O artigo 47 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece que o exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e a el se lle imputarán os dereitos liquidados no seu transcurso, calquera que sexa o período a que correspondan, e as obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servizos ou outro tipo de gastos realizados con cargo aos créditos respectivos dentro do correspondente ano natural.
Na presente orde regúlanse os prazos e os procedementos para a realización das operacións contables de pechamento da contabilidade dos gastos e dos ingresos públicos do ano 2025.
Regúlanse tamén os procedementos e prazos para a realización das operacións contables propias da apertura da contabilidade do ano 2026.
Por iso, e en virtude das competencias atribuídas polo artigo 110 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ámbito de aplicación
1.1. Esta orde será de aplicación:
a) Á Administración xeral da Xunta de Galicia.
b) Aos organismos autónomos.
c) Ás axencias públicas autonómicas.
d) A aquelas outras entidades que con carácter específico determine a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
1.2. O resto de entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, están obrigadas a remitir á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a información da liquidación provisional das súas contas nos termos regulados no artigo 16 desta orde, e a formar e remitir as súas contas anuais nos termos regulados no artigo 18 desta orde.
1.3. As entidades que, en virtude do previsto no artigo 2 da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, formen parte do sector de administracións públicas, e que non figuren incluídas entre as entidades a que se refiren os puntos 1.1 e 1.2, están obrigadas a remitir á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a información da liquidación provisional das súas contas nos termos regulados no artigo 16 desta orde.
Artigo 2. Sinalamento de haberes no mes de decembro
2.1. As nóminas elaboradas pola Amtega para a percepción de haberes do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 15 do mes e remitiránselles o día 18 ás intervencións delegadas, que executarán a súa fiscalización e a tramitación dos documentos contables correspondentes antes do día 22 do mesmo mes. Para isto, os partes do mes de decembro deberán recibirse no dito centro antes do día 11 de decembro.
2.2. Os haberes correspondentes ao mes de decembro satisfaranse a partir do día 20 do mesmo mes.
Artigo 3. Modificacións orzamentarias
3.1. Os expedientes de modificacións orzamentarias que afecten o orzamento de 2025 terán como data límite de entrada na Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico o día 10 de decembro de 2025.
3.2. O prazo previsto no punto anterior deste artigo non será aplicable nas modificacións que afecten créditos do capítulo I, Gastos de persoal, as seccións 01, 02, 03, 21, 22 e 23 do orzamento de gastos.
3.3. Os expedientes de modificacións orzamentarias deberán estar completos. En ningún caso se admitirán expedientes non enviados en tempo e forma.
Artigo 4. Recepción e tramitación de documentos contables
4.1. Todos os documentos contables, relativos aos capítulos II, IV, VI e VII, tanto de exercicio corrente como de exercicios futuros, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas e territoriais, correspondentes a cada centro xestor, o día de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, coas únicas excepcións previstas nos puntos seguintes deste artigo, e os documentos relativos a pagamentos para xustificar regulados no artigo 8 desta orde.
4.2. Os documentos RC para transferencias terán como data límite de entrada o día previsto no artigo 3 desta orde como límite para a entrada dos expedientes na Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico.
4.3. Quedarán exceptuados do disposto nos puntos anteriores:
a) Os documentos contables OK.
b) Os gastos que correspondan a expedientes que teñan a súa orixe en sentenzas xudiciais.
c) As achegas financiadas con cargo ao capítulo IV e VII previstas no Plan de financiamento do Sistema universitario de Galicia.
d) Os expedientes de gasto con cargo ás partidas correspondentes ao bono social térmico, dependencia, renda de integración, pensións non contributivas e axudas de emerxencia social. Inclúense neste punto as transferencias a corporacións locais en materia de dependencia.
e) Os expedientes de gasto correspondentes ás axudas económicas do Programa de apoio á natalidade xestionadas a través da Tarxeta benvida e do Bono concilia familia.
f) Os expedientes de gasto correspondentes a comedores escolares, transporte escolar, gastos de funcionamento dos centros e subvencións a centros concertados. Cando estes expedientes sexan tramitados mediante pagamentos para xustificar, tampouco lles será de aplicación a limitación que establece o artigo 8.1 desta orde.
g) Os expedientes de gasto correspondentes ao pagamento da prestación periódica establecida no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, así como a indemnización prevista no artigo 43 da mesma lei.
h) Os expedientes correspondentes a farmacia hospitalaria e receitas médicas.
i) Os expedientes de gasto correspondentes á asistencia xurídica gratuíta.
j) Os expedientes de gasto correspondentes a prórrogas de contratos.
k) Os expedientes financiados polo Feaga e polo Feader.
l) Os documentos en fase RC para A, documentos A, documentos D e documentos AD con cargo aos créditos do capítulo IV financiados por transferencias finalistas do Estado.
m) Os documentos en fase RC para A, documentos A, documentos D y documentos AD con cargo aos créditos financiados polos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR).
n) Os gastos correspondentes ás seccións 01, 02 e 21 do orzamento de gastos.
A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais para estes expedientes será o 30 de decembro.
4.4. Os documentos contables relativos aos capítulos III, VIII e IX e os do capítulo I non incluídos no artigo 2 desta orde terán como data límite de entrada o 30 de decembro.
4.5. Admitirase a entrada en intervención de documentos contables ata o 9 de xaneiro de 2026 nos casos seguintes:
a) Os documentos contables OK correspondentes a obrigas de capítulo II e IV xeradas polo cumprimento de prestacións ou servizos continuados e de devindicación periódica, nos cales non sexa posible a determinación exacta do seu importe antes do 31 de decembro.
b) Os documentos contables positivos, cando formen parte dunha formalización e veñan acompañados polo documento contable negativo correspondente.
c) Os documentos contables necesarios para reaxustar as anualidades dando cumprimento ao disposto no punto 1 do artigo 11 desta orde.
4.6. Con carácter excepcional, poderán ter entrada nas intervencións delegadas ata o 30 de xaneiro de 2026 os seguintes documentos:
a) Os documentos contables relativos ás transferencias de financiamento previstas no artigo 48 da Lei 4/2024, de orzamentos para o 2025, cando se realicen entre as entidades incluídas no artigo 1.1 desta orde.
b) Os documentos contables negativos non incluídos no punto 5 deste artigo.
c) Os documentos contables relativos ao pagamento das cotas de Seguridade Social do mes de decembro.
Todos estes documentos deberán ser contabilizados non máis tarde do 31 de xaneiro. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá ampliar o prazo fixado neste punto 4.6 cando as circunstancias propias das operacións de peche do exercicio así o aconsellen.
4.7. Os documentos contables de expedientes tramitados en réxime de tramitación anticipada terán como data límite de entrada o 23 de decembro.
4.8. Nos organismos autónomos e nas axencias autonómicas non sometidos a función interventora, as datas a que fan referencia os puntos anteriores entenderanse referidas ao momento da contabilización dos expedientes pola oficina contable da dita entidade.
4.9. As intervencións delegadas e as demais oficinas contables absteranse de tramitar calquera documento recibido con posterioridade ás datas límite que se establecen neste artigo, coa única excepción daqueles documentos cos cales se xunte a autorización a que se refire a disposición adicional desta orde.
Artigo 5. Xustificación das operacións
5.1. Os documentos e expedientes a que se refire o artigo 4 deberán remitirse ás intervencións acompañados da totalidade da documentación que preceptúe a normativa que hai que aplicar en cada caso e que acredite a necesidade de contabilizar a operación con cargo ao orzamento do ano 2025.
No suposto de remisión de documentos contables que incumpran o anteriormente sinalado, a intervención delegada procederá á súa devolución ao órgano xestor sen contabilizar, e absteranse de contabilizalos no caso de que volvan entrar unha vez transcorrida a data límite establecida.
As intervencións delegadas e territoriais velarán moi especialmente polo cumprimento desta norma.
5.2. En particular, aplicaranse as seguintes normas:
a) Nos expedientes plurianuais de contratos de obras, servizos e subministracións, e de subvencións e convenios, a Intervención comprobará que a imputación ao exercicio 2025 se realice pola parte que proceda, segundo o programa de traballo ou o plan de investimentos.
b) Os aboamentos de anticipos a empresas adxudicatarias de contratos requirirán de autorización previa da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. A autorización concederase só de forma excepcional, e sempre logo de xustificación por parte do órgano de contratación da súa necesidade, de acordo co programa de execución do investimento.
