DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 10 de decembro de 2025 Páx. 63176

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2025 da segunda modificación do Acordo do Consello de Dirección, do 10 de abril de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) e se anuncia a convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR701L).

Mediante o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, a Axencia), do 10 de abril de 2025, aprobáronse as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) e se anuncia a convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR701L). Este acordo publicouse mediante a Resolución do 16 de abril de 2025 da directora xeral da Axencia (DOG núm. 82, do 30 de abril).

O citado acordo modificouse mediante a Resolución da directora xeral da Axencia do 1 de agosto de 2025 (DOG núm. 151, do 8 de agosto). Esta modificación consistiu nunha redistribución de importes por tipoloxías de gasto e mais na ampliación de prazos para executar e xustificar os investimentos vinculados aos proxectos subvencionados ao abeiro desta convocatoria de axudas.

Segundo o establecido no artigo 17 das bases reguladoras que rexen esta convocatoria de axudas, concorreron a esta 595 solicitudes de axuda presentadas ata o 30 de maio de 2025.

A pesar da ampliación de prazos para executar e xustificar os investimentos, concorreron diversos factores que imposibilitaron a concesión das axudas dentro dunha marxe de tempo razoable para permitir, por unha parte, ás persoas beneficiarias a execución dos investimentos correspondentes á xustificación dos importes de axuda concedidos para a primeira anualidade (2025) e, por outra parte, á Axencia xestionar o pagamento das axudas. Entre eses factores destacan, por unha parte, o número elevado de solicitudes de axuda, que presentaron numerosos defectos que requiriron emenda, o que demorou o prazo de emisión dos informes de control de elixibilidade (ICE) polos grupos de desenvolvemento rural (en diante, os GDR) e, conseguintemente, a verificación dos ICE pola Subdirección de Relacións cos GDR.

E, por outra parte, cómpre sinalar que se trata da primeira convocatoria de axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas tramitadas ao abeiro da intervención 7119 Leader do PEPAC 2023-2027, o que implicou o establecemento de criterios de aplicación para a nova normativa. Todo isto demorou a selección e proposta de resolucións por parte das xuntas directivas dos GDR e, consecuentemente, a Axencia tamén demorou as resolucións das solicitudes de axuda, se ben actualmente xa están emitidas.

As circunstancias anteriores xustifican o reaxuste das anualidades previstas no artigo 5 das bases reguladoras mediante o traspaso da anualidade de 2025 para o ano 2026, así como a ampliación do prazo para xustificar os investimentos ata o 1 de setembro de 2026.

Por outra parte, o citado traspaso de fondos á anualidade 2026 e mais a citada ampliación do prazo de execución e xustificación dos investimentos afecta tamén a regulación doutros prazos da convocatoria, que igualmente deben modificarse. Por iso non se consideran a concesión de ampliación do prazo de execución e xustificación dos investimentos para a anualidade 2026, previsto para o 1 de setembro de 2026, nin tampouco pagamentos á conta, senón só un pagamento anticipado e un pagamento final.

O artigo 32.1 das bases reguladoras das axudas, do 10 de abril de 2025, sinala que dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención. Consecuentemente coas modificacións que supoñen o reaxuste das anualidades e mais a ampliación do prazo de que se trata, as obrigas das persoas beneficiarias das subvencións xa concedidas tamén se entenderán modificadas.

De conformidade co que antecede, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia do 13 de xullo de 2013, publicado mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG nº 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo único. Segunda modificación do Acordo do Consello de Dirección, do 10 de abril de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) e se anuncia a convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR701L).

O citado acordo modifícase nos seguintes termos:

Primeiro. O artigo 5 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 5. Financiamento, forma e contía máxima das axudas

1. Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de doce millóns seiscentos corenta e un mil catrocentos vinte e tres euros con trinta e seis céntimos (12.641.423,36 €), con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural:

Aplicacións-proxectos para a anualidade 2026:

Aplicación Agader

Proxecto Agader

Orzamento redistribución Feader (euros)

Orzamento redistribución AXE (euros)

Orzamento redistribución Xunta (euros)

Orzamento redistribución GPT (euros)

15.A1.712A.760.00

2024-00008

2.312.543,44

462.508,70

115.627,18

2.890.679,32

15.A1.712A.770.00

2024-00008

6.896.109,42

1.379.221,88

344.805,47

8.620.136,77

15.A1.712A.781.00

2024-00008

904.485,82

180.897,16

45.224,29

1.130.607,27

Total

10.113.138,68

2.022.627,74

505.656,94

12.641.423,36

As axudas reguladas neste acordo están cofinanciadas con fondos Feader (o 80 %), con fondos da Administración xeral do Estado (o 16 %) e da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (o 4 %).

O importe dispoñible para cada GDR sinálase no anexo I deste acordo.

2. As axudas concederanse en forma de subvención directa de capital non reembolsable e calcularanse sobre os custos subvencionables, tendo en conta a porcentaxe de axuda que resulte da aplicación ao proxecto dos criterios de selección establecidos por cada GDR, sempre e cando se cumpran as condicións e requisitos de elixibilidade que sexan aplicables a cada proxecto e que este supere a puntuación mínima ou «de corte» que se estableza na estratexia de desenvolvemento local seleccionada.

3. A contía máxima de axuda será de 200.000,00 € por proxecto.

4. Exceptúanse do disposto no número 2 deste artigo, en canto ao cálculo da axuda, as axudas reguladas no artigo 15 deste acordo (Bono activa rural).

5. O crédito indicado poderá incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevén o artigo 31 da LSG e o artigo 30 de Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei».

Segundo. O artigo 15 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 15. Bono activa rural

1. O Bono activa rural configúrase como unha subvención que se basea nun importe de axuda a tanto global destinado á creación e posta en marcha de actividades non agrarias en zonas rurais. A axuda non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se vincula ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante polo menos 5 anos, contados desde a data da alta censual. Este plan empresarial deberá demostrar a viabilidade económica e técnica da empresa, apoiándose para iso nas condicións de mercado. Os proxectos que se beneficien desta modalidade de axuda concorrerán cos demais proxectos de natureza produtiva que se presenten ao abeiro das diferentes convocatorias.

2. As persoas beneficiarias desta tipoloxía de proxectos son as persoas físicas que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividade empresarial a título individual en que polo menos creen o seu posto de traballo, sempre e cando non estivesen dadas de alta no réxime de autónomos na mesma actividade para a cal se solicita a axuda nos últimos tres anos e que opten por esta modalidade de axuda na correspondente solicitude de axuda, a través do recadro que se habilitará para o efecto.

3. A axuda poderá acadar ata un máximo de 18.000,00 € e pagarase nunha anualidade. As axudas reguladas neste artigo están amparadas no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis».

Terceiro. O artigo 34 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 34. Modificación por ampliación do prazo de execución e xustificación, por modificacións no orzamento do proxecto ou no seu financiamento

1. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos é o sinalado no artigo 46 deste acordo. Non procede a concesión de ampliación do prazo de execución e xustificación dos investimentos.

2. A modificación no orzamento do proxecto requirirá a achega, por parte do promotor, de:

– Novo orzamento proposto para os gastos necesarios para a execución do proxecto segundo o modelo normalizado (anexo V).

– Nova relación das tres ofertas solicitadas e elixidas segundo o modelo normalizado (anexo VI-A), así como declaración sobre as ofertas solicitadas e elixidas segundo o modelo normalizado (anexo VI-B) e a lista de comprobacións que debe emitir o GDR.

3. A modificación das condicións de financiamento do proxecto requirirá a achega por parte do promotor da declaración doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto».

Cuarto. O artigo 36 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 36. Réxime de xustificación

1. A persoa beneficiaria das axudas deberá presentar a xustificación documental dos gastos ou investimentos vinculados á operación subvencionada dentro do prazo máximo previsto no calendario de execución do artigo 46.

2. Para estes efectos, a persoa beneficiaria presentará, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a solicitude de pagamento, segundo o modelo normalizado (anexo XI).

A presentación da solicitude de pagamento, así como, se é o caso, a remisión da documentación xustificativa que se deberá achegar segundo o modelo do anexo XI, realizarase nos mesmos termos que se establecen nos artigos 17 e 18 deste acordo.

Unha vez recibida polo GDR a solicitude de pagamento en modelo normalizado, xunto coa documentación complementaria que proceda segundo o contido da resolución de concesión da axuda e das epígrafes seguintes deste artigo, correspóndelle ao GDR comprobar que está completa. Unha vez realizada esta comprobación por parte do GDR, deberá remitirlla a Axencia nun prazo máximo de dez días para a realización do control administrativo da solicitude de pagamento.

No caso de que o GDR considere incompleta a documentación presentada polo promotor, poderá requirirlle a este que achegue a documentación complementaria.

3. Os investimentos xustificaranse, para cada un dos gastos realizados, a través da seguinte documentación:

a) Facturas ou documentos probatorios de valor equivalente debidamente desagregadas por conceptos ou unidades de obra.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao que resulta do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) A documentación acreditativa do pagamento efectivo en favor dos acredores:

1º. Como regra xeral, presentarase o xustificante bancario de pagamento pola persoa beneficiaria (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en conta, certificación bancaria, etc.) en que conste a data de pagamento, o concepto facturado e/ou o número de factura, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

2º. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís (cheque, nota promisoria, letra de cambio, etc.), achegarase copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

3º. Os xustificantes de pagamento obtidos a través da banca electrónica deberán estar validados co selo da entidade bancaria correspondente ou contar con código de verificación propio do sistema de validación da entidade bancaria de que se trate.

4º. Para os efectos da súa xustificación, no caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, estes deberán incluírse, xunto coa factura, nunha única solicitude de pagamento. Ademais, cada un destes documentos de pagamento deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados ou orde de pagamentos da empresa selada polo banco.

As facturas correspondentes aos gastos subvencionados deberán estar pagadas dentro do prazo determinado na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Non se admitirán pagamentos en metálico.

4. Tanto a data das facturas como a dos xustificantes de pagamento deberán estar comprendidas dentro do período de execución e xustificación dos investimentos, é dicir, a partir do día da solicitude de axuda (con excepción dos custos xerais vinculados ao investimento sinalados na letra e) do artigo 6, da adquisición de terreos e dos gastos vinculados ás licenzas de obra que poderán ser de ata dezaoito meses anteriores á solicitude de axuda), e ata a data límite de execución e xustificación dos investimentos que determine a resolución de concesión da axuda.

5. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas e conceptos de gasto do orzamento aceptadas pola Axencia na verificación do ICE e na resolución de concesión da subvención, e responder de xeito indubidable á natureza do proxecto subvencionado.

6. Cando non se xustifique a totalidade do investimento ou gasto aprobado na resolución de concesión, o investimento certificarase aplicando ao investimento ou gasto subvencionable xustificado a porcentaxe de subvención concedida, sempre e cando este investimento xustificado represente cando menos o 60 % do investimento aceptado na resolución de concesión da axuda e ademais se cumpra a finalidade ou obxectivo para o que se concedeu a axuda.

7. Na fase de xustificación do gasto a Axencia poderá contrastar os prezos achegados pola persoa beneficiaria por calquera dos medios previstos no artigo 30, número 5, da LSG co fin de comprobar que os gastos subvencionables se axustan ao valor de mercado. En caso de discrepancia, minoraranse os importes aprobados na concesión da axuda.

Cando se poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións dos investimentos que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 32 deste acordo, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, coa condición de que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte da Axencia no acto de comprobación non exime a persoa beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a LSG.

8. Xunto coa solicitude de pagamento, o promotor deberá achegar a documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se executa o proxecto, ou da dispoñibilidade destes durante o período mínimo equivalente ao que se vai exixir a permanencia do investimento, así como o resto da documentación que especificamente se relacione na resolución de concesión.

9. Para proceder ao pagamento final do expediente, o promotor deberá presentar os permisos, inscricións, autorizacións e/ou licenzas requiridas pola normativa estatal, autonómica ou local para o tipo de actividade de que se trate.

10. O promotor deberá presentar, xunto coa solicitude de pagamento, unha copia íntegra do proxecto técnico visado polo colexio oficial correspondente, no suposto de que a operación o requira. Neste suposto, na xustificación presentaranse certificacións de obra asinadas por técnico competente, que deberán ter correspondencia co proxecto.

11. Cando a subvención se conceda para proxectos non produtivos que comporten a realización de estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, o promotor entregará un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén deben achegarse copias se hai edición de libros, folletos, guías, etc.

12. Relación de equipos subvencionados en que conste a marca, o modelo e o número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación (anexo XII), de ser o caso. A factura correspondente deberá identificar, cando menos, a marca, o modelo e o número de referencia ou de serie dos equipamentos subvencionados.

13. Xunto coa xustificación deberá achegarse unha declaración, en documento normalizado que se incorpora a este acordo como anexo XIII, doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto, con referencia, de ser o caso, ás axudas de minimis.

14. O promotor deberá, xunto coa solicitude de pagamento final, achegar a documentación xustificativa dos empregos creados e mantidos, xunto co modelo normalizado da xustificación do emprego (anexo XIV) e a documentación acreditativa seguinte:

– Informe de vida laboral da/das conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de pagamento final.

– Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta durante os doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de pagamento final, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Copia dos contratos de traballo correspondentes aos empregos creados, debidamente comunicados ao Servizo Público de Emprego.

15. Documentación acreditativa do cumprimento das obrigas de morosidade, segundo o disposto no artigo 25 deste acordo.

16. Documentación específica sinalada na resolución de concesión de axuda. Ademais, os beneficiarios do Bono activa rural presentarán en todo caso, coa solicitude de pagamento a alta na epígrafe do IAE correspondente e a alta no réxime de autónomos da Seguridade Social, o informe de vida laboral do beneficiario e, de ser o caso, a memoria do cumprimento do plan empresarial, que inclúa os datos contables da actividade referidos ao exercicio económico anterior. Procederase ao pagamento se os datos contables reflicten un cumprimento mínimo do 80 %.

17. A Axencia poderá solicitarlle á persoa beneficiaria as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que considere convenientes.

18. No caso de que o solicitante non lle outorgue a autorización á Axencia para obter de oficio os certificados acreditativos do cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de que non ten pendente de pagamento débeda ningunha coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá achegar os correspondentes certificacións.

19. Todas as operacións de investimento incluirán unha visita in situ ao lugar da operación para comprobar o remate do proxecto obxecto da solicitude de pagamento, en cumprimento do artigo 75 do Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do plan estratéxico e outras axudas da PAC. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención. A realización da visita in situ corresponderá aos GDR.

20. Transcorrido o prazo establecido na resolución de concesión da axuda para a xustificación dos investimentos sen se ter presentado esta, requiriráselle á persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da LSG.

21. Aquelas persoas beneficiarias que na data máxima de execución e de xustificación da operación prevista na resolución de concesión da axuda, non tivesen renunciado expresamente á subvención concedida ou non executasen nin xustificasen o proxecto sen causa debidamente xustificada e comunicada a Axencia, quedarán excluídas das axudas que se tramiten a través da Intervención Leader de Galicia no marco do PEPAC 2023-2027».

Quinto. O artigo 38 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 38. Réxime de pagamento

1. O pagamento efectuarase na conta bancaria para tal efecto designada pola persoa beneficiaria.

2. Poderán concederse anticipos de conformidade co disposto no artigo 31.6 da LSG, nos artigos 63 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 44.3 do Regulamento (UE) nº 2021/2116, do 2 de decembro.

3. Os promotores poderán solicitar un anticipo en documento normalizado que se incorpora a este acordo como anexo VII, equivalente como máximo ata o 50 % da subvención concedida, segundo o disposto nos artigos 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 44.3 do Regulamento (UE) nº 2021/2016, do 2 de decembro, e sen que se poida superar a anualidade vixente.

En todo caso, o pagamento do anticipo quedará supeditado á constitución da garantía correspondente, segundo se establece no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Coa solicitude de anticipo presentarase resgardo orixinal do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos ou modelo 790 de constitución de depósitos e garantías, de ser o caso».

Sexto. O artigo 46 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 46. Calendario de xestión

Para a xestión da estratexia de desenvolvemento local, teranse en conta as seguintes datas:

Data final de admisión de solicitudes para a proposta anual de selección de proxectos: 1 mes desde a data de publicación da convocatoria.

Data final de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: 1 de setembro de 2026.

Data final de xustificación do proxecto: 1 de setembro de 2026.

Data final de solicitude de anticipo: 1 de marzo de 2026.

Data final de concesión de axudas: como máximo 6 meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Data final de presentación de solicitudes de modificación: 20 días hábiles antes do remate do prazo de xustificación do proxecto.

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia, en previsión dunha ordenada xestión, execución e pechamento da Intervención Leader do PEPAC 2023-2027, poderá variar as datas sinaladas, así como fixar outras para axeitar o ritmo de execución dos proxectos á proximidade das datas límite sinaladas».

Sétimo. As modificacións previstas neste acordo non afectan o prazo de presentación de solicitudes nin supoñen o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Oitavo. As obrigas das persoas beneficiarias das subvencións xa concedidas quedan modificadas como consecuencia das modificacións que supoñen o reaxuste das anualidades e mais a ampliación do prazo establecidos nesta resolución.

Noveno. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Décimo. Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025

Mª Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Aplicacións-proxectos para a anualidade 2026: Distribución por GDR

Número e nome do GDR

15.A1.712A.7600

15.A1.712A.7700

15.A1.712A.7810

GDR-01 Terras de Miranda

91.434,76

297.162,94

68.576,08

GDR-02 Terra Chá

149.031,52

417.288,26

29.806,30

GDR-03 Montes e Vales O.

201.825,30

430.923,12

7.966,82

GDR-04 Comarca de Lugo

150.000,00

352.053,30

0,00

GDR-05 Miño Ulla

150.232,82

406.880,56

49.755,58

GDR-06 Ribeira Sacra Courel

158.000,00

409.069,46

14.000,00

GDR-07 Valdeorras

187.882,06

367.288,25

9.888,53

GDR-08 Sil Bibei Navea

166.129,28

431.936,10

51.069,96

GDR-09 Monteval

166.048,00

431.724,78

66.419,18

GDR-10 A Limia Arnoia

89.182,48

416.184,94

89.182,48

GDR-11 Adercou

121.064,78

363.194,34

0,00

GDR-12 Carballiño Ribeiro

150.000,00

351.035,44

60.000,00

GDR-13 Condado Paradanta

142.005,28

270.305,38

142.005,30

GDR-14 Eu Rural

44.331,80

274.434,92

103.440,86

GDR-15 Pontevedra Morrazo

52.014,04

380.102,54

12.447,80

GDR-16 Pontevedra Norte

157.326,34

389.545,64

34.736,70

GDR-17 Salnes Ulla Umia

111.522,78

302.846,10

17.378,70

GDR-18 Deloa

122.596,58

284.599,18

30.649,14

GDR-19 Terras de Compostela

90.112,12

295.437,02

45.451,84

GDR-20 Ulla Tambre Mandeo

116.693,80

361.195,08

77.795,86

GDR-21 Comarca de Ordes

30.088,42

513.484,66

0,00

GDR-22 Costa da Morte

112.807,84

293.300,28

38.000,00

GDR-23 Mariñas Betanzos

50.039,06

281.849,18

101.725,88

GDR-24 Seitura 22

80.310,26

298.295,30

80.310,26

Importes totais

2.890.679,32

8.620.136,77

1.130.607,27