De conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por se apreciaren razóns de interese público, dáse publicidade á Resolución do 24 de novembro de 2025 pola que se resolve o procedemento para instar a extinción na vía xudicial da Fundación Pedro Murias.
A Fundación Escola Agrícola Pedro Murias declarouse de interese galego mediante o Decreto 170/1987, da Xunta de Galicia, do 24.6.1987, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 141, do 27.7.1987, e outorgouse o seu protectorado á Consellería de Agricultura, actualmente denominada Consellería do Medio Rural.
Tras a promulgación da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, non se produciu a preceptiva adaptación estatutaria do Regulamento da fundación de 1913, nin se presentaron con posterioridade as pertinentes contas anuais, memorias e plans de actuación. Tampouco consta o cumprimento mínimo dos preceptos reguladores de funcionamento ordinario previstos na dita Lei 12/2006, do 1 de decembro.
O artigo 24.2.c) da Lei 12/2006, do 1 de decembro, faculta o protectorado a instar a extinción da fundación se se aprecia a súa inviabilidade. Así mesmo, o artigo 44.1.c) da Lei 12/2006, do 1 de decembro, regula entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realizar o fin fundacional.
O mesmo artigo 44, no seu número 3, indica que no suposto de que concorrese a causa de imposibilidade de realizar o fin fundacional, se non houbese acordo do padroado ou este non fose ratificado polo protectorado, a extinción da fundación requirirá a resolución xudicial motivada, que poderá ser instada polo protectorado ou polo padroado, segundo os casos. Neste caso, ao non constar padroado, procede que inste a extinción o protectorado.
No mesmo sentido, o artigo 24.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, faculta o protectorado, se nalgún momento da vida da fundación faltasen todos os membros do padroado por calquera causa –como é o caso da Fundación Pedro Murias–, a instar a extinción xudicial da fundación.
Segundo o disposto no artigo 44.6 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, a resolución xudicial de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
O artigo 1.noveno da Orde do 17 de novembro de 2015, de delegación de competencias en diversos órganos da Consellería do Medio Rural, delega no secretario xeral técnico desta o exercicio das facultades que a normativa en materia de fundacións atribúe ao protectorado.
Durante a tramitación do procedemento non se presentaron alegacións ou documentación por parte de ningunha persoa interesada.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa as persoas interesadas poderán interpoñer de forma facultativa recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, consonte os artigos 10, 14.1.Segunda e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2025
Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural
