DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Mércores, 17 de decembro de 2025 Páx. 64675

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación da modificación puntual número 13 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Valdoviño.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 13 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Valdoviño, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 2 de decembro de 2025, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2339&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2339

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2025

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 13
das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Valdoviño

O Concello de Valdoviño solicita a aprobación definitiva da modificación puntual (MP) referida, en virtude do disposto no artigo 60.16 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

1. O planeamento vixente no Concello de Valdoviño son as normas subsidiarias de planeamento (NSP) aprobadas definitivamente o 28.10.1993 (BOP do 29.11.1993) con texto refundido do 7.4.1994 (BOP normativa do 12.5.1994).

2. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico o 4.11.2020 (DOG do 19.11.2020), en que se resolve non someter a MP ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco dos procesos de consultas previas, emitiron informes a DXOTU (13.10.2020), a Axencia Galega de Infraestruturas (4.9.2020), a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (2.9.2020) e o Instituto de Estudos do Territorio (23.10.2020).

3. O arquitecto e a secretaria municipais emitiron cadanseu informe o 6.4.2021.

4. O Pleno do Concello de Valdoviño aprobou inicialmente a modificación puntual o 8.4.2021. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 30.4.2021 e La Voz de Galicia do 4.5.2021) e presentouse unha alegación.

5. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

• Dirección Xeral da Costa e o Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) do 27.7.2021, referido ao artigo 117.1 da Lei de costas.

• Dirección Xeral de Aviación Civil (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana) do 28.5.2021.

• Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) do 12.7.2021.

• Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia do 11.8.2021.

• Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia do 19.7.2021.

• Deputación Provincial da Coruña do 8.10.2021, favorable.

• Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao do 7.7.2021, favorable.

• Dirección Xeral da Costa e o Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) do 24.5.2025, referido ao artigo 117.2 da Lei de costas, favorable.

Non se recibiu o informe en materia de telecomunicacións do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, solicitado por medio da Delegación do Goberno o 24.5.2021.

6. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior) do 28.10.2021.

• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas (artigo 117.1 da Lei 22/1988, de costas), do 19.4.2021.

• Axencia Galega de Infraestruturas do 11.5.2021 e do 14.1.2022, favorables.

• Servizo de Enerxía e Minas (Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación) do 3.11.2021.

• Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Consellería do Medio Rural) do 1.12.2021.

• Augas de Galicia do 23.12.2022, favorable.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 24.1.2022, favorable condicionado, e do 28.8.2025, favorable.

• Instituto de Estudos do Territorio, en materia de paisaxe, do 19.1.2022.

• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas (artigo 117.2 da Lei 22/1988, de costas) e de adaptación ao Plan de ordenación do litoral (artigo 102 do Decreto 20/2011) do 9.2.2024.

Solicitáronse informes ás direccións xerais de Patrimonio Natural, de Desenvolvemento Rural e de Defensa do Monte, sen ser recibidos no prazo correspondente.

7. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón e San Sadurniño. Constan respostas dos concellos de Cerdido (29.10.2021) e Narón (17.1.2022).

8. O arquitecto municipal emitiu informe sobre a alegación presentada o 28.11.2023.

9. A secretaria e o arquitecto municipais emitiron informe xurídico-técnico previo á aprobación provisional o 28.11.2023.

10. O Pleno do Concello de Valdoviño aprobou provisionalmente a modificación puntual o 7.12.2023.

11. O Concello solicitou a aprobación definitiva mediante oficio do 26.5.2025 e foi requirida documentación polo Servizo de Urbanismo na Coruña o 23.9.2025.

12. A secretaria e o arquitecto municipais emitiron informe xurídico-técnico previo á segunda aprobación provisional o 21.10.2025.

13. O Pleno do Concello de Valdoviño aprobou de novo provisionalmente a MP o 28.10.2025.

14. O arquitecto municipal emitiu informe o 11.11.2015.

15. O Concello solicitou de novo a aprobación definitiva mediante oficio do 12.11.2025.

II. Obxecto e descrición da modificación:

1. A modificación ten por obxecto regular a implantación do uso de campamento de turismo.

2. Ese uso permítese nos solos clasificados como rústicos (solo non urbanizable de protección especial e solo non urbanizable común das normas subsidiarias de planeamento); núcleo rural (solo non urbanizable de núcleos rurais e solo urbano de núcleo rural das NSP); urbano consolidado de ordenanzas zona residencial extensiva. Vivenda unifamiliar e zona de uso turístico-hoteleiro, e como uso provisional en solo urbano non consolidado no que resulten de aplicación estas dúas ordenanzas. Así mesmo, permítese tamén, con carácter provisional, nos solos afectados pola actuación denominada Polígono industrial A Boeira (en estudo), delimitada no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, condicionada á obtención da autorización ou informe favorable do órgano sectorial correspondente, previo ao título habilitante municipal de natureza urbanística.

3. Non se permite o uso de campamento de turismo nos seguintes ámbitos:

a) Solos incluídos en áreas continuas de protección intermareal e costeira, así como áreas descontinuas de corredor, espazos de interese e na Rede de espazos naturais de Galicia (coincidentes coa zona 1. Área de protección e coa zona 2. Área de conservación do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia e do Plan de conservación da zona húmida protexida Lagoa e Areal de Valdoviño), definidas no modelo territorial do Plan de ordenación do litoral. Na parte destas áreas incluídas en solo urbano consolidado ou de núcleo rural non será de aplicación este réxime, por estar fóra do ámbito POL.

b) Solos incluídos na afección do centro reemisor identificado no Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal co código RTGA 15087005_Cedeira.

c) Solos incluídos na zona de afección xerada polas turbinas eólicas e as redes de condución identificadas no proxecto sectorial do Parque Novo.

d) Solos incluídos no dominio público hidráulico, a súa zona de servidume e as zonas inundables e de fluxo preferente.

e) Solos incluídos nas denominadas zona 1. Área de protección e zona 2. Área de conservación do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia e do Plan de conservación da zona húmida protexida Lagoa e Areal de Valdoviño.

f) Solos incluídos en zonas de especial protección dos valores naturais coincidentes cos incluídos nas denominadas zona 1. Área de protección e zona 2. Área de conservación do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

g) Solos rústicos clasificados como sistema xeral de espazos libres nas NSP situados ao leste da zona húmida e coincidentes coas áreas continuas de protección costeira definidas no modelo territorial do POL.

h) Solos incluídos no dominio público marítimo-terrestre.

4. A obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística para a implantación do uso de campamento turístico queda condicionada á autorización ou informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente, nos solos incluídos en:

a) Áreas continuas de mellora ambiental e paisaxística e de ordenación definidas no modelo territorial do POL, fóra das áreas incluídas en solo urbano consolidado ou solo de núcleo rural.

b) Contornos de protección e/ou nas zonas de amortecemento de bens inmobles declarados de interese cultural ou catalogados.

c) Áreas obxecto de concentración parcelaria.

d) Zonas para a protección do dominio público xeradas por vías de titularidade autonómica e provincial.

e) Zona de policía do dominio público hidráulico.

f) Servidume de voo de redes de alta e media tensión aéreas.

g) Zona 3. Área de uso xeral do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia e do Plan de conservación do espazo húmido protexido Lagoa e Areal de Valdoviño.

h) Zonas de especial protección dos valores naturais coincidentes cos incluídos na zona 3. Área de uso xeral do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

i) Hábitats prioritarios de interese comunitario e excluídos da Rede Natura 2000.

j) Solos rústicos clasificados como sistema xeral de espazos libres polas vixentes normas subsidiarias de planeamento situados ao leste da zona húmida e coincidentes coas áreas continuas de mellora ambiental e paisaxística do POL.

k) Zonas de servidume de protección e de servidume de tránsito do dominio público marítimo-terrestre.

l) Áreas obxecto de concesións mineiras.

m) Instalación militar da Batería de Montefaro e nas súas zonas de seguridade e excluídas da Rede Natura 2000.

n) Servidume aeronáutica xerada polo Aeroporto da Coruña.

III. Análise e consideracións:

1. No documento indícase que as limitacións que se presentan ao uso de campamentos turísticos en solo rústico son as xa existentes derivadas da normativa de ordenación do territorio e da lexislación sectorial; porén, esta apreciación corresponde ao órgano sectorial competente na materia concreta. En consecuencia, na MP deberá indicarse que non resultarán de aplicación as maiores limitacións que se introduzan respecto da normativa sectorial e, en todo caso, deberá establecer expresamente que a totalidade das súas determinacións, no que se refire á normativa sectorial, deberán entenderse substituídas polas disposicións normativas que poidan suceder as actualmente vixentes. Neste senso, os planos de ordenación que recolle a modificación non poderán ter máis carácter que o meramente orientativo.

2. No que se refire á implantación con carácter provisional do uso de campamento sobre solos urbanos non consolidados, deberá clarificarse se nas ordenanzas diferentes das indicadas na modificación que se propón o uso está ou non prohibido, para os efectos do artigo 89 da LSG.

3. O uso de campamento turístico non pode ser admisible en terreos destinados a sistema xeral de espazos libres, salvo con carácter provisional, polo que se deberá corrixir a determinación prevista no artigo 145.2.j) das ordenanzas reguladoras e na correspondente epígrafe da memoria, que ademais non resulta coherente co reflectido nos planos de ordenación, ao leste da lagoa da Frouxeira, sobre terreos cualificados de sistema xeral de espazos libres.

4. A previsión establecida no segundo parágrafo do artigo 151 das ordenanzas non pode resultar de aplicación no solo rústico. Así mesmo, no que se refire ao cómputo de terreos en estado natural, para o solo rústico observaranse unicamente as determinacións do artigo 39.d).7ª da LSG.

5. O réxime de obras permitidas establecido no punto segundo da disposición transitoria única das ordenanzas da MP axustarase, en todo caso, ás actuacións previstas na disposición transitoria cuarta da Lei 22/1988, do 29 de xullo, de costas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 13 das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Valdoviño, coas condicións sinaladas no punto III anterior. O Concello deberá redactar un documento refundido atendendo ás ditas condicións e este tramitarase nos termos establecidos no artigo 62 da LSG e 147 do RLSG.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polo artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e polo 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da MP aprobada definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.