BDNS (Identif.): 871948.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/871948
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán acollerse a estas axudas tanto as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, como as agrupacións destes que, aínda carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso, os terreos cinexéticos deberán ser estremeiros e estaren situados nunha mesma provincia. Para cada Tecor só será admisible unha única solicitude.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas destinadas ás persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia (código de procedemento MT723A).
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 20 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados destinadas ao fomento da riqueza e xestión dos recursos cinexéticos, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MT723A).
Cuarto. Contía
O importe asignado é de douscentos setenta mil euros (270.000 €), de acordo co seguinte:
a) Liña de actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade da mellora de hábitats cinexéticos mediante a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, a emenda e/ou fertilización e a sementeira de cereal e/ou das leguminosas: comprenderá ata un importe de cento cincuenta mil euros (150.000 €).
b) Liña de actuación para a construción de tobeiras artificiais en terreos cinexeticamente ordenados: comprenderá ata un importe de cento vinte mil euros (120.000 €).
Establécense as seguintes contías do investimento subvencionable para cada unha das actuacións que se realicen:
a) Investimentos para a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, a emenda e/ou fertilización e a sementeira de cereal e/ou das leguminosas, en terreos cinexeticamente ordenados:
– Roza e trituración mecánica do mato: 400 euros por hectárea. As rozas realizaranse de forma lineal e/ou irregular, dispersas polo terreo en superficies dun máximo de 1 hectárea.
– Gradadura, emenda e/ou fertilización, sementeira: 600 euros por hectárea e realizarase en superficies continuas de como máximo 2.000 metros cadrados.
b) Para a construción de tobeiras artificiais en terreos cinexeticamente ordenados o custo subvencionable será dun máximo de 1.500 euros por tobeira.
A porcentaxe da axuda poderá chegar ata o 100 % do custo dos investimentos e fíxase, por solicitude de axuda, ata un máximo de 10.000 euros, para a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, a emenda e/ou a fertilización e a sementeira de cereal e/ou de leguminosas, e ata de 6.000 euros para a construción de tobeiras artificiais, ata o esgotamento do crédito dispoñible.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
