DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 25 de novembro de 2025 Páx. 60515

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

DECRETO 106/2025, do 11 de novembro, polo que se modifica o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

No Diario Oficial de Galicia número 101, do 27 de maio de 2024, publicouse o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. No indicado decreto definíronse as novas competencias da consellería nos ámbitos de enerxías renovables e xestión da ordenación do litoral. Posteriormente, o Decreto 192/2024, do 9 de decembro, introduciu melloras que fortaleceron as ditas competencias ao optimizar a coordinación cos departamentos territoriais e dotalos de servizos específicos en ambas as materias.

Neste marco, a Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, reformou a tramitación das autorizacións de infraestruturas de evacuación para parques eólicos. Esta normativa establece que as ditas autorizacións se deben xestionar conxuntamente coa autorización do parque eólico, requirindo ademais o permiso de acceso e conexión correspondente, e fixa un límite xeral de 15 km na lonxitude das infraestruturas para evitar duplicidades e mellorar a súa integración coa rede existente ou prevista.

Así mesmo, a Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, actualizou o Plan sectorial eólico de Galicia co obxectivo de potenciar a enerxía eólica como ferramenta clave na transición enerxética. Entre outras medidas, fomenta a modernización de parques mediante a repotenciación, regula as zonas de aceleración renovable e axusta o canon eólico para garantir un desenvolvemento sustentable.

Por outra banda, o 1 de xullo publicouse o Decreto 50/2025, do 30 de xuño, polo que a Comunidade Autónoma de Galicia asume as funcións e os servizos traspasados pola Administración xeral do Estado en materia de ordenación e xestión do litoral. No seu artigo 1 establécese que quedan asumidas as funcións e servizos traspasados pola Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 394/2025, do 13 de maio, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación e xestión do litoral, nos termos e condicións especificados no Acordo da Comisión Mixta de Transferencia, do 9 de abril de 2025, que se asignarán nos correspondentes decretos de estrutura orgánica das consellerías afectadas conforme o disposto no artigo 11 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Así mesmo, na súa disposición transitoria única, establece que a proposta e resolución das autorizacións de servizos de tempada e as autorizacións de ocupación para a realización de actividades en dominio público marítimo-terrestre, así como as autorizacións en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar, corresponde aos servizos provinciais do litoral e persoas titulares das direccións territoriais, respectivamente, e a proposta e resolución das concesións demaniais, no mesmo ámbito, corresponde aos servizos provinciais do litoral e á persoa titular da dirección xeral con competencias en materia do litoral.

A entrada en vigor destas modificacións reforza a necesidade de continuar avanzando no desenvolvemento das funcións da consellería en materia de enerxías renovables e xestión da ordenación do litoral, o que motiva unha nova modificación do Decreto 137/2024, do 20 de maio, para redefinir a distribución de funcións co obxecto de continuar mellorando a eficiencia administrativa e a capacidade de resposta ante os desafíos ambientais e climáticos.

Con esta mesma finalidade, debe realizarse unha redistribución dentro da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade das funcións de execución da normativa de responsabilidade ambiental debido á necesidade de coñecementos técnicos para a revisión da documentación presentada en relación coas análises de riscos e garantías financeiras respectivas.

Por último, tamén se incorpora unha modificación do Decreto 154/2022, do 1 de setembro, polo que se crea o Consello da Calidade do Aire de Galicia, para os efectos de introducir unha modificación na composición do referido consello.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, en exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de novembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

O Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 11 queda redactado como segue:

«Artigo 11. Funcións e estrutura

1. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático exercerá as competencias na materia de instalacións de produción de enerxía a partir de fontes renovables eólica terrestre, solar fotovoltaica con potencia instalada superior a 100 kW e hidroeléctrica de competencia da Comunidade Autónoma, tendo en conta o seu papel no cumprimento dos obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea e a contribución da enerxía renovable á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade.

Igualmente, correspóndelle o desenvolvemento das competencias en materia de ordenación do litoral, sen prexuízo das que estean atribuídas a outros órganos, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia, o impulso de actuacións a favor da consecución dos obxectivos de descarbonización e neutralidade climática, así como o fomento e promoción da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación para o logro da adecuada protección ambiental e loita contra o cambio climático.

En concreto, dentro deste ámbito competencial, correspóndelle:

a) O outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción relativas a:

1º. Centros de produción de enerxía a partir de fontes renovables eólica terrestre, solar fotovoltaica con potencia instalada superior a 100 kW e hidroeléctrica.

2º. Subestacións de evacuación de potencia igual ou superior a 75.000 kVA.

3º. Liñas de enerxía eléctrica de evacuación de tensión igual ou superior a 132 kV e interprovinciais de calquera tensión.

Así mesmo, tamén lle corresponde o recoñecemento de utilidade pública destas instalacións, dentro do seu ámbito de competencias.

b) O outorgamento das concesións demaniais en dominio público marítimo-terrestre que deriven da aplicación do número 4 do artigo 11 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, e as autorizacións reguladas no Decreto 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Dous. O número 2 do artigo 11 queda redactado como segue:

«2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, a dirección xeral estrutúrase nos seguintes órganos administrativos:

2.1. Servizo Xurídico-Administrativo. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición, de revisión e das solicitudes de revisión de oficio nas materias que lle correspondan.

b) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes sancionadores que lle correspondan.

c) A tramitación e proposta de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial que lle correspondan.

d) O apoio á Asesoría Xurídica no que se refire aos recursos contencioso-administrativos interpostos contra resolucións, autorizacións e outros actos recorribles.

e) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polos xulgados e tribunais.

f) A xestión dos órganos de participación da consellería relativos á integración ambiental. En particular, exercerá as funcións correspondentes á secretaría do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

g) A elaboración de instrucións, protocolos de actuación, informes, estudos, contestacións de consultas ou calquera outro instrumento de carácter técnico-xurídico e, en xeral, calquera outra función que se lle encomende.

h) O apoio nos procesos expropiatorios derivados das declaracións de utilidade pública que realice a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.

i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.

2.2. Servizo de Planificación e Coordinación. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Apoio ao impulso e coordinación dos traballos para a aprobación dos instrumentos de planificación competencia da dirección xeral no ámbito do litoral.

b) Apoio ao impulso e coordinación dos traballos para o desenvolvemento de actuacións estratéxicas competencia da dirección xeral no ámbito do litoral.

c) A elaboración dos anteproxectos de orzamentos da dirección xeral, a súa execución, seguimento e coordinación.

d) As funcións inherentes á xestión económica execución, seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividades de fomento no ámbito da súa competencia por razón da materia.

e) A xestión dos expedientes de contratación menores de competencia da dirección xeral por razón da materia.

f) A tramitación das propostas de modificación de créditos consignados no orzamento da dirección xeral.

g) Impulso da tramitación administrativa de expedientes e propostas de gasto das unidades dependentes da dirección xeral.

h) A coordinación, seguimento e control dos fondos procedentes da Unión Europea e dos fondos finalistas do Estado xestionados pola dirección xeral.

i) A planificación, habilitación e seguimento da provisión de crédito para gastos correntes dos distintos órganos e unidades administrativas dependentes da dirección xeral, incluído o aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da dirección xeral.

j) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.

2.3. Subdirección Xeral de Enerxías Renovables.

2.3.1. A Subdirección Xeral de Enerxías Renovables exercerá as funcións de tramitación e proposta de resolución dos expedientes das instalacións de enerxía eólica terrestre, enerxía solar fotovoltaica con potencia instalada superior a 100 kW, enerxía hidroeléctrica, e das súas instalacións de evacuación, así como da súa declaración de utilidade pública, dentro do seu ámbito de competencias. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional.

De maneira directa, ou a través das unidades administrativas que se integran nela, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación, impulso da tramitación e proposta de resolución dos expedientes de autorización das instalacións de enerxías renovables, así como das súas infraestruturas de evacuación, e a súa declaración de utilidade pública, no ámbito das súas competencias.

b) Velar, en colaboración cos correspondentes órganos territoriais, polo cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas para as instalacións de produción e evacuación de enerxía no ámbito das competencias desta consellería.

c) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións ou calquera outro instrumento que se considere idóneo, cos órganos territoriais e unidades administrativas que dependan dela, no ámbito das súas competencias, así como a supervisión do seu cumprimento.

d) A dirección, supervisión, coordinación e control das funcións desenvoltas polas unidades administrativas que dependan dela.

e) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos desta subdirección xeral, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.

f) A supervisión e elaboración de informes solicitados por outros organismos no ámbito das súas competencias.

g) As actuacións de fomento para a difusión e promoción de medidas de redución de gases de efecto invernadoiro, sen prexuízo das que lle poidan corresponder á consellería con competencias en materia de industria.

h) A tramitación de expedientes expropiatorios no ámbito das súas competencias.

i) Aqueloutras que lle encomende a persoa titular da dirección xeral.

2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Enerxías Renovables contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.3.2.1. O Servizo de Proxectos de Enerxías Renovables exercerá as seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de autorización das instalacións de enerxía eólica terrestre, das súas infraestruturas de evacuación e da súa declaración de utilidade pública no ámbito das súas competencias.

b) A tramitación das solicitudes de acceso á información pública respecto a expedientes cuxa instrución sexa da súa competencia, en coordinación co Servizo Xurídico-Administrativo.

c) A xestión do Rexistro Eólico de Galicia.

d) A proposta de elaboración de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

e) A comprobación, no ámbito das competencias desta consellería, das condicións técnicas e, se é o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas, todas elas en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.3.2.2. O Servizo de Coordinación de Enerxías Renovables exercerá as seguintes funcións:

a) Tramitación dos expedientes de autorización de instalacións de enerxía solar fotovoltaica con potencia instalada superior a 100 kW, das instalacións de enerxía hidroeléctrica, das súas infraestruturas de evacuación e da súa declaración de utilidade pública no ámbito das súas competencias.

b) A tramitación dos expedientes expropiatorios competencia da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

c) A tramitación das solicitudes de acceso á información pública respecto a expedientes cuxa instrución sexa da súa competencia en coordinación co Servizo Xurídico-Administrativo.

d) A proposta de elaboración de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

e) A comprobación, no ámbito das enerxías renovables, das condicións técnicas e, se é o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas, todas elas en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.

f) A tramitación dos expedientes de autorización que se lle asignen das infraestruturas de evacuación das instalacións de enerxía eólica terrestre e da súa declaración de utilidade pública no ámbito das súas competencias.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.4. A Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático.

2.4.1. A Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático exercerá as funcións de coordinación de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia, o impulso e desenvolvemento de actuacións a favor da consecución dos obxectivos de descarbonización e neutralidade climática, e o fomento e promoción da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación para o logro da adecuada protección ambiental e loita contra o cambio climático.

As anteriores funcións serán desenvoltas en coordinación cos departamentos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional.

De maneira directa, ou a través das unidades administrativas que se integran nela, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A xestión e coordinación dos sistemas de observación ambiental, da calidade do aire e da predición meteorolóxica de Galicia, así como a súa difusión.

b) A coordinación, seguimento e posta en marcha das estratexias para acción fronte ao cambio climático de carácter autonómico, europeo ou internacional.

c) A promoción de instrumentos de colaboración interdepartamental e de colaboración público-privada para a consecución dos obxectivos de descarbonización e neutralidade climática, en particular, a Alianza Galega polo Clima.

d) A elaboración, proposta, coordinación e impulso de programas dirixidos ao fomento da investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación en materia de meteoroloxía e cambio climático, así como a súa difusión e divulgación.

e) O asesoramento e asistencia aos concellos e axentes sociais, na aplicación das políticas autonómicas en materia de cambio climático e calidade atmosférica, así como a realización de campañas de formación e sensibilización en materia de cambio climático, meteoroloxía, climatoloxía e calidade atmosférica.

f) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos desta subdirección xeral, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.

g) Aqueloutras que lle encomende a persoa titular da dirección xeral.

2.4.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.4.2.1. O Servizo de Cambio Climático, que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación e seguimento da estratexias galegas, nacionais ou internacionais fronte ao cambio climático.

b) A aplicación do réxime de comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro e a elaboración e seguimento dos seus inventarios.

c) O asesoramento e asistencia aos concellos en materia de aplicación da normativa contra a contaminación acústica de Galicia.

d) A realización de campañas de formación e sensibilización en materia de cambio climático.

e) A participación en proxectos nacionais e internacionais en materia de cambio climático.

f) Aquelas recollidas na Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, vinculadas a accións de mitigación e adaptación dos efectos do cambio climático.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.4.2.2. O Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, con nivel orgánico de servizo, exercerá as seguintes funcións:

a) O soporte analítico das actuacións ambientais competencia desta consellería e o desenvolvemento e posta en marcha de novos métodos analíticos instrumentais.

b) A realización de estudos e informes técnicos sobre o establecemento de parámetros, técnicas e procedementos analíticos previstos nas normas ambientais.

c) A promoción da investigación e desenvolvemento de técnicas e modelos de análises, en consonancia coas normas ambientais aplicables.

d) A participación en proxectos nacionais e internacionais en materia de soporte e métodos analíticos.

e) As funcións de control do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes.

f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.5. A Subdirección Xeral do Litoral.

2.5.1. A Subdirección Xeral do Litoral exercerá as funcións e competencias en ordenación, xestión e protección do litoral e, en especial, as que deriven da aplicación dos números 3 e 4 do artigo 11 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, coa excepción das atribuídas a outros órganos.

As anteriores funcións serán desenvoltas en coordinación cos departamentos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional.

De maneira directa, ou a través das unidades administrativas que se integran nela, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A secretaría da Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral, segundo o disposto no Decreto 179/2024, do 2 de setembro, polo que se regulan as funcións, a composición e o réxime de funcionamento da Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral.

b) A coordinación e seguimento das actuacións estratéxicas reguladas na Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, cos departamentos autonómicos que por razón da materia lle corresponda.

c) A coordinación correspondente na tramitación dos procedementos de obtención dos títulos habilitantes do litoral cos órganos de instrución destes procedementos, así como no seu control e vixilancia.

d) Asesoramento e asistencia aos concellos costeiros na aplicación das políticas autonómicas en materia de ordenación e xestión do litoral, así como a realización de campañas de formación e sensibilización na dita materia.

e) A proposta de medidas de protección do medio ambiente litoral; o impulso dos traballos para a aprobación dos instrumentos de ordenación do litoral, en coordinación cos departamentos que corresponda por razón da materia.

f) A emisión dos informes que procedan, así como aqueloutras que lle encomenden en relación coa ordenación do litoral.

g) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos desta subdirección xeral, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.

Aqueloutras que lle encomende a persoa titular da dirección xeral.

2.5.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral do Litoral contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.5.2.1. Servizo de Xestión do Litoral.

Correspóndenlle as funcións encomendadas á subdirección xeral no que incumbe á área temática de xestión dos títulos habilitantes do litoral e, en xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da subdirección xeral e, en concreto:

a) O apoio ao asesoramento e asistencia aos concellos costeiros na aplicación das políticas autonómicas en materia de litoral, así como a realización de campañas de formación e sensibilización no ámbito das súas competencias.

b) O apoio á coordinación correspondente na tramitación dos procedementos de obtención dos títulos habilitantes do litoral cos órganos de instrución destes procedementos.

c) A emisión dos informes que procedan, así como aqueloutras que lle encomenden en relación coa xestión do litoral.

d) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.5.2.2. Servizo de Protección do Litoral.

Correspóndenlle as funcións encomendadas á subdirección xeral no que incumbe á área temática de protección, control e vixilancia do litoral e, en xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da subdirección xeral e, en concreto:

a) A coordinación cos servizos do litoral dos departamentos territoriais en relación coas súas funcións de control e vixilancia, así como a proposta de resolución de expedientes sancionadores de competencia da dirección xeral.

b) A posta en marcha de medidas de protección do medio ambiente litoral, así como a coordinación e colaboración cos departamentos que corresponda por razón da materia.

c) A emisión dos informes que procedan, así como aqueloutras que lle encomenden en relación coa protección, control e vixilancia do litoral.

d) O apoio ao asesoramento e asistencia aos concellos costeiros na aplicación das políticas autonómicas en materia de litoral, así como a realización de campañas de formación e sensibilización no ámbito das súas competencias.

e) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

Tres. Modifícase o número 2.2 do artigo 12, que pasa a ter a seguinte redacción:

«2.2. Servizo Xurídico-Administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración dos informes proposta de resolución dos recursos de alzada, de reposición, de revisión e das solicitudes de revisión de oficio nas materias que lle correspondan.

b) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes sancionadores que lle correspondan.

c) A tramitación e proposta de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial que lle correspondan.

d) A potenciación e establecemento de procedementos que garantan a distribución da información ambiental á cidadanía que o requira, a través do mantemento e mellora do Sistema de información ambiental de Galicia (SIAM) e, en particular, a xestión do punto focal da Rede Eionet da Axencia Europea do Medio Ambiente.

e) O asesoramento e realización de estudos e informes.

f) O estudo e a elaboración dos proxectos normativos no ámbito das súas competencias.

g) Aquelas que, por razón da súa competencia, se lle encomenden».

Catro. Modifícase o número 2.3 do artigo 12, que queda redactado como segue:

«2.3. Servizo de Intervención Ambiental.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A realización de actividades encamiñadas ao control do cumprimento da normativa ambiental.

b) A execución da normativa de responsabilidade ambiental respecto ás análises de riscos ambientais e garantías financeiras e respecto ás ameazas inminentes de danos ambientais e/ou danos ambientais que afecten o ámbito da dirección xeral.

c) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da dirección xeral».

Cinco. O número 2.5.1. do artigo 12 queda redactado como segue:

«2.5.1. A Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular exercerá as seguintes funcións dentro do ámbito de competencias atribuídas á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade:

a) A elaboración e o seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados, e das accións de desenvolvemento destes.

b) O fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

c) A tramitación e o seguimento das autorizacións dos sistemas colectivos e individuais de responsabilidade ampliada da produtora competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) O desenvolvemento e o mantemento do Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

e) A tramitación das autorizacións de xestores/as, así como o rexistro das comunicacións de produtores de residuos asociadas ás devanditas autorizacións.

f) O establecemento e mantemento de sistemas que permitan o control da rastrexabilidade en materia de residuos.

g) A realización de campañas de información e sensibilización en materia de residuos.

h) A elaboración de informes técnicos en materia de residuos.

i) A planificación e o fomento de accións relacionadas coa economía circular.

j) A proposta de convenios relacionados coa xestión de residuos.

k) A colaboración coas consellerías correspondentes no control da xestión dos residuos non incluídos no ámbito de aplicación da Lei de residuos de Galicia, especialmente coas consellerías con competencias en materia de sanidade, no control da xestión dos residuos producidos nos establecementos sanitarios, e do medio rural, no control da xestión dos residuos producidos nas explotacións agrícolas e gandeiras.

l) Aquelas que, por razón da súa competencia, se lle encomenden».

Seis. O artigo 14 queda redactado como segue:

«Artigo 14. Departamentos territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático organízase nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito provincial respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial, de acordo con o disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada departamento territorial estarán os/as directores/as territoriais, que exercerán, ademais das funcións do artigo 11 do Decreto 254/2009, do 30 de abril, as seguintes funcións:

a) A dirección, despacho e proposta de resolución dos asuntos comúns.

b) A coordinación dos servizos ou unidades que o integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamento de gastos do departamento territorial.

d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais do departamento territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.

g) A incoación e instrución de expedientes de responsabilidade patrimonial e sancionadores no ámbito das competencias da consellería que non estean atribuídas a outros órganos.

h) O outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, así como o recoñecemento de utilidade pública, no ámbito das súas competencias, relativas a:

1º. Liñas de enerxía eléctrica de evacuación de tensión inferior a 132 kV.

2º. Subestacións e centros de transformación de evacuación de potencia inferior a 75.000 kVA.

i) O outorgamento das autorizacións de explotación das instalacións de produción de enerxía eléctrica procedente de fontes renovables, así como das súas infraestruturas de evacuación, no ámbito das súas competencias.

j) A emisión de informes preceptivos ou facultativos que lle sexan requiridos no ámbito das súas competencias.

k) A tramitación e resolución das solicitudes de acceso á información pública respecto de expedientes cuxa instrución ou resolución sexa da súa competencia.

l) A supervisión, o seguimento e o control do cumprimento por parte das unidades administrativas periféricas das directrices que emanen, segundo a área funcional e competencial, dos correspondentes órganos superiores e de dirección da consellería.

m) O outorgamento das autorizacións de servizos de tempada e as autorizacións de ocupación para a realización de actividades no dominio público marítimo-terrestre, así como as autorizacións en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar, e calquera outra función que, en relación coa ordenación do litoral, lle encomenden.

n) As restantes funcións que lle encomenden ou deleguen.

3. Os servizos dos departamentos territoriais dependerán funcionalmente dos órganos superiores e de dirección da consellería, dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada un deles, sen prexuízo da coordinación xeral que poidan exercer as persoas titulares das direccións territoriais, das cales dependen organicamente.

4. Integran cada un dos departamentos territoriais os seguintes servizos:

4.1. Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas.

O Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas exercerá no seu respectivo ámbito territorial as seguintes funcións:

a) A instrución e proposta de resolución dos procedementos de autorización das instalacións eléctricas da súa competencia e a súa declaración de utilidade pública, así como a redacción dos informes derivados destas.

b) Apoio nas tarefas correspondentes ao levantamento de actas previas de ocupación, en coordinación coa Subdirección Xeral de Enerxías Renovables, dentro do ámbito territorial correspondente.

c) A emisión de informes preceptivos ou facultativos que lle sexan requiridos.

d) A coordinación cos servizos de Proxectos de Enerxías Renovables e de Coordinación de Enerxías Renovables da Subdirección Xeral de Enerxías Renovables, para o impulso na tramitación dos expedientes de enerxía renovable das súas competencias, e das liñas eléctricas de evacuación, así como dos expedientes de autorización das instalacións de enerxía renovable e infraestruturas de evacuación que se implantan en máis dunha provincia, competencia da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.

e) Velar, en coordinación coa Subdirección Xeral de Enerxías Renovables, polo cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas para as instalacións de produción e evacuación de enerxía a partir de fontes renovables.

f) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas.

4.2. Servizo do Litoral.

O Servizo do Litoral, existente nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo e Pontevedra, exercerá no seu respectivo ámbito territorial as seguintes funcións:

a) A tramitación e proposta de resolución dos procedementos para o outorgamento dos títulos de intervención na zona de servidume de protección do litoral e dominio público marítimo-terrestre, así como o seu control e vixilancia.

b) A preparación dos informes e autorizacións que, conforme a lexislación de carácter sectorial, lle corresponda emitir ao órgano competente en materia de xestión do litoral, no ámbito das súas competencias.

c) Calquera outra función que, en relación coa ordenación do litoral, lle encomenden.

4.3. Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental.

O Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental exercerá no seu respectivo ámbito territorial as seguintes funcións:

a) A xestión das denuncias ambientais recibidas e a coordinación das respostas doutras unidades a esas denuncias.

b) A realización das inspeccións ambientais conforme o programa anual de inspección ambiental.

c) A tramitación de expedientes sancionadores que lles corresponda.

d) A tramitación de expedientes derivados da aplicación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e a competitividade económica de Galicia.

e) A tramitación e rexistro das comunicacións realizadas ao abeiro do disposto na normativa de residuos.

f) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas en materia de calidade ambiental e residuos.

4.4. Servizo de Patrimonio Natural.

Sen prexuízo da dirección da Reserva Nacional de Caza dos Ancares, que lle corresponde á persoa titular da Dirección Territorial de Lugo, os servizos provinciais de Patrimonio Natural exercerán no seu respectivo ámbito territorial as seguintes funcións:

a) A elaboración dos informes ambientais e as propostas de concesión das autorizacións de usos e actividades, e dos proxectos que non requiran da avaliación das repercusións a que se refire o artigo 46 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, así como a prestación de asesoramento á dirección xeral competente en materia de espazos e valores naturais.

b) A execución das actuacións relativas á conservación das especies da fauna e da flora silvestre no seu ámbito territorial, incluíndo o control dos factores de ameaza para a conservación da biodiversidade, así como todas aquelas funcións relativas á protección e benestar de animais de compañía que sexa preciso desenvolver nesta materia.

c) A execución e control das actuacións en materia de recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais que corresponda desenvolver en función do seu ámbito territorial.

d) As actuacións relativas á actividade inspectora derivada da protección, conservación, xestión e recuperación do patrimonio natural e da biodiversidade.

e) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas en materia de espazos naturais e biodiversidade, e recursos cinexéticos e piscícolas».

Disposición adicional primeira. Modificación do Decreto 154/2022, do 1 de setembro, polo que se crea o Consello da Calidade do Aire de Galicia.

O artigo 5 do Decreto 154/2022, do 1 de setembro, polo que se crea o Consello da Calidade do Aire de Galicia, queda modificado como segue:

«Artigo 5. Composición

1. O Consello da Calidade do Aire de Galicia estará formado por representantes da Administración autonómica, da Administración local, do sector académico e da sociedade civil/organizacións sociais.

2. A composición do Consello será a seguinte:

a) Presidencia: correspóndelle a Presidencia do Consello á persoa titular da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de ambiente.

b) Vicepresidencia Primeira: correspóndelle a Vicepresidencia Primeira do Consello á persoa titular da dirección xeral que teña atribuídas competencias en materia de calidade do aire.

c) Vicepresidencia Segunda: correspóndelle a Vicepresidencia Segunda do Consello á persoa titular da dirección xeral que teña atribuídas competencias en materia de saúde pública.

d) Vogais: serán vogais do Consello da Calidade do Aire:

1º. As persoas con rango de secretario/a xeral, director/a xeral ou equivalente, designadas polas persoas titulares das consellerías competentes nas materias que se indican a continuación, ou pola Secretaría Xeral da Presidencia cando as referidas materias sexan competencia dos órganos superiores e de dirección no ámbito da Presidencia, e poderanse nomear as persoas que as substitúan.

i. Administración local.

ii. Calidade ambiental.

iii. Patrimonio natural.

iv. Medio rural.

v. Mobilidade.

vi. Xestión de emerxencias.

vii. Industria.

viii. Ordenación do territorio e urbanismo.

2º. Unha persoa representante dos concellos galegos de máis de 50.000 habitantes.

3º. Unha persoa representante dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes.

4º. Tres persoas representantes das universidades galegas, un/unha vogal por cada universidade, expertas en materia de calidade do aire.

5º. Dúas persoas representantes de organizacións de carácter ambiental, seleccionadas entre as entidades rexistradas no rexistro regulado polo Decreto 226/2007, do 22 de novembro, polo que se crea o Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o procedemento que se habilite.

6º. Unha persoa representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

As persoas que representen a Administración local, así como os seus suplentes, serán designadas pola asociación de municipios e provincias máis representativa e con maior implantación no territorio da Comunidade Autónoma.

3. A persoa titular da Secretaría será a que ocupe a subdirección xeral que teña atribuídas as competencias ou funcións en materia de calidade do aire, que actuará con voz pero sen voto.

4. En caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os/as vogais serán substituídos/as polas persoas suplentes designadas polas persoas titulares, que deberán ter categoría de subdirector/a, nos casos de vogais da Administración autonómica. A persoa titular da Secretaría poderá ser substituída pola persoa suplente que se designe, mediante acordo do propio pleno, que deberá ter categoría de subdirector/a ou xefe/a de servizo.

5. No caso de que o Consello previse tratar asuntos estreitamente relacionados con concellos concretos ou sectores concretos, directa ou indirectamente afectados, estes serán chamados a acudir a través dos seus representantes á sesión plenaria do Consello con voz, co obxecto de ser oídos polo Consello, para mellorar a valoración do tema e a adopción de acordos.

6. Na composición do Consello procurarase conseguir unha presenza equilibrada de mulleres e homes».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de novembro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático