DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 16 de decembro de 2025 Páx. 64438

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Orde do 4 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MT809D).

BDNS (Identif.): 874306.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/874306

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo e oso:

Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta, equino e apícola que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

2. Liña para prevención de danos ocasionados polo xabaril.

Poderanse acoller a estas axudas:

a) As persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

b) As explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, oso e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, procedendo á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MT809D).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 4 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MT809D).

Cuarto. Contía

a) Liña de prevención de danos ocasionados polo lobo: comprenderá ata un importe de trescentos vinte e cinco mil euros (325.000 €) que se destinarán para a adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada.

b) Liña de prevención de danos ocasionados polo oso: comprenderá ata un importe de dez mil euros (10.000 €) que se destinarán para a adquisición de pastores eléctricos.

c) Liña de prevención de danos ocasionados polo xabaril: comprenderá ata un importe de cento vinte e cinco mil euros (125.000 €) que se destinarán para a adquisición de pastores eléctricos.

A repartición anterior aplicarase sen prexuízo de que, unha vez atendidas todas as solicitudes para cada liña de actuación, poida utilizarse o posible orzamento sobrante nunha delas para atender solicitudes na outra.

Subvencionarase a adquisición de:

1. Cans para a protección e defensa do gando: para súa adquisición ata un importe máximo de 300 € por can, para os gastos de mantemento ata 200 € por can.

2. Adquisición de pastores eléctricos. A contía máxima da axuda por explotación é de 600 €.

3. Adquisición de cerrumes móbiles de malla electrificada. A contía máxima da axuda será de 100 euros por malla de 50 m, ata un máximo de 8 mallas por explotación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático