A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu artigo 53, outorga á Xunta de Galicia a competencia de coordinación das universidades do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG), que se exercerá a través da consellería competente en materia de universidades. Así mesmo, o artigo 54 do texto legal establece como un dos fins da coordinación universitaria a planificación do SUG, para acadar a mellora da calidade da docencia, a investigación e a xestión universitarias, con pleno respecto á autonomía universitaria.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, na liña de priorizar medidas de mellora da calidade do SUG nun camiño de vangarda e procura da excelencia das universidades, e en resposta aos retos de modernización e innovación a que se enfrontan as nosas universidades, promove a convocatoria de mención de máster universitario excelente para titulacións oficiais impartidas polas universidades do SUG.
Neste senso, mediante a Orde do 2 de marzo de 2021 publicouse a segunda convocatoria para a concesión de mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster, impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2020/21. No artigo 14 da devandita orde establécese que:
«1. O recoñecemento como máster universitario excelente ten unha vixencia de cinco cursos académicos, á fin dos cales poderá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.
2. Transcorrido o prazo de validez da mención de máster universitario excelente, a universidade responsable do título deberá solicitar a súa renovación ante a Secretaría Xeral de Universidades cunha antelación mínima de 6 meses á expiración do prazo da súa validez, e achegará, xunto coa solicitude de renovación, unha memoria de autoavaliación de mantemento dos requisitos que deron lugar á súa concesión. No caso de non solicitar a renovación no prazo indicado, a mención de máster universitario excelente quedará sen efecto transcorrido o seu período de validez.
3. Se, transcorrido o período de validez, a consellería competente en materia de universidades non resolvera a proposta de renovación, poderá entenderse decaída a mención de máster universitario excelente».
O 13 de agosto de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 27 de xullo de 2021 pola que se concede a mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2020/21. A dita resolución distinguiu coa mención de máster universitario excelente da Xunta de Galicia as titulacións universitarias oficiais de máster seguintes:
|
Titulación |
Facultade/escola |
Universidade |
|
MU en Bioinformática para Ciencias da Saúde |
Facultade de Informática |
Universidade da Coruña |
|
MU en Tradución para a Comunicación Internacional |
Facultade de Filoloxía e Tradución |
Universidade de Vigo |
|
MU en Biotecnoloxía Avanzada |
Facultade de Bioloxía Facultade de Ciencias |
Universidade de Vigo Universidade da Coruña |
O prazo de validez da mención de máster universitario excelente concedida pola referida resolución esgota o seu período de validez o 31 de agosto de 2026. Corresponde, polo tanto, ditar as directrices para a renovación establecida no artigo 14 da mencionada orde.
Tendo en conta o anteriormente exposto,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer os requisitos e os criterios para a renovación da concesión de mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2. Requisitos
Poderán solicitar a renovación da mención de excelencia as titulacións de máster universitario que cumpran o período de 5 cursos académicos de vixencia na data do 31 de agosto de 2026.
Artigo 3. Forma e prazo de presentación de propostas
1. As universidades do SUG presentarán as súas propostas de maneira individualizada para cada unha das titulacións.
As propostas, que irán dirixidas á Secretaría Xeral de Universidades, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades presenta a súa proposta de xeito presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das propostas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Unha vez formalizada a proposta, deberá asinala o representante legal da universidade solicitante con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido. Non se terán en conta aquelas propostas formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación, e obteñan o xustificante que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación no prazo e na forma establecidos.
2. O prazo de presentación de propostas abranguerá desde o día seguinte ao de publicación desta orde no DOG ata o 28 de febreiro de 2026. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Artigo 4. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento
1. As universidades do SUG deberán achegar a seguinte documentación:
a) Impreso de presentación (anexo I).
b) Memoria de autoavaliación de mantemento dos requisitos que deron lugar á súa concesión (anexo II).
c) Plan de mellora.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
3. Sempre que a documentación se presente por separado da proposta deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 5. Tramitación
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 6. Instrución do procedemento
A instrución do procedemento de renovación da mención de máster universitario excelente correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.
Rematado o prazo de presentación de propostas, a Secretaría Xeral de Universidades comprobará o cumprimento dos requisitos exixidos nesta convocatoria. No caso de que a documentación presentada non reúna os requisitos da convocatoria, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento. Transcorrido este prazo sen que se achegue a documentación requirida, considerarase que a universidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Serán causa de inadmisión da proposta presentada, con independencia de que se poida acordar outro tipo de actuación:
– Non axustarse aos termos desta convocatoria.
– O incumprimento dos requisitos nela establecidos.
– A ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada.
Artigo 7. Comisión avaliadora
1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:
– Presidente/a: o/a titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.
– Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades; un/unha representante da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).
– Secretario/a: o/a xefe/a do Servizo de Coordinación do Sistema Universitario, que actuará con voz e voto.
2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.
3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as propostas, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.
Artigo 8. Criterios para a renovación da mención de máster excelente
1. As propostas que cumpran os requisitos exixidos valoraranse segundo os seguintes criterios:
a) Identificación de indicadores na memoria de autoavaliación que evidencian o mantemento dos requisitos que deron lugar á súa concesión. En ningún caso se admitirá a renovación daqueles títulos que minorasen calquera das taxas valoradas na memoria de autoavaliación máis do 20 % nos dous últimos anos, respecto do período de 5 anos desde a concesión da mención.
b) Medición sistemática por parte da organización dos seus resultados.
c) Emprego de métodos que permiten a detección de necesidades.
d) Definición de medidas en resposta ás necesidades detectadas coa participación dos grupos de interese clave.
e) Evidenciar accións para o aproveitamento dos recursos e adaptación ao desenvolvemento do contorno: melloras en equipamento e/ou infraestruturas, novos convenios de prácticas, estratexias de colaboración con entidades do sector, captación de talento, iniciativas de innovación, outros…
2. Incluír un plan de mellora para os vindeiros cinco cursos académicos con accións que se implementarán en relación con, polo menos, tres dos seguintes eixes:
– Internacionalización.
– Innovación docente.
– Mellora de taxas de resultados.
– Accións para a inserción laboral.
– Outros ámbitos relacionados con aspectos específicos da titulación.
Artigo 9. Proposta de resolución
Unha vez efectuada a revisión da documentación, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe proposta ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para a renovación da mención de máster universitario excelente mediante a correspondente resolución.
Artigo 10. Resolución
1. A resolución incluirá a listaxe das titulacións de másteres universitarios a que se conceda a renovación da mención de máster universitario excelente.
2. O prazo máximo para resolver as propostas presentadas en relación coas accións especificadas nesta orde será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas propostas por silencio administrativo.
3. A resolución de renovación da mención de máster universitario excelente publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, http://www.edu.xunta.gal, pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as universidades poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 11. Obrigas e dereitos das universidades beneficiarias
1. A presentación da proposta implica a aceptación dos termos establecidos na convocatoria.
2. As universidades responsables dos títulos comprométense a manter os requisitos que deron lugar á obtención da renovación da mención de máster universitario excelente ou, de ser o caso, notificar á Secretaría Xeral de Universidades calquera variación nestes, no prazo dun mes desde que se produza o feito que implica tal variación.
3. Anualmente a Secretaría Xeral de Universidades poderá realizar por si mesma, a través do seu persoal, ou por medio da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), cantas comprobacións considere necesarias para garantir o cumprimento e o mantemento dos requisitos que serviron de base para a concesión da renovación da mención de máster universitario excelente, e poderá solicitar para iso toda a información que sexa necesaria.
Disposición derradeira primeira. Remisión normativa
En todo aquilo non previsto nesta convocatoria será de aplicación o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Disposición derradeira segunda. Impugnación da orde
Contra esta orde poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira terceira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional
