DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 21 de novembro de 2025 Páx. 60288

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ANUNCIO do 17 de novembro de 2025, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto dunha planta de biometano, promovido por Norbiogás Biometano I, S.L., declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de xaneiro de 2025, que se implantará no concello de Curtis (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial; no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; no artigo 16 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación; e nas demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada co proxecto que se detalla a continuación.

1. Antecedentes.

1) Con data do 27.1.2025 o proxecto dunha planta de biometano promovido por Norbiogás Biometano I, S.L., que se implantará no concello de Curtis (A Coruña) foi declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

2) O 4.8.2025 o promotor presenta a documentación exixida de acordo co artigo 80.3 da devandita norma. Así mesmo, o 24.10.2025 completa a documentación, identificando os datos de carácter persoal e confidencial. Unha vez completada a documentación, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria continúa coa tramitación do expediente e somete a información pública, polo prazo de (30) días hábiles, a solicitude da autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de industrial estratéxico (PIE) denominado Planta de Biometano, no concello de Curtis (A Coruña).

2. Datos do proxecto.

Solicitante/promotor: Norbiogas Biometano I, S.L.

NIF: B56653355.

Domicilio social: plaza Euskadi, 5, 23º, 48009 Bizkaia.

Denominación do proxecto: planta de biometano no polígono de Curtis-Teixeiro.

Concello afectado pola industria: Curtis (A Coruña).

Situación da industria: parcelas D3 e D4 da rúa Mesía do polígono de Curtis-Teixeiro (A Coruña). Referencia catastral 0189501NH8798N0001WL e 0189502NH8798N0001AL respectivamente, sumando un total unificado de 25.690 m².

Actividade: 3521. Produción de gas. 3821 Tratamento e eliminación de residuos non perigosos. 3832 Valorización de materiais xa clasificados.

Categoría principal da actividade: incluída na epígrafe 5.4 do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, onde se inclúen as instalacións de valorización, o unha mestura de valorización e eliminación, de residuos non perigosos.

Descrición do proxecto: o proxecto consiste na construción dunha planta de biometano, a partir de residuos orgánicos non perigosos, localizada no polígono industrial de Curtis-Teixeiro que ocupa unha superficie total de 25.690 m². A planta terá unha capacidade de tratar, mediante o proceso de dixestión anaerobia, unhas 116.134 toneladas anuais de residuos orgánicos orixinarios do sector da gandaría, avicultura e da industria alimentaria. Grazas a este proceso biolóxico, xerarase biogás, un gas de orixe renovable composto principalmente por metano (60 %) e dióxido de carbono (40 %), que posteriormente será sometido a un proceso de purificación (ou upgrading) para a produción de biometano, dentro dos requirimentos exixibles para ser inxectado á rede de gas, cunha capacidade de xerar entre 42-45GWh/ano. Despois do proceso de obtención do biogás, xéranse ao redor de 107.137 toneladas/ano dun residuo chamado digestato estabilizado (ou emenda), acumulado no posdixestor, que terá varios destinos pola súa capacidade fertilizante, formación de compost ou recirculación á cabeceira do mesmo proceso cara á redución da concentración de sólidos totais.

Investimento: 15.060.000 €.

Principais instalacións da planta: a planta de biometano estrutúrase nas seguintes unidades ou áreas principais:

– Área de accesos e saídas.

Edificio técnico, no seu interior acollerá as instalacións asociadas:

• A mestura de substratos.

• A almacenamento de sólidos.

Os substratos sólidos e os semisólidos serán almacenados nos silos dispostos no interior do edificio técnico denominado zona de silos de sólidos, e ocuparán un volume de 441 m³, que contarán con mesturadores cun volume de 96 m³ cada un.

• Almacenamento de produtos químicos e materiais.

• Almacenamento de residuos.

• Oficina.

• Baños e vestiarios.

• Sala de control.

• Laboratorio.

– Área de almacenamento de substratos e fracción sólida do dixestato.

O almacenamento de xurro realizarase nun tanque de 1.250 m³, situado nun espazo exterior entre o edificio técnico e os dous dixestores.

A glicerina recibida en camións cisterna transferirase a un tanque situado no exterior ao sur do edificio técnico, de 100 m³ e calorifugado para evitar a solidificación da glicerina.

O resto dos substratos líquidos serán almacenados en dous pozos circulares de recepción, semisoterrados na área central da parcela, con capacidade de almacenamento unitaria de 245 m³.

– Área de produción do biogás (dixestión anaerobia).

Para garantir unha dixestión anaerobia eficiente, desenvolverase unha etapa de mestura de substratos, na que se mesturarán diferentes materiais orgánicos (sólidos, semisólidos e líquidos) en dous tanques de mestura con axitador e un volume neto de 4 m³/unidade para obter una mestura homoxénea que optimice a produción de biogás ao facilitar a degradación uniforme da materia orgánica polos microorganismos.

A mestura de substratos homoxénea bombeada desde os dous tanques mesturadores, de forma controlada para garantir o tempo de retención adecuado e evitar sobrecargas aos dous dixestores anaerobios con volume bruto de 7.698 m³/unidade, e un volume neto de enchedura de 7.271 m³/unidade, é descomposta por microorganismos en ausencia de oxíxeno, xerando biogás (rico en metano e dióxido de carbono) e dixestato (suspensión acuosa, que contén os compoñentes non degradados ou parcialmente degradados, e os restos orgánicos presentes na biomasa).

– Área de mellora de biogás.

Inclúe o desenvolvemento das etapas de pretratamento do biogás en bruto obtido nos dixestores anaerobios, e inclúe:

• A desulfuración mediante o uso de carbón activado a través dun proceso catalítico.

• A deshumidificación e a eliminación do vapor de auga.

O obxectivo desta etapa será eliminar o dióxido de carbono (CO2) e outros gases traza para aumentar a concentración de metano e asegurar a composición do biometano (BioCH4) axeitada, antes de ser derivado á rede do polígono industrial de Curtis-Teixeiro.

A limpeza e a purificación do biogás (upgrading) realizarase mediante o emprego de tecnoloxía de membrana, dada a súa eficiencia en converter o biogás bruto pretratado en biometano de alta pureza, apto para a súa inxección na rede de gas natural, tras eliminar os contaminantes e concentrar o metano.

– Área de almacenamento de dixestato ou posdixestión.

Despois de que o material orgánico é dixerido anaerobicamente nos dous dixestores, o dixestato xerado será transferido ao tanque de almacenamento de residuos ou posdixestor.

Este tanque cun volume bruto de 7.698 m³ e un volume neto de enchedura de 7.271 m³ permitirá o desenvolvemento dunha etapa final onde o dixestato se estabiliza máis, axudando a mineralizar os materiais orgánicos que non están completamente descompostos, estabilizando a materia orgánica remanente e reducindo a potencial emisión de cheiros.

Das 107.173 T/ano de dixestato xeradas á saída do posdixestor, poderán ser derivadas:

• 78.373 T/ano, ao separador sólido/liquido.

• 28.800 T/ano, aos dous tanques de almacenamento de 4.434 m³ para a súa aplicación directa en solos agrícolas.

– EDAR.

Das 69.724 T/ano de fracción líquida, 49.224 T/ano serán derivadas á estación depuradora da instalación, derivando o fluxo líquido residual do proceso, tras o seu tratamento na planta, que supón unha vertedura aproximada de 151 m³/día equivalentes a 38.656 m³/ano de auga depurada á rede de saneamento do polígono industrial de Curtis-Teixeiro, conectado ao final da liña coa EDAR do propio polígono.

– Área de contralumes.

– Áreas de instalacións auxiliares.

– Áreas verdes.

Seguidamente detállanse os procesos auxiliares máis relevantes que se desenvolverán na planta e que darán soporte ao funcionamento das etapas descritas do proceso produtivo:

a) Sistema de abastecemento eléctrico.

A instalación recollerá unha potencia total instalada de 1.200 kW, cun consumo máximo estimado entre 600 kW e 800 kW, en función das condicións de operación dos equipos. O centro de transformación seco configúrase como unha subestación compacta, que albergará un transformador seco, uns interruptores de carga, seccionadores e unha protección avanzada para garantir a seguridade e a fiabilidade na subministración de electricidade.

b) Sistema de abastecemento de enerxía térmica.

