DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 16 de decembro de 2025 Páx. 64441

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 12 de decembro de 2025 pola que se publica o incremento da dotación orzamentaria da Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI434B).

No Diario Oficial de Galicia do 22 de xaneiro de 2025 publicouse a Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI434B).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexerán a concesión das axudas previstas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2025.

A finalidade das axudas establecidas no referido artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero.

No artigo 4 da antedita orde establécese que para a concesión destas axudas se destina crédito polo importe seguinte:

– Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: 2.678.283 euros na aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.0, código de proxecto 2015 00180.

– Indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero: 55.000 euros na aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.1, código de proxecto 2015 00150.

Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por outra banda, o artigo 7.un.h), da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, dispón que, con independencia dos supostos previstos no punto 1 do artigo 64 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán excepcionalmente a condición de ampliables os créditos incluídos na aplicación 08.06.313D.480.0, destinados a pagar axudas directas a mulleres vítimas de violencia de xénero, e os incluídos na aplicación 08.06.313D.480.1, con destino a pagar as indemnizacións previstas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Na data actual, dado o volume de solicitudes recibidas para a concesión da axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e que non poden ser atendidas co crédito inicialmente asignado, tendo en conta as necesidades das posibles beneficiarias, considérase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada, a través do suposto previsto na letra a) do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de tramitación dunha xeración de crédito, así como o previsto no artigo 4.2 da Orde do 3 de xaneiro de 2025.

A ampliación de crédito publicaraa o órgano concedente nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Consonte o exposto, e en uso das facultades que me foron concedidas ao abeiro do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento de crédito

1. Ampliar a dotación orzamentaria prevista no artigo 4 da Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI434B).

2. O incremento da dotación das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, é de 583.856,76 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.0, código de proxecto 2015 00180.

3. Esta ampliación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade