DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 10 de decembro de 2025 Páx. 63435

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2025 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de decembro de 2025, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas, e definitivamente o proxecto do trazado de mellora da seguridade e accesibilidade peonil na AC-542 Betanzos de clave AC/24/082.06, cun orzamento base de licitación, IVE incluído, dun millón catrocentos dez mil cincocentos setenta e nove euros con seis céntimos (1.410.579,06 €) AC/24/082.06

Antecedentes:

Con data do 16 de abril de 2025 publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 74 o anuncio do 8 de abril de 2025, polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado de mellora da seguridade e accesibilidade peonil na AC-542 Betanzos, de clave AC/24/082.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de decembro de 2025, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas, e definitivamente o proxecto de trazado de mellora da seguridade e accesibilidade peonil na AC-542 Betanzos, de clave AC/24/082.06, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025

María Deza Martínez
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de decembro de 2025, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas, e definitivamente o proxecto de trazado de mellora da seguridade e accesibilidade peonil na AC-542 Betanzos, de clave AC/24/082.06, cun orzamento base de licitación, IVE incluído, dun millón catrocentos dez mil cincocentos setenta e nove euros con seis céntimos (1.410.579,06 €).

1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de trazado de mellora da seguridade e accesibilidade peonil na AC-542 Betanzos, de clave AC/24/082.06, coas seguintes modificacións respecto do trazado sometido á información pública:

• Habilitar un carril central de xiro á esquerda para o acceso desde a AC-542 á N-VI en dirección á Coruña.

• Desprazar o refuxio e o paso de peóns (xunto coa ampliación da beirarrúa asociada a ese paso) ao p.q. 0+450, intercambiando a súa posición coa parada do transporte público.

• Desprazar o punto en que a banda de aparcamento cambia da marxe uns metros cara ao sur, co que se acadaría unha repartición máis equilibrada das prazas de aparcamento entre ambas as marxes entre os p.q. 1+440-1+670.

• Desprazar lixeiramente a posición da parada do transporte público do p.q. 1+460 e situar o refuxio nun punto en que non obstrúa a visibilidade desde a intersección de acceso á vía interior de Infesta.

• Desprazar lixeiramente a posición da parada do transporte público do p.q. 1+650 e situar o refuxio nun punto en que non obstrúa a visibilidade desde a intersección de acceso á vía interior de Infesta.

• Habilitar un novo paso de peóns con prioridade coincidindo co punto en que a banda de aparcamento cambia da marxe, co que quedaría uns 50 m máis preto dos accesos á Infesta e ao Tarreo que o paso existente na actualidade.

• Desprazar lixeiramente cara ao sur o paso de peóns existente, co que quedaría uns 15-20 m máis preto dos accesos ao Camiño Real e á estación do ferrocarril.

• Habilitar todos os xiros á esquerda no elemento de cambio de sentido do p.q. 1+680.

• Cambiar a marxe de ampliación da estrutura sobre o ferrocarril, para que se realice pola marxe interior (dereita) da curva, e trasladar o itinerario peonil a esa marxe.

• Executar novas beirarrúas entre os p.q. 1+930 e 2+120.

• Restrinxir os movementos de xiro á esquerda no acceso a Xan Roxo.

• Habilitar o xiro á esquerda para o acceso ao Coto desde a AC-542.

• Reforzo da sinalización de limitación de velocidade máxima e ampliación de zonas restrinxidas a 50 km/h.

• Reforzo do sistema de drenaxe da estrada.

• Adaptación do deseño da vía de Pai Menni para o estacionamento temporal.

• Reforzo da drenaxe da estrada no lugar Casas Novas 11.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado de mellora da seguridade e accesibilidade peonil na AC-542 Betanzos, de clave AC/24/082.06, cun orzamento base de licitación, IVE incluído, dun millón catrocentos dez mil cincocentos setenta e nove euros con seis céntimos (1.410.579,06 €).

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Betanzos, no cal se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto en que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.