Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Penamá de Seoane, pertencente á CMVMC da parroquia de Seoane, e mais MVMC Penamá 16, pertencente ás parroquias de Torneiros e de San Martiño de Pazó, no concello de Allariz, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 4.7.2025, a CMVMC da parroquia de Seoane presentou un escrito (Rexel 2025/1905338), en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC das parroquias de Torneiros e de San Martiño de Pazó.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Auto do 11.6.2025, do Xulgado de Paz de Allariz, de inadmisión a trámite da solicitude de conciliación presentada o 21.5.2025 no Rexistro dese xulgado pola CMVMC da parroquia de Seoane.
– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.
– Informe de deslindamento.
Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 15 de xullo de 2025 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Penamá de Seoane, pertencente á CMVMC da parroquia de Seoane, e mais o MVMC Penamá 16, pertencente á CMVMC das parroquias de Torneiros e de San Martiño de Pazó, desde o vértice 1 (o situado máis ao S) ata a o vértice 10 (o situado máis ao N).
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 15 de xullo de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 6 de outubro de 2025:
– Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Panamá de Seoane, pertencente á CMVMC da parroquia de Seoane, e mais o MVMC Penamá 16, pertencente ás parroquias de Torneiros e de San Martiño de Pazó, no concello de Allariz.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 17 de novembro de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