Levarase a cabo mediante unha caldeira mixta de biogás/gas natural de 860 kW, deseñada para garantir a subministración de calor necesaria para os procesos. Prevese un consumo anual de 4.828.900 kWh/ano. Expresado en Nm³, cun poder calorífico aproximado de 10 kWh/Nm³, o consumo previsto de biogás/gas natural na planta (poderíase usar un ou outro indistintamente) sería de 336.900 Nm³/ano.

c) Rede de abastecemento de auga.

O abastecemento de auga na planta realizarase mediante a conexión coa rede municipal. A localización da planta, como se mencionou con anterioridade, estará dentro do polígono industrial de Curtis-Teixeiro, polo que a parcela conta cun punto de conexión de subministración de auga, sen que sexa necesario executar redes novas.

d) Rede de saneamento.

A rede de saneamento da planta deseñarase para xestionar eficientemente tanto as augas de baldeo como as augas residuais sanitarias xeradas no edificio técnico. As augas de baldeo recolleranse a través dun sistema de sumidoiros, estratexicamente asentados en áreas clave para garantiren unha captación eficiente. Posteriormente, estas augas serán canalizadas cara ao sistema de drenaxe, que as conducirá aos fosos de recepción de residuos líquidos.

As augas residuais xeradas por actividades sanitarias no edificio técnico serán xestionadas a través dunha rede independente de tubaxes. Esta rede conectarase á rede separativa de augas sanitarias existente no polígono industrial de Curtis-Teixeiro, e así conducilas cara á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do polígono industrial. A conexión realizarase seguindo as normativas e especificacións do Concello de Curtis e a entidade xestora, garantindo o mantemento da eficiencia e seguridade no transporte das augas residuais ata a EDAR.

e) Rede de augas pluviais.

As augas pluviais non contaminadas recollidas da cuberta do edificio técnico serán canalizadas ao colector de augas pluviais do polígono industrial de Curtis-Teixeiro, para a súa posterior vertedura ao río adxacente, sen que sexa necesaria a execución de novas infraestruturas.

As augas pluviais de contacto (augas contaminadas) disporán dunha rede de colectores perimetrais con pendentes das soleiras impermeabilizadas e tramos de reixa lonxitudinal con recollida cara ás arquetas, que serán enviadas aos fosos de recepción de residuos líquidos para a súa posterior reutilización, dosificándose na mestura segundo necesidades desta. Polo tanto, estas augas serán reutilizadas no proceso e non serán canalizadas a rede de augas pluviais do polígono.

f) Sistema de desodorización de cheiros.

Adxacente ao edificio técnico proxéctase a instalación dun sistema de desodorización composto por un filtro de absorción deseñado para purificar e renovar o aire no interior da edificación pechada.

A función deste equipamento será a eliminación de compostos causantes de malos cheiros e/ou substancias tóxicas mediante unha columna de absorción vertical. O equipo será capaz de controlar os cheiros tanto no interior do edificio técnico como no almacenamento de xurros.

3. Obxecto da información pública.

Sométese a información pública a solicitude da autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto dunha planta de biometano no concello de Curtis, para os efectos das autorizacións administrativas que procedan para a súa aprobación. Todo o anterior de forma conxunta en virtude do disposto no artigo 79.4 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

4. Documentación que se expón.

– Proyecto Curtis_Censurado.pdf

– Proyecto Basico planta Norbioga_s Curtis 2025_07_08_Ce.pdf

– 3_EIA planta Norbiogás Curtis 2025_05_16 censurado Ingaf.pdf

– 20250513_Medidas necesarias y suficientes para garantizar las conexiones v2.pdf

– 5_MODELO_Solicitud Inicio Tramitación Ambiental_r00.pdf

O que se fai público, de conformidade co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial e demais normas anteriormente citadas, para coñecemento xeral, e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses, poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada, e se é o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A dita documentación poderá consultarse no portal web da Consellería de Economía e Industria, a través da seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/proxectos-industriais-estratexicos

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético