DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 26 de novembro de 2025 Páx. 61065

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2025 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 2025, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de Mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) na zona leste da Área de Transporte Metropolitano (ATM) da Coruña, de clave AC/22/047.06, cun orzamento base de licitación, IVE incluído, de dous millóns cento un mil novecentos noventa e un euros con quince céntimos (2.101.991,15 €). Actuación susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Antecedentes:

Con data do 8 de novembro de 2024, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 216 o Anuncio do 15 de outubro de 2024 polo que se someten ao trámite de información pública o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG) na zona leste da área de transporte metropolitano (ATM) da Coruña, de clave AC/22/047.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido, actuación susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 2025, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de Mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) na zona leste da Área de Transporte Metropolitano (ATM) da Coruña, de clave AC/22/047.06, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025

María Deza Martínez
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 2025, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de Mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) na zona leste da Área de Transporte Metropolitano (ATM) da Coruña, de clave AC/22/047.06, cun orzamento base de licitación, IVE incluído, de dous millóns cento un mil novecentos noventa e un euros con quince céntimos (2.101.991,15 €). Actuación susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027

1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de trazado de Mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na RAEG na zona leste da ATM da Coruña, de clave AC/22/047.06, sen modificacións respecto ao trazado sometido a información pública.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado de Mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na RAEG na zona leste da ATM da Coruña, de clave AC/22/047.06, cun orzamento base de licitación, IVE incluído, de dous millóns cento un mil novecentos noventa e un euros con quince céntimos (2.101.991,15 €).

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Bergondo, Cabanas e Sada, nos que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a reformulación do proxecto e as modificacións deste que, é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.