DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 1 de decembro de 2025 Páx. 61823

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ACORDO do 24 de outubro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, polo que se anuncia o levantamento de actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados pola infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 66 kV para a evacuación do parque eólico Outes, nos concellos de Negreira, Outes e Noia (A Coruña), promovido por Norvento, S.L.U. (expediente IN408A 2020/108).

Mediante a Resolución do 19 de marzo de 2025, do Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña, outorgouse autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declarouse a utilidade pública, en concreto, ás instalacións relativas ao proxecto da LAT 66 kV evacuación parque eólico Outes nos concellos de Negreira, Outes e Noia (A Coruña), promovida por Norvento, S.L.U., e publicada no DOG núm. 78, do 24 de abril de 2025, a cal foi corrixida, mediante a publicación no DOG núm. 100, do 27 de maio, co obxecto de rectificar os erros materiais existentes no seu anexo.

Esta declaración de utilidade pública, segundo o previsto no artigo 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, implica a necesidade de ocupar os bens ou adquirir os dereitos afectados e a súa urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

En virtude do anterior, este departamento territorial, en cumprimento do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, acorda convocar todas as persoas afectadas coas que non se alcanzou acordo incluídas na relación de bens e dereitos afectados, deducida da publicada mediante a Resolución do 19 de marzo de 2025. A dita relación permanecerá exposta, para os efectos oportunos, nos taboleiros de anuncios dos concellos de Negreira, Outes e Noia, así como na páxina web oficial desta consellería (https://medioambiente.xunta.gal/enerxias-renovables/outros-anuncios).

Para tal efecto, deberán comparecer o día 8 de xaneiro de 2026 na casa do concello de Negreira; os días 9, 12 e 13 de xaneiro de 2026 na casa do concello de Outes; e o día 14 de xaneiro de 2026 na casa do concello de Noia, designados como puntos de encontro, co fin de levar a cabo o levantamento de actas previas á ocupación, conforme o procedemento establecido no citado artigo.

Esta convocatoria será comunicada individualmente ás persoas interesadas mediante citación, en que se indicarán expresamente o día e a hora asignados para o levantamento de actas previas á ocupación. Así mesmo, as datas previstas estarán expostas nos taboleiros de anuncios dos citados concellos.

Todas as persoas interesadas, así como aquelas que teñan calquera tipo de dereitos ou intereses sobre os bens afectados, deberán comparecer persoalmente ou estar representadas por persoa debidamente autorizada, achegando os documentos que acrediten a súa titularidade, e poderán ir acompañadas dos seus peritos e dun notario por conta propia.

A Coruña, 24 de outubro de 2025

Mª Pilar Arias Graña
Directora territorial da Coruña