DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 1 de decembro de 2025 Páx. 61621

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproba a modificación dos estatutos da Real Academia de Medicina de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de novembro de 2025, acordou aprobar a modificación dos estatutos da Real Academia de Medicina de Galicia, conforme o establecido no artigo 5 do Decreto 392/2003, do 23 de outubro, polo que se regula o exercicio pola Comunidade Autónoma de Galicia das competencias en materia de academias de Galicia, que quedan redactados segundo anexo adxunto.

Polo anterior, e de conformidade co disposto no artigo 8 da Orde do 8 de abril de 2005 pola que se desenvolve o citado Decreto 392/2003, do 23 de outubro, no referente á creación das academias de Galicia e ao seu rexistro xeral, así como ao procedemento de inscrición nel, procédese, para xeral coñecemento, á publicación dos referidos estatutos, os cales se incorporan como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025

Natalia Lobato Mosquera
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade

ANEXO

Estatutos da Real Academia de Medicina de Galicia

PROEMIO

Planificada a súa creación en 1827 polo Real decreto da S.M. o Rei Fernando VII (do 28 de agosto), instalouse o 7 de abril de 1831, co nome de Real Academia de Medicina e Cirurxía de Santiago de Compostela nesta cidade, e ten, como territorio propio de competencia, Galicia e Asturias. Simultaneamente con ela creáronse outras nove academias con sedes en Barcelona, Cádiz, Granada, Madrid, Palma de Mallorca, Sevilla, Valladolid e Zaragoza, e para os seus respectivos territorios.

A Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e Asturias é a máis antiga de cantas existen na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpriu, no ano 2024, 193 anos de existencia.

Desde a súa creación e ata finais do século XIX tivo as máis amplas atribucións en materia médico-sanitaria: impartir determinadas ensinanzas útiles para a ciencia de curar; estimular a investigación en Medicina; publicar traballos científicos; manter correspondencia interinformativa coas restantes academias de medicina de España e as do estranxeiro; formar unha Biblioteca propia; ocuparse de todos os aspectos da saúde pública; asesorar os xuíces en asuntos médico-legais; velar pola policía de facultade (control das titulacións, intrusismo, realizar os exames de grao de bacharelato en Medicina, así como as parteiras); participar nas xuntas de sanidade do Reino e formar parte dos tribunais de oposicións a determinados cargos médicos.

A través da súa Xunta de Goberno, a Academia exercía o control médico sanitario de todo o que acontecía no territorio galaico-astur a través de subdelegacións, correspondentes aos respectivos partidos xudiciais, rexidas por académicos-subdelegados designados para tal efecto.

A Academia permaneceu en Santiago de Compostela ata o 10 de xullo de 1833, data na que, por Orde da Real Xunta Superior Gobernativa de Medicina e Cirurxía se trasladou á cidade da Coruña, onde xa consta establecida oito (8) días máis tarde. Permanece nesa urbe desde entón.

En 1945 pasou a denominarse Real Academia de Distrito de Galicia e Asturias no ánimo de igualar o seu territorio ao respectivo distrito universitario, neste caso o da Universidade de Santiago de Compostela. O mesmo sucedeu ás restantes academias análogas existentes en España.

En 1972 creouse a Real Academia de Medicina de Asturias, radicada en Oviedo, responsable do territorio correspondente ao Principado de Asturias, segregado da primitiva Academia de Galicia-Asturias, a cal, a partir deste momento, quedou reducida a Galicia.

Desde abril do ano 1986, a Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia está asociada ao Instituto de España, e foi a segunda en facelo entre as de distrito, precedida pola de Salamanca.

O Decreto 373/2003, do 16 de outubro, sobre asunción por parte da Comunidade Autónoma de Galicia de funcións en materia de academias e a súa asignación a diversos departamentos da Xunta de Galicia, en aplicación do disposto no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía para Galicia (aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril) e do artigo 3 da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, adscribiu a Real Academia de Medicina e Cirurxía á Consellería de Sanidade.

Por virtude da dita adscrición, a Consellería de Sanidade asumiu o exercicio das atribucións previstas no Decreto 392/2003, do 23 de outubro, polo que se regula o exercicio pola Comunidade Autónoma de Galicia das competencias en materia de academias de Galicia.

Na Xunta de Goberno do 7 de decembro de 2022, a corporación pasa a chamarse Real Academia de Medicina de Galicia, coa seguinte abreviatura: RAMG.

CAPÍTULO I

Denominación, natureza, ámbito, sede e símbolos

Artigo 1. Denominación e natureza

A denominación desta real academia é a de Real Academia de Medicina de Galicia e ten, de acordo co disposto na Constitución española, o alto padroado da S.M. o Rei.

A Real Academia de Medicina é unha corporación de dereito público, de ámbito autonómico e sen finalidade de lucro, dotada de personalidade xurídica e capacidade de obrar e integrada por todos os membros que a compoñen.

Artigo 2. Réxime xurídico e relación administrativa

1. A Real Academia de Medicina de Galicia réxese por estes estatutos, así como por un regulamento interno (en diante, Regulamento) que será aprobado polo Pleno de académicos.

2. A Real Academia está adscrita, desde a súa transferencia no ano 2003, á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 373/2003, do 16 de outubro.

3. A Real Academia poderá acordar a constitución de entes fundacionais, de conformidade coas previsións contidas na Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións, así como na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e a súa normativa de desenvolvemento, logo de autorización polo Pleno.

Artigo 3. Ámbito persoal e territorial e sede

1. O corpo académico componse de académicos e académicas de número, eméritos/as, de honra, e correspondentes.

2. O ámbito territorial é o propio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A súa sede social e legal radica na cidade da Coruña, na rúa de Durán Loriga, nº 10, 2º, CP 15003.

Artigo 4. Defensa

A defensa da corporación ante calquera órgano ou persoas será asumida polos avogados que esta libremente designe. En casos especiais, a Real Academia de Medicina de Galicia poderá solicitar a colaboración da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, mediante a subscrición dun convenio de colaboración nos termos previstos na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, e no Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo, da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Selo e insignias

1. O selo propio da Real Academia de Medicina de Galicia leva, no seu centro, a representación do anverso da medalla corporativa e, perifericamente a inscrición que di «Real Academia de Medicina de Galicia».

2. Os académicos e académicas de número e eméritos/as usarán como distintivo unha medalla configurada do xeito seguinte: baixo unha coroa real, no seu anverso, esmaltado en branco e cunha coroa de loureiro, esmaltada en verde, un óvalo en cuxa periferia figura a lenda Ars cum natura ad salutem conspirans e no centro a alegoría de Higia, deusa grega da saúde. No reverso, tamén esmaltado en branco, figura nun óvalo central esmaltado en azul o nome de «Real Academia de Medicina de Galicia». Vai colgada dun cordón amarelo e morado que leva un pasador de fronte oval, coroado, co escudo de Galicia.

3. Os académicos e académicas de honra terán, como distintivo, unha medalla similar á descrita no punto 2 deste mesmo artigo, que se diferenciará dela ao ser toda dourada, coa coroa de loureiro en esmalte verde.

4. Os académicos e académicas correspondentes terán, como distintivo, unha medalla similar á descrita no punto 2, que se diferenciará dela por ser toda prateada.

CAPÍTULO II

Fins

Artigo 6. Fins, obxectivos e funcións

A Real Academia de Medicina de Galicia terá os seguintes fins:

a) Tratar todos os temas de estudo e investigación que poidan contribuír ao progreso da Medicina e promover a mellora da Medicina de Galicia.

b) Asesorar o Goberno da Comunidad Autónoma de Galicia, gobernos locais e institucións dese territorio autonómico, en todos aqueles asuntos que se relacionen coa medicina, a saúde e a sanidade, respondendo a cantas consultas se lle fagan oficialmente en todos aqueles casos en que sexan solicitados os coñecementos científicos especiais da rexia corporación.

c) Tamén se poderá dirixir a Real Academia, motu proprio, aos ditos gobernos e institucións para expoñerlles todas as suxestións e iniciativas que considere oportunas en relación coa medicina como ciencia, coa saúde, coa asistencia médica, co diagnóstico, coa prevención, co tratamento e coa rehabilitación das enfermidades, coa discapacidade, coa investigación científico-médica, de grao e posgrao, e coa actividade profesional, sen prexuízo das competencias legalmente atribuídas aos órganos administrativos ou docentes, así como ás organizacións colexiais respectivas.

d) Emitir informes periciais de carácter científico-médico de referencia ao servizo das distintas institucións do Poder Xudicial, así como realizar informes sobre problemas médicos e deontolóxicos solicitados por corporacións públicas ou entidades privadas, respectando o exercicio competencial legal.

Para a emisión de informes periciais solicitados por institucións e órganos xurisdicionais, no mes de xaneiro de cada ano procederase a confeccionar unha listaxe de persoas membros da Real Academia dispostos a actuar como peritos, cuxa orde de prelación se determinará por sorteo.

e) Contribuír, fomentar, velar polo progreso, a investigación, a docencia e o mellor e maior coñecemento da ciencia médica, facendo chegar á sociedade en xeral, a través das distintas canles e medios de comunicación, información e opinión documentada e contrastada sobre cuestións de índole médica e sanitaria que sexan de conveniente difusión.

f) Elaborar estudos e informes sobre materias vinculadas coa profesión médica e as súas actividades.

g) Participar na avaliación de proxectos de investigación e docencia ao servizo doutros organismos e institucións públicas e privadas que o soliciten.

h) Desenvolver programas de fomento intercultural, con outras reais academias de medicina, de Farmacia, doutros ámbitos sanitarios e institucións culturais españolas e estranxeiras.

i) Impulsar e desenvolver un Museo Histórico da Medicina galega, contribuíndo así á preservación, mantemento e ao acrecentamento do patrimonio documental e instrumental da ciencia médica realizada en Galicia.

j) Actualizar e publicar, coa periodicidade conveniente, un Diccionario de Termos Médicos en lingua galega, xa elaborado e publicado pola Academia na súa primeira edición (ano 2002).

k) Propoñer candidatos a premios, de ámbito autonómico, estatal ou internacional, no campo das Ciencias Médicas, por requirimento dos organismos ou entidades convocantes.

l) Informar a cantos investigadores o requiran sobre aquelas cuestións sanitarias, científicas e bibliográficas que se lle consulten, sen prexuízo da cobertura do custo do dito servizo, segundo normas indicadas no Regulamento de réxime interno.

m) Conservar e incrementar os fondos da súa biblioteca especializada, sobre todo no que atinxe a fondos bibliográficos de valor histórico.

n) Realizar outras actividades que lle sexan encomendadas ou delegadas, directamente relacionadas cos seus fins.

CAPÍTULO III

Corpo académico

Artigo 7. Composición da Academia

A Real Academia de Medicina de Galicia componse de:

a) Académicos e académicas de número.

b) Académicos e académicas eméritos/as.

c) Académicos e académicas de honra.

d) Académicos e académicas correspondentes.

Procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes na Academia, nos seus órganos de control e de goberno.

Artigo 8. Académicos e académicas de número

1. Para ser elixido/a académico ou académica de número será necesario cumprir as seguintes condicións:

a) Os/as académicos e académicas de número serán cidadáns españois que teñan veciñanza administrativa en calquera dos concellos de Galicia.

b) Posuír a licenciatura ou o grao en Medicina ou en ciencias afíns, e estar en posesión do título de doutor/a.

c) Contar con dez anos, como mínimo, de antigüidade da profesión respectiva.

d) Deberán contar cun relevante e acreditado prestixio científico e profesional, avalado polas súas responsabilidades, investigacións, publicacións ou traballos científicos orixinais.

e) Non superar a idade de 75 anos no momento da saída da praza a concurso público.

2. O número de académicos/as numerarios/as non poderá exceder os 55 e deles farase a seguinte distribución: 5, como máximo, para académicos de ciencias afíns á Medicina, 50 para especialidades ou áreas médicas, e debe existir un mínimo de 2 académicos/as por cada unha das provincias de Galicia, segundo o indicado no Regulamento.

Artigo 9. Académicos e académicas eméritos

1. Os/as académicos/as de número adquirirán automaticamente a condición de eméritos/as ao faceren 85 anos de idade.

2. Tamén poderán acadar a condición de eméritos/as antes de faceren a referida idade aqueles académicos que voluntariamente o soliciten por encontrarse nunha situación de imposibilidade de asistir ás sesións e participar nos traballos da corporación.

3. Os/as académicos/as eméritos/as gozarán de todas as prerrogativas e atribucións dos académicos de número, pero sen as obrigas inherentes, polo que non poderán ser elixidos/as para desempeñar cargos directivos da Academia.

4. O paso a académico/a emérito/a supón deixar vacante a praza de académico/a de número.

Artigo 10. Académicos e académicas de honra

Poderán ser nomeados académicos/as de honra os científicos españois ou estranxeiros de universal e recoñecido prestixio no ámbito da Medicina e as súas ciencias afíns, sen que o seu número poida exceder 5 nacionais e 5 estranxeiros.

Artigo 11. Académicos e académicas correspondentes españois e estranxeiros

1. Os/as académicos/as correspondentes serán ratificados polo Pleno da Academia segundo as normas do Regulamento de réxime interno.

2. Deberán estar en posesión do título de doutor/a en Medicina ou en ciencias afíns ou doutras disciplinas (académicos correspondentes non médicos); ter obtido algún premio oficial da Real Academia que comporte a dita distinción (académicos/as por premio) ou ben que, polo seu probado merecemento científico-médico, fosen presentados por tres académicos/as de número para tal nomeamento (académicos/as por mérito).

3. Así mesmo, poderán ser propostos para académicos/as correspondentes científicos estranxeiros de prestixio por proposta de tres académicos/as numerarios/as.

4. De forma excepcional, poderáselles outorgar este nomeamento a aquelas persoas que, mesmo non posuíndo a titulación de doutor/a, pero si a de licenciado/a, obtivesen o premio da Academia que leva asociado a dita distinción, ou a profesionais de extraordinarios méritos ao xuízo da Xunta de Goberno e do Pleno de académicos.

5. Durante o Pleno, un dos académicos/as que presenta a proposta expoñerá en 5-10 minutos un resumo do seu CV.

6. A condición de académico/a correspondente perderase por renuncia expresa; por usar o título que lle corresponde en forma equívoca ou indebida, ao xuízo da Xunta de Goberno, ou por incumprimento da súa participación nas tarefas académicas segundo estipula o Regulamento.

Previamente á proposta da Xunta de Goberno, debe ofrecerse audiencia ao/á interesado/a en cumprimento do trámite de alegacións, antes de levar a proposta ao Pleno, que adoptará a decisión.

7. Os académicos/as numerarios/as da Real Academia Nacional de Medicina serán automaticamente, por tal carácter, membros correspondentes da Real Academia de Medicina de Galicia.

Artigo 12. Presidentes/as de honra

Poderán ser nomeados, como tales aqueles/as ex presidentes/as que, por decisión e votación dos académicos en sesión plenaria, se entendan merecentes de tal distinción, en atención á súa traxectoria, méritos e contribucións á actividade e ao prestixio da Academia.

CAPÍTULO IV

Requisitos, provisión, posesión, continuidade, dereitos e deberes
da condición de académico ou académica

Artigo 13. Requisitos dos académicos/as de número

1. Para ser elixido/a académico ou académica de número requírese o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 8.

Artigo 14. Provisión de vacantes de académico/a de número

A provisión de vacantes de académico/a de número axustarase ás seguintes normas:

a) Producida unha vacante, e logo de terse acordado a súa provisión indicando a especialidade ou área médica polo Pleno, a Xunta de Goberno enviará a súa convocatoria ao Diario Oficial de Galicia, para a súa publicación. Deste anuncio daráselles coñecemento, por escrito, aos académicos/as de número.

b) Ninguén poderá propoñer persoalmente a súa candidatura ao posto de académico/a. Cada candidatura será formulada por tres académicos/as de número dos cales un, como mínimo, deberá pertencer á sección en que estea incluída a vacante.

c) Non se tramitará ningunha proposta que leve máis de tres sinaturas nin as que leven sinaturas que consten xa noutra candidatura concorrente á mesma praza.

d) As propostas deberán ir acompañadas do curriculum vitae do/da candidato/a, do compromiso, no caso de ser nomeado/a académico/a, de que coñece, acepta os estatutos e o Réxime interno da Academia, e asinar o seu compromiso no protocolo correspondente da RAMG.

e) As solicitudes admitidas en tempo e forma serán sometidas ao Pleno de académicos convocado para o efecto, que quedará validamente constituído pola presenza de máis da metade do total de membros de número en primeira convocatoria, e un terzo dos académicos/as numerarios/as na segunda convocatoria. A votación será secreta. Para a elección en primeira votación será necesario obter, como mínimo, o voto favorable de dous terzos dos votantes, entre os cales se contarán os enviados por correo, ou por calquera outro medio que garanta a súa confidencialidade, por parte dos/das académicos/as que xustifiquen a imposibilidade de asistir á sesión. Se ningún dos aspirantes consegue os votos necesarios, procederase a unha segunda votación en que será necesario obter, polo menos, o voto favorable de dous terzos dos presentes. De ter que proceder a unha terceira votación, requirirase obter o voto favorable de máis da metade dos asistentes. O procedemento que se vai seguir será o que determine o Regulamento de réxime interior da Real Academia.

Artigo 15. Toma de posesión e discurso de ingreso

Para a toma de posesión da súa praza, o/a académico/a electo/a presentará á Xunta de Goberno, no termo dun ano como máximo a partir do día da súa elección, un discurso que terá que versar, obrigatoriamente, sobre algún aspecto da materia propia da vacante que vaia a ocupar, debendo ser previamente informado favorablemente e ratificado pola Xunta de Goberno. O discurso redactarase cumprindo a tradicional norma académica e acorde coa solemnidade da cerimonia, seguindo as normas do Regulamento.

Artigo 16. Contestación ao discurso de ingreso

1. O discurso presentado polo/a académico/a electo/a, para ser lido no acto da toma de posesión da súa praza, remitirase previamente ao secretario/a xeral, que o poñerá en coñecemento dos académicos/as compoñentes da Xunta de Goberno, a cal designará o académico/a de número que deba contestalo, e a quen se lle remitirá o expresado discurso para que compoña o seu de contestación.

2. A impresión de ambos os discursos aterase ás normas que estableza a Xunta de Goberno.

Artigo 17. Deberes dos/das académicos e académicas de número

Os/as académicos e académicas de número deberán estar presentes nas sesións e desempeñar os cargos que a Real Academia lles confira nas seccións e comisións a que pertenzan, asistindo asiduamente, agás imposibilidade por causas debidamente xustificadas ante o/a presidente/a, e debendo igualmente contribuír cos seus traballos científicos aos fins da corporación, segundo normas regulamentarias.

Artigo 18. Baixa de académicos/as de número ou electos/as

En todos os casos en que se produza baixa dun/dunha académico/a de número ou polo seu paso a emérito/a, a Real Academia propoñerá cubrir a vacante resultante mediante unha nova convocatoria, de conformidade co previsto no artigo 14.

No caso de que os/as académicos/as electos/as non lesen o seu discurso en tempo regulamentario, agás imposibilidade xustificada e aceptada pola Xunta de Goberno, decaerán nos seus dereitos e procederase a unha nova convocatoria da praza, segundo normas regulamentarias.

Artigo 19. Dereitos dos académicos e académicas de número

Os/as académicos/as de número teñen as seguintes prerrogativas:

1. Formar parte da Xunta de Goberno con todos os dereitos e responsabilidades, así como expresar a súa opinión e voto nos órganos en que participe.

2. Ser informado dos asuntos que atinxan á Real Academia.

3. Posibilidade de ser elixido/a para desempeñar calquera cargo da Academia.

4. Propoñer iniciativas no ámbito académico que deberán ser obrigatoriamente estudadas e valoradas pola Xunta Directiva para a súa inclusión nos programas xerais da Real Academia.

5. Tratamento de ilustrísimo/a señor/a, inherente á súa condición de académico/a de número da Real Academia de Medicina de Galicia.

6. Usar como símbolo distintivo a medalla descrita no artigo 5, e poderán utilizar o uniforme que está sinalado no título terceiro do capítulo terceiro da Real cédula do 13 de xaneiro de 1831.

7. Percibir, con cargo aos fondos da corporación, as axudas de custo, indemnizacións ou retribucións que correspondan por comisións, asistencias e outras actividades que determine a Xunta de Goberno, sempre que as dispoñibilidades económicas da Academia o permitan.

8. Obter resposta escrita por parte do/da presidente/a ás peticións que lle dirixan.

9. O/a académico/a terá dereito a presentar alegacións ou a ser escoitado/a en caso de baixa por razóns alleas á súa vontade.

Artigo 20. Condicións e elección de académicos e académicas de honra

1. Os/as académicos/as de honra deberán reunir as condicións expresadas no artigo 10.

2. Poderán ser propostos pola Xunta de Goberno, ou por cinco académicos/as de número, que xuntarán sempre, en ambos os casos, unha relación dos méritos do/da candidato/a.

3. A elección realizarase mediante votación polo Pleno de académicos/as numerarios e eméritos, e será necesario o voto favorable, como mínimo, das dúas terceiras partes dos votos emitidos; admitirase o voto mediante carta certificada dos que non poidan asistir á sesión, ou por medios telemáticos segundo se indica no Regulamento de réxime interno.

Artigo 21. Dereitos dos académicos e académicas eméritos

Os/as eméritos/as terán os mesmos dereitos que os/as académicos/as numerarios/as, pero sen obrigas inherentes, sen que poidan ocupar cargos directivos da Academia.

Artigo 22. Requisitos e elección de académicos/as correspondentes (por mérito ou por traballo premiado)

1. Os requisitos para ser nomeado/a académico/a correspondente indícanse no artigo 11 dos estatutos.

2. A elección dos/das académicos/as correspondentes por méritos realizarase no Pleno de académicos, logo de informe da Xunta de Goberno, segundo as normas do Regulamento de réxime interno.

3. No prazo máximo dun ano, agás excepción xustificada, o/a candidato/a deberá expoñer, en sesión científica específica para tal efecto, un traballo orixinal de temática médica propia da súa especialidade, logo da laudatio do/da electo/a realizada por un/unha académico/a designado/a, pola Xunta de Goberno para tal efecto. Cumprido este trámite, e no mesmo acto, seralle entregado o diploma acreditativo da súa condición de académico/a correspondente.

4. O/a académico/a correspondente por premio accederá por un traballo premiado que dea dereito a iso na respectiva convocatoria. O/a novo/a académico/a correspondente ten a obriga de expoñer o traballo premiado en sesión científica na Academia nun prazo non superior a un ano, agás excepción xustificada e aceptada pola Xunta de Goberno.

5. Se o/a electo/a non cumpre a condición antecedente no prazo fixado, perdería tal condición.

6. Os/as académicos/as correspondentes poderán asistir, con voz pero sen voto, ás sesións da Xunta de Goberno ou ás das seccións e comisións, sempre que sexan convocados expresamente a elas. Así mesmo, teñen o dereito e o deber de intervir nas sesións científicas ou de divulgación que realice a Academia, así como o de participar en calquera outra tarefa que a Academia lles encomende.

Artigo 23. Emprego do título de académico ou académica

Os/as académicos e académicas deberían facer referencia á súa pertenza á Real Academia de Medicina de Galicia nos seus escritos, obras ou calquera outro tipo de actividade, coa obriga ineludible de expresar o grao académico a que pertenzan.

Artigo 24. Publicacións dos/das académicos e académicas

Todos/as os/as académicos/as e académicas están obrigados a remitir, para a biblioteca da Real Academia, un exemplar das publicacións realizadas por eles/as. A dita publicación incorporarase á web da RAMG e nas redes sociais.

Artigo 25. Responsabilidade disciplinaria

1. Á Xunta de Goberno atínxelle facer respectar as obrigas e os deberes dos/das académicos/as e ten a autoridade para tomar as medidas correctoras que procedan.

2. O/a académico/a, independentemente da súa categoría académica, que for responsable dunha conduta que, ao xuízo da Xunta de Goberno, afecte gravemente o prestixio, honorabilidade e historia da corporación, ou que incumpra as obrigas previstas nestes estatutos sen causa xustificada, así como quen non lese o seu preceptivo discurso de ingreso no termo previsto, poderá, logo dos actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, ser obxecto da sanción procedente, incluída a perda da súa condición de académico/a.

3. O/a académico/a afectado/a poderá, en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia, aducir alegacións e achegar documentos ou outros elementos de xuízo.

4. Logo de audiencia ante a Xunta de Goberno, este órgano propoñerá a posible sanción que considere oportuna, de ser o caso, e a decisión deberá ser confirmada polo Pleno.

5. O dereito a voto, consubstancial coa condición de académico/a, perderase por incumprimento das obrigas sinaladas nestes estatutos, logo de audiencia ante a Xunta de Goberno ao académico/a incurso/a en presunto incumprimento. Esta suspensión será igualmente efectiva para toda votación que convoque a Presidencia respecto ao académico/a que incumprise o mínimo de asistencias nos doce meses anteriores á data da votación.

6. Para os efectos do dereito a voto a que se refire o punto anterior, establécese o mínimo de asistencias en doce (12) sesións ou reunións anuais ás cales o/a académico/a tivese a obriga de asistir.

7. O mesmo número de asistencias requírese para optar a calquera cargo electo da corporación.

8. Transcorridos cinco anos, o/a académico/a que fose privado da súa condición como consecuencia dun procedemento disciplinario poderá solicitar o seu reintegro, con dereito a ocupar a primeira vacante que se produza coa denominación para a cal foi elixido/a. O dereito a ser reintegrado/a non se poderá exercer máis dunha vez.

CAPÍTULO V

Organización

Artigo 26. Organización

Esta real academia estrutúrase en seccións e comisións, constituídas por académicos e académicas de número, académicos/as eméritos/as e por aqueles académicos/as correspondentes que fosen adscritos a elas da forma que regulamentariamente se estableza.

Artigo 27. Organización e fins das seccións

1. Cada sección terá unha Presidencia e unha Secretaría, que exercerán os/as académicos/as de número máis antigo/a e máis moderno/a daquela, respectivamente, agás que a sección decida, maioritariamente, elixilos por votación secreta dos seus membros.

2. As seccións teñen como misión elaborar, para a súa aprobación pola Xunta de Goberno, o programa de actividades no ámbito da súa competencia que desenvolverá a Corporación, en relación cos seus fins e de acordo co que estableza o Regulamento de réxime interno. Así mesmo, elaborarán cantos informes técnicos ou de avaliación científica lles sexan encomendados.

Artigo 28. Número e denominación das seccións

Na actualidade establécense catro seccións:

1. Sección de Ciencias Básicas.

2. Sección de Medicina.

3. Sección de Cirurxía.

4. Sección de Medicina Social e Saúde Pública, Medicina Legal e Historia da Medicina.

As seccións e comisións e a súa composición temática, así como o seu número e denominación, deberán ser definidas no Regulamento de réxime interno da Academia para poder adaptarse aos cambios e avances científicos e ás propias necesidades da Academia.

Artigo 29. Reunións das seccións

As seccións realizarán cantas reunións consideren precisas para o desempeño dos seus traballos, ben que se deberán producir, como mínimo, unha vez cada semestre durante o curso académico. Serán convocadas polas persoas titulares das súas respectivas presidencias.

Artigo 30. Comisións

As comisións estableceranse para desenvolver funcións específicas, segundo o Regulamento de réxime interno.

CAPÍTULO VI

Órganos de goberno e dirección

Artigo 31. Convocatoria e sesións

Todos os órganos colexiados da Real Academia se poderán constituír e convocar, realizar as súas sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia.

2. Nas sesións que realicen os órganos colexiados a distancia, os seus membros poderán encontrarse en distintos lugares sempre e cando se asegure por medios electrónicos –considerándose tamén como tales os telefónicos e audiovisuais– a identidade dos membros ou persoas que os suplan, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

3. Para a válida constitución do órgano, para efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a asistencia, presencial ou a distancia, da Presidencia e Secretaría ou, de ser o caso, dos que as suplan, e a da metade, polo menos, dos seus membros en primeira convocatoria, e un terzo na segunda convocatoria

Artigo 32. Pleno de académicos

1. O Pleno é o órgano supremo da Real Academia. Está constituído polos académicos e académicas de número e eméritos. A súa Presidencia será tamén a da Real Academia que, pola súa vez, o é da Xunta de Goberno. A secretaria do Pleno é a persoa titular da Secretaría Xeral da Real Academia que, pola súa vez, o é tamén da Xunta de Goberno.

2. Son funcións e obrigas do Pleno:

a) Elixir os membros da Xunta de Goberno.

b) Elixir presidente/a e presidentes/as de honra.

c) Elixir o corpo académico.

d) Designar o académico ou académica de número que deba pronunciar o discurso inaugural anual da Real Academia, que, agás por impedimento, será sucesivo por antigüidade.

e) Ser informado pola Xunta de Goberno das propostas que fosen formuladas pola Xunta de Goberno para representar a Academia nas institucións e organismos oficiais.

f) Autorizar a constitución de entes fundacionais vinculados á Real Academia.

g) Modificar ou adaptar a composición por materias do corpo académico e seccións, segundo o avance do coñecemento tanto nos aspectos científico-técnicos coma sociais.

h) Coñecer os acordos e as actuacións da Xunta de Goberno, das seccións e das comisións.

i) Velar pola aplicación estrita dos estatutos e do Regulamento, e decidir, segundo o seu espírito, sobre aqueles aspectos que non estean definidos neles.

j) Estudar e aprobar, de ser o caso, os orzamentos anuais da Real Academia e das súas fundacións, se as houber, así como os resultados de ingresos e gastos.

k) Decidir sobre as normas das convocatorias de premios e demais concursos.

l) Aprobar o Regulamento de réxime interno da Academia.

m) Decidir e aprobar a modificación de estatutos.

Artigo 33. Reunións do Pleno

1. O Pleno reunirase, polo menos, dúas veces no ano. Non obstante, o/a secretario/a xeral, por instancia da Presidencia, poderá convocalo cando se considere necesario.

2. O Pleno poderá ser, así mesmo, convocado cando o solicite un terzo dos/das académicos/as de número, e estes deberán ter manifestado na súa petición á Presidencia as cuestións que desexan ser sometidas a estudo. O/a presidente/a deberá cubrir a solicitude nun prazo non superior a dous meses e incluír na específica orde do día os temas que os/as peticionarios/as consideran que deben ser debatidos.

3. O Pleno non poderá adoptar acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día, agás que asistan todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría, nin polo sistema de aclamación en materia de nomeamentos.

Artigo 34. Votacións e deliberacións do Pleno

1. Todos/as os/as académicos/as de número e eméritos/as que integran o Pleno teñen dereito a voz e voto.

2. Para aquelas votacións en que se elixan cargos académicos, representantes ou nominacións específicas, deberá existir un prazo previo, de como mínimo quince días, para que durante este se poida facer presentación de candidaturas por parte dos académicos e académicas de número que o desexen.

3. Todas as votacións do Pleno se efectuarán segundo as normas que figuren no Regulamento de réxime interno, e será sempre voto secreto cando a votación se refira a persoas.

4. As sesións plenarias serán de carácter confidencial e todos os temas e discusións tratados nelas terán esta condición; deberán manter a reserva non só os/as académicos/as, senón o persoal da corporación, aos cales lles estará prohibido facilitar datos ou noticias de calquera asunto sen autorización expresa do/da secretario/a xeral, quen consultará previamente co/coa presidente/a.

5. Para a válida constitución do órgano, para efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a asistencia, presencial ou a distancia, da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, de quen os supla, e a metade polo menos dos/das académicos/as numerarios e eméritos/as en primeira convocatoria e un terzo en segunda.

Artigo 35. Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano de dirección, goberno e representación da Real Academia. Está formada por presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a xeral, vicesecretario/a-contador/a, tesoureiro/a e bibliotecario/a.

2. As presidencias de honra formarán tamén parte dela en labores de asesoramento, con voz pero sen voto.

3. Son funcións da Xunta de goberno:

a) Velar polo cumprimento dos estatutos.

b) Elaborar a orde do día das xuntas de goberno, baixo a dirección da Presidencia.

c) Executar os acordos e directrices da Xunta de Goberno e do Pleno de académicos/as.

d) Realizar os trámites administrativos ordinarios da Academia.

e) Designar os/as académicos ou académicas de número responsables do diccionario e da Dirección do Museo, de actividades concretas da corporación, das cales con posterioridade ela informará o Pleno.

f) Designar o/a académico ou académica de número que contestará o discurso de ingreso na toma de posesión dun/dunha novo/a académico/a.

g) Designar os/as académicos/as numerarios e correspondentes que deban elaborar un informe ou ditame, oída a sección ou seccións correspondentes.

h) Elaborar a convocatoria de premios aprobados polo Pleno da Real Academia e das súas fundacións, se as houber.

i) Elaborar o orzamento anual de ingresos e gastos, e os das fundacións, se as houber. Unha vez elaborado o orzamento pola Xunta de Goberno, informarase o Pleno para a súa aprobación definitiva.

j) Executar os orzamentos aprobados.

k) Organizar as actividades xerais ordinarias da Real Academia.

l) Presentarlle ao Pleno, anualmente, o balance económico do ano e a memoria das actividades desenvolvidas.

m) Representar a Academia, a través da persoa que ocupe a Presidencia.

n) Executar as resolucións da Real Academia, sen outros estudos previos, cando a urxencia e a exixencia do tema así o fagan necesario, sempre informando posteriormente o Pleno de académicos.

o) Levar a cabo as disposicións que lle atribúa o Regulamento de réxime interno.

Artigo 36. Elección das persoas integrantes da Xunta de Goberno

1. A elección das persoas integrantes da Xunta de Goberno efectuarase entre os/as académicos e académicas de número que se presentasen voluntariamente como candidatos ao posto ou cargo vacante.

2. A elección farase por votación secreta entre os/as académicos e académicas de número e eméritos/as con dereito a voto e en sesión convocada para o efecto, para o cal se exixirá a concorrencia da metade dos académicos numerarios en primeira convocatoria e un terzo na segunda. A elección dos/das candidatos/as rexerase polos estatutos tendo en conta as normas do Regulamento.

Artigo 37. Réxime de suplencias na Xunta de Goberno

As suplencias por causa de ausencia ou enfermidade dos cargos da Xunta de Goberno faranse da forma indicada no Regulamento.

Artigo 38. Reunións da Xunta de Goberno

Reunirase, como mínimo, unha vez cada dous meses durante o curso académico.

Artigo 39. Presidencia

A Presidencia é o máximo órgano unipersoal da Real Academia. Corresponderanlle as seguintes funcións:

1. Exercer a representación da Real Academia ante outras entidades públicas ou privadas, así como de terceiros.

2. Presidir as sesións do Pleno e da Xunta de Goberno, e de todas as reunións académicas en que a súa presenza sexa requirida.

3. Ordenarlle a convocatoria á Xunta de Goberno para a realización das súas respectivas reunións.

4. Determinar os asuntos sobre os cales teña que deliberar a Xunta de Goberno, coa prelación que xulgue oportuna, e incluílos na orde do día.

5. Autorizar as actas co seu visto e prace.

6. Velar polo máis exacto cumprimento, nas sesións e fóra delas, dos estatutos e Regulamento, así como dos acordos da corporación.

7. Dar lectura dos votos recollidos nas urnas nas diferentes votacións.

8. Dispoñer provisionalmente, nos casos imprevistos e urxentes, o que considere máis oportuno para a boa orde e goberno da corporación, sempre que non se opoña aos estatutos, ata que, reunida a Xunta de Goberno, coa posible brevidade, resolvan por si mesmas e informen o Pleno de académicos/as das decisións tomadas.

9. Propoñer todas as iniciativas e proxectos que considere conducentes ao cumprimento dos fins da corporación.

10. Asinar os títulos de académico/a que se expidan.

11. Remitirlles ás autoridades competentes e a calquera outra instancia os informes da corporación.

12. Representar a Xunta de Goberno e, por extensión, o corpo académico.

13. Realizar cantas xestións considere oportunas para o desenvolvemento da Real Academia e darlles conta delas á Xunta de Goberno e ao Pleno de académicos.

14. As demais funcións que se lle atribúan nestes estatutos e no Regulamento interno.

Artigo 40. Vicepresidencia

A persoa titular da Vicepresidencia substituirá a Presidencia en todas as súas funcións durante a súa ausencia ou enfermidade, por delegación desta en casos urxentes, ou de coincidencia con outras actividades. De igual forma substituirá a Presidencia en caso de vacante, ata que se proceda á nova elección segundo o sinalado nestes estatutos.

Artigo 41. Secretaría Xeral

1. Á persoa titular da Secretaría Xeral correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Comunicarlles aos académicos e ás académicas, mediante oficio, a convocatoria ás sesións a que deben asistir e os asuntos que figuren na orde do día.

b) Actuar nas sesións co carácter que lle corresponda, dando conta dos asuntos na orde que a Presidencia determine e procurando facerlle a esta as indicacións precisas respecto das disposicións estatutarias e regulamentarias.

c) Nas votacións que se produzan, recoller os votos e dar fe dos acordos adoptados mediante os correspondentes certificados.

d) Redactar e autorizar coa súa sinatura, nos libros correspondentes, as actas das sesións, así como coidar da súa custodia.

e) Conservar e custodiar en boa orde e estado os documentos da súa competencia ata pasalos ao arquivo, momento no cal tales documentos pasan a ter o carácter de documentos históricos.

f) Custodiar os selos da corporación.

g) Comunicar os acordos cando non lle corresponda facelo á Presidencia.

h) Remitir ás seccións, ás comisións, así como, individualmente, aos académicos e ás académicas, os asuntos sobre os cales deban ser sometidos a consideración destes/as.

i) Redactar a memoria que cada ano debe ler na sesión pública inaugural e presentar nela un resumo das tarefas en que se ocupase a Real Academia durante o ano anterior.

j) Expedir as certificacións e copias de documentos que a corporación acorde ou que lle pida a superioridade.

k) Levar os libros necesarios en que se sinalen os expedientes de cada académico/a de número, eméritos/as, de honra e correspondentes, ademais das sesións da Xunta de Goberno e outras, así como para as comunicacións oficiais e os ditames. Os expedientes dos/das académicos e académicas serán depositados no arquivo histórico no momento do seu pasamento.

l) Organizar as sesións ordinarias da Real Academia.

m) Desempeñar a Xefatura de persoal de administración e servizo da Real Academia.

n) Manter o normal funcionamento da sede.

o) Velar pola conservación do patrimonio da Real Academia.

p) Controlar e coordinar as posibles obras de ampliación, mellora, mantemento e restauración que se vaian realizar na sede da Real Academia, que deberán ser aprobadas, antes da súa iniciación, pola Xunta de Goberno e polo Pleno de académicos/as.

q) Dirixir a organización dos actos sociais.

r) Asumir cantas funcións lle sexan particularmente delegadas ou encomendadas pola Presidencia.

s) As demais funcións que se lle atribúan no Regulamento interno.

Artigo 42. Vicesecretaría-Contadoría

A persoa titular da Vicesecretaría-Contadoría substituirá a persoa titular da Secretaría Xeral en caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e apoiaraa cos traballos encomendados, e estará encargada de todo o referente á contabilidade dos fondos da Real Academia, que xestionará de acordo coa lexislación aplicable.

Artigo 43. Tesouraría

1. A Tesouraría terá ao seu cargo a recadación e aconservación dos fondos da Real Academia e igualmente a xestión dos pagamentos que, por acordo da Xunta de Goberno, se deban efectuar, segundo a lexislación aplicable. Na entrada ou saída de calquera cantidade tomará oportuna razón no libro correspondente, que será visada pola Presidencia e a Contadoría.

2. Estará, así mesmo, encargada de presentar cada ano o balance de ingresos e gastos, e o proxecto de orzamento do ano seguinte, que someterá para a súa aprobación á Xunta de Goberno e ao Pleno.

Artigo 44. Bibliotecario/a

O/a bibliotecario/a é responsable da biblioteca e do arquivo da corporación, así como das publicacións e actividades de difusión da Real Academia.

CAPÍTULO VII

Vida académica

Artigo 45. Períodos de actividade académica

A actividade académica desenvolverase de acordo co ano natural, segundo se indica no Regulamento de réxime interno.

Artigo 46. Tipos de sesións académicas

Os tipos de sesións académicas serán definidas e protocolizadas no Regulamento de réxime interno, entre as cales se incluirán, como mínimo, as seguintes:

1. Sesións científicas ordinarias e extraordinarias.

2. Recepción de novos/as académicos/as.

3. Sesións in memoriam.

4. Sesións científicas ou de divulgación sanitaria que teñan lugar fóra da sede académica.

CAPÍTULO VIII

Premios e distincións

Artigo 47. Premios

A Real Academia poderá convocar premios, individualmente ou en colaboración con outras institucións, para galardoar traballos científico-médicos que se convocan e regulan por bases específicas elaboradas para tal efecto, de acordo co Regulamento.

Artigo 48. Distincións propias

1. A Real Academia, logo de aprobación Polo pleno de académicos/as, poderá outorgar como distincións propias as seguintes:

– Medalla de ouro.

– Medalla de prata.

– Placa de prata ao mérito académico.

– Insignias Academia.

– Diplomas á colaboración académica.

2. As ditas distincións entregaránselles a personalidades ou institucións destacadas polo seu labor científico, académico e sanitario, ou que se distinguisen polo seu labor de mecenado á Real Academia, por proposta da Xunta de Goberno e segundo as condicións que se especifiquen no Regulamento. Tales distincións non se lles poderán conceder aos/ás académicos/as.

