A Orde desta consellería do 16 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2025, establece no seu artigo 2.2 que a contía máxima, así como a distribución entre créditos orzamentarios, poderá ser obxecto de modificación nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En consecuencia, existindo crédito dispoñible procedente de remanentes doutras convocatorias que pode aplicarse a incrementar o importe do crédito inicialmente previsto para o financiamento das axudas e subvencións para os programas integrados de emprego, procede ditar a presente orde de ampliación para poder atender o maior número de solicitudes posibles, en cumprimento do disposto nos preceptos anteriormente citados e co fin de garantir unha maior execución dos fondos finalistas.
Por todo o exposto e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ampliación do crédito orzamentario
Amplíase o importe total do crédito para o financiamento das axudas previstas na Orde desta consellería do 16 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2025, nunha contía de 341.003,78 euros para a anualidade de 2025 e de 1.023.011,34 euros para a anualidade de 2026, na aplicación orzamentaria 14.03.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583).
Artigo 2. Prazo de solicitudes
Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida Orde do 16 de xullo de 2025 para a presentación de solicitudes.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
