DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 2 de decembro de 2025 Páx. 61978

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Orde do 21 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MT809E).

BDNS (Identif.): 871824.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/871824

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas:

a) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril, inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

b) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias de autoconsumo onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas afectadas polos danos causados nos seus cultivos agrícolas polo xabaril, coa finalidade de compensar estes danos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código do procedemento MT809E).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 21 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MT809E).

Cuarto. Contía

O importe asignado é dun millón catrocentos cinco mil oitocentos trinta e dous euros (1.405.832 €).

1. O importe das axudas por danos causados nos cultivos agrícolas polo xabaril figura no anexo I da convocatoria.

2. O importe máximo por persoa beneficiaria establécese en 2.750 €. No caso de que os danos excedan deste importe, a persoa beneficiaria terá dereito á axuda máxima, é dicir, 2.750 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:

a) Para os danos comunicados entre o 11 de outubro de 2025 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o dano do xeito e no prazo previsto na Orde do 3 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2025.

b) Para os danos comunicados desde a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación da solicitude de axuda será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012, de acordo co establecido no artigo 6 desta orde.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático