DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 16 de decembro de 2025 Páx. 64365

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 4 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en gandarías, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MT809G).

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de conservación da natureza.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ten atribuída a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos, segundo o establecido no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

A compatibilidade entre conservación da biodiversidade e a fauna silvestre coa actividade agrogandeira resulta indispensable para alcanzar un contexto de convivencia, debendo facilitarse especialmente a coexistencia con grandes depredadores, como o lobo, coa actividade económica das poboacións rurais.

No contexto do abano de actuacións en materia de prevención dos danos ocasionados polo lobo impulsado pola Administración autonómica galega, o fomento das boas prácticas e o manexo adecuado das explotacións agrogandeiras constitúe, sen dubida, unha das medidas que máis pode contribuír tanto a reducir os danos desta especie sobre as producións como a acadar o obxectivo dun desenvolvemento rural máis sustentable.

A prevención está considerada como unha ferramenta imprescindible para compatibilizar a gandaría coa presenza e a conservación do lobo en Galicia. A escala local, o lobo pode causar importantes perdas entre o gando e as especies silvestres de fauna. No compromiso que debe asumir a Administración de protexer e conservar esta especie, é necesario manter un equilibrio entre os obxectivos globais de conservación e as preocupacións lexítimas das poboacións rurais que viven nestas zonas, debendo contarse co seu apoio. Neste marco, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural considerou fundamental contar cunha valoración da eficacia de distintos métodos de prevención dos danos ocasionados polo lobo no gando en réxime extensivo en Galicia, coa finalidade da súa implantación, para o que se levou a cabo un estudo cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do Programa de desenvolvemento rural 2014-2010 (PDR) (https://cmatv.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=444684&name=DLFE-45221.pdf).

A maior parte das experiencias en protección do gando en extensivo conclúen descensos no nivel de danos cando se manteñen ou favorecen prácticas tradicionais de prevención e manexo do gando, como a custodia con cans especializados, a vixilancia do gandeiro ou pastor, o confinamento nocturno en recintos seguros ou a protección das crías nas etapas de maior vulnerabilidade, polo que a contratación de persoas coidadoras do gando que poidan axudar a desenvolver estas medidas contribuirá a reducir o nivel de danos.

Así, en rabaños de gando menor é mais frecuente o pastoreo e a protección e acompañamento con cans especializados protectores e defensores, mentres que en gando vacún trátase dunha práctica menos estendida. En todo caso, considérase oportuno apoiar e fomentar esta medida que xunta prevención e manexo do gando.

Mediante a presente orde establécese unha liña de axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando que permanece en extensivo, co fin de protexer no posible aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación, naqueles lugares en que as características do medio e as condicións das explotacións podan contribuír en maior medida a este risco.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario, a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas para a contratación de persoas coidadoras de gando en explotacións gandeiras para pastoreo e manexo do gando como medida preventiva dos danos que poida ocasionar o lobo, procedendo á súa convocatoria para o exercicio orzamentario do ano 2026 (código de procedemento MT809G).

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia.

2. As persoas definidas no parágrafo anterior, para obter a condición de beneficiario das axudas previstas na presente orde, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non incorrer nalgunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario.

b) Encontrarse ao día do cumprimento das obrigas tributarias co Estado, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

c) As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación necesaria para a posterior valoración nos prazos e forma establecidos.

2. Admitirase unha única solicitude por solicitante.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e importe

1. Será actividade subvencionable o investimento para a contratación de persoas coidadoras de gando en explotacións gandeiras, como elemento preventivo dos danos que poidan ocasionar o lobo, que cumpran os seguintes requisitos:

a) O pastoreo exercerase sobre as reses da explotación gandeira e nos terreos destinados ao pastoreo do gando da persoa beneficiaria.

b) Poderán acollerse a estas axudas os contratos en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2026 ata o 30 de novembro de 2026.

c) Será obxecto de axuda a actividade de pastoreo que se realice a xornada completa (40 horas semanais), con redución proporcional no caso de xornadas inferiores.

Ao comezar ou ao finalizar o contrato, de non alcanzar un mes completo, ratearase a subvención segundo os días de actividade de pastoreo e manexo do gando efectivos.

d) Deberanse indicar en todos os casos os terreos onde se van desenvolver as actividades de pastoreo para as cales se solicita a subvención.

2. A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables e fíxase un importe máximo de 16.500 euros de axuda, por persoa beneficiaria.

3. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. Nos casos dunha duración inferior ao mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, cun límite de 9 €/hora efectivamente traballada.

4. Subvencionarase o investimento na contratación de persoa coidadora do gando. O número de contratacións por solicitante será dunha persoa coidadora de gando.

5. Se por causa xustificada o importe final dos gastos fose menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.

6. Non será causa de incremento da axuda que o importe final dos gastos sexa superior ao tomado en consideración para a concesión desta.

7. En todo caso, a contía das axudas estará condicionada á dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 4. Criterios de valoración

1. Para a concesión das axudas recollerase a puntuación total de acordo cos seguintes criterios de valoración das solicitudes que cumpran os requisitos nas bases reguladoras, por orde de preferencia:

a) Titulares de explotacións gandeiras de ovino-cabrún de produción-reprodución de aptitude cárnica: 40 puntos.

b) Titulares de explotacións equinos de produción-reprodución en extensivo: 30 puntos.

c) Titulares de explotacións gandeiras de bovino de produción-reprodución de aptitude cárnica: 20 puntos.

d) Superficie admisible declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2025 >30 ha: 20 puntos.

e) Superficie admisible declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2025 <30 ha: 5 puntos.

f) Disposición na explotación de cans protectores e defensores do gando: 20 puntos.

g) Existencia de danos ocasionados polo lobo na explotación gandeira entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2025, que fosen avaliados favorablemente pola comisión de valoración establecida na orde anual pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos por esta especie: 20 puntos, incrementándose en 0,5 puntos por cada un dos danos sufridos neste período, ata un máximo de 5 puntos.

h) Número de cabezas de gando:

Gando maior (bovino e equino):

– Máis de 50 cabezas: 10 puntos.

– Máis de 100 cabezas: 20 puntos.

Gando menor (ovino e cabrún):

– Máis de 100 cabezas: 10 puntos.

– Máis de 200 cabezas: 20 puntos.

No caso de explotacións mixtas de gando maior e menor, a puntuación resultante será a suma dos puntos obtidos polo número de cabezas de gando maior e menor.

i) Titulares de explotacións gandeiras que teñan contratada unha liña de aseguramento gandeiro que inclúa como riscos asegurables os ataques ao gando por animais silvestres: 5 puntos.

Artigo 5. Baremación e criterios de desempate

A concesión das axudas realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas, de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo 4, e adxudicarase, cos límites fixados na convocatoria dentro do crédito dispoñible, a aquelas que teñan obtido maior valoración en aplicación dos citados criterios, ata esgotar o dito crédito.

En caso de empate na puntuación obtida, este resolverase tendo en conta a valoración no criterio g), de persistir o empate, dirimirase este segundo a orde de rexistro de entrada das solicitudes.

Artigo 6. Solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, persoas traballadoras autónomas, as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

3. A solicitude de axuda segundo o anexo I desta orde (código de procedemento MT809G), inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Se a persoa titular é unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta co acordo dos/as partícipes para solicitar a subvención. Cando se trate dunha comunidade de bens, acreditarase que o acordo foi tomado pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na dita comunidade. Cando se trate dunha comunidade de montes veciñais en man común, o acordo deberá estar tomado en asemblea e acreditado mediante acta ou certificación da secretaría.

b) No suposto de actuar por representación, acreditación da persoa representante que asine a solicitude, por calquera dos medios sinalados no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 32 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

c) Copia do contrato. En cada contrato deberá constar o obxecto do contrato, o período de duración, o tempo de dedicación e o ámbito xeográfico da vixilancia.

d) Resumo das actividades de pastoreo de terreos correspondentes á explotación gandeira a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2, letra g), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

d) NIF da entidade representante.

e) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día no cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

g) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

h) Inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia (REGA).

i) Censo gandeiro da explotación referido a unha data posterior á da entrada en vigor desta orde de axudas, obtido da base de datos da aplicación informática da Consellería do Medio Rural.

j) Superficie admisible declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2025.

k) Inscrición no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC), de acordo co establecido no punto 3 da disposición transitoria primeira da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, no caso de utilización de cans protectores e defensores do gando das razas mastín español, mastín do Pireneo e can de palleiro.

l) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

m) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Información básica sobre protección de datos persoais

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RGPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 11. Tramitación

1. As solicitudes remitiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. A avaliación da documentación presentada xunto coa solicitude realizaraa o Servizo de Caza e Pesca Fluvial que examinará e revisará a documentación acompañante que se especifica no artigo 7 desta orde.

2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fai así, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido nos artigos 42, 43, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda poderanse facer, ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia ou na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

4. Sen prexuízo do disposto no número 2, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

5. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá comprobar a actividade de pastoreo exercida pola persoa coidadora contratada nos terreos correspondentes á explotación gandeira para a que se solicita a subvención, mediante unha inspección de campo.

6. O Servizo de Caza e Pesca Fluvial examinará as solicitudes e a documentación presentada e emitirá un informe de valoración de todas as solicitudes en que se establecerá a orde de prelación das persoas solicitantes que elevará á Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas para que esta continúe coa súa tramitación.

7. Unha vez recibidos os informes do Servizo de Caza e Pesca Fluvial, a Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas realizará as propostas de resolución das solicitudes realizadas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a quen corresponderá ditar a resolución do procedemento de acordo co disposto na disposición final primeira desta orde.

8. A proposta de resolución, conforme os criterios contidos no artigo 4 e as dispoñibilidades orzamentarias, fará mención ás persoas solicitantes para as que se propón a concesión da subvención e a contía desta de modo individualizado, especificándose a súa avaliación segundo os criterios seguidos para efectuala. As solicitudes para as cales se propoña a súa denegación relacionaranse con indicación da súa causa.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde que se esgote o prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo de un mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, coa fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionada en Galicia.

2. A solicitude para ser persoa beneficiaria de axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras de gando en gandarías levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na alínea d), do punto 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo do requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario . No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención debe ser aceptado pola persoa beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 17. Modificación das actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar na actividade aprobada, incluído a referente ao orzamento aprobado, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, que se deberá presentar con quince (15) días hábiles de anticipación á súa realización.

Artigo 18. Substitución das persoas traballadoras

1. Suposto de extinción da relación laboral.

No suposto de extinción da relación laboral da persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, os/as beneficiarios/as poderán proceder a realizar ata un máximo de unha nova contratación dentro da anualidade 2026 nos casos de non superación do período de proba previsto no artigo 14 do Estatuto dos traballadores, de extinción do contrato polas causas previstas no artigo 49 puntos d), e), f) e m) do Estatuto dos traballadores, de despedimento por causas obxectivas recollidas no artigo 52 letras a) e b) do Estatuto dos traballadores, ou despedimento disciplinario conforme o artigo 54 do Estatuto dos traballadores.

As persoas beneficiarias incursas nos supostos excepcionais de extinción da relación laboral que procedan a realizar unha nova contratación deberán achegar na xustificación da subvención a documentación relativa á baixa anterior e alta do/da novo/a traballador/a, achegando a seguinte documentación:

– Documento de baixa na Seguridade Social do/a traballador/a e alta do novo traballador/a.

– Contrato de traballo formalizado e debidamente comunicado á Oficina de Emprego correspondente.

A nova contratación debe ser indefinida e debe cubrir o posto ata completar os meses de duración da contratación exixidos nestas bases.

2. Supostos de suspensión do contrato de traballo. No que a persoa contratada mediante esta subvención incorra nos supostos de suspensión do contrato de traballo previstos no artigo 45, letras c), d), e), f), g), h), k) n), ou o) do Estatuto dos traballadores, ou de excedencia, segundo o artigo 46 da mesma norma, a persoa beneficiaria procederá a contratar outra persoa para substituír temporalmente a persoa incursa neses supostos e sempre que a substitución se realice na anualidade 2026.

Nos supostos anteriores, os gastos da persoa en situación de suspensión de contrato e os da persoa que a substitúa poderán ser imputados na xustificación de gastos que presente a persoa beneficiaria.

Para poder acreditar a situación de suspensión do contrato ou excedencia o beneficiario deberá achegar a seguinte documentación:

– Documentación acreditativa da suspensión do contrato, segundo a circunstancia que a orixinase.

– Contrato de traballo de duración determinada por substitución da persoa traballadora formalizado e debidamente comunicado á oficina de emprego correspondente.

Artigo 19. Compatibilidade

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Xustificación do gasto

1. O pagamento da cantidade adxudicada a cada persoa física ou xurídica queda condicionado á xustificación dos gastos obxecto de subvención.

2. O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 5 de decembro de 2026. Porén, poderase conceder, por petición xustificada da persoa física ou xurídica interesada realizada antes da finalización do prazo establecido sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas que non excederá da metade do prazo inicialmente previsto.

3. Para a xustificación do investimento obxecto de axuda, a persoa física ou xurídica beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento segundo o anexo IV desta orde (código de procedemento MT809G), que inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

– Declaración de conta para a transferencia bancaria.

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

b) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia. Esta memoria axustarase ao modelo do anexo VI.

c) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, segundo o modelo do anexo V.

d) Copias das nóminas aboadas ás persoas contratadas mediante esta axuda, xustificantes bancarios do seu pagamento, recibos de liquidación de cotizacións á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e relación nominal das persoas traballadoras.

3. Conforme o previsto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá subcontratar parte ou a totalidade da actividade subvencionada. Con todo, non poderán subcontratarse as actuacións que, incrementando o custo da actividade subvencionada, non incrementen o valor engadido ao contido desta.

4. Vista a documentación presentada, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural fará, de ser o caso, proposta de pagamento da subvención concedida.

Artigo 21. Modificación nas actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar na actividade aprobada, sempre que non estea reflectida na resolución de concesión, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, logo do informe favorable do servizo correspondente. O silencio neste suposto terá a consideración de denegatorio.

Artigo 22. Pagamento

1. O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

2. Poderase solicitar o aboamento dun único pagamento anticipado (anexo III), de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da antedita lei, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da subvención.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos de carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada no caso en que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicionantes:

a) O importe do anticipo en ningún caso superará o 50 % da axuda concedida.

b) A persoa ou entidade beneficiaria deberá solicitar por escrito ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, segundo o modelo do anexo III, nun prazo de 10 días contados desde o seguinte ao de notificación da resolución de concesión da axuda, o aboamento dun único pagamento anticipado, que non poderá superar o 50 % da axuda concedida, acompañando a súa solicitude dunha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vencelladas ou dependentes. A concesión do anticipo farase mediante resolución motivada.

c) No caso das persoas ou entidades beneficiarias que solicitasen o anticipo, todas as actividades correspondentes deberán estar executadas e pagadas coa data límite establecida no artigo 20.2.

d) Exímese as persoas beneficiarias da obriga de constituír garantías, segundo o establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia.

4. O pagamento realizarase previa verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pago ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos previstos nos artigos 10 e 11 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Crédito

1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2026, no momento da resolución.

2. As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático cun importe total de cincocentos sesenta e sete mil setecentos cincuenta euros (567.750,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 06.04.541.B.770.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 24. Control das actividades subvencionadas

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderán solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático as competencias para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file