Artigo 6. Actos de recepción
Para os efectos de realizar as comprobacións materiais de aplicación dos fondos públicos en datas compatibles co peche do exercicio contable, as solicitudes de designación de representante deberán recibirse na Intervención antes do 22 de decembro de 2025.
Artigo 7. Tramitación conxunta de obrigas recoñecidas e propostas de pagamento
A tramitación de expedientes que impliquen o recoñecemento de obrigas realizarase conxuntamente coa correspondente proposta de pagamento. Os interventores delegados e territoriais velarán especialmente polo cumprimento deste artigo.
Artigo 8. Pagamentos para xustificar
8.1. A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais dos documentos con fase OK para xustificar será o 12 de decembro e a data límite para que as intervencións delegadas e territoriais os tramiten á Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro será o día 19 de decembro.
8.2. As cantidades libradas para xustificar só poderán atender as obrigas adquiridas no ano 2025.
As contas xustificativas e os documentos contables de formalización deben presentarse antes do día 14 de xaneiro de 2026.
Os importes non aplicados reintegraranse ao Tesouro da Comunidade Autónoma.
8.3. Como parte da xustificación, os habilitados enviarán por correo electrónico á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, antes do 31 de xaneiro, a certificación acreditativa do saldo da conta en 31 de decembro de 2025.
Artigo 9. Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro
9.1. O último día do exercicio 2025 en que a Tesouraría da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro poderá satisfacer pagamentos será o 31 de decembro.
9.2. Ata que as intervencións delegadas e territoriais deixen de tramitar propostas de pagamento con imputación ao exercicio de 2025, manterase aberta a contabilidade de recepción de tales propostas.
9.3. As ditas dependencias reiniciarán o pagamento dos libramentos pendentes de satisfacer o primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2026.
Artigo 10. Ingresos procedentes de dereitos liquidados
Os órganos xestores con competencia en materia de ingresos velarán especialmente para que antes do día 14 de xaneiro estean realizadas todas as actuacións necesarias para a imputación ao exercicio 2025 dos dereitos e recadación que correspondan.
Artigo 11. Operacións de fin de exercicio
11.1. Con anterioridade ao peche do exercicio, os centros xestores anularán os saldos de documentos en fase D que non representen compromisos con terceiros. Tamén deberán axustar os saldos de compromiso coa realidade mediante os oportunos reaxustes de anualidades.
11.2. Unha vez realizadas estas operacións, os centros xestores remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma o anexo que figura ao final desta orde mediante o que se comunicará a finalización da tramitación de operacións do exercicio 2025.
11.3. Os créditos que o último día do exercicio non estean afectados ao cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, de conformidade co disposto no artigo 59.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
11.4. Como consecuencia do anterior, o último día do exercicio anularanse, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias do ano 2025, os saldos de autorizacións, así como das retencións de crédito existentes, con excepción das retencións de non dispoñibilidade de crédito (RCnd).
Tamén se anularán os saldos de compromisos correspondentes a transferencias de financiamento previstas no artigo 48 da Lei 4/2024, de orzamentos para o 2025, cando se realicen entre as entidades incluídas no artigo 1.1 desta orde e non acadasen a fase de obriga no exercicio 2025.
Estas anulacións serán realizadas de oficio pola Subdirección Xeral de Contabilidade.
11.5. Así mesmo, e con anterioridade ao peche do exercicio, os centros xestores anularán os saldos en fase A e RC da agrupación de exercicios futuros que, de acordo coa normativa de aplicación, non deban manter a súa vixencia no ano 2026.
Artigo 12. Relación de acredores orzamentarios
A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma regularizará os saldos de obrigas de exercicios pechados, e poderá dar de baixa en contas os saldos cuxa antigüidade sexa superior a cinco anos.
Os centros xestores remitiranlle á Intervención Xeral, con data límite do 14 de xaneiro de 2026, unha relación dos saldos de obrigas propias das súas competencias para as que, aínda que se cumpra a condición prevista no parágrafo anterior, non deban ser dados de baixa en contas por manter a súa vixencia atendendo ás condicións específicas da tramitación dos expedientes afectados.
Artigo 13. Propostas de pagamento pendentes de realización
A Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro revisará as propostas de pagamento pendentes con antigüidade igual ou superior a un ano, e indicaralle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, con data límite do 14 de xaneiro de 2026, aquelas cuxo pagamento non sexa procedente, ben por prescrición ou por calquera outra causa, para a súa anulación.
Artigo 14. Relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios
As intervencións delegadas e territoriais e as oficinas contables, con competencias en materia de contabilidade de ingresos, formarán relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios, xustificativas dos saldos contables pendentes de ingreso ou pagamento, respectivamente, debidamente conciliadas cos saldos contables.
Estas relacións remitiranse á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, que adoptará as medidas necesarias para a depuración dos saldos contables afectados.
Artigo 15. Relación de gastos non imputados ao orzamento do exercicio 2025
Unha vez finalizadas as operacións recollidas nos números 1, 2 e 3 do artigo 11, os centros xestores comunicaranlle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma as obrigas derivadas de gastos efectivamente realizados ou de bens e servizos efectivamente recibidos que non alcanzasen a fase contable O no orzamento de 2025, con indicación dos motivos que impediron a súa correcta imputación no dito exercicio.
A Intervención Xeral poderá obter de oficio do Sistema electrónico de facturación a información das obrigas a que se refire o parágrafo anterior e que estean soportadas en facturas.
Os centros xestores deberán comunicar, con data límite do 14 de xaneiro, a relación de gastos correspondentes a expedientes de subvencións, persoal, expropiacións, responsabilidade patrimonial da Administración e, en xeral, de calquera gasto cuxa xustificación figure en calquera outro tipo de documento.
Os centros xestores remitirán, con data límite do 14 de xaneiro, unha relación dos litixios xudiciais pendentes de resolución que afecten expedientes da súa competencia, incluíndo para cada un deles a cuantificación do importe polo que se litiga. A asesoría xurídica proporcionará unha estimación do risco de resolución contraria á Administración, individualizado por cada un dos litixios.
Artigo 16. Información da liquidación provisional das entidades integradas no sector público
As entidades previstas nos números 1.2 e 1.3 do artigo 1 desta orde remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, con data límite do 14 de xaneiro, a información contable anual nos modelos normalizados, aprobados para tal efecto polo Consello de Política Fiscal e Financeira.
A información será asinada dixitalmente e remitida á Subdirección Xeral de Contabilidade a través do sistema Codex.
Artigo 17. Contabilidade financeira
A información derivada da contabilidade financeira deberá conter en dobre columna tanto os resultados correspondentes ao peche do exercicio de 2025, como de 2024.
A medida que se dispoña da valoración daquelas partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio, que forma parte integrante da conta xeral, procederase á súa contabilización con aboamento á conta 100, «Patrimonio».
Mentres non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase con carácter xeral o 2 % para inmobles e o 10 % para o restante inmobilizado amortizable.
Artigo 18. Elaboración e remisión das contas anuais
18.1. Todas as entidades incluídas nos números 1.1 e 1.2 do artigo 1 desta orde deberán formular as súas contas antes do 31 de marzo de 2026. As contas deberán ser postas á disposición dos auditores antes do 1 de abril de 2026.
18.2. Unha vez aprobadas polo órgano competente, as contas serán remitidas á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma con data límite do 30 de xuño de 2026 para os efectos da súa incorporación á Conta Xeral da Comunidade Autónoma.
As contas serán remitidas xunto co informe de auditoría correspondente e mais o certificado da súa aprobación.
18.3. Xuntarase ás contas anuais un informe relativo ao grao de execución dos indicadores e ao grao de cumprimento de obxectivos previstos na Lei de orzamentos do exercicio.
18.4. Cando a información incluída nas contas definitivas difira da enviada nos modelos normalizados aprobados polo Consello de Política Fiscal e Financeira, deberanse actualizar os modelos e remitilos á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma coa información correcta con data límite do 30 de xuño de 2026.
Artigo 19. Peche do exercicio 2025
Sen prexuízo do disposto en normas especiais contidas na presente orde, o día 31 de xaneiro de 2026 pecharase a contabilidade orzamentaria dos centros de gastos e ingresos correspondente ao exercicio de 2025.