CAPÍTULO IX

Publicacións

Artigo 49. Publicacións

A Real Academia de Medicina de Galicia realizará, segundo as súas posibilidades, cantas publicacións considere oportunas, de carácter científico ou divulgativo, así como a memoria de actividades anuais, e o anuario que recompile o tratado nas sesións académicas. Poderán ser tanto impresas coma por medios informáticos.

CAPÍTULO X

Patrimonio e réxime económico da Real Academia

Artigo 50. Patrimonio

1. O patrimonio da Real Academia está composto polo capital e os recursos financeiros propios, o mobiliario da súa sede oficial, os fondos bibliográficos e o arquivo. Incorporaranse ao seu patrimonio todos os obxectos de interese científico, histórico, artístico ou cultural procedentes de compra ou de doazón que sexan aceptados en xunta xeral ordinaria, dos cales se fará un inventario con indicación expresa, de ser o caso, dos doadores.

2. A Real Academia poderá aceptar cesións temporais ou permanentes de calquera clase de bens.

3. A Real Academia ten o deber de conservar o seu patrimonio no mellor estado posible.

Artigo 51. Capital e recursos financeiros

Os fondos da Real Academia están compostos:

a) Polos recursos propios.

b) Polas subvencións oficiais e as doazóns de entidades públicas e privadas ou calquera tipo de persoa física ou xurídica.

c) Polas achegas que lle conceda o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, á cal foi transferida a Academia polo Estado.

d) Polos convenios subscritos entre a Academia e outras institucións, así como polos recursos captados polas súas fundacións, se as houber.

e) Por todas aquelas cantidades que a corporación ingrese por calquera outro concepto.

Artigo 52. Aplicación dos fondos

1. A Real Academia investirá os seus recursos na forma máis conveniente para o cumprimento dos seus fins, dentro das normas da lexislación vixente.

2. A Real Academia aplicará os seus fondos de forma preferente:

a) Aos gastos de sostemento e desenvolvemento de actividades da corporación, en cumprimento dos seus fins.

b) Á mellora dos seus medios técnicos e instalacións.

c) Ao pagamento das retribucións do seu persoal.

d) Á impresión das publicacións que acorde.

e) Ao fomento da biblioteca.

f) Á concesión de premios.

g) Aos gastos que acorde a Xunta de Goberno para a realización de cursos e conferencias científicas impartidos por personalidades, nacionais ou estranxeiras, que fosen convidadas pola Academia para a súa realización.

h) A satisfacerlles aos membros da Xunta de Goberno os gastos producidos polo seu desprazamento á sede académica para realizaren os seus respectivos traballos de goberno, cando deban viaxar, para iso, desde as súas cidades de residencia e sempre que os fondos económicos o permitan.

i) A satisfacerlles aos académicos/as de número os gastos producidos pola asistencia ás sesións, cando deban viaxar, para iso, desde as súas cidades de residencia e sempre que os fondos económicos o permitan.

3. Tamén se poderá dispoñer a aplicación de fondos á constitución de entes fundacionais previstos no artigo 32.2.f) destes estatutos, de conformidade coas previsións contidas na Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións, así como na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e a súa normativa de desenvolvemento, logo de autorización polo Pleno.

Artigo 53. Xestión dos recursos financeiros

1. A persoa titular da Tesouraría dará conta á Xunta de Goberno e á Xunta Xeral ordinaria das subvencións recibidas e das cantidades ingresadas directamente, na primeira reunión que teña lugar logo da recepción.

2. Os recursos financeiros serán administrados pola Xunta de Goberno.

Artigo 54. Contabilidade

1. A Tesouraría da corporación levará control detallado de todos os movementos contables e renderá contas destes á Xunta de Goberno e á Xunta Xeral ordinaria.

2. Así mesmo, a Real Academia renderá contas á Xunta de Galicia das cantidades de que poida ser beneficiaria e que estean consignadas no orzamento de calquera das súas consellerías, así como a calquera outra entidade oficial que o requira.

3. A apertura e o peche das contas bancarias correspóndelles conxuntamente ás persoas titulares da Presidencia, da Secretaría Xeral e da Tesouraría. Os talóns bancarios expedidos pola Real Academia deberán estar asinados, polo menos, por dous dos tres titulares das contas.

CAPÍTULO XI

Modificación dos estatutos, disolución e réxime xurídico

Artigo 55. Modificación dos estatutos

1. Os estatutos da Real Academia poderán modificarse por proposta da Xunta de Goberno ou por iniciativa de, polo menos, un terzo do total dos membros de número e eméritos, con indicación do sentido da modificación.

2. A Xunta de Goberno nomeará unha comisión para a modificación de estatutos, que someterá ao Pleno, e que iniciará a renovación de estatutos segundo a normativa de réxime interno.

3. O texto da modificación, xunto coas emendas, levarase á Xunta Xeral extraordinaria e necesitará, en votación única, o voto favorable de, polo menos, dous terzos dos seus compoñentes, incluídos os votos enviados por correo ou por calquera outro medio que garanta a súa confidencialidade.

4. Aprobada a modificación, a Xunta de Goberno presentaralla á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa aprobación.

Artigo 56. Disolución da Real Academia

1. Por proposta da Xunta de Goberno ou dun terzo dos membros de número e de eméritos, poderase iniciar o proceso de disolución da Real Academia.

2. A proposta de disolución levarase a unha xunta xeral extraordinaria convocada para o efecto e para a súa aprobación requirirase o voto favorable, en votación única, de polo menos dous terzos do total dos seus compoñentes, entre os cales se incluirán os votos enviados por correo ou por calquera outro medio que garanta a súa confidencialidade.

3. En caso de disolución da Real Academia, todos os seus bens se transferirán a institucións que garden relación cos fins da Real Academia, logo de aprobación da Xunta Xeral e do compromiso de aceptación por parte daquelas que resulten beneficiadas.

Artigo 57. Réxime xurídico

No non regulado nestes estatutos e no Regulamento interno, aplicaranse as normas sobre órganos colexiados contidas no título 1, capítulo 1, sección 3ª, artigos 14 ao 22, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.