DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Mércores, 17 de decembro de 2025 Páx. 64797

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de novembro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación dos montes chamados Chan da Gándara e outros, solicitados a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Bemil (Caldas de Reis).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 10 de outubro de 2025, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, cefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Manuel Cortes Couselo e Gonzalo Lourido González, vogais representantes dos veciños da CMVMC de Bemil, e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 25.2.2021, a CMVMC de Bemil (Caldas de Reis) presenta unha solicitude de clasificación como monte veciñal en man común das parcelas denominadas Chan da Gándara e outros.

Achega como documentación un informe técnico con planimetría, lindeiros, ficheiro dixital e informes de validación gráfica catastral.

Tamén achega a documentación histórica das parcelas solicitadas e outra documentación para demostrar a xestión recente e actual pola Comunidade de Montes.

O Servizo de Montes indica que os datos achegados pola Comunidade solicitante permiten identificar plenamente as parcelas solicitadas, catastradas a nome da CMVMC de Bemil, aínda que algunhas delas invaden parcialmente propiedades particulares. Das nove parcelas solicitadas, Chan da Gándara, Cova de Amaro Pérez, Devesa e Gándara están incluídas dentro dos terreos clasificados en 1979, segundo o esbozo elaborado, as parcelas Couto e Río Seco están parcialmente incluídas e as parcelas Gallamonde e Lavandeira están situadas fóra das zonas clasificadas. Ademais, a parcela Fontedona está clasificada a prol da Comunidade de Montes de Saiar, do mesmo concello.

Segundo. Na sesión do 14.6.2022 o Xurado acordou incoar o expediente de clasificación das parcelas Couto, Gallamonde, Lavandeira e Río Seco e non incoar expediente das parcelas Chan da Gándara, Cova de Amado Pérez, Devesa e Gándara, por estar xa clasificadas a prol da CMVMC de Bemil e da parcela Fontedona, por estar clasificada a prol da Comunidade de Montes de Saiar.

O 27.6.2022 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do RMVMC.

Con data do 3.2.2023 recíbese o informe preceptivo do Servizo de Montes, que recolle que a parcela Couto «linda por todos os seus ventos con parcelas de monte e de propietarios particulares... Está pechada por un muro de pedra consolidado en todas os súas frontes, cunha altura variable de 0,5 a 1 m de altura... A parcela está ocupada por unha masa moi mesta de eucalipto branco, con pés de piñeiro do país... ademais aparecen outros pés de carballo e acacia...». A parcela Gallamonde «está ocupada nunha parte por unha masa de carballo e por unha masa mixta de frondosas caducifolias e eucalipto... Ten un cartel de «Comunidade de Montes de Bemil. Prohibido tirar lixo e cortar árbores». A parcela Lavandeira «está ocupada por masas de piñeiro do país, acacia e carballo, pés illados de eucalipto e acacia, ademais dun castiñeiro... Ten un cartel de «Comunidade de Montes de Bemil. Prohibido tirar lixo e cortar árbores». Pola súa parte a parcela Río Seco «está ocupada por masas de piñeiro do país, acacia e carballo, pés illados de eucalipto e un castiñeiro... Ten un cartel de «Comunidade de Montes de Bemil. Prohibido tirar lixo e cortar árbores».

Terceiro. O Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis, en escrito con data do 30.6.2023, certifica que non figura inscrito ningún predio coas características descritas das parcelas Couto, Gallamonde e Lavandeira. Con data do 15.9.2023 certifica o mesmo para a parcela Río Seco.

O 16.5.2024 notifícase a apertura do trámite de audiencia á CMVMC de Bemil e ao Concello de Caldas de Reis, neste último caso tamén coa solicitude de publicación do edicto. Ao tempo, solicítase a inscrición preventiva no Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis.

O 10.6.2024 publicase no DOG o anuncio do acordo de iniciación do expediente de clasificación e ábrese o período dun mes para que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do RMVMC.

Cuarto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto deste expediente responde á seguinte descrición:

Concello: Caldas de Reis.

Parroquia: Bemil (Santa María).

– Nome do monte: Couto.

Cabida: 13.693,19 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Titulares

Norte

(parcela 1.297, polígono 61)

Sur

Rafael González Bayón (parcela 1.127, polígono 61)

Julia Miguens Martínez (parcela 1.128, polígono 61)

Julia García Suárez (parcela 1.129, polígono 61)

Clementina González Pérez (parcela 1.131, polígono 61)

Leste

Higinio Fernández Bayón (parcela 730, polígono 61)

Descoñecido/a (parcela 731, polígono 61)

Dolores Miguens Bayón (parcela 732, polígono 61)

Benigna Fariña Villademigo (parcela 733, polígono 61)

Serafín Fernández Crespo (parcela 734, polígono 61)

Marcelino Fariña San Miguel (parcela 736, polígono 61)

Andrés Fernández Bayón (parcela 738, polígono 61)

Manuel Rodríguez Cascallar (parcela 740, polígono 61)

Emilia Figueira González (parcela 741, polígono 61)

Gonzalo Ferreiros Lourido (parcela 742, polígono 61)

Descoñecido/a (parcela 743, polígono 61)

Descoñecido/a (parcela 744, polígono 61)

Descoñecido/a (parcela 745, polígono 61)

María Pilar Rodríguez Suárez (parcela 747, polígono 61)

Gonzalo Lourido Suárez (parcela 749, polígono 61)

Andrés Fernández Bayón (parcela 750, polígono 61)

Higinio Fernández Bayón (parcela 751, polígono 61)

Descoñecido/a (parcela 752, polígono 61)

Oeste

Descoñecido/a (parcela 775, polígono 61)

Descoñecido/a (parcela 776, polígono 61)

Pilar Touceda Rodríguez (parcela 777, polígono 61)

Julia García Suárez (parcela 778, polígono 61)

– Nome do monte: Gallamonde.

Cabida: 4.026,85 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Titulares

Norte

Estrada de San Clemente

Sur

Cubian (parcela 195, polígono 19)

Leste

Sendeiro do Camiño de Santiago

Oeste

Joaquín Negreiro (parcela 125, polígono 19)

Josefa Rodríguez Fojo (parcela 124, polígono 19)

Descoñecido/a (parcela 156, polígono 19)

– Nome do monte: Lavandeira.

Cabida: 10.373,13 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Titulares

Norte

(parcela 198, polígono 19)

Clavo (parcela 196, polígono 19)

Sur

Terreos de dominio público da estrada nacional N-550

Herdeiros de Satiro Castro Bargaña (parcela 199, polígono 19)

Leste

Sendeiro do Camiño de Santiago

Oeste

(parcela 198, polígono 19)

– Nome do monte: Río Seco.

Cabida: 3.810,14 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Titulares

Norte

Camiño

Sur

(parcela 1.408, polígono 61)

Leste

Comunidade de Montes de Bemil (parcela 553, polígono 61)

Oeste

Camiño

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é competente para coñecer os expedientes de clasificación (artigo 9 da LMVMC).

Segundo. De conformidade co artigo 1 desa norma, son montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. Do informe do Servizo de Montes dedúcese unha situación das parcelas compatible co aproveitamento comunal.

A existencia de documentación histórica e recente (facturas por traballos realizados, carteis con avisos na maioría das parcelas...) son tamén indicios deste carácter veciñal e da xestión por parte da CMVMC de Bemil.

Cuarto. informe preceptivo tamén recolle que as parcelas están rodeadas de muros, camiños ou valados por todos os ventos, conforme a planimetría presentada pola Comunidade de Montes e recoñece de feito erros na planimetría catastral.

As parcelas Couto e Río Seco sitúanse no perímetro do esbozo do estudo previo da clasificación do monte veciñal en man común de Bemil de 1979 e non reúne as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas actuais.

Quinto. O Concello de Caldas de Reis non presentou alegacións contrarias á clasificación, nin constan durante a tramitación do expediente alegacións de particulares que acrediten un uso privativo destas parcelas. Polo tanto, pode aceptarse que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado por parte dos veciños da parroquia de Bemil.

Polo exposto, o Xurado acorda:

Clasificar como veciñal en man común os montes Gallamonde e Lavandeira a prol dos veciños da CMVMC de Bemil (Caldas de Reis) de acordo á descrición reflectida nesta resolución e conforme a planimetría elaborada polo Servizo de Montes e non clasificar como veciñal en man común os montes Couto e Río Seco, mentres non se realice o trámite previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o mesmo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes; ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses consonte o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 27 de novembro de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común