As operacións que se imputen ao orzamento de 2025 e que se realicen durante o exercicio 2026 levarán data contable de 31 de decembro de 2025, sen prexuízo de que os actos dos que se deriven teñan data posterior.
Unha vez concluídas as operacións de peche do exercicio, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma fixará a data definitiva de peche da contabilidade de 2025. A partir dese momento non se poderá incorporar ás contas ningunha actuación.
Artigo 20. Apertura do exercicio 2026
20.1. Antes do 13 de decembro de 2025 a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico deberá elevar á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública a proposta dos criterios, que se aplicarán na incorporación automática de remanentes de crédito, de conformidade co disposto na Orde de 20 de decembro de 2007 pola que se regula o procedemento para a incorporación automática de remanentes procedentes de exercicios anteriores.
20.2. Antes do 27 de decembro de 2025 a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico remitirá á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma un informe sobre os criterios seguidos, se é o caso, para a transformación dos códigos de aplicación e de proxecto entre os exercicios 2025 e 2026, indicando cando corresponda os códigos de aplicación e proxecto do orzamento de 2026 que son continuidade dos utilizados no exercicio 2025.
20.3. A contabilidade do exercicio 2026 ábrese o día 1 de xaneiro de 2026.
A Subdirección Xeral de Contabilidade contabilizará de oficio os créditos orzamentarios autorizados pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 e os límites de gasto con cargo a exercicios futuros, seguindo os criterios definidos pola Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico na elaboración dos orzamentos do exercicio 2026.
Calquera modificación dos límites de gasto con cargo a exercicios futuros instrumentarase a través da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico. Tras as oportunas verificacións, a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico remitirá os documentos contables debidamente cubertos á Subdirección Xeral de Contabilidade, que procederá á súa contabilización.
Desde o día 2 de xaneiro poderanse realizar operacións con cargo ao orzamento de 2026, coas limitacións establecidas nesta orde.
Os documentos contables de expedientes tramitados en réxime de tramitación anticipada que, con data 31 de decembro de 2025, non fosen contabilizados serán devoltos ao xestor para os efectos da súa substitución por documentos contables do exercicio 2026. Todos os actos realizados conservarán a súa vixencia nos termos recollidos na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.
Artigo 21. Traspaso de saldos e remanentes
21.1. Traspaso de actuacións realizadas en réxime de tramitación anticipada.
Unha vez aberta a contabilidade do exercicio 2026, procederase ao traspaso dos expedientes tramitados no ano 2025 ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.
No caso de que no orzamento de 2026 non exista crédito adecuado e suficiente, e non sexa posible emendar a carencia do crédito, aplicarase a condición suspensiva recollida na dita orde.
21.2. Traspaso de compromisos firmes de gasto contraídos con cargo a exercicios futuros.
Unha vez pechada a contabilidade de exercicios futuros no exercicio 2025, procederase ao traspaso ao exercicio 2026 dos compromisos firmes que fosen contabilizados na agrupación de «exercicios futuros» en 2025.
No caso de que os compromisos se refiran a varias anualidades, traspasaranse de forma conxunta a parte correspondente a 2026 e a parte correspondente a exercicios posteriores, que se contabilizará na agrupación de «exercicios futuros».
Cando, por falta de crédito adecuado e suficiente no orzamento de 2026, non se poida imputar o gasto correspondente a este exercicio, o órgano xestor deberá propoñer a aplicación e/ou o proxecto aos cales se debe imputar o compromiso de gasto, ou tramitar ante a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico a modificación de crédito necesaria.
Cando o crédito aprobado para o exercicio 2026 sexa suficiente para imputar a anualidade de 2026, pero os límites de futuros xerados na apertura do exercicio conforme o artigo 20.3 desta orde non sexan suficientes para poder realizar o traspaso das anualidades futuras, a Subdirección Xeral de Contabilidade contabilizará de oficio o incremento de límites necesario para poder realizar o traspaso contable dos compromisos.
21.3. Traspaso de compromisos firmes de gasto contraídos en exercicios anteriores.
Seguidamente, procederase á imputación ao exercicio 2026 dos compromisos firmes de gasto adquiridos e imputados ao exercicio 2025, e que non acadasen fase de obriga recoñecida no dito exercicio.
Cando, por falta de crédito adecuado e suficiente no orzamento de 2026, non se poida imputar o gasto correspondente a este exercicio, o órgano xestor deberá propoñer a aplicación e/ou o proxecto aos cales se debe imputar o compromiso de gasto, ou tramitar ante a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico a modificación de crédito necesaria.
21.4. Normas comúns aos traspasos.
Os traspasos das operacións a que se refiren os puntos anteriores serán realizados de oficio polos responsables das oficinas contables. Os traspasos deberán realizarse coa maior celeridade posible.
A imputación realizarase con carácter xeral nas mesmas aplicacións e proxectos en que foi contabilizado o gasto no exercicio 2025. No caso de que a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico asignase un novo código de aplicación e/ou proxecto nos orzamentos de 2026, a imputación realizarase nos códigos detallados no informe a que se refire o artigo 20.2 desta orde.
Antes da finalización do mes de febreiro, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma remitirá á Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico un informe comprensivo dos traspasos pendentes de realizar e das posibles insuficiencias de crédito.
A Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico poderá adoptar as medidas que considere necesarias para garantir o financiamento dos gastos pendentes de traspasar, incluíndo a tramitación de RCs de non dispoñibilidade en aplicacións da mesma sección orzamentaria.
21.5. Incorporación de remanentes.
Unha vez pechada a contabilidade do exercicio 2025, e determinados de forma definitiva os saldos de crédito resultantes, a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico tramitará de oficio as operacións que correspondan en aplicación do disposto na Orde do 20 de decembro de 2007 pola que se regula o procedemento para a incorporación automática de remanentes procedentes de exercicios anteriores.
A incorporación daqueles remanentes que non se poida realizar ao abeiro da Orde do 20 de decembro de 2007 realizarase por iniciativa do órgano competente para a xestión dos créditos correspondentes.
Artigo 22. Tramitación de expedientes con cargo ao orzamento de 2026
Mentres non estea garantido o financiamento suficiente para a imputación dos compromisos firmes adquiridos en exercicios anteriores e das actuacións realizadas en tramitación anticipada non se poderán tramitar expedientes de gasto con cargo ao exercicio 2026.
Non obstante, en casos de urxente e inaprazable necesidade, debidamente xustificada, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a través das intervencións delegadas, poderá autorizar a tramitación de expedientes novos de gasto con cargo ao orzamento do ano 2026 con anterioridade á finalización das operacións de traspaso dos expedientes procedentes de exercicios anteriores.
Cando un órgano xestor solicite a autorización a que se refire este artigo, deberá xuntar á solicitude unha certificación acreditativa da existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2026 para financiar tanto o novo expediente como aqueles expedientes derivados do traspaso que estean pendentes de contabilizar.
Os interventores, tras verificaren que o crédito do exercicio 2026 é suficiente para o financiamento de todos os expedientes derivados do traspaso que estean pendentes de contabilizar, autorizarán a tramitación do expediente sen prexuízo dos posibles reparos que por outros motivos se poidan formular a este.
No caso de que unha entidade non estea suxeita a función interventora, as actuacións encomendadas neste artigo ás intervencións delegadas serán realizadas pola División de Auditoría Pública e Control Financeiro.
Artigo 23. Celeridade nas actuacións
Os órganos xestores tramitarán no menor tempo posible as actuacións necesarias para garantir a correcta imputación e contabilización de todos os saldos contables e operacións afectados por esta orde.
Disposición adicional única
Logo da avaliación do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico no caso das modificacións orzamentarias e, para o resto dos casos, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderán autorizar a excepción do cumprimento dos prazos establecidos nesta orde mediante resolución motivada e por petición do centro xestor afectado, na cal se xustifique a urxente e inaprazable necesidade do gasto.
Disposición derradeira primeira
Autorízase a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para ditar as instrucións necesarias para o cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2025
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
ANEXO
Ponse en coñecemento da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma que a ... concluíu a tramitación de todos os expedientes con imputación aos orzamentos de 2025.
Santiago de Compostela, ... de ... de 2026
O/a director/a xeral. O/a secretario/a xeral.
