DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 1 de decembro de 2025 Páx. 61650

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT213A).

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no artigo 3, determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega, a Axencia Galega das Industrias Culturais ten como obxectivo consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentando a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega co obxecto de promover a orientación ao mercado das empresas, mellorar a viabilidade dos seus proxectos, achegar recursos propios e incrementar o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

Os festivais de artes escénicas, ademais do seu indiscutible papel como alternativa de ocio vinculado á cultura e como escaparate para a difusión da creación galega, contribúen ao desenvolvemento das industrias culturais, promovendo o labor creativo de autores, dramaturgos, escritores, intérpretes, críticos, técnicos das artes escénicas, como elemento esencial de expresión cultural na Comunidade Autónoma.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que teñan un interese estratéxico para o sector e a aprobar a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT213A).

1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023 Serie L), en virtude do cal as subvencións que se van conceder quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.

Informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) 2023/2831 .

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

2. Persoas beneficiarias.

Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia; as entidades locais galegas que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

3. Financiamento.

O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 290.000 euros con cargo ao orzamento do ano 2026 da Axencia Galega das Industrias Culturais, no código de proxecto 2015 00003, nas aplicacións e contías que se reflicte no cadro seguinte:

Aplicación

13.A1.432B.460.0

13.A1.432B.470.0

13.A1.432B.481.0

Contía

30.000 €

60.000 €

200.000 €

O expediente tramítase por anticipado de gasto segundo o establecido no artigo 3.7 das bases reguladoras.

4. Solicitudes.

4.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo nove, e deberase cumprir cos requisitos establecidos nestas bases reguladoras.

4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva, que non poderá ter unha duración superior aos 5 meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

6. Información ás persoas interesadas.

6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: industriasculturais.xunta.gal

b) Teléfonos: 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) Enderezo electrónico: agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

7. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

8. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea as axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

9. Rexistro público de subvencións.

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025

José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e convocatoria para o ano 2026
(código de procedemento CT213A)

Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e principios de xestión

1. Esta resolución, en desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e aprobar a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT213A).

2. Estas axudas teñen por finalidade impulsar o mercado escénico en Galicia a través da promoción de eventos como alternativa de ocio vinculado á cultura e como escaparate para a difusión da creación galega, promovendo o labor creativo de autores, dramaturgos, escritores, intérpretes, críticos, técnicos das artes escénicas, como elemento esencial de expresión cultural na Comunidade Autónoma.

3. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023 Serie L), en virtude do cal as subvencións que se van conceder quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.

Informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) 2023/2831.

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

4. Estas subvencións son incompatibles con outras subvencións, axudas ou patrocinios para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pero compatible con calquera outorgada polo resto dos departamentos da Xunta de Galicia e dos seus organismos dependentes e con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto procedentes de calquera outra Administración pública e entidades públicas ou privadas.

No caso de percibirse outras axudas deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Nos anexos da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polas persoas solicitantes.

5. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais ou calquera outro ingreso derivado do proxecto supere o 100 % do custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade en Galicia, que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.

2. Poderán acceder a esta convocatoria as entidades locais galegas. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

3. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberase acreditar que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

4. Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estar incursas en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo II desta convocatoria.

Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas

1. O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 290.000 euros con cargo ao orzamento do ano 2026 da Axencia Galega das Industrias Culturais, no código de proxecto 2015 00003, nas aplicacións e contías que se reflicten no cadro seguinte:

Aplicación

13.A1.432B.460.0

13.A1.432B.470.0

13.A1.432B.481.0

Contía

30.000 €

60.000 €

200.000 €

2. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución da convocatoria. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Ao estar distribuída a contía total en distintas aplicacións orzamentarias, a alteración da distribución do orzamento establecido nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

3. Sen prexuízo das dotacións indicadas en cada aplicación orzamentaria, cando por razón de falta de solicitudes, incumprimento de requisitos para ser persoa beneficiaria e outros que impliquen que non se esgotase a contía establecida nunha aplicación, a Dirección da Axencia poderá determinar o incremento dos importes das outras aplicacións que financian esta convocatoria, logo da realización dos axustes que proceda no expediente de gasto.

4. A contía da subvención determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, o custo do proxecto, o importe solicitado e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración definidos nestas bases.

5. A intensidade máxima de axuda será o 60 % do orzamento subvencionable cun límite de 60.000 euros por persoa solicitante. No caso das solicitudes conxuntas de entidades locais ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá acadar ata un máximo do 85 % do orzamento subvencionable, respectando en todo caso a contía máxima da subvención establecida.

6. As solicitudes que, cumprindo todos os requisitos, non acaden subvención por esgotamento do crédito asignado pasarán a formar unha listaxe de espera respectando a orde de prelación resultante da aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

7. O expediente tramítase por tramitación anticipada do gasto ao abeiro do disposto no artigo 1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), no exercicio inmediatamente anterior aos dos orzamentos con cargo aos que se vaian a imputar os correspondentes gastos, cando normalmente, como é o caso, vaia existir crédito axeitado e suficiente.

O gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento do expediente entenderanse condicionados a que, no momento en que se aprobe o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles actos.

Artigo 4. Proxectos subvencionables

1. Considérase proxecto subvencionable a organización e celebración dun festival de artes escénicas sempre que cumpra os seguintes requisitos:

a) Debe celebrarse entre o 1 de novembro do ano 2025 e o 31 de outubro do ano 2026. Enténdense incluídos aqueles festivais iniciados ata o 31 de outubro de 2026 que desenvolvan a maior parte da actividade neste período.

b) Ter unha antigüidade de, polo menos, dúas edicións consecutivas, salvo causas de forza maior debidamente xustificadas, excluída a edición que se presenta a esta convocatoria.

c) Debe ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable.

d) A contratación de compañías galegas ten que supoñer, como mínimo, o 30 % do orzamento de contratación artística do festival, agás no caso daqueles festivais que polas súas características intrínsecas non poidan acadar esta porcentaxe e así se xustifique debidamente na memoria do proxecto.

e) Un mínimo do 60 % das representacións escénicas teñen que ser con entradas de pago, excepto os festivais de rúa.

f) A programación debe estar conformada por un mínimo de seis compañías das artes escénicas. Para os efectos desta convocatoria, non se considerarán artes escénicas as actuacións musicais.

2. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por unha mesma persoa solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por persoa solicitante. Para estes efectos, deberase establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados, que a Comisión de Valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas persoas solicitantes.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Son gastos subvencionables os que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto obxecto de subvención e se acredite a súa realización e pagamento no prazo de xustificación establecido nas presentes bases.

2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados, e pagados, dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable indicado nesta convocatoria.

A persoa beneficiaria deberá xustificar, en tempo e prazo, o custo total do proxecto presentado, isto é, todos os gastos efectuados imputables ao proxecto, que deberán concordar co descrito no orzamento de gasto expresado na solicitude.

3. Para os efectos desta convocatoria son gastos subvencionables:

a) Gastos de promoción, difusión e publicidade. Enténdense por gastos de promoción, difusión e publicidade aqueles que implican unha divulgación do evento, tales como cartaces, dípticos, anuncios en medios de comunicación en liña ou sen conexión, deseño de imaxe do evento, promoción en RRSS.

b) Alugamento de espazos para o desenvolvemento do evento

c) Servizos profesionais e equipamentos técnicos necesarios para o evento

d) Cachés de compañías participantes no evento.

e) Dotación de premios outorgados polo festival.

f) Gastos de viaxes e aloxamento das persoas participantes nas actividades complementarias incluídas no festival, excluídas as manutencións.

g) Gastos derivados da xestión dos dereitos de autor.

h) Custos de persoal asociados ao evento. Consideraranse subvencionables os gastos de persoal que teñan subscrito un contrato específico, conforme unha categoría laboral asignada para a realización da actividade subvencionada, así como os contratos de profesionais para a realización de tarefas vinculadas ao proxecto. O importe máximo para xustificar por este concepto no poderá exceder o 30 % do custo do orzamento da contratación artística.

4. En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.

b) Investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio da persoa solicitante.

c) Gastos protocolarios.

d) Degustacións gastronómicas.

e) Actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

f) Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos (como o IVE) cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias e demais gastos financeiros, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais.

Artigo 6. Subcontratación

1. Para os efectos destas bases, enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social con que se pretenda contratar a actividade.

2. Nestas bases admítese a subcontratación de conformidade co establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa.

3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa persoa beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Prazo para presentación de solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación administrativa:

1.1. Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas:

– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.2. Entidades públicas que integran a Administración local e organismos delas dependentes:

– Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa responsable da Secretaría da entidade, ou cargo asimilable, en que se faga constar o acordo adoptado polo órgano competente para solicitar a subvención.

– Normas de creación e estatutos de constitución, no suposto de entidades do sector público.

– Acreditación do cumprimento de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio, no suposto de entidades locais.

– Acreditación da rendición de contas anuais ante o seu órgano de goberno, no suposto de entidades do sector público.

2. Documentación específica:

2.1. Anexo III: Programación de artes escénicas dentro do festival.

2.2. Memoria do festival en edicións anteriores, cun máximo de 10 páxinas, que inclúa separadamente o tratamento das seguintes epígrafes:

2.2.1. Antigüidade do festival.

2.2.2. Recoñecementos acadados.

2.2.3. Interese artístico das programacións.

2.2.4. Interese estratéxico para o sector: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector escénico galego.

2.2.5. Repercusión, incidencia e impacto no territorio.

2.3. Memoria do proxecto para o cal se solicita subvención, que inclúa as seguintes epígrafes:

2.3.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto.

2.3.2. Duración do festival.

2.3.3. Producións, coproducións ou residencias do festival, só as relativas a artes escénicas.

2.3.4. Estreas absolutas no festival, só as relativas a artes escénicas.

2.3.5. Repercusión na creación e fomento de públicos.

2.3.6. Actividades complementarias: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (concertos, obradoiros, concursos, certames, encontros…) realizadas polo festival. Para a súa valoración, as actividades deben estar descritas e non só identificadas.

2.3.7. Plan de comunicación: estratexias de difusión e promoción do proxecto.

2.4. Viabilidade técnica e económica do proxecto: memoria económico-financeira que inclúa o orzamento completo e detallado do investimento subvencionable, no cal figuren todos os gastos subvencionables sinalados no artigo 5 e a previsión de ingresos (anexo IV). A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE.

2.5. Compromiso de produción, coprodución ou residencia en que consten as condicións económicas e/ou técnicas.

2.6. Documentación acreditativa de ser festival adherido ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia.

2.7. Memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual no caso de solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitarlles ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Publicación

1. A resolución deste procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Así mesmo, de forma complementaria, poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co establecido nos puntos seguintes.

Artigo 12. Notificación das resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se topen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Axencia, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas, especificamente, as seguintes funcións:

a) Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

b) Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

c) Formular a proposta de resolución, debidamente motivada, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, unha vez entregado o informe por parte da Comisión de Avaliación.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir datos, información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ou a profesionais ou persoas expertas no eido das artes escénicas.

3. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Axencia e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

4. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Artigo 16. Comisión de Valoración

1. Para a valoración das solicitudes presentadas constituirase unha Comisión de Valoración que será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic e que estará integrada por:

– Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic para a avaliación dos criterios automáticos. Unha delas desempeñará a presidencia da Comisión.

– Tres persoas expertas do ámbito escénico para a valoración dos criterios técnicos.

– Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, que fará as funcións de secretaría da Comisión, con voz e sen voto.

2. Para a composición da Comisión terase en conta o establecido no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

3. A condición de vogal da Comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os seus membros declararán por escrito non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria. Así mesmo, absteranse se concorre algunha das circunstancias descritas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. Tanto a Comisión como o órgano instrutor poderán solicitar das persoas solicitantes cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta avaliación dos proxectos.

5. As persoas que formen parte da Comisión que valoren os criterios técnicos, previamente á cualificación das solicitudes, elaborarán un documento concretando os criterios definidos no artigo correspondente para aplicalos de xeito obxectivo. Así mesmo, tras a súa avaliación, deixarase constancia documental cun informe da motivación das puntuacións.

6. A avaliación das solicitudes presentadas farase en dúas fases. A primeira será a avaliación dos criterios automáticos e a segunda fase será a avaliación dos criterios técnicos. A puntuación final dos proxectos consistirá na suma de ambas as valoracións.

