Antecedentes:
Primeiro. A Universidade de Santiago de Compostela, xunto coa Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, ao abeiro do disposto no capítulo VI do título II da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, crearon o Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), mediante a sinatura do correspondente convenio de colaboración con data do 19 de xullo de 2021 (DOG núm. 159, do 19 de agosto). O CITMAga é un consorcio sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e diferenciada das universidades que o crean, constituído por tempo indefinido, e que ten como obxecto a investigación de excelencia e a transferencia do coñecemento en todas as áreas das matemáticas, a través do establecemento dunha axenda científica orientada e especializada, organizada en áreas de investigación e programas dirixidos á consecución dos retos globais establecidos nas estratexias marco de I+D+i. O fin principal do CITMAga é «converterse nun piar de excelencia científica dentro do ecosistema de innovación e investigación de Galicia, formando, atraendo e retendo talento, para dotar a sociedade e a industria galega e española de coñecemento innovador e vantaxes competitivas e sustentables a través do acceso a capacidades científicas e tecnoloxías de primeiro nivel», sendo un dos eixes fundamentais da súa actividade o «pulo á transferencia de tecnoloxía e coñecemento». Entre outros, son fins específicos do CITMAga «a xeración de coñecemento científico e tecnolóxico, así como a contribución da súa aplicación para o desenvolvemento e o fortalecemento da capacidade competitiva do tecido produtivo no ámbito da tecnoloxía e da innovación», «o fomento de colaboracións académicas e científicas e de transferencia do coñecemento» e «a contribución á formación matemática e á vocación da transferencia do coñecemento das novas xeracións, á promoción de novos talentos e á divulgación das matemáticas» (artigo 3 dos Estatutos do CITMAga).
Segundo. Entre os compromisos das partes asinantes do convenio de creación do CITMAga está «colaborar co Consorcio cos medios persoais, materiais, equipamentos, aplicacións informáticas, consulta de material científico e bibliográfico, de uso de inmobles ou de cesión de instalacións que garantan unha mellor consecución dos seus fins» (cláusula segunda do convenio do 19.7.2021).
Terceiro. A Universidade de Santiago de Compostela é propietaria dos locais no pavillón de servizos con referencia catastral 6271111NH3467A0001ZT, que contan con 233,06 m2 de superficie na planta baixa, despachos, salas de reunións, baños e áreas técnicas.
Cuarto. Os espazos anteditos resultan axeitados para a instalación do CITMAga e o desenvolvemento das súas actividades para o cumprimento do obxectivo e fins descritos. Coa cesión do uso dos ditos espazos pola USC ao Consorcio, contribúese ao cumprimento e satisfacción dos fins de interese público que tanto a Universidade de Santiago de Compostela como o CITMAga teñen encomendados, sen que a dita cesión implique para as entidades que interveñen, que non teñen vocación de mercado, a obtención de ningún beneficio económico directo.
Quinto. Os locais obxecto desta cesión teñen a consideración de bens de dominio público por estar afectos á realización do servizo público da educación superior mediante o seu uso para a docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento.
Sexto. O Pleno do Consello Social da USC, en sesión ordinaria o día 13 de novembro de 2025, aprobou a desafectación dos locais de 233,06 m2 de superficie na planta baixa, despachos, salas de reunións, baños e áreas técnicas no pavillón de servizos con referencia catastral 6271111NH3467A0001ZT, e a proposta de cesión de uso temporal destes en favor do CITMAga.
Fundamentos.
1. De acordo co artigo 58 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema universitario, constitúe o patrimonio de cada universidade o conxunto dos seus bens, dereitos e obrigas, e as universidades asumen a titularidade dos bens de dominio público afectos ao cumprimento das súas funcións.
2. Pola súa parte o artigo 2 do Regulamento de xestión patrimonial da Universidade de Santiago e Compostela, aprobado no Consello Social da USC, na súa sesión do 22 de decembro de 2021 (DOG do 23 de febreiro de 2022) «Os inmobles de titularidade da USC ou das súas entidades vinculadas en que se realicen actividades docentes, de investigación, de extensión universitaria, ou se aloxen servizos universitarios, oficinas ou dependencias dos seus órganos, consideraranse, en todo caso, bens de dominio público».
3. O artigo 69 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas establece que:
«1) Os bens e os dereitos demaniais perderán esta condición, adquirindo a de patrimoniais, nos casos en que se produza a súa desafectación, por deixar de destinarse ao uso xeral ou ao servizo público.
2) Salvo nos supostos previstos nesta lei, a desafectación deberá realizarse sempre de forma expresa».
4. A Lei 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema universitario no artigo 58.3 establece que «sen prexuízo da aplicación do disposto na lexislación sobre patrimonio histórico español, os actos de disposición dos bens inmobles e dos mobles de extraordinario valor serán acordados pola Universidade, coa aprobación do Consello Social, de conformidade coas normas que, a este respecto, determine a Comunidade Autónoma».
A Este respecto, o Regulamento de xestión patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela no seu artigo 4 establece:
«1) Corresponden ao Consello Social en materia patrimonial, de acordo coa normativa autonómica e logo de proposta do Consello de Goberno, as seguintes competencias:
– Aprobar a afectación ao dominio público dos bens e dereitos da Universidade e a súa desafectación, así como, se é o caso, a súa afectación secundaria ou mutación demanial.
– Adoptar e aprobar calquera acto de adquisición ou disposición sobre bens inmobles e sobre os bens mobles por valor superior a 60.000 euros ou aqueles de extraordinario valor...».
5. O artigo 145 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas regula a cesión gratuíta de bens e dereitos establecendo:
«1) Os bens e dereitos patrimoniais da Administración xeral do Estado cuxa afectación ou explotación non se xulgue previsible poderán ser cedidos gratuitamente, para a realización de fins de utilidade pública ou interese social da súa competencia, a comunidades autónomas, entidades locais, fundacións públicas ou asociacións declaradas de utilidade pública.
3) A cesión poderá ter por obxecto a propiedade do ben ou dereito ou só o seu uso. En ambos os casos, a cesión levará aparellada para o cesionario a obrigación de destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo. Adicionalmente, esta transmisión poderá suxeitarse a condición, termo ou modo, que se rexerán polo disposto no Código civil».
Polo anteriormente exposto, o reitor
RESOLVE:
1. Publicar a desafectación dos locais no inmoble sito no pavillón de servizos (referencia catastral 6271111NH3467A0001ZT), que contan con 233,06 m2 de superficie na planta baixa, despachos, salas de reunións, baños e áreas técnicas, pasando a ser considerados ben patrimonial, con efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
2. Unha vez desafectados, acordar a cesión de uso temporal dos ditos espazos en favor de CITMAga.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, de conformidade cos artigos 46 e 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, regulamentadora da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou.
Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non recaia a resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 21.4.2022; DOG do 26 de abril)
Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela
