Na sesión celebrada polo Xurado Provincial o día 26.11.2025, figura o seguinte acordo:
MVMC Vacariza de Nogueira, do Candedo e Fervedoira, pertencente aos veciños de Nogueira, no concello de Chantada. Expediente Chantada/31_80/2022_134.
O día 26.9.2022 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Nogueira para que se proceda á revisión do esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achega. Na dita proposta tense en conta a sentenza firme ditada no procedemento ordinario 436/2018 polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Chantada.
Con data do 25.11.2024, o Servizo de Montes elaborou a memoria e os planos de revisión de esbozo do MVMC Vacariza de Nogueira, do Candedo e Fervedoira. Esta proposta foi aprobada polo Xurado o día 18.3.2025.
O 8.5.2025, Ramón María Cedrón Díaz presentou un recurso de reposición contra o acordo do Xurado no cal, en síntese, solicita que se exclúa do esbozo do MVMC Vacariza de Nogueira, do Candedo e Fervedoira a parcela denominada Rubiás, xa que esta é de propiedade particular.
Examinado o recurso de reposición, o Xurado, por unanimidade, acorda desestimalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.
Contra esta resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Lugo, 28 de novembro de 2025
Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Lugo
