DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Xoves, 11 de decembro de 2025 Páx. 63589

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 27 de novembro de 2025 pola que se convoca o procedemento de selección dunha entidade colaboradora para a promoción, difusión e desenvolvemento do programa Carné Xove (código de procedemento CT216A).

O artigo 48 da Constitución española encoméndalles aos poderes públicos a promoción das condicións idóneas para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento económico, social e cultural.

De conformidade co disposto no Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, correspóndenlle a este órgano, a través da Dirección Xeral de Xuventude, exercer as competencias en materia de xuventude, participación e voluntariado, e en particular, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil; o fomento da participación da mocidade na vida social e o fomento da mobilidade xuvenil, dos intercambios xuvenís, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia como no resto do Estado, e no ámbito internacional.

A política xuvenil que leva a cabo a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, trata de abarcar todos os ámbitos, co obxecto de garantir o desenvolvemento integral da mocidade galega e favorecer o seu benestar e o acceso a bens e servizos de calidade.

O programa European Youth Card (Carné Xove europeo), da European Youth Card Association (Asociación do Carné Xove europeo; en diante, EYCA), marca común internacional baixo a cal se emite o carné nos países membros, constitúe unha iniciativa a nivel europeo nacida do Protocolo de Lisboa do 1 de xuño de 1987, coa finalidade de facilitar a mobilidade e intercomunicación dos/das mozos/as de 12 a 26 anos.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación das políticas de fomento de prestación de servizos á xuventude galega e adheríndose ás directrices europeas en materia de protección, promoción e integración da xente nova, desenvolve en Galicia o citado programa, baixo a marca Carné Xove, e estende os seus beneficios tamén aos/ás mozos/as de 26 a 30 anos.

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, dedica o capítulo VI do título II aos carnés de servizos á xuventude, e no artigo 18 inclúe o Carné Xove entre os servizos á xuventude. A finalidade destes carnés, conforme o previsto no artigo 29 da lei, é promover determinados beneficios relacionados co acceso a bens e servizos de carácter cultural, deportivo, recreativo, de consumo, de transporte e outros de análoga natureza.

En consonancia co exposto, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, promove o programa Carné Xove entre os mozos e as mozas de 12 a 30 anos, conforme as estipulacións do Protocolo de Lisboa do 1 de xuño de 1987 e as súas posteriores modificacións, e de acordo coas directrices da EYCA.

O Carné Xove formalízase como unha tarxeta persoal e intransferible que acredita a quen é o seu titular como beneficiario/a dos servizos que comporta tanto en Galicia como no resto das comunidades autónomas españolas e nos preto de 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove europeo (European Youth Card).

A finalidade do Carné Xove é facilitarlle á xente nova de 12 a 30 anos (ambos incluídos), mediante a colaboración dos establecementos adheridos ao programa e das entidades colaboradoras, o acceso a diferentes bens e servizos mediante descontos e outras vantaxes. Estes bens e servizos abranguen todos os ámbitos: cultural, aloxamento, transportes, comercial, ensino, etc.

O carné está homologado cos que emiten o resto das comunidades autónomas e países de Europa que están adheridos a este programa, polo que o/a seu/súa titular pode empregalo en calquera deles nas mesmas condicións que en Galicia, agás as excepcións propias de cada comunidade ou país.

Na actualidade, en Galicia o Carné Xove conta con máis de 225.000 usuarios e máis de 1.600 establecementos adheridos que lles ofrecen e facilitan a mozas e mozos entre 12 e 30 anos o acceso a servizos de carácter cultural, deportivo, recreativo, de consumo, de transporte e outros similares, así como descontos en actividades organizadas pola Dirección Xeral de Xuventude.

A expedición do Carné Xove na súa modalidade financeira e a incorporación dun seguro exixe que o perfil das entidades colaboradoras sexa o propio das entidades financeiras. Polo tanto, de modo similar ao que acontece noutras comunidades autónomas, subscribirase con estas o correspondente convenio para a promoción e difusión do Carné Xove europeo e das súas vantaxes.

Procederase, polo tanto, á selección inicialmente dunha entidade colaboradora mediante convocatoria pública. Se as necesidades do Carné Xove o exixen, realizaranse futuras convocatorias para a selección de novas entidades.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento para a selección dunha entidade financeira que colabore na promoción, difusión e desenvolvemento do programa Carné Xove na Comunicade Autónoma de Galicia.

2. A colaboración abranguerá os seguintes ámbitos de actuación:

• A subministración dos plásticos necesarios para a emisión, polos centros expendedores, dos carnés por solicitude de persoa interesada, e a emisión e remisión dos carnés xove que expida de oficio a Administración autonómica, respectando, en todo caso, as normas establecidas pola EYCA.

• A expedición do Carné Xove financeiro (tarxeta dixital e/ou tarxeta física das persoas titulares que a requiran). O Carné Xove financeiro será voluntario. Débense ofrecer beneficios financeiros nas comisións e/ou cotas de mantemento do Carné Xove financeiro en relación coas tarxetas financeiras que non son Carné Xove.

• Investimento económico anual na campaña de publicidade para a promoción e dinamización do Carné Xove a través de campañas comunicación.

• Unha achega económica para contribuír á implantación do Carné Xove e ás políticas de mocidade vinculadas a ela, contra a cal se imputarán os gastos de promoción e difusión do programa que se realicen nas actividades autorizadas pola Dirección Xeral de Xuventude.

• Seguro de asistencia en viaxes internacionais, aplicado a todos os titulares do Carné Xove expedidos pola Dirección Xeral de Xuventude e do Carné Xove financeiro expedido pola entidade seleccionada, coas coberturas mínimas que se recollen nestas bases.

3. Esta colaboración levarase a cabo a través da sinatura do convenio que figura como anexo I.

Artigo 2. Requisitos das entidades interesadas

Poderán participar no procedemento de selección as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 10.000 habitantes das catro provincias galegas (segundo datos do Instituto Galego de Estatística en xaneiro de 2024).

– Acreditar que contan cunha carteira mínima de 10.000 clientes mozos/as residentes en Galicia de entre 12 e 30 anos.

Artigo 3. Solicitudes

As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Xuventude, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se inclúe como anexo II desta orde.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo máximo de presentación das solicitudes será de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Documentación complementaria

As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Escritura de constitución/modificación.

2. Poder acreditativo da representación da persoa que asina a solicitude de participación.

3. Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para participar establecidos no artigo 2 desta orde.

4. Proxecto de colaboración para a promoción, difusión e desenvolvemento do programa Carné Xove de Galicia. Este proxecto deberá recoller os puntos que se indican a continuación, os cales serán valorados de acordo cos criterios de selección do artigo sétimo:

a) Proposta de achega económica para contribuír á implantación do Carné Xove e ás políticas de mocidade vinculadas a ela, contra a cal se imputarán os gastos de promoción e difusión do programa que se realicen nas actividades autorizadas pola Dirección Xeral de Xuventude. A cantidade mínima que se vai propoñer será de 100.000 euros para cada un dos anos de duración do convenio, e das súas posibles prórrogas.

b) Proposta de investimento nunha campaña publicitaria anual do Carné Xove, na cal se detallen o seu importe e as canles polas que se difundirá. Como mínimo, incluiranse como canles de difusión as redes sociais, a web corporativa e a rede de oficinas e caixeiros da entidade, no territorio de Galicia.

c) Relación numerada de cada un dos establecementos de acceso público abertos no territorio de Galicia en que se poida obter o Carné Xove financeiro.

d) Declaración do número de persoas mozas residentes en Galicia (entre 12 e 30 anos) clientes da entidade.

5. Condicións do seguro de asistencia en viaxes gratuíto que se compromete a subscribir, que en todo caso cubrirá a totalidade das persoas usuarias tanto na súa modalidade financeira como non financeira e que deberá incorporar, como mínimo, as garantías seguintes:

• Cobertura nacional e internacional.

• Delimitación temporal da cobertura durante 90 días desde a saída do seu domicilio habitual.

• Transporte ou repatriación sanitaria no caso de enfermidade ou accidente.

• Asistencia médica por enfermidade ou accidente do/da usuario/a desprazado/a.

• Desprazamento e aloxamento do/da acompañante do/da usuario/a.

• Transporte ou repatriación do/da usuario/a falecido/a.

• Localización de equipaxes e efectos persoais.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 5. Emenda das solicitudes

Se as solicitudes non se presentan cubertas en todos os seus termos ou a documentación complementaria está incompleta, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer, se considerará que desiste da na súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

1. NIF da entidade solicitante.

2. DNI/NIE da persoa representante.

3. Certificado de estar ao día no cumprimento de obrigas tributarias coa AEAT.

4. Certificado de estar ao día no cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

5. Certificado de estar ao día no cumprimento de obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma.

No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Instrución do procedemento. Criterios de selección

1. Recibidas as solicitudes de participación, a Dirección Xeral de Xuventude, a través do Instituto da Xuventude de Galicia, comprobará a documentación recibida e requirirá, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de ser o caso, a súa emenda, cando for necesario.

Logo de examinadas as solicitudes presentadas, e de emendadas, de ser o caso, todas as que cumpran os requisitos exixidos nestas bases, pasarán a ser avaliadas pola Comisión de Valoración a que se refire o artigo 8, de conformidade cos seguintes criterios:

a) Mellora na achega económica da cantidade establecida no artigo cuarto, punto 4.a). Valorarase con 50 puntos a entidade que maior achega oferte por riba do mínimo e, o resto, de maneira proporcional.

b) Importe do investimento económico na campaña publicitaria anual. Valorarase con 20 puntos a entidade que maior achega realice para esta campaña e, o resto, de maneira proporcional.

c) Relación numerada dos establecementos de acceso público abertos no territorio de Galicia nos cales se poida obter o Carné Xove financeiro. Valorarase con 20 puntos a entidade que máis puntos de expedición teña abertos en Galicia e, o resto, de maneira proporcional.

d) Número de persoas mozas residentes en Galicia (entre 12 e 30 anos) clientes da entidade: valorarase con 10 puntos a entidade que máis persoas mozas residentes en Galicia teña como clientes e, o resto, de maneira proporcional, logo de superado o mínimo de fidelización exixido para participar segundo o artigo 2 desta orde.

2. Por petición da Presidencia da Comisión de Valoración, a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, a través do Instituto da Xuventude de Galicia, poderá, durante o proceso de valoración, solicitarlles todas as aclaracións que considere oportunas ás entidades participantes.

3. Rematada a avaliación, a Comisión de Valoración elevará á Dirección Xeral de Xuventude un informe en que se relacionarán as entidades que participasen e a puntuación que obtivesen.

4. O feito de participar neste proceso selectivo implica a total aceptación das condicións reguladas neste orde.

Artigo 8. Comisión de Valoración

1. Coa finalidade de avaliar as solicitudes presentadas, crearase unha Comisión de Valoración que estará formada por:

• Presidencia: a persoa titular da Xefatura do Servizo de Actividades para a Xuventude.

• Vogalías: dúas persoas empregadas públicas adscritas á Dirección Xeral de Xuventude, que serán nomeadas pola súa persoa titular.

• Secretaría: unha persoa empregada pública adscrita á Subdirección Xeral do Instituto da Xuventude de Galicia, que será nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude.

As persoas membros da Comisión de Valoración serán substituídas polas persoas empregadas públicas que designe a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude para o caso de que se produza a súa vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a súa abstención ou recusación.

No nomeamento das persoas titulares e suplentes terase en conta o principio de composición equilibrada de mulleres e homes.

Logo de examinadas as solicitudes presentadas, todas as que cumpran os requisitos exixidos nestas bases pasarán a ser avaliadas pola Comisión de Valoración que emitirá un informe en que se relacionarán as entidades participantes e a puntuación obtida, segundo a aplicación dos criterios de selección indicados no artigo 7.

2. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 9. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás entidades interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Xuventude será o órgano competente para a instrución deste procedemento, así como para realizar a proposta de resolución á vista do informe da Comisión de Valoración, e correspóndelle á persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ditar a resolución que proceda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 12. Resolución

O prazo máximo para resolver e notificarlles a resolución ás entidades interesadas será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co disposto no artigo 25.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, se esta fose expresa. Se non o for, poderase interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, tal e como establece o artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 15. Formalización do convenio de colaboración

Unha vez seleccionada a entidade procederase, conforme o disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a subscribir con ela o convenio que figura como anexo I desta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

ANEXO I

Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e ******************************* para o promoción, difusión e desenvolvemento do programa Carné Xove

Santiago de Compostela, na data da sinatura electrónica

REUNIDOS:

Dunha parte, José Carlos López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude en virtude do Decreto 44/2024, do 14 de abril, do seu nomeamento, e no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no uso das atribucións que lle confire o Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

E doutra parte, *******************, con NIF ***************, que actúa en nome e representación de ********************** na súa condición de **************** en virtude das facultades emanadas de*****************.

Ambas as dúas partes interveñen no nome e representación das súas respectivas institucións no exercicio das competencias que lles están legalmente atribuídas e recoñécense mutua e reciprocamente capacidade para obrigarse mediante este convenio nos termos que nel se conteñen e, para o efecto,

MANIFESTAN:

I. Que o artigo 48 da Constitución española lles encomenda aos poderes públicos a promoción das condicións idóneas para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento económico, social e cultural.

II. Que, de conformidade co disposto no Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, lle corresponden a este órgano, a través da Dirección Xeral de Xuventude, exercer as competencias en materia de xuventude, participación e voluntariado, e en particular, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil; o fomento da participación da mocidade na vida social e o fomento da mobilidade xuvenil, dos intercambios xuvenís, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia como no resto do Estado, e no ámbito internacional.

III. Que a política xuvenil que leva a cabo a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, trata de abarcar todos os ámbitos, co obxecto de garantir o desenvolvemento integral da mocidade galega e favorecer o seu benestar e o acceso a bens e servizos de calidade.

IV. Que o programa European Youth Card (Carné Xove europeo), da European Youth Card Association (Asociación do Carné Xove europeo; en diante, EYCA), marca común internacional baixo a cal se emite o carné nos países membros, constitúe unha iniciativa a nivel europeo nacida do Protocolo de Lisboa do 1 de xuño de 1987, coa finalidade de facilitar a mobilidade e intercomunicación dos/das mozos/as de 12 a 26 anos.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación das políticas de fomento de prestación de servizos á xuventude galega e adheríndose ás directrices europeas en materia de protección, promoción e integración da xente nova, desenvolve en Galicia o citado programa, baixo a marca Carné Xove, e estende os seus beneficios tamén aos/ás mozos/as de 26 a 30 anos.

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, dedica o capítulo VI do título II aos carnés de servizos á xuventude, e no artigo 18 inclúe o Carné Xove entre os servizos á xuventude. A finalidade destes carnés, conforme o previsto no artigo 29 da lei, é promover determinados beneficios relacionados co acceso a bens e servizos de carácter cultural, deportivo, recreativo, de consumo, de transporte e outros de análoga natureza.

En consonancia co exposto, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, promove o programa Carné Xove entre os mozos e as mozas de 12 a 30 anos, conforme as estipulacións do Protocolo de Lisboa do 1 de xuño de 1987 e as súas posteriores modificacións, e de acordo coas directrices da EYCA.

O Carné Xove formalízase como unha tarxeta persoal e intransferible que acredita a quen é o seu titular como beneficiario/a, dos servizos que comporta tanto en Galicia como no resto das comunidades autónomas españolas e nos preto de 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove europeo (European Youth Card).

A finalidade do Carné Xove é facilitarlle á xente nova de 12 a 30 anos (ambos incluídos), mediante a colaboración dos establecementos adheridos ao programa e das entidades colaboradoras, o acceso a diferentes bens e servizos mediante descontos e outras vantaxes. Estes bens e servizos abranguen todos os ámbitos: cultural, aloxamento, transportes, comercial, ensino, etc.

O carné está homologado cos que emiten o resto das comunidades autónomas e países de Europa que están adheridos a este programa, polo que o/a seu/súa titular pode empregalo en calquera deles nas mesmas condicións que en Galicia, agás as excepcións propias de cada comunidade ou país.

V. Que ao abeiro da Orde do 27 de novembro de 2025 pola que se convoca o procedemento de selección dunha entidade colaboradora para a promoción, difusión e desenvolvemento do programa Carné Xove (código de procedemento CT216A), a entidade xxxxxx resultou seleccionada como colaboradora para a promoción, difusión e desenvolvemento do programa Carné Xove.

VI. En consecuencia, ambas as dúas partes acordan asinar este convenio de colaboración, que pretende a promoción, difusión e desenvolvemento do Carné Xove da Xunta de Galicia, (European Youth Card; en diante, Carné Xove), conforme as seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto do convenio

Este convenio ten por obxecto establecer as bases da colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, e a entidade financeira xxxxxxxxxxxxx (en diante, a entidade), para o apoio ás accións de promoción, difusión e desenvolvemento do programa Carné Xove que se leven a cabo en Galicia durante a vixencia deste convenio.

Segunda. Confección e deseño

A entidade colaborará no programa Carné Xove a través da subministración dos plásticos necesarios para a emisión, polos centros expendedores, dos carnés por solicitude de persoa interesada, e a emisión e remisión dos carnés xove que expida de oficio a Administración autonómica, respectando en todo caso as normas establecidas pola EYCA.

A colaboración, consistente na emisión e remisión anual das tarxetas físicas do Carné Xove de oficio, que se realizará cada mes de outubro, incluirá os seguintes conceptos:

• Personalización das tarxetas plásticas do Carné Xove formato TA (mm): 85 ˣ 54 en PVC, coa impresión dos seguintes datos, facilitados pola Dirección Xeral de Xuventude, dun máximo de 35.000 mozos e mozas:

Nome e apelidos da persoa titular.

Data de nacemento da persoa titular.

Válido ata (data de caducidade do carné).

Número de carné (código alfanumérico de 19 posicións).

Número secuencial de cotexo.

• Impresión dun máximo de 35.000 unidades dun folleto cuxo deseño en pdf lle será achegado pola Dirección Xeral de Xuventude á entidade. O folleto reunirá as seguintes características: formato TA (mm): 210x297, formato TC (mm): 148,5x210, tipo de papel couche mate, gramaxe 150 gramos. 5 cores no anverso e 5 no reverso. Pregado en forma de díptico.

• Impresión dun máximo de 35.000 unidades dunha carta cuxo deseño en pdf lle será achegado pola Dirección Xeral de Xuventude á entidade, coas seguintes características: formato TA (mm): 210x297, formato TC (mm): 210x148,5; tipo de papel Offset gramaxe 90 gramos, 4 cores no anverso y en el reverso personalización por láser por ambas as caras e pregado en forma de díptico.

• Impresión dun máximo de 35.000 unidades dun anexo cos puntos de activación doCarné Xove, cuxo deseño en pdf lle será achegado pola Dirección Xeral de Xuventude á entidade, consistente nunha folla impresa polas dúas caras coas siguientes características: formato TA (mm): 210x297, formato TC (mm): 210x148,5; tipo de papel Offset, gramaxe 90 gramos, 4 cores no anverso e 4 cores no reverso. Pregado en forma de díptico.

• Achega dun máximo de 35.000 sobres e ensobrado de todo o material en sobres coas seguintes características: formato: 162x229 mm, en papel Offset branco, gramaxe de 90 gramos, 4 cores no anverso, con ventá á dereita de 45x100 mm a 60 mm da base 20 mm do lateral dereito.

• Logo de personalizadas as tarxetas cos datos correspondentes aos seus titulares, pegado do Carné Xove na carta mediante un punto de silicona, logo de cotexo de que os datos da carta coinciden cos da persoa titular do Carné Xove, e posterior ensobrado manual dos tres elementos: carta, folleto e folla cos puntos de activación. Finalmente, clasificación postal, atadura, embalaxe e entrega en Correos.

Para o tratamento dos datos de carácter persoal derivado desta colaboración, asinarase o correspondente encargo de tratamento de datos persoais coa entidade.

A entidade tamén debe asumir a subministración dos plásticos das tarxetas necesarios para a impresión dos carnés xoves que emitan os centros expendedores por petición da persoa interesada, en número máximo de 35.000 ao ano, segundo vaia demandando a Dirección Xeral de Xuventude.

O deseño das tarxetas deberá respectar as normas establecidas pola EYCA, e a entidade poderá incorporar nelas o seu logotipo e deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia. Con anterioridade á súa distribución, o deseño deberá ser sometido á aprobación da Dirección Xeral de Xuventude. Como anexo B figura o deseño que rexerá a partir da sinatura deste convenio, ata que sexa substituído polo que poida aprobar a Dirección Xeral de Xuventude. Como anexo C figuran os signos distintivos do programa European Youth Card que rexerán a partir da sinatura deste convenio ata que sexan substituídos polos que acorde a EYCA.

Terceira. Actividade de promoción e difusión

A entidade, logo da aprobación expresa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, poderá utilizar o logotipo e a imaxe do Carné Xove para a súa promoción. A entidade queda autorizada así mesmo, para facer mención en todo momento da súa colaboración co Carné Xove da Xunta de Galicia.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incluirá a imaxe corporativa da entidade e fará referencia expresa á súa colaboración en toda difusión de material ou publicidade do Carné Xove que realice ao abeiro deste convenio.

Cuarta. Carné Xove co servizo financeiro

Ao abeiro deste convenio, e logo da avaliación do risco financeiro, a entidade queda autorizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para incorporar ao Carné Xove os servizos financeiros asociados, nos casos en que así o soliciten os/as usuarios/as. Exixindo das persoas titulares a domiciliación dos cargos derivados do seu uso nun depósito da entidade, sen que se poidan designar para os efectos da domiciliación, depósitos abertos noutras entidades de crédito. Neste caso, engadirase ao carné o servizo financeiro como un servizo engadido que a entidade lles ofrece con carácter voluntario e gratuíto ás persoas titulares do Carné Xove. Este servizo formalizarase como tarxeta de débito, sen prexuízo de que as partes poidan decidir, conxuntamente, a súa emisión noutras modalidades. A entidade poderá incorporar o seu logotipo na tarxeta do Carné Xove co servizo financeiro.

A expedición do Carné Xove na súa modalidade financeira irá asociada a unha conta específica para os seus titulares, xa existente na entidade ou aberta no momento da solicitude. Pola conta asociada ao Carné Xove non se exixirán saldos mínimos nin tampouco se cobrarán comisións de ningún tipo polo mantemento da conta nin da tarxeta.

As operacións realizadas co Carné Xove non supoñerán a aplicación de ningunha comisión pola súa utilización como medio de pagamento.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude non terá ningunha responsabilidade polo uso que de tal servizo financeiro efectúen as persoas titulares da tarxeta Carné Xove.

Será competencia exclusiva da entidade, de acordo cos seus parámetros, políticas e criterios internos, a concesión ou denegación do seu servizo financeiro aos/ás solicitantes. A potestade exclusiva da entidade comprende tanto a decisión de conceder ou non o servizo financeiro como a determinación da modalidade de carné financeiro que, de ser o caso, se lle conceda ao/á solicitante.

O Carné Xove co servizo financeiro estará vinculado a unha marca universal de primeira orde, de entre aquelas que a entidade estea lexitimamente autorizada a emitir. O anexo A deste convenio contén a relación de marcas universais que as partes recoñecen como de primeira orde e que a entidade pode emitir.

As partes acordan que o Carné Xove co servizo financeiro se emita inicialmente vinculado á marca de sistemas de pagamento de ámbito internacional VISA (para os efectos deste convenio, «a marca universal»). A entidade poderá substituír a marca universal por calquera outra das que se indican no anexo A.

Porén, o cambio por parte da entidade da marca universal tratarase na Comisión Mixta de Control e Seguimento e comunicaráselle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. En ningún caso o cambio de marca universal poderá comportar para a Xunta de Galicia ningún custo ou un detrimento das condicións económicas pactadas entre as partes neste convenio.

Quinta. Achega económica da entidade

A entidade achegará como colaboración ao programa:

1) A cantidade de ************** €, IVE incluído, para cada un dos anos de vixencia do convenio e das súas posibles prórrogas, que se destinará a actividades de difusión e promoción do Carné Xove que se desenvolvan a partir da sinatura deste convenio e ata o remate da súa vixencia. As actividades englobaranse nos seguintes conceptos:

• Promoción, publicidade e difusión do European Youth Card.

• Captación e renovación de acordos con entidades colaboradoras

• Actividades para a xuventude encamiñadas á promoción do Carné Xove e captación de novos/as titulares.

• Subministración do material necesario para as actividades de promoción.

A entidade destinará a cantidade indicada no primeiro parágrafo desta cláusula a efectuar o pagamento das facturas que lle sexan presentadas, logo de aprobación pola Dirección Xeral de Xuventude, sempre que o dito pagamento se corresponda con algún dos conceptos anteriores.

2) A entidade subscribirá, en calidade de tomadora, un seguro de asistencia en viaxe para os posuidores do carné, coa entidade aseguradora que considere pertinente, que cubrirá a totalidade das persoas usuarias tanto na súa modalidade financeira como non financeira. O seguro deberá incorporar, como mínimo, as garantías seguintes:

• Cobertura nacional e internacional.

• Delimitación temporal da cobertura durante 90 días desde a saída do seu domicilio habitual.

• Transporte ou repatriación sanitaria no caso de enfermidade ou accidente.

• Asistencia médica por enfermidade ou accidente do/da usuario/a desprazado/a.

• Desprazamento e aloxamento do/da acompañante do/da usuario/a.

• Transporte ou repatriación do/da usuario/a falecido/a.

• Localización de equipaxes e efectos persoais.

O importe do custo anual deste seguro será soportado integramente pola entidade.

No marco deste convenio, a entidade poderá subscribir, en calidade de tomadora, o seguro de asistencia en viaxe coa entidade aseguradora que en cada momento considere conveniente.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, comprométese a facilitarlle á entidade por requirimento desta, a información relativa exclusivamente á cantidade de persoas posuidoras de Carné Xove existentes, para os efectos de que a entidade leve a cabo, na súa condición de tomadora, a xestión, o desenvolvemento, mantemento e o control do seguro de asistencia en viaxe mencionado.

En todo caso, para poder beneficiarse das coberturas do dito seguro en caso de sinistro os usuarios do Carné Xove deberán xustificar a vixencia e activación deste.

3) Así mesmo, a entidade realizará unha campaña anual de comunicación e difusión do programa nas súas redes sociais, web corporativa e rede de oficinas e caixeiros en Galicia, co obxectivo de promover un maior coñecemento do Carné Xove en calquera das súas dúas variantes.

Sexta. Compromisos

Para os efectos deste convenio, os compromisos que adquire a entidade, ademais do relativo á achega económica establecida na cláusula quinta anterior, son os seguintes:

1º. Asumir a subministración dos plásticos necesarios para a emisión, polos centros expendedores, dos carnés por solicitude da persoa interesada, e a emisión e remisión dos carnés xove que expida de oficio a Administración autonómica, respectando en todo caso as normas establecidas pola EYCA, sen ningún custo para a Xunta de Galicia.

2º. Someter ao coñecemento Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia cantos elementos publicitarios e de calquera tipo vaian ser empregados na difusión e execución do programa.

3º. Facerse cargo da difusión xeral do programa Carné Xove con cargo ás achegas económicas estipuladas na cláusula quinta.

4º. Engadirlle o servizo financeiro ao Carné Xove nos termos establecidos na cláusula cuarta deste convenio.

5º. Colaborar, ademais, nas liñas de potenciación do Carné Xove utilizando os medios habituais nas súas comunicacións comerciais.

6º. Incorporar un seguro de asistencia en viaxes para os/as titulares do Carné Xove financeiro e non financeiro.

7º. Realizar unha campaña anual de difusión do programa Carné Xove a través das súas oficinas e caixeiros dentro do período de vixencia do convenio.

Para os efectos deste convenio, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude adquire os compromisos seguintes:

1º. Difundir a colaboración da entidade no programa Carné Xove.

2º. Someter ao coñecemento da entidade cantos elementos publicitarios e de calquera tipo vaian ser empregados na difusión e execución do programa.

3º. Facilitarlle á entidade o modelo de compromiso de adhesión que deben subscribir os comercios adheridos ao programa e garantir as condicións e vantaxes que lle concedese ao comercio por ser titular do Carné Xove, sen discriminar polo medio de pagamento empregado.

4º. Informar a entidade de calquera acto de desenvolvemento do programa co detalle necesario para o seu coñecemento.

5º. Comunicarlle á entidade calquera modificación da normativa aplicable en materia do Carné Xove que a poida afectar.

Sétima. Cesión de dereitos

Os dereitos e as obrigas asumidos por cada unha das partes en virtude deste convenio non son transmisibles nin poderán constituír obxecto de cesión a terceiros sen o consentimento previo, expreso e por escrito da outra parte. Porén, non se entenderá que se produciu cesión de dereitos se a posición que ten a entidade neste convenio é asumida por unha terceira entidade en virtude dunha operación de fusión, escisión, cesión global de activos e pasivos ou calquera operación de reestruturación de análoga natureza.

Oitava. Comisión Mixta de Seguimento e Control

Crearase unha comisión para o seguimento e control deste convenio, formada por catro membros, dúas persoas de cada parte.

Por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Comisión estará composta pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude ou persoa que a substitúa, que a presidirá, e por outra persoa designada por esta de entre o persoal funcionario do Instituto da Xuventude de Galicia.

Por parte da entidade, a Comisión estará composta por dúas persoas designadas para estes efectos e que serán comunicadas á Dirección Xeral de Xuventude.

Actuará como secretario/a outra persoa representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

No caso de ausencia dalgunha das persoas membros da Comisión, esta será substituída por outra persoa designada polo órgano competente para nomear a persoa titular. Por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a persoa suplente será designada, así mesmo, entre o persoal funcionario do Instituto da Xuventude de Galicia.

Entenderase constituída cando comparezan, presentes ou representados/as, os/as catro membros.

As reunións terán lugar cando os/as membros da Comisión Mixta o decidan. Para iso, bastará coa petición dunha soa persoa dos/das seus/súas membros. As persoas membros da Comisión Mixta deberán estar designadas nun prazo de trinta días hábiles contados a partir do seguinte ao da sinatura deste convenio e a súa designación terá a duración correspondente á da vixencia do convenio, mentres cada parte non decida revogala. Das reunións redactará unha acta a persoa que actúe como secretario/a, que asinarán os/as catro membros.

Os acordos da Comisión Mixta de Seguimento adoptaranse por maioría.

A propia Comisión acordará o seu calendario de reunións.

A Comisión terá as seguintes funcións:

1. Con carácter xeral, a interpretación e a aplicación das cláusulas deste convenio, así como velar polo seu cumprimento e execución.

2. Adoptar ou propoñer as medidas necesarias para garantir o exercicio coordinado das competencias de cada unha das partes e para a solución de cuestións non previstas.

3. Establecer criterios de seguimento e avaliación do programa.

4. Propoñer, para a súa aprobación polos órganos competentes, addendas ou modificacións deste convenio.

Novena. Transparencia e bo goberno

En cumprimento do disposto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude informará na súa páxina web oficial da subscrición deste convenio cos seguintes datos básicos: identificación das partes, importe do financiamento, data da sinatura, finalidade e período de vixencia. A sinatura do convenio leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos e a referida publicidade.

O convenio será rexistrado de acordo co prescrito no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

As partes asinantes do convenio autorizan, así mesmo, a que os seus datos persoais e as demais especificacións contidas neste convenio poidan ser publicados no Portal de transparencia e goberno aberto.

Décima. Información básica en materia de protección de datos

Os datos persoais recadados neste convenio serán tratados, na súa condición de responsable pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste convenio.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público, conforme as referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Os datos seranlles comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao convenio, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na cláusula novena deste convenio, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

A prestación pola entidade dos servizos asumidos no desenvolvemento do programa fai necesario o seu acceso a datos de carácter persoal, de cuxo tratamento a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é responsable. En consecuencia, a entidade axustarase ao réxime establecido no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se deroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Décimo primeira. Entrada en vigor e período de vixencia

Este convenio entrará en vigor no momento da súa sinatura e terá unha vixencia de dous anos. Poderá ser prorrogado anualmente, antes do remate da súa vixencia, por acordo expreso das partes ata un máximo de dous anos adicionais.

Décimo segunda. Nulidade e ineficacia dos pactos

Se calquera pacto deste convenio for declarado, total ou parcialmente, nulo ou ineficaz, tal nulidade ou ineficacia afectará só esta disposición ou a parte dela que resulte nula ou ineficaz, subsistirá o convenio en todo o restante e terase tal disposición, ou a parte dela que resulte afectada, por non posta.

O anterior non será de aplicación con respecto a aquelas disposicións cuxa supresión determine unha minoración significativa no equilibrio das prestacións recíprocas das partes.

Décimo terceira. Causas de resolución do convenio

Serán causas de resolución deste convenio as seguintes:

– O transcurso do prazo de vixencia, se non se acorda a súa prórroga antes da finalización deste prazo.

– A renuncia de calquera das partes, formulada por escrito con tres meses de antelación.

– O incumprimento das cláusulas e das obrigas e compromisos asumidos no convenio.

– Mutuo acordo das partes.

– Perda do obxecto do convenio pola extinción do programa Carné Xove European Youth Card.

Décimo cuarta. Réxime xurídico e resolución de cuestións litixiosas

Este convenio terá carácter administrativo e, polo tanto, conforme o artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, queda excluído do ámbito de aplicación da citada norma e rexerase polo estipulado entre as partes. O seu réxime xurídico será o establecido no artigo 47 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Os conflitos derivados da interpretación e aplicación do convenio serán resoltos pola xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo quinta. Notificación electrónica

Segundo o artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os colectivos que están obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas e, polo tanto, a recibir notificacións por canles electrónicas son as persoas xurídicas as entidades sen personalidade xurídica, os colexios profesionais, quen represente unha persoa interesada que estea obrigada a relacionarse electronicamente coa Administración e as persoas empregadas das administracións públicas para os trámites que realicen con elas por razón da súa condición de persoa empregada pública.

As notificacións realizaranse só por medios electrónicos a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notific@, https://notifica.xunta.gal. Para poder acceder a unha notificación electrónica, a persoa interesada deberá contar cun certificado electrónico asociado ao NIF que figure como persoa destinataria da notificación (persoa física ou xurídica). Así mesmo, a persoa interesada pode autorizar a calquera outra persoa a acceder ao contido das súas notificacións.

Décimo sexta. Modificacións do convenio

Este convenio poderá modificarse por acordo de ambas as partes, mediante addenda, cos mesmos requisitos e condicións que para a aprobación do convenio.

En proba de conformidade, asinan este convenio en Santiago de Compostela na data da sinatura electrónica.

ANEXO A

Relación de marcas universais

Visa

Mastercard

Jcb

Dinners

American Express

ANEXO B

Deseño dos carnés

missing image file

ANEXO C

Signos distintivos

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file