DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 1 de decembro de 2025 Páx. 61706

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT213A).

BDNS (Identif.): 870750.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) y 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/870750

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade en Galicia, que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.

2. Poderán acceder a esta convocatoria as entidades locais galegas. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

3. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberase acreditar que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

4. Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

Segundo. Finalidade

Fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e aprobar a súa convocatoria para o ano 2026.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT213A).

Cuarto. Importe

O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 290.000 euros con cargo ao orzamento do ano 2026 da Axencia Galega das Industrias Culturais, no código de proxecto 2015 00003, nas aplicacións e contías que se reflicte no cadro seguinte:

Aplicación

13.A1.432B.460.0

13.A1.432B.470.0

13.A1.432B.481.0

Contía

30.000 €

60.000 €

200.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025

José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais