Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2025, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,
RESOLVO:
Convocar o curso monográfico As directrices de técnica normativa: como redactar boas normas con claridade, de acordo coas bases que se indican a seguir:
Primeira. Obxectivos
Hoxe en día a Administración exerce un papel esencial na regulación das relacións sociais desde todas as súas perspectivas, ben como propoñente das normas que deben aprobar os respectivos parlamentos, ben como lexislador material en determinados ámbitos. Para que este labor normativo se desenvolva de forma óptima, debe axustarse a unha serie de directrices que constitúen unha sorte de manual común para todas as entidades públicas.
Neste curso abordarase, desde un punto de vista práctico, o proceso de elaboración dunha norma, analizando como se deben estruturar os contidos que a integran e que linguaxe e estilo se debe utilizar para que as normas sexan certeiras e comprensibles, así como en xeral todos aqueles aspectos que se deben observar para que a produción normativa sexa de calidade.
Segunda. Contidos
O curso estará organizado en catro módulos. Os temas que se tratarán en cada módulo serán os seguintes:
• Módulo 1. Introdución. Antecedentes, marco normativo e transcendencia da técnica lexislativa.
• Módulo 2. Estilo normativo. Linguaxe clara.
• Módulo 3. Técnica normativa.
• Módulo 4. Caso práctico.
Terceira. Persoas destinatarias
Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional, que se encadre nalgunha das seguintes categorías:
a) Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.
b) Grupos I e II do persoal laboral.
Cuarta. Desenvolvemento
Modalidade: presencial.
Datas: 16 e 17 de decembro de 2025.
Horario: de mañá e tarde.
Horas lectivas: 16.
Quinta. Número de prazas
Trinta (30).
Sexta. Inscrición
1. A inscrición de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez completado correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases terceira e oitava, respectivamente, desta convocatoria.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso»: Curso monográfico. As directrices de técnica normativa: como redactar boas normas con claridade.
5. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 9 de decembro de 2025.
Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xuntal.gal ou, desde as 9.00 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.
Sétima. Comprobación de datos
1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.
2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, ao seguinte correo electrónico: novas.egap@xunta.gal
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.
Oitava. Criterios de admisión e selección
A admisión levarase a cabo de acordo co indicado para as persoas destinatarias na base terceira desta convocatoria.
A orde de selección virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.
Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas
A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes fose superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. Renuncia:
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 14 de decembro de 2025, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.
• Por razóns de conciliación familiar.
• Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. A asistencia e a puntualidade:
a) Serán obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.
b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.
c) As faltas de asistencia:
1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.
2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Décimo primeira. Certificado electrónico de asistencia
Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas que cumprisen a asistencia mínima requirida do 90 % das horas lectivas do curso. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, as datas, a modalidade de impartición e o lugar de desenvolvemento, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.
Décimo segunda. Facultades da EGAP
1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