7. Unha vez avaliadas as solicitudes, a Comisión emitirá un informe relacionando os proxectos por orde de prelación, indicando a puntuación asignada a cada un deles de xeito motivado e levantarase unha acta que reflicta as deliberacións e acordos da Comisión para a súa elevación ao órgano instrutor.

Artigo 17. Criterios de valoración

Criterios automáticos

53 puntos

1. Memoria do festival en edicións anteriores.

8 puntos

1.1. Antigüidade (excluída a edición obxecto desa convocatoria).

– De 3 a 5 edicións: 1 punto.

– De 6 a 12 edicións: 3 puntos.

– Máis de 12 edicións: 5 puntos.

Ata 5 puntos

1.2. Recoñecementos acadados.

(Non se terán en conta os premios e recoñecementos non acreditados convenientemente nin os que non veñan reflectidos no anexo correspondente) 0,75 puntos por
recoñecemento/premio.

Ata 3 puntos

2. Valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención.

22 puntos

2.1. Duración do festival:

– Ata 3 días de duración: 1 punto.

– De 3 a 5 días: 2 puntos.

– Máis de 5 días: 6 puntos.

Ata 6 puntos

2.2. Producións, coproducións ou residencias do festival:

1,5 puntos por cada produción, coprodución ou residencia, de artes escénicas acreditados mediante compromiso asinado coa entidade, en que consten as súas condicións económicas e/ou técnicas.

Ata 8 puntos

2.3. Estreas absolutas de artes escénicas no festival:

2 puntos por cada estrea.

Ata 8 puntos

3. Viabilidade técnica e económica do proxecto.

23 puntos

3.1. Representacións de artes escénicas de pago de entrada:

– Entre o 61 % e o 70 %: 1 punto.

– Entre o 71 % e o 80 %: 4 puntos.

– Entre o 81 % e o 90 %: 8 puntos.

– Máis do 90 %: 10 puntos.

Ata 10 puntos

3.2. Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento subvencionable (sen IVE):

– Entre o 50 % e o 60 %: 2 puntos.

– Menos do 50 % e ata o 30 %: 3 puntos.

– Menos do 30 %: 5 puntos.

Ata 5 puntos

3.3. Achegas de fondos propios da entidade organizadora e patrocinios de entidades privadas: valoración do nivel de patrocinios e fondos propios con que conta a entidade para levar a cabo a actividade con respecto ao orzamento subvencionable (sen IVE).

– Entre o 5 % e o 15 %: 2 puntos.

– Entre o 16 % e o 30 %: 3 puntos.

– Máis do 30 %: 6 puntos.

6 puntos

3.4. Adhesión ao Carné Xove impulsado pola Xunta de Galicia

(O festival que se atope adherido ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia recibirá 2 puntos).

2 puntos

Criterios técnicos

47 puntos

1. Traxectoria e interese cultural e artístico do festival nas edicións anteriores.

22 puntos

1.1. Interese artístico das programacións realizadas.

Ata 11 puntos

1.2. Interese estratéxico para o sector.

(Valoraranse as liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector escénico galego realizadas polo festival en edicións anteriores).

Ata 6 puntos

1.3. Repercusión, incidencia e impacto no territorio.

Ata 5 puntos

2. Valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención.

25 puntos

2.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.

Ata 14 puntos

2.2. Repercusión na creación e fomento de públicos.

Ata 2 puntos

2.3. Accións e actividades que promovan e favorezan a inclusión e accesibilidade ao festival.

Ata 2 puntos

2.4. Actividades complementarias: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (concertos, obradoiros, concursos, certames, encontros…) realizadas polo festival. Non se terán en conta como actividades complementarias: galas de presentación, entrega de premios...

Ata 3 puntos

2.5. Plan de comunicación: estratexias de difusión e promoción do proxecto.

Ata 4 puntos

Como puntuación adicional, en cumprimento do acordo do Consello da Xunta polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, outorgaráselles ata 45 puntos a aquelas solicitudes que cumpran as seguintes condicións:

a) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, agás a de fusión municipal:

– 15 puntos por presentación de solicitudes conxuntas.

– Ata 15 puntos, segundo os seguintes criterios:

a. Número de concellos asociados: ata 5 puntos.

b. Número de servizos que se van prestar de forma compartida: ata 5 puntos.

c. Repercusión sobre o número total de poboación: ata 5 puntos.

Pola valoración da memoria explicativa do aforro de custos que supón a prestación conxunta sobre a individual: ata 15 puntos.

b) Fusión municipal. Pola simple presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión: 45 puntos.

Para ser beneficiario de subvención será requisito acadar unha puntuación mínima na fase de valoración de 50 puntos, polo que resultarán desestimadas todas as solicitudes que non acaden a dita puntuación.

Artigo 18. Audiencia

1. Efectuada a valoración, a Comisión realizará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada e que deberá ser notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figure no procedemento ou non se vaian ter en conta na resolución outros feitos ou probas aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución terá carácter definitivo.

Artigo 19. Resolución da convocatoria

1. Transcorrido o prazo das alegacións, se é o caso, o órgano instrutor ditará a proposta de resolución que elevará á Presidencia do Consello Reitor, indicando o número de solicitudes propostas para ser subvencionadas e o importe económico correspondente a cada unha delas, así como as solicitudes propostas para ser inadmitidas e desistidas coa súa causa, e as desestimadas.

2. O importe económico determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, do orzamento do proxecto, do importe solicitado e da puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración. Esta proposta de resolución definitiva será elevada á Presidencia do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais.

3. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164, do 29 de agosto) deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución, e no prazo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación das bases reguladoras e convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. A devandita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (https://industriasculturais.xunta.gal/es), polo cal se entenderán notificadas, para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Será motivada e fará mención expresa, cando menos,

a) Da relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) Ás solicitudes inadmitidas e as desistidas, indicando a causa de non admisión ou desistencia.

c) Á desestimación expresa do resto das solicitudes.

5. Na resolución informarase ás persoas beneficiarias sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativa á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 13.12.2323 serie L).

6. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se publique ou notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

7. Esta resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os recursos establecidos no artigo 32 destas bases.

Artigo 20. Aceptación e renuncia da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á axencia a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. As persoas beneficiarias deberanlle remitir á Agadic a memoria económica financeira (anexo IV) adaptada á subvención concedida só no suposto de que a subvención recibida fose inferior á solicitada, e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades.

Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da devandita norma.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da presente convocatoria:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Axencia.

b) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos como en todo o material de difusión que se elabore, incluídas notas de prensa e formatos específicos para redes sociais, debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais no desenvolvemento das actividades subvencionadas. 

Adicionalmente, a persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que se produza, tanto dixital como impreso, o logotipo oficial da marca principal da Xunta de Galicia, dispoñible na ligazón web: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa, seguindo na medida do posible as normas relativas á convivencia con outras marcas que se especifican no Manual de uso da identidade corporativa da Xunta e respectando o tamaño mínimo de reprodución que garanta a lexibilidade.

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria da subvención.

f) Nos programas dos festivais, no caso de que conten con eles, deberase incluír nun lugar destacado unha páxina de publicidade segundo as indicacións da Agadic, sen ningún custo para a Axencia.

2. O incumprimento das anteriores obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, sen prexuízo do disposto nos artigos 25 e 26 destas bases.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, debendo obter a previa autorización da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que tivesen sido determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin danen dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

3. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da persoa beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais, de conformidade coa disposición adicional primeira da presente resolución, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, notificándoselle á persoa interesada.

Porén, permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, modificacións que non superen o 20 % entre as partidas de gastos dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen os incrementos nunhas partidas coa diminución noutras, que non afecten os custos de persoal e que non se altere o importe total da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar, debidamente, o cambio na documentación de xustificación presentada.

As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións ou reasignacións, de ser o caso, autorizadas.

2. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

3. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económico-financeira co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo IV ou unha copia deste ou similar).

c) Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, copias de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento bancario pola persoa beneficiaria, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión.

e) Acreditación documental das entradas postas á venda (follas de billeteira, facturas de pagamento dos dereitos de propiedade intelectual, plataformas dixitais de vendas, etc.).

f) Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedida en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos á data da concesión (anexo V).

g) Carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes, de acordo co artigo 48.2.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No suposto de que a persoa beneficiaria da subvención sexa unha entidade local estará obrigada a xustificar ante o órgano outorgante o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do festival e o seu custo real, mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada por:

– Certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

– Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa orixe.

d) Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) De acordo co previsto no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, estas estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos da subvención concedida. No caso de realizarse pagamentos anticipados, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado por parte da entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación.

5. O prazo de xustificación da subvención concedida remata o 20 de setembro de 2026 para aqueles festivais que finalicen antes do 30 de agosto. Para os restantes, o prazo de xustificación remata o 15 de novembro de 2026.

6. A falta de presentación da xustificación nos prazos establecidos ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

8. O órgano concedente da subvención terá a obriga de comprobar o cumprimento pola persoa beneficiaria dos requisitos establecidos na presente resolución para proceder ao pagamento das subvencións incluíndo no expediente un certificado acreditativo da verificación realizada e o alcance das comprobacións practicadas, de conformidade co artigo 58 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial, que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

10. Cando á persoa beneficiaria se lle outorgase unha subvención por importe superior a 30.000 euros e sexa un suxeito dos incluídos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, terá que cumprir os prazos de pagamento referidos no punto anterior, circunstancia que se acreditará pola presentación da conta de perdas e ganancias abreviada. No suposto de que non poida presentar esta conta, o cumprimento dos prazos legais de pagamento acreditarase coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

Artigo 24. Pagamento da subvención

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagos á conta para o que se observará o establecido na Lei 972007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como ao acordo do Consello da Xunta de Galicia que exime de constitución de garantías ás persoas beneficiarias destas axudas.

2. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

3. O pagamento realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención e realizadas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada polos órganos competentes da Axencia.

4. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención ademais dunha declaración das axudas públicas solicitadas ou recibidas para o proxecto, así como declaración das axudas concedida en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos á data da concesión (anexo V).

5. Previamente ao pagamento, as persoas beneficiarias acreditarán que se atopan ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedores por resolución de procedencia de reintegro.

Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen solicite esta información, deberá achegar as ditas certificacións, de conformidade co disposto no artigo 10.2. das bases reguladoras.

Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor dan como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselles que regularicen a súa situación e presenten por si mesmas os correspondentes certificados.

6. Pagamentos anticipados. As persoas beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que establece que o Consello da Xunta poderá autorizar a modificación das porcentaxes sinaladas á determinada no decreto.

A solicitude de anticipo deberá realizarse cunha antelación mínima dun mes á data de xustificación correspondente e a súa concesión, ou denegación, realizarase mediante resolución motivada.

7. Pagamentos á conta. Poderanse realizar pagamentos á conta respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo de xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e os pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, ao abeiro do artigo antes citado.

8. Constitución de garantías. As persoas beneficiarias que soliciten, e se lles concedan, pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, quedarán exoneradas de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, logo de aprobación do Consello da Xunta, de conformidade co seu artigo 67.4.

Artigo 25. Perda de dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día das obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese aboado a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 26. Causas de reintegro

1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas nestas bases.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 27. Gradación de incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención. O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son causas de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:

1) Perda dun 5 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento do proxecto obxecto da subvención segundo o establecido nestas bases.

2) Perda dun 5 % da subvención concedida por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión das subvencións, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación e, de ser o caso, requirirase a persoa beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 28. Procedemento de reintegro

1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda acaecesen os motivos que se indican no artigo 26 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarao de oficio a persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais de conformidade coa disposición adicional primeira da presente resolución e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 29. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 30. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Agadic ou do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro del, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf”

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Artigo 31. Normativa aplicable

1. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas para o ano 2026 así como a:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e, supletoriamente, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

e) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

f) Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

g) Demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 32. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 33. Recursos administrativos

A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ante os xulgados do contencioso-admnistrativo de Santiago de Compostela.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

En aplicación da disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012, do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, de delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Agadic, que establece que «o réxime de delegación en materia de axudas e subvencións públicas será o que se estableza, de ser o caso, nas correspondentes resolucións de convocatoria», delégase no director da Axencia Galega das Industrias Culturais as modificacións, aceptacións das renuncias presentadas e outras incidencias das axudas previstas nesta orde, tales como redistribucións de anualidades, acordos de inicio e resolucións de procedementos de reintegros e perdas de dereito total ou parcial ao cobramento da subvención.

Disposición adicional segunda. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file