No Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela tramítase o recurso 417/2025 (procedemento abreviado), interposto pola Federación de Sanidade e Servizos Sociosanitarios do Sindicato Nacional Comisiones Obreras de Galicia contra a Resolución do 7 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario das categorías de médico/a de familia de atención primaria e facultativo/a especialista de atención primaria (DOG núm. 199, do 15 de outubro).
O que se notifica para xeral coñecemento de todas as persoas interesadas no procedemento, que son emprazadas para que poidan comparecer no xulgado como demandadas no prazo de nove días, de conformidade co previsto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
