DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 10 de decembro de 2025 Páx. 63164

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 2 de decembro de 2025 pola que se establece a cantidade que cómpre transferir ao Consello Galego de Procuradores para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta do ano 2025, sobre o importe certificado o ano 2024.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, que regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta, establece no seu artigo 38 que as administracións públicas competentes en materia de administración de xustiza subvencionarán os colexios de avogados e procuradores para a implantación e o funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.

Por outra banda, mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndo na alínea B), número 1.c), do seu anexo as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa e representación na quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia, así como a asistencia letrada ao detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións transferidas foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local; actualmente están atribuídas á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, que foi modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro, o cal establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de profesionais para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o que lle corresponde, polo tanto, á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes segundo o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

A cantidade destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 8 % do importe total certificado durante o ano 2024 polos colexios de procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total de noventa mil novecentos trinta e oito euros e noventa céntimos (90.938,90 €).

Disposición derradeira primeira. Autorízase o director xeral de Xustiza a ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes