O artigo 148.1.3 da Constitución española dispón que as comunidades autónomas poden asumir a competencia sobre «ordenación do territorio, urbanismo e vivenda». Así o fixo Galicia, recoñecendo a citada competencia e incluíndo, ademais, a ordenación «do litoral», ao dispoñer no artigo 27.3 do seu Estatuto de autonomía (en diante, EAG) que «no marco do presente estatuto corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva sobre as seguintes materias: 3. Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda».
Sobre a base das competencias autonómicas en materia de ordenación do territorio e do litoral (artigo 27.3 do EAG) aprobouse a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que se fundamenta, ademais, noutros títulos competenciais cando as súas previsións se proxectan sobre o mar, tales como a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma sobre a pesca nas rías e nas demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura (artigo 27.15 do EAG) e sobre os portos autonómicos (artigo 27.9 do EAG), a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de ordenación do sector pesqueiro (artigo 28.5 do EAG) e portos pesqueiros (artigo 28.6 do EAG), ou a competencia de execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo (artigo 20.3 do EAG) e verteduras industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego (artigo 29.4 do EAG), por citar os títulos máis significativos. Débense engadir á anterior relación as competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ambiente, que foron progresivamente perfiladas polo Tribunal Constitucional na interpretación do artigo 149.1.23 da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia exclusiva para ditar a «lexislación básica sobre a protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección», e da asunción estatutaria das competencias, como a realizada no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, ao recoñecer a competencia exclusiva da materia «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23».
Como indica a exposición de motivos da Lei 4/2023, do 6 de xullo, «A integración exixe superar a visión sectorializada do litoral, en prol dunha xestión que tome en consideración os diversos usos e as actividades económicas que se proxectan e desenvolven no litoral, os diversos riscos e as ameazas que afecten os ecosistemas mariño-costeiros, así como as distintas administracións que concorran na súa ordenación e xestión, isto é, adoptar un enfoque integrado na xestión do litoral. É precisamente a aspiración de alcanzar unha xestión integrada do litoral a que exixe unha regulación como a presente, que distingue os espazos, os suxeitos e as actividades, máis sen esquecer que o litoral é unha entidade única e continua que require de regras de ordenación coherentes e de accións coordinadas».
Como regula a lei, a xestión integrada é un proceso participativo, dinámico e adaptativo que, considerando a interrelación e interdependencia entre os fenómenos naturais e actividades humanas, persegue un desenvolvemento sustentable integral, ambiental, social e económico, cunha xestión baseada nos ecosistemas para a protección dos seus servizos ecosistémicos e para potenciar a súa resiliencia, sobre todos os espazos terrestres, mariños e marítimo-terrestres nos que se percibe unha interacción terra-mar contrastada cientificamente.
En coherencia coa xestión integrada do litoral é necesario garantir unha gobernanza, que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral.
En virtude do anterior, o capítulo IV do título I da Lei 4/2023, do 6 de xullo, regula os órganos de participación, consulta e asesoramento: a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o Foro do Litoral de Galicia que garanten a xestión integrada a través de técnicas adecuadas e efectivas de coordinación, colaboración, cooperación e participación.
O artigo 16.1 da devandita norma, crea o Foro do Litoral de Galicia como o máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de ordenación do litoral, integrado polas administracións, as universidades, os organismos científicos, as organizacións dos sectores produtivos, as organizacións ambientais e aquelas que teñan por obxectivo a defensa e a protección do patrimonio cultural.
Esta disposición consta de quince artigos estruturados en tres capítulos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.
O capítulo primeiro, relativo ás disposicións xerais, establece o obxecto e a adscrición do Foro do Litoral de Galicia, a súa natureza, o réxime xurídico e as funcións que lle corresponden.
O capítulo segundo determina a composición do Foro do Litoral de Galicia, define os órganos que o integran, as facultades e as obrigas dos seus membros e o réxime retributivo.
O capítulo terceiro regula as normas básicas de funcionamento.
O decreto finaliza con dúas disposicións adicionais relativas aos gastos de funcionamento e ao prazo para a constitución do Foro do Litoral de Galicia; e dúas disposicións derradeiras.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, de acordo co Consello Consultivo, e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de novembro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e adscrición
Este decreto ten por obxecto a regulación do Foro do Litoral de Galicia como máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de ordenación do litoral de Galicia, creado polo artigo 16 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, de xeito que permita unha xestión máis eficiente e integrada.
O Foro do Litoral de Galicia configúrase como un órgano colexiado dos previstos na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (LOFAXGA), e adscríbese á consellería competente en materia de ambiente, a través da dirección xeral correspondente con competencias en materia de ordenación do litoral e promoverá a colaboración entre a Administración pública, os sectores produtivos e a sociedade civil.
Artigo 2. Natureza e réxime xurídico
O Foro é un órgano colexiado, de carácter consultivo e non vinculante, composto por representantes das administracións, universidades, organismos científicos, organizacións dos sectores produtivos, organizacións ambientais e aquelas cuxo obxectivo sexa a defensa e protección do patrimonio cultural.
Artigo 3. Funcións do Foro do Litoral de Galicia
Son funcións do foro do Litoral de Galicia as seguintes:
a) Participar no seguimento das normas e dos instrumentos de planeamento do litoral, así como das políticas aplicadas no ámbito da Comunidade Autónoma relativas á ordenación e á xestión do litoral.
b) Elaborar propostas sobre accións de investigación, coñecemento, sensibilización, eliminación de barreiras arquitectónicas, e divulgación en materia de ordenación e xestión do litoral.
c) Propoñer as medidas que se consideren oportunas para a mellora na xestión sustentable do litoral, a accesibilidade e a competitividade dos sectores económicos implicados.
d) Fomentar o diálogo, a participación e a colaboración entre as administracións públicas e os colectivos implicados no uso sustentable e accesible dos recursos naturais costeiros.
e) Asesorar e propoñer medidas para a adaptación do litoral galego ao cambio climático, especialmente no que respecta á xestión dos riscos derivados do aumento do nivel do mar, as tormentas costeiras e a erosión das praias.
f) Informar e asesorar de cantos asuntos sexan sometidos á súa consideración pola consellería competente en materia de ambiente.
CAPÍTULO II
Composición do Foro do Litoral de Galicia
Artigo 4. Composición do Foro do Litoral de Galicia
1. O Foro do Litoral de Galicia terá a seguinte composición:
a) Presidencia.
b) Vicepresidencia.
c) Secretaría.
d) Vogais.
2. A composición do Foro do Litoral de Galicia procurará unha participación equilibrada de mulleres e homes.
Artigo 5. A Presidencia
1. A Presidencia do Foro do Litoral de Galicia correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de ambiente.
2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal que impida o efectivo desenvolvemento das súas funcións pola persoa titular da Presidencia, esta será substituída pola persoa que exerza a Vicepresidencia.
3. Correspóndelle á Presidencia as seguintes funcións:
a) Desempeñar a representación do Foro do Litoral de Galicia.
b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno e fixar a orde do día.
c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.
d) Dirimir co seu voto os empates, para efectos de adoptar acordos.
e) Asegurar o cumprimento das leis.
f) Visar as actas e as certificacións dos acordos.
g) Nomear e separar, se é o caso, as persoas vogais propostas polos distintos departamentos e entidades.
h) Exercer cantas outras funcións lle sexan inherentes en relación coa súa condición.
Artigo 6. A Vicepresidencia
1. A Vicepresidencia do Foro do Litoral de Galicia correspóndelle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de ordenación do litoral.
2. Correspóndenlle á Vicepresidencia as seguintes funcións:
a) Exercer as funcións atribuídas á persoa titular da Presidencia en caso de ausencia, vacante ou enfermidade ou outra causa legal.
b) Exercer aquelas funcións que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia e asistila nas correspondentes sesións do Foro.
c) Exercer cantas funcións sexan inherentes ao seu cargo e que estean relacionadas coas funcións do órgano.
Artigo 7. A Secretaría
1. A Secretaría do Foro do Litoral de Galicia correspóndelle a unha persoa funcionaria a proposta pola dirección xeral competente en materia de ordenación do litoral, que será nomeada pola Presidencia.
2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal que impida o efectivo desenvolvemento das súas funcións, será substituída pola persoa funcionaria que expresamente designe a persoa titular da Presidencia.
3. Correspóndelle á Secretaría, de conformidade co artigo 18.3 da Lofaxga, as seguintes funcións:
a) Asistir ás reunións do pleno, con voz pero sen voto, salvo que a persoa suplente da Secretaría sexa membro do órgano; nese caso terá dereito a voto.
b) Efectuar a convocatoria das sesións do órgano por orde da súa Presidencia, así como as citacións aos seus membros.
c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, por tanto, as notificacións, as peticións de datos, as rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.
d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.
e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.
f) Cantas outras funcións sexan inherentes á Secretaría pola súa condición.
Artigo 8. Vogais
1. As persoas vogais do Foro do Litoral de Galicia serán nomeadas pola persoa titular da Presidencia, por proposta da consellería ou entidade que se especifica a continuación:
1.1. En representación das administracións públicas:
a) Nove vogais en representación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, con rango, cando menos, de dirección xeral, correspondentes ás consellerías competentes en materia de ordenación do litoral, mar, turismo, deporte, investigación e patrimonio cultural, así como dos organismos competentes en materia de augas, portos e control do medio mariño de Galicia.
b) Unha persoa representante dos concellos das zonas costeiras, proposta pola Federación Galega de Municipios e Provincias entre os pertencentes ás provincias costeiras de Galicia.
1.2. Representantes dos sectores sociais, económicos e ambientais, designados polas entidades que se sinalan:
a) Unha persoa representante das universidades galegas, proposta de común acordo polos seus reitores. En defecto de acordo, a representación terá carácter rotatorio, segundo o criterio da data de creación da universidade, comezando polo proposto pola primeira en crearse e terminando pola última. Este/a representante terá acreditada a condición de experto/a nas materias directamente relacionadas coa ordenación e a xestión do litoral.
b) Unha persoa da Asociación Clúster Empresarial do Turismo de Galicia, proposta pola Axencia de Turismo de Galicia.
c) Unha persoa representante do sector produtor do mar, proposta pola Federación Galega de Confrarías.
d) Unha persoa representante do sector do transporte marítimo entre as empresas rexistradas no Rexistro de empresas operadoras do transporte marítimo, proposta pola consellería responsable do dito rexistro.
e) Unha persoa representante dos organismos de investigación e coñecemento, proposta pola consellería competente en investigación.
f) Unha persoa en representación das empresas do sector mar-industria proposta pola Confederación de Empresarios de Galicia.
g) Unha persoa representante das organizacións ambientais relacionadas coa defensa e conservación do litoral radicadas en Galicia, proposta entre as entidades rexistradas no rexistro regulado polo Decreto 226/2007, do 22 de novembro, polo que se crea o Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, proposta pola consellería responsable do dito rexistro.
h) Unha persoa representante das organizacións cuxo obxectivo sexa a defensa e a protección do patrimonio cultural do litoral, proposta pola consellería competente en materia de cultura.
i) Unha persoa representante dos grupos de acción local, proposta pola consellería con competencias en mar.
2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade ou outra causa legal, as persoas vogais poderán ser substituídas por outra persoa designada polo procedemento establecido no punto anterior.
3. As persoas vogais representantes dos sectores sociais, económicos e ambientais exercerán as súas funcións polo prazo de dous anos, poderán reelixirse, excepto nos supostos expresamente sinalados nos números 1.1.b) e 1.2.a) e 1.2.g) deste artigo, nos que se procederá a elección doutra persoa representante.
Artigo 9. Facultades e obrigas dos membros
Correspóndelles aos membros do Foro do Litoral de Galicia as seguintes funcións, de acordo co artigo 17.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro:
a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa antelación referida.
b) Participar nos debates das sesións.
c) Exercer ou seu dereito ao voto e formular ou seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.
d) Non absterse nas votacións.
e) Formular rogos e preguntas.
f) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.
g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.
Artigo 10. Retribucións
As persoas integrantes do Foro do Litoral de Galicia, e as que asistan ás súas sesións na súa condición de persoal convidado en virtude do disposto no artigo 11, non percibirán retribucións económicas por esta causa.
CAPÍTULO III
Normas básicas de funcionamento
Artigo 11. Funcionamento
1. O Foro réxese polo disposto na Lei 4/2023, do 6 de xullo, polo disposto para os órganos colexiados na lexislación básica sobre o réxime xurídico das administracións públicas, pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, e polo disposto neste decreto. O exercicio das súas funcións poderá realizalas en Pleno e en grupos de traballo.
2. A Presidencia do Foro do Litoral de Galicia poderá convidar a incorporarse ás sesións do Pleno ou dos grupos de traballo, con voz, pero sen voto, as autoridades, funcionarios/as, técnicos/as, que considere conveniente que, por razón da súa experiencia ou coñecemento específico nas materias para tratar, poidan intervir.
3. As reunións poderán ser presenciais ou virtuais, consonte co establecido no artigo 21 da Lei 16/2010 do 17 de decembro, e de acordo coas circunstancias e a dispoñibilidade dos membros.
Artigo 12. O Pleno
1. O Pleno estará composto pola totalidade dos membros que compoñen o Foro do Litoral de Galicia, os que, salvo a persoa que teña a Secretaría, terán dereito a voto.
2. Para a válida constitución do Pleno, requirirase a presenza das persoas titulares da Presidencia e Secretaría ou, de ser o caso, daquelas que as substitúan, e da presenza da metade, polo menos, dos seus membros.
3. O Pleno reunirase, como mínimo, dúas veces ao ano, en sesión ordinaria, e, en sesión extraordinaria, cando sexa convocado pola persoa titular da súa Presidencia, por propia iniciativa ou pola petición de, polo menos, a metade dos seus membros.
4. Para que os acordos do Pleno sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría simple de votos dos asistentes.
5. O Pleno emitirá a súa opinión sobre aquelas cuestións que lle sexan trasladadas por parte da Presidencia.
6. Correspóndelle ao Pleno a elaboración e a aprobación, por maioría absoluta dos membros asistentes, do regulamento de funcionamento do Foro do Litoral de Galicia.
Artigo 13. Grupos de traballo
1. O Pleno do Foro do Litoral de Galicia procederá á constitución, con carácter permanente ou temporal, de grupos de traballo de distinto ámbito funcional, para a análise, o seguimento e o estudo de temas concretos, especialmente os relativos ás actuacións estratéxicas que teñan lugar no litoral de Galicia e resulten esenciais para o seu desenvolvemento sustentable.
2. O acordo de constitución dos grupos de traballo deberá especificar a súa composición, as funcións que se lle encomendan e, se é o caso, o prazo para a súa consecución.
3. Cada grupo poderá estar composto por membros do Foro e por persoas expertas nas correspondentes materias, e procurarase unha composición multisectorial.
Artigo 14. Informes e recomendacións
As decisións adoptadas polo Foro do Litoral de Galicia serán plasmadas en informes e recomendacións, polo que carecerán de efectos xurídicos vinculantes, que se remitirán á Xunta de Galicia e aos organismos competentes. O Foro do Litoral de Galicia establecerá as canles de comunicación pública dos acordos adoptados nel.
Artigo 15. Acceso á información
O foro rexerase polos principios de transparencia e participación cidadá. A información será pública, salvo aqueles documentos que poidan estar suxeitos á confidencialidade de acordo co previsto na normativa de transparencia pública que resulte de aplicación.
Disposición adicional primeira. Gastos de funcionamento
As actuacións do Foro do Litoral de Galicia non xerarán incremento das consignacións orzamentarias da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Disposición adicional segunda. Prazo de constitución do Foro do Litoral de Galicia
A sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia terá lugar no prazo máximo de tres meses a partir da entrada en vigor deste decreto.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente a aprobar as normas, en materias da súa competencia, para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, once de novembro de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
