
a) Perda dun 5 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento do proxecto obxecto da subvención segundo o establecido nestas bases.
b) Perda dun 5 % da subvención concedida por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión das subvencións, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.
A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.
A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación e, de ser o caso, requirirase a persoa beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.
No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.
Artigo 27. Procedemento de reintegro
1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 25 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.
2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo da persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais de conformidade coa disposición adicional primeira desta resolución, e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e no 77 e seguintes do Decreto 11/2009.
4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.
5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.
Artigo 28. Control
1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá realizar as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.
2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.
3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega das Industrias Culturais poderá convocar anualmente as persoas beneficiarias a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.
4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establecen o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 29. Medidas antifraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Agadic ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:
https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (No formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe Canles específicas e, dentro del, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf
A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.
Artigo 30. Normativa aplicable
A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución pola que aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a salas de artes escénicas de titularidade privada e se convocan para o ano 2026, así como:
a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, e Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
d) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
e) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
f) Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
g) Demais normativa de xeral aplicación.
Artigo 31. Publicidade
No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.
Artigo 32. Recursos administrativos
A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
En aplicación da disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012, do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, de delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Agadic, que establece que «o réxime de delegación en materia de axudas e subvencións públicas será o que se estableza, de ser o caso, nas correspondentes resolucións de convocatoria», deléganse no director da Axencia Galega das Industrias Culturais as modificacións e outras incidencias das axudas previstas nesta orde, tales como redistribucións de anualidades, aceptación de renuncias, acordos de inicio e resolucións de procedementos de reintegros e perdas de dereito total ou parcial ao cobramento da subvención.
Disposición adicional segunda. